O goberno de comenencia PP-AEC amodiño vaise consumindo. O PP de Santiago require restrinxir gastos pero non se aplica en Cabanas malia á situación desastrosa á que os conservadores encarreiran as arcas municipais. Se non son capaces de facer cumprir as súas promesas electorais de cursos gratuítos dificilmente van facer o que lles manden de Santiago. A convocatoria do Pleno Ordinario da Corporación do vindeiro mércores 24 de setembro, ás 19.30, inclúe solicitudes necesarias como a wimax de Vilar do Colo á Consellería de Innovación e Industria e o capricho de cambio de zona educativa para Soaserra despois do comezo do curso escolar á Consellería de Educación.
Así mesmo, tamén se inclúen na orde do día asuntos como as propostas sen consensuar de subvención á Deputación da Coruña sobre turismo e plan de cooperación.Pero non son os únicos asuntos que hai sobre da mesa porque desde o pasado 9 de setembro o Grupo municipal do BNG solicitou unha reunión de Xunta de Portavoces para tratar a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, coñecer concretamente as medidas oportunas adoptadas para a protección da legalidade na urbanización das parcelas Q e acondicionamento do río Baa en Vilar do Colo, informarse sobre a situación da praia da Madalena e a autorización dunha festa de música Techno que parou a Garda Civil por protestas veciñais (segundo nos informan asistiu a ela o alcalde e membros de protección civil), ademais de pedir a limpeza de viais e propiedades municipais por parte do Concello de Cabanas, despois de que a Deputación Provincial concedeu 2 cuadrillas de obras para este fin. A ver se non mandan aos traballadores limpar muros privados en zona VIP ou anotar en tempos de crise quen fala ben e mal do alcalde. Ademais, requiriuse información do estado do contorno do campo de fútbol da Veiga, da apertura do punto de información turística e falar das propostas de obras do POS 2009, mellora do abastecemento e saneamento e promoción turística.
Como ben se ve, as cousas que lles interesan aos veciños seguen sen ser atendidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario