24 de dec. de 2008

José Rey perdeu subvencións da Xunta para reforma da cuberta do Concello e agora PP-AEC fan arranxos de luxo

Os anos 2007 e 2008 serviron para que se instalasen o derroche en reformas innecesarias e de luxo na alcaldía e no novo despacho de Rey. O goberno local fixo cubículos innecesarios, amoblou a todo trapo, colocou cristaleiras de luxo e estreitou o acceso aos servizos da planta superior. Tamén a coalición PP-AEC optou polo derroche e instalou aire acondicionado só nunha parte do edificio. Pero isto vén de vello, fagamos memoria histórica (Esq. Foto coas reformas na alcaldía).
De todos é coñecido o apoio político que recibiu José Rey a remates de 2006 e o primeiro semestre de 2007 por parte do Partido Popular. Antes de formaren a coalición de comenencia actual, producíronse acordos entre eles. O máis evidente foi a aprobación dos orzamentos de 2007.
Pero buscando no baúl das lembranzas, investigamos máis coincidencias neses acordos ocultos entre o tránsfuga ex-socialista e o PP. Unha que chama a atención foi a instalación do alumeado de Lamelas ao cemiterio, que ao final e tal e como denunciaramos neste blog só chegara á casa da concelleira popular, (á mesma que estes días lle chegou un camión con aglomerado). Pois ben, para acometer a obra fora concedida unha subvención pola Xunta de 5000 €, ao parecer xustificada. E deuse unha fatal coincidencia. O goberno tránsfuga apoiado polo PP puntualmente perdera por non iniciar as obras unha outra subvención plurianual da Xunta destinada á "Reforma da cuberta da Casa do Concello" que ascendía a 25.000 €.

23 de dec. de 2008

Innovación e Industria achega o acceso a Internet sen fíos a Laraxe


Máis ampliado
Cabanas, 22 decembro 2008
A Consellería de Innovación e Industria vai poñer en marcha a Internet sen fios a partir do vindeiro mes de xaneiro no polígono industrial de Vilar do Colo, co servizo prestado a través da empresa R. Este servizo innovador daralles ás empresas unha alternativa viable ás deficientes comunicacións que ata o momento padecen. Segundo os datos barallados pola operadora os prezos serán asequibles e competitivos tanto para o empresario como para os particulares (por exemplo, un acceso de 2 mb roldará os 30 €/mes).
Esta iniciativa da Consellería impulsa decididamente as comunicacións e a creación de emprego a través do programa de implantación de redes sen fíos en polígonos industriais de toda Galiza.
Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, informou onte que a Consellería de Innovación e Industria preveu coa instalación do wimax no parque empresarial de Vilar do Colo a achega do servizo a zonas adxacentes ao parque empresarial.
Deste xeito os núcleos do Pereiro, da Torre e do Peón en Laraxe poderán gozar de accesos a Internet competitivos. Serán máis de cen vivendas, segundo os cálculos feitos polo BNG de Cabanas, as que se poidan beneficiar do servizo de Internet sen fíos en xaneiro de 2009.
Ademais, o BNG de Cabanas conseguiu da representante da Consellería de Innovación e Industria un compromiso de estudar a extensión das redes sen fíos ao baixo Eume.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, considera que "esta é unha boa iniciativa que vai mellorar substancialmente o acceso da xente á Internet no noso concello", "unha oportunidade que se debe aproveitar para crear emprego e abrir novas oportunidades de negocio en Cabanas, ao promover novas perspectivas de desenvolvemento económico" concluíu.

18 de dec. de 2008

PP e AEC convocan dous Plenos Extraordinarios para tratar practicamente os mesmos asuntos

A coalición PP-AEC convocou os seguintes Plenos para tratar practicamente os mesmos asuntos. A primeira convocatoria tivo lugar o pasado venres 12 de Pleno Extraordinario, a solicitude de toda a oposición, e realizarase ás 19.30 h do 26 de decembro:
1. Propostas de obras Fondo Estatal de Investimento Local
2. Proposta de obras Plan de Estruturas e Infraestruturas Municipais da Consellería do Medio Rural
3. Proposta para convenio coa Consellería do Medio Rural sobre limpeza de viais municipais e loita contraincendios

A segunda convocatoria realizouna o bipartito PP-AEC hoxe día 18 para un Pleno Extraordinario que se vai celebrar ás 9 h deste sábado 20.
1. Actas anteriores
2. Conta xeral exercicio 2007
3. Ratificación acordo da Xunta de Goberno Local (XGL) de obras POS 2009
4. Proposta XGL de obras Fondo Estatal de Investimento Local
5. Proposta XGL de obras Plan de Estruturas e Infraestruturas Municipais da Consellería do Medio Rural
6. Proposta do BNG sobre emenda á ordenanza de Axuda a Domicilio
7. Proposta GMixto para crear unha comisión extraordinaria para seguimento e control do Fondo Estatal de Investimento Público Local
8. Moción PP sobre disolución concellos gobernados por ANV

17 de dec. de 2008

PP e AEC convocaron erroneamente unha Xunta de Portavoces ao ler mal unha proposta da oposición

O pasado luns 15, PP e AEC convocaron unha Xunta de Portavoces para tratar como asunto único o Fondo de Investimento Local do Goberno Estatal (FIL). Esta reunión tivo a súa causa nunha lectura errónea dun escrito da oposición tal e como tivo que acabar recoñecendo un membro do equipo de goberno. Así, o Grupo Mixto, PSOE e IVC, en realidade solicitou no escrito aludido pola coalición gobernante unha Comisión Especial de Seguimento do FIL con outras competencias que nada teñen que ver coas dunha Xunta de Portavoces. Xa non é o primeiro erro do equipo de goberno neste tipo de reunións onde habitualmente PP e AEC interpretan á súa comenencia as opinións dos grupos da oposición e mesmo as terxiversan desde puntos de vista partidistas. Segundo nos informaron, o portavoz popular, Luis Chillón, achegouse bastante tarde á Casa do Concello.

O BNG, a través do seu portavoz Xosé Manuel Pérez Sardiña, expuxo a intención de propoñer obras para o Fondo de Investimento Local do Estado e o PEIM da Consellería de Medio Rural no Pleno solicitado por toda a oposición municipal, que "debía ser adiantado" segundo a súa opinión, e mesmo "celebrado o luns no canto da Xunta de Portavoces". Ademais, insistiu o portavoz nacionalista en que a Xunta de Portavoces non achegou ningunha transparencia ao proceso de toma de decisións e xestión dos fondos públicos tal e como se puido comprobar tamén no asunto do catastrazo. Hai quince días que o BNG tomou a iniciativa de impulsar un Pleno extraordinario para propoñer medidas concretas a prol da reactivación económica e o emprego en Cabanas.

11 de dec. de 2008

O BNG APOIA O DECRETO DO FUNDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL MAIS CONSIDERA QUE NON RESOLVE OS PROBLEMAS DE FINANCIAMENTO DOS CONCELLOS GALEGOS

A deputada do BNG critica “o esquecimento das CC.AA neste novo paquete de medidas económicas do Goberno” e pede a Solbes unha ampliación do prazo para que os concellos presenten os proxectos
Madrid, 11 decembro 08. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, expresou esta mañá no Pleno o apoio dos nacionalistas galegos ao Real Decreto-Lei polo que se crea un Fundo Estatal de Investimento Local e un Fundo Especial do Estado para a Dinamización da Economía e do Emprego, que supón un investimento de 11.000 millóns de euros.
A deputada do BNG afirmou que a creación destes dous grandes fundos de investimento supón a “plasmación dunha medida longamente reivindicada polo BNG, o incremento do investimento público para facer fronte á crise económica”. [seguir lendo na web do BNG]

10 de dec. de 2008

14.000 Parados na Comarca: O verdadeiro rostro da crise

Manuel López Foxo, responsábel comarcal do BNG
Ese é o último dato do INEM: máis de 14.000 persoas rexistradas no paro nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. O dato é preocupante, pero non é só unha cifra, é un problema humano e social. Detrás de cada muller ou de cada home que se atopa no desemprego hai unha situación persoal e familiar concreta, hai unha realidade que afecta ao benestar social e mesmo á saúde mental destas persoas. Do traballo non só obtemos recursos económicos para cubrir as nosas necesidades básicas, para alimentarnos, mercar roupa ou pagar a hipoteca. O traballo tamén nos dá dignidade, autoestima, liberdade persoal, ilusión e horizonte de futuro. Estar no paro non significa unicamente non ter traballo ou carecer de ingresos. Cada persoa que sufre esa situación vive outros riscos que teñen a ver coa estabilidade emocional, coa alegría, cos soños, cos proxectos, coa convivencia máis íntima, cos fillos, coa saúde física e mental. Mesmo dentro deste colectivo humano que sufre o paro, hai persoas con máis motivos para a desesperación que outras. [clica aquí para seguir lendo]...
Hoxe tamén a CIG trata de frear un ERE dunha empresa asentada no polígono de Vilar do Colo, Eshor, que doou ao redor de 15.000 euros para o Rally de Terra 2007. A empresa pretende despedir case a metade do cadro de persoal.

9 de dec. de 2008

O BNG aposta porque as propostas municipais para investir 700.000 euros se ditaminen no Pleno

O BNG impulsou a solicitude dun Pleno Extraordinario para tratar as propostas de obras de competencia municipal para o Fondo estatal de investimento local, as propostas de actuación para o PEIM 2009 da Consellería de Medio Rural e propostas de actuación para solicitar a colaboración da Consellería de Medio Rural. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez Sardiña, explicou que esta iniciativa "vai sumar transparencia e axilidade ao proceso".
Os Grupos Municipais do BNG e Mixto (PSOE e IVC) consideran que debe ser o Pleno da Corporación municipal quen formule esas propostas de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deses plans para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos, desenvolver obras e actuacións para apoiar os nosos sectores económicos básicos e estender e ampliar a rede de servizos sociais, como mellor arma de cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

5 de dec. de 2008

O BNG presenta unha emenda á ordenanza de axuda a domicilio

O BNG presentou o xoves 27 de novembro unha moción para que a alcaldía iniciase o procedemento de modificación da ordenanza fiscal reguladora do servizo de Axuda a Domicilio. A día de hoxe non tivo contestación formal e descoñécese se o PP-AEC van tomar medidas ao respecto.
Esta iniciativa foi presentada polos nacionalistas posto que no Concello de Cabanas pódense dar problemas na aplicación dunha das prestacións que recolle a Lei de Dependencia: a Axuda no Fogar.
Mentres a Vicepresidencia da Xunta de Galiza transfire recursos ás arcas municipais para financiala, os/as beneficiarios/as dunha situación de dependencia acoden ás oficinas municipais a solicitar as horas de axuda no fogar que se lles recoñece e o Concello está obrigado a ofrecelas, pero o/a beneficiario/a asumirá unha parte do seu custo mediante as fórmulas do copagamento. Cada concello cobra aos/ás beneficiarios/as de dependencia segundo a ordenanza fiscal que ten aprobada pola Corporación municipal. Mais isto representa un problema, a ordenanza fiscal do Concello de Cabanas pode imposibilitar a aplicación práctica da axuda no fogar, ao ter que pagar o/a beneficiario/a unha contía excesiva. Aqueles/as dependentes que teñan unha renda mensual superior (unha vez e media ao IPREM) pagarían 8,47 euros á hora. Se son grandes dependentes e tivesen recoñecidas 80 horas de axuda no fogar, deberían pagar 677,60 euros mensuais. En consecuencia, a ordenanza fiscal municipal impide o acceso a un dereito que se financia dende a Vicepresidencia da Xunta.
As modificacións na ordenanza non só deben afectar aos tramos de copagamento, senón tamén á figura que regula a capacidade económica do/a beneficiario/a: debe ser a capacidade económica persoal da persoa dependente e non a capacidade familiar, segundo estabelece a Lei 39/2006, de Dependencia.

2 de dec. de 2008

Se tes unha idea para realizar en Cabanas, o BNG pódea presentar no Concello

A Cabanas correspóndenlle 579.106 euros do Fondo estatal de investimento local para contratos que teñan por obxecto obras de competencia municipal. Se nos comentas a túa proposta podemos presentala para que a inclúa o Concello nese Plan Estatal.
Para que teñas unha orientación, inclúense en particular as seguintes obras:
1. Adecuación, rehabilitación ou mellora de contornos ou espazos públicos urbanos, así como de promoción industrial.
2. Equipamientos e infraestructuras de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento, iluminación e telecomunicacións.
3. Construción, adecuación, rehabilitación ou mellora de edificios e equipamentos sociais, sanitarios, funerarios, educativos, culturais e deportivos.
4. Dirixidas á protección do ambiente e a prevención da contaminación, obras de xestión de
residuos urbanos, así como as orientadas a impulsar o aforro e a eficiencia enerxética.
5. De supresión de barreiras arquitectónicas.
6. De conservación do patrimonio municipal e protección e conservación do patrimonio histórico do municipio.
7. De construción, adecuación, rehabilitación ou mellora da rede de abastecemento de auga potable a domicilio e tratamento de augas residuais.
8. Dirixidas a promover a mobilidade sostible urbana e as encamiñadas a mellorar a seguridade vial.
9. De prevención de incendios.
10. Destinadas á promoción do turismo.
Os datos: Cabanas, 3.272 hab., 579.106 €.

1 de dec. de 2008

A coalición PP-AEC mete Cabanas nun calexón sen saída

A evasiva de PP e AEC de que se a Xunta axuda o Concello baixa o IBI non é máis que outra trampullada dunha coalición de goberno metida a fondo na frega política no canto de no traballo a prol dos veciños e veciñas. Xa é evidente a incapacidade de quen goberna para levar adiante a Casa do Concello. De feito, esgotouse o prazo para baixar a contribución de 2009 desde o Pleno, e só se solucionaría parcialmente a cuestión se se para a revisión catastral en curso. Daquela, non se esgotaron os recursos sociais para facerlle fronte a semellante atropelo colectivo.
Foi ben exemplar a semana pasada, para comprender como o PP e o seu socio son capaces de manipular ata o extremo de facer propostas irrealizables para saír do paso. Así, dedícanse a distraer con leadas propias dun colexio de pequerrechiños nun panfleto que exemplifica á perfección en que perden o tempo no canto de gobernar axeitadamente a prol dos intereses xerais. A coalición de goberno informa rematadamente ao revés, como fixo a semana pasada. Vexamos sinxelamente.
O BNG propuxo con suficiente antelación incluír no Pleno ordinario do mércores sendos puntos para o debate da proposta nacionalista e o debate da proposta dos veciños. Ao alcalde incomodouno esta iniciativa e acabou convocando o Pleno extraordinario 13 horas despois da celebración do ordinario que acabaría suspendido.
No Pleno do mércores, as protestas veciñais provocaron que a alcaldía suspendese o Pleno por 10 minutos e logo abandonase a sala por máis de media hora para chamar a Garda Civil, que se negou a actuar armada posto que alí non se producira ningún feito que requirise a identificación de ningunha persoa. Este feito, sumado á negativa do PP-AEC a debater nun punto da orde do día o escrito asinado por máis de 600 veciños e mais a moción da oposición, coa desculpa falsa de que se ía tratar no Pleno do día seguinte, provocou as protestas da oposición e do BNG. A seguir, o alcalde non fixo outra cousa que suspender o que xa estaba suspendido polo seu abandono da sala.
No Pleno do xoves desenmascarouse por fin a treta da coalición PP-AEC, ao sinalar acertadamente o secretario da Corporación que non se podía incluír ningún punto novo na orde do día do Pleno extraordinario solicitado polos concelleiros do BNG. Polo tanto, o prometido pola coalición o día anterior esvaecíase coma o fume: non podía haber puntos específicos para tratar o escrito dos veciños nin da moción da oposición.
Así, quedou en mans do Grupo Municipal do BNG aceptar ou non as propostas veciñais. Mentres a presidencia do Pleno trataba en van de excluír da votación a moción da oposición, o BNG, a través do seu portavoz, aceptou as propostas veciñais e mais da oposición, incorporounas á moción nacionalista e conseguiu a votación conxunta. Resultado: a favor BNG, PSOE e IVC, en contra PP e AEC.
A coalición de comenencia recoñeceu a súa implicación directa nas subas da contribución e votou en contra das propostas de todo un pobo.