26 de nov. de 2010

A crise no PP enchoupa o goberno do Concello

Cabanas.- Cos orzamentos por elaborar e a poucos meses das eleccións municipais, precisamente neste momento abandona o goberno o número dous de Germán Castrillón e pear na reorganización do PP nas pasadas eleccións municipais. O momento parece precipitarse na mestura de cuestións laborais con outras de índole claramente política, posto que o edil dimisionario anunciou no Pleno que Germán Castrillón non conta co dimisionario para a vindeira candidatura municipal do PP.
As razóns aducidas polo alcalde, como a falta de tempo do tenente de alcalde e membro da Xunta de Goberno Local, eran de aplicación tal e como constata o BNG xa en 2009 con faltas reiteradas ás sesións dese órgano mentres que  pola contra no presente 2010 foron reducíndose notablemente. Ademais, o edil saínte levaba unha delegación dun grande peso e responsabilidade mentres o entrante apenas asumirá a metade de Medioambiente, que  comparte coa AEC.
O BNG ve improvisación e apuros na crise de goberno que en nada benefician a Cabanas xa que desequilibra o reparto de funcións e acentúa unha organización do goberno descompensada e que acumula arredor da alcaldía unha macrodelegación de Facenda, Urbanismo, Persoal e Ordenación do Tráfico á que se lle debe sumar as funcións habituais do rexedor.
Calquera pode percibir que non encaixa o discurso triunfalista  do alcalde cos cambios que describe nas delegacións, raia o ridículo e representa a manipulación informativa máis soez para esconder  debaixo da alfombra as tensións internas do PP de na elaboración da candidatura.  Para o BNG, a falta de equipo de goberno evidénciase cando o edil entrante apenas asumirá a metade da delegación de Medioambiente.
Para o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, a confianza no equipo e nas persoas demóstrase "na importancia e peso das delegacións e, deste xeito, hai que constatar a soidade do rexedor que xa nin conta cos seus" e subordina "o goberno de Cabanas ás loitas intestinas do PP".

21 de nov. de 2010

O PXOM consolida os pelotazos das vivendas dos concelleiros populares

Cabanas.- O pasado mes de outubro, tal e como anunciou o BNG neste blog, estivo a exposición na páxina web da Xunta o documento de inicio do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os atrasos acumulados na tramitación que causou a coalición PP-AEC, coa correspondente sucesión de erros e despropósitos, traslada a súa aprobación definitiva á vindeira lexislatura, facendo do Plan unha vez máis obxecto de promesa electoral e de reparto de favores.
O voceiro municipal do BNG recolleu en Compostela unha copia completa do documento de inicio do PXOM, que por motivos técnicos non puido ser colgado integramente na web do Goberno galego. Alí lle manifestaron ao representante dos veciños que foi o único  que se achegara e aproveitou para facer suxestións encamiñadas a facilitar a consulta do planeamento que estea a exposición pública.
As principais cacicadas que saltan co primeiro vistazo
O documento de inicio do Plan Xeral modifica substancialmente o contorno da praia e a ribeira do mar, eliminando as proteccións previstas nas Normas Subsidiarias de 1988 e ten outras cuestións relevantes que iremos debullando en sucesivas entradas para que a cidadanía coñeza e valore as canfurnadas da coalición gobernante. A primeira cuestión que analizamos é coñecida e céntrase nas cacicadas expostas neste blog que afectaron directamente aos concelleiros populares ben no final da pasada lexislatura para que se aprobase o orzamento da vergoña entre o PP e tránsfugas (colocación de iluminación pública) ou nesta (saneamento para os montes e mais o criticado aglomerado á casa do Sr. Chillón).
Documento de Inicio 2010
Porto-Laraxe


Recualificacións rechamantes
Os terreos onde moran os concelleiros populares están todos situados en chan rústico ou forestal, pero non lles falta ningún servizo básico local -saneamento, acceso rodado, recollida de lixo e iluminación pública-. Os servizos básicos municipais débense garantir nas zonas cualificadas como urbanas nas vixentes Normas Subsidiarias Municipais. Aínda así, houbo queixas veciñais avaladas polo BNG que demostrou a existencia de vivendas en zona urbana que carecen dalgún dos servizos e a día de hoxe inda non foron cubertos.
NN.SS. mod. 1989
Porto-Laraxe
Na imaxe superior, extraída da delimitación dos núcleos na memoria do documento de Inicio segundo a Lei 25/2010, comprobamos nos círculos vermellos a creación do núcelo pantasma dos Chaos -recentemente dotado de saneamento por proposta do goberno local-, abaixo á esquerda a expansión do antigo núcleo de Val -un vial de servizo ós montes aglomerado vía orzamento- ou  a supresión de solo urbano á dereita malia a ter todos os servizos. Se o confrontamos coa imaxe en escala de grises das NN.SS os cambios fanse palpables.
Os representantes populares, non perden o tempo, saen directamente beneficiados coa nova previsión e coas obras pagadas polos impostos de todos nos últimos anos. Malia a construíren as súas vivendas nas últimas décadas do século pasado en chan rústico ou forestal e non figuraren en ningún núcleo oficial do Instituto Nacional de Estatística  ou da Xunta de Galicia estes privilexiados accederán a todos os beneficios da zona urbana.
Isto polo que respecta ós concelleiros de Porto e Laraxe, pero a concelleira de Cabanas non queda atrás:
Documento de Inicio 2010
Cabanas

NN.SS. 1989
Cabanas

Que máis se pode conseguir no concello? Pois autorebaixarse o IBI para pasar mellor a crise.

20 de nov. de 2010

A coalición PP-AEC evita o debate sobre o canon dixital e o ensino público

Cabanas.- A convocatoria do Pleno ordinario bimensual para o vindeiro mércores 24 de novembro ás 19.30 h ten  os seguintes asuntos:
1. Actas anteriores (29.9; 26.10 e 29.10)
2. Elección xuíz de paz substituto
3. Mocións sobre a violencia de xénero
4. Mocións sobre a sanidade pública
5. Mocións sobre mantemento do noitebús
6. Resolucións da alcaldía
7. Rogos e preguntas
Dúas mocións presentadas polo BNG en tempo e forma non foron incluídas para o PP fuxir do debate sobre garantir os investimentos no ensino público ou sobre o canon dixital. O alcalde popular tampouco deu ningunha explicación desta ausencia ao Grupo municipal do BNG, o que se converteu en habitual nesta lexislatura.

18 de nov. de 2010

O BNG denuncia partidismo na xestión da Escola Infantil

Cabanas.-  A xestión do Punto de Atención á Infancia está a sacar á luz o uso patrimonialista e o nepotismo do PP en Cabanas. Deste xeito, sen que se coñeza publicamente a empresa adxudicataria de xeito provisorio, o PP saca unha nota de prensa na súa web anunciando, antes ca o propio Concello, a apertura do prazo de inscrición e a adxudicación do contrato sen especificar datos fundamentais como a contía de adxudicación, o número de prazas ofertadas e a referencia a datos oficiais que deberían ser de libre acceso para calquera veciño/a ben na web oficial do Concello ben nalgún Boletín oficial.
Co anuncio na web do PP parece como se os populares tivesen repartidas as prazas previamente  entre os seus acólitos e adiantan, a xeito de comedia, a información para favorecer aos membros dun partido que antes criticaba as galescolas pero agora, sen arroibarse, consuma un descarnado uso do Concello e da infancia con fins electoralistas e ideolóxicos. Para o BNG trátase dunha provocación máis e dun erro grave que demostra a incapacidade do PP de gobernar  para todos. O alcalde, Germán Castrillón, e o seu partido fano todo por e para si e evidencian que "non saben ser goberno" ao difundir adiantadamente entre os seus a información sobre o PAI ou, antes, retirando a placa do alcalde Álvaro Puentes da entrada do centro sen explicación convincente.
O BNG fai pública a súa máis enérxica protesta perante estes feitos e agarda que a veciñanza saiba valorar as actitudes dun PP nervioso e desesperado que trata de gañar con propaganda, uns meses antes das eleccións, o que non deu feito en toda a lexislatura: cumprir as súas promesas.

Anotación na web do PP:


El Punto de Atención a la Infancia del Ayuntamiento de Cabanas ultima los detalles para su puesta en funcionamiento. Así, una vez contratado el servicio que se encargará de llevar la gestión del centro, se abrió ya el plazo para que las personas interesadas en obtener una plaza en el mismo, puedan presentar sus solicitudes. El plazo acabará el día 7 de diciembre y los interesados podrán recoger los modelos de inscripción en las oficinas del Registro General del ayuntamiento en días laborables, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

El Punto de Atención a la Infancia es un servicio destinado a ayudar a la convivencia de la vida familiar y laboral y está orientado a niños y niñas con edades comprendidas entre los 0 y 3 años. El centro ofertará la posibilidad de un servicio completo o bien por turnos, de mañana o de tarde así como la posibilidad de acceder por horas sueltas, para de esta forma adaptarse de la mejor forma posible a las necesidades de los padres y madres. Para recoger más información acerca de este nuevo servicio, pueden dirigirse a los Servicios Sociales del Ayuntamiento de Cabanas o bien llamar al 981 49 59 59.
 

16 de nov. de 2010

Chega o saneamento á sede do PP

Cabanas.- O goberno local rematou a obra de saneamento para a sede do Partido Popular en tempo récord, unha semana. O servizo municipal chegou á sede do PP de Cabanas, que neste tempo mudou a faixa do presidente da Xunta, Sr. Feijoo pola faixa de España. Parece que os problemas económicos polos que pasa a facenda local despois de catro anos de goberno de coalición obrigaron a solicitar subvención á Deputación para facer esta mini-obra de apenas 8000 €, uns escasos metros que tiveron unha longa tramitación desde a súa cuestionada aprobación hai un ano
O 25 de novembro de 2009, a coalición PP-AEC propuxera sen consultar cos grupos políticos da oposición nin cos veciños esta mini-ampliación da rede saneamento en Laraxe. O alcalde do PP e José Rey pecharon os oídos unha vez máis ante as demandas veciñais máis necesarias e ante as queixas da oposición.
O Grupo Municipal do BNG evidenciou como a proposta de obra beneficiaba directa e exclusivamente a sede popular e mirando para outro lado o rexedor e os tres concelleiros do PP votaron a favor.

Asemblea informativa
Os impostos da Xunta para 2011 relacionados co ciclo da auga van ter unha atención especial o vindeiro xoves a partir das 19.30 h no local do Peón, en Laraxe posto que o BNG ten previsto unha asemblea informativa prá veciñanza sobre o incremento abusivo do canon de vertido e de abastecemento que impuxo o Sr. Feijoo.

13 de nov. de 2010

PP e AEC restauraron un emblema falanxista co FEIL estatal de 2009

Cabanas.- En setembro, o BNG denunciou a retirada da placa adicada en 1983 ao alcalde republicano Álvaro Puentes do Punto de Atención á Infancia (PAI). Esta placa permanecía en paradoiro descoñecido ata que o BNG reclamou a súa recuperación e reposición no centro localizado nas Viñas. O acondicionamento do edificio municipal foi certificado a fins de 2009 polo rexedor local do PP co fin de xustificar a subvención do FEIL do goberno central, dándolle así o visto e prace á retirada da placa.
Malia ó anuncio propagandístico do alcalde, dous meses despois  o motivo conmemorativo segue sen lucir no centro educativo que continúa pechado, posto que a licitación do servizo por 62.120 € vai amodiño co fin de evitar gastos neste remate de 2010 que incrementen a insuficiencia de diñeiro para soster servizos básicos. Consonte a isto, a apertura prometida polo alcalde para novembro estase a atrasar aínda máis. Así,  o Grupo Municipal constatou  que, na última modificación de créditos que está a exposición pública no Concello, a coalición de PP-AEC reduce a partida para a xestión do PAI de 18.000 € de gasto por tres meses de servizo a tan só 7.000€ (apenas un mes), defraudando as expectativas creadas polo goberno local en setembro.

Fonte da Pena, 2010
O xugo e as frechas falanxistas conservadas
No mesmo programa de subvencións estatais levouse a cabo a restauración de varias fontes municipais  por 39.107,08 €, entre as que se atopaba a fonte da Pena de Irís.
Esta fonte presenta o emblema de Falange Española de las JONS no frontispicio de cemento feito en 1958. Visible, no pé central, apenas se conserva un anaco de pedra da vella fonte que se atopaba uns metros máis arriba.
Para o BNG debía ser labor da Corporación cumprir a Lei da Memoria Histórica, mais o goberno de Cabanas fai todo do revés. O portavoz municipal demandou a retirada dos símbolos preconstitucionais desta fonte antes que se xustificasen as obras do FEIL de 2009, pero o goberno pasou por alto a proposta evidenciando o fondo político da coalición PP-AEC. Neste sentido, a proposta de Xosé Manuel Sardiña mereceulle á coalición PP-AEC a mesma atención que lle deu o señor José Rey hai máis de dez anos a unha moción do BNG presentada por Anxos García para retirar o frontispicio.
Para o voceiro do BNG, débese censurar o ideario que zuma unha actuación que no mesmo programa  de subvencións "lle deu explendor ao emblema falanxista á vez que silenciou a retirada dunha placa en honra ao único alcalde democrático de Cabanas asasinado no século XX". 

6 de nov. de 2010

PP e AEC duplican o déficit do servizo de recollida e tratamento do lixo

Segundo os datos achegados polo portavoz municipal, o déficit duplicaría o existente en 2001 e roldaría os 100.000 euros anuais

Cabanas.- En xullo de 2001, o Pleno do Concello aprobaba a adxudicación da recollida de lixo á UTE de Inima Servicios Europeos de Medio Ambiente S.A. e Danigal S.A por 83.298,17 € durante oito anos, prorrogable por dous e actualizable segundo o IPC. Este acordo fora adoptado por sete votos de PSOE e BNG e catro en contra de PP e IVC e levou como consecuencia o establecemento dunha taxa moderada para a recollida de lixo nese mesmo ano. Así mesmo, este acordo representaba a redución dun 94% do déficit do servizo que se incrementara ata os 52.000 euros pola incorporación en novembro de 2000 a Sogama.
A taxa de lixo, estable durante a última década, tivo unha actualización promovida polo BNG, e secundada polo PSOE, para atender as situacións económicas persoais e familiares dificultosas, realmente tratouse da única bonificación xeneralista da última década posto que as medidas contra a crise económica da actual coalición  de PP-AEC escasamente afectan ao 1% do total da poboación municipal.

As manobras da coalición PP-AEC

Os desexos de cambio de empresa de recollida por parte dos actuais gobernantes fixéronse notar xa no comezo de lexislatura, cando o alcalde bloqueou o pagamento de 64.795,13 € durante oito meses á anterior concesionaria, dende agosto de 2007 ata marzo de 2008, e mais de 1.021,87 € polo aluguer dun colector durante catro meses, dende decembro de 2008 a marzo de 2008. A seguir,  o PP promoveu os cambios de concesionario na recollida selectiva e mais na recollida de trastes. A tirapuxa entre a alcaldía e a anterior empresa tivo graves consecuencias na calidade do servizo, o argumento necesario que empregou o PP para encarecer un 33,35% máis a recollida e duplicar o déficit do servizo.
  
Os gastos
Coas actualizacións anuais do IPC, o servizo de recollida representaba en decembro de 2009 105.141,84 €/ano, apenas un 26,22% máis ca hai oito anos. Mentres, o servizo de tratamento contratado con Sogama (impulsada polo PP na Xunta) incrementou exponencialmente a súa factura dos 28,7 €/Tn ata os 54,67 €/Tn , un 90% máis en 2009 posto que se achega aos 90.000 €/ano.
Por unha banda, os incrementos nos custos directos do lixo ao longo da última década agrávaas o PP coa contratación do actual concesionario de recollida, desde a Xunta de Goberno Local -actualmente recorrido nos xulgados por Celta Prix ou con dúbidas relacionadas co descarte de melloras. A cifra da concesión ascende a 140.207,5 €/ano durante dez anos, prorrogable por dous períodos bianuais e actualizable segundo o IPC, o que representa unha suba do 33,35% sobre o prezo da concesión en 2009.


Os ingresos 

Da outra banda, a recadación pola taxa de recollida de lixo en 2009 achégase aos 145.666,63 €, apenas 24487,56 € máis ca en 2001 -un 20% máis-.
Neste senso, o alcalde cando acometeu as subas do IBI comprometérase cos veciños a non incrementar esta taxa. Mais a súa actuación lévao pola dirección contraria, así, segundo apuntan fontes do BNG, evitará o incremento do imposto con mensaxes enganosas para das eleccións municipais previstas para o 22 de maio próximo. Pero a suba da taxa será irreversible nun breve prazo ao acadar a maioría suficiente.

Chegan as estreituras económicas 
A última modificación de créditos deixou en evidencia a insuficiencia de recursos para afrontar o pagamento do servizo ata final do presente ano, así o constatou o informe de secretaría. Non obstante, PP e AEC desatenderon as advertencias do informe xurídico que demandaba a atención de servizos básicos.  A resposta a renglón seguido foi aprobar que en 2011 Cabanas recorrerá á axuda para gastos correntes municipais do Plan e Obras e Servizos da Deputación. Esta axuda provincial é excepcional, destinada a municipios en apuros tal e como manifestou o portavoz do PP. Deste xeito, de cara ao ano que vén  o Concello consignou 45.500 € para sufragar os gastos do lixo e mais da iluminación pública e evitar a suba do imposto.
Segundo Xosé Manuel Sardiña, "estamos ante o máis alto déficit na historia do servizo  froito da xestión do PP e a AEC, alguén debería dar explicacións do acontecido e das consecuencias para a facenda local".

3 de nov. de 2010

Dispárase o paro un 14% máis respecto ao mes anterior


O número de persoas en situación de desemprego chega a 215,  o maior incremento dos últimos cinco anos para o mes de outubro
CABANAS.- As actividades continuístas realizadas polo Concello de Cabanas no último mes parecen máis encamiñadas a resolver os problemas particulares dos actuais gobernantes e non teñen incidencia ningunha sobre o paro local que se dispara por riba da media comarcal e nacional. Así segue a aumentar exponencialmente o número de persoas desempregadas de setembro a outubro un 14% en Cabanas, que se se compara co dato de agosto acada un incremento do 27% 26% só nos últimos dous meses. O total de persoas desempregadas volve rachar o teito dos últimos cinco anos para o mes de outubro, constata o BNG. A perda de empregos consolídase no 41% desque chegou José Rey á alcaldía de xeito accidental e logo foi sucedido por Germán Castrillón.
O BNG reitera as críticas contra a coalición de goberno local por manter "unha compracencia total sobre o futuro de Cabanas, sen atender as necesidades máis inmediatas". Por exemplo, o BNG constatou e denunciou que a coalición PP-AEC perdeu ano tras ano contiosas subvencións do Ministerio de Industria ou doutros organismos e non priorizou os investimentos necesarios para superar a crise, mesmo realizou investimentos inverosímiles e sen utilidade "con actividades que non repercuten en nada na economía local".