30 de dec. de 2010

A corta salvaxe do piñeiral, a nova máis lida polos internautas de bngcabanas no 2010

Cabanas.- Segundo os datos achegados por Google Analitics, este blog despedirá o 2010 cun novo récord de visitas, vistas de páxinas, usuarios únicos e tempo de lectura. A nosa humilde edición local acadou nos últimos doce meses 8.500 visualizacións de páxinas que partiron de 4.700 visitantes, mil máis ca no ano anterior. Asemade, os lectores duplicaron o tempo de estadía no blog ata superar amplamente os 2'10''.
AS NOVAS MÁIS VISITADAS NO 2010
Entre as novas máis visitadas atópanse as relacionadas coa corta salvaxe do piñeiral e a proposta de actuación do BNG, o centenario do mitin de San Marco, as anotacións sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a crise de final de lexislatura no PP, sobre da N-651 ou a retirada da placa do alcalde republicano Álvaro Puentes.
Tamén outras informacións como o recorte de dereitos cívicos na institución municipal, o paro, o amiguismo no urbanismo ou a xestión improvisada recibiron ampla atención dos internautas.

VISITADAS DE TRES CONTINENTES
Os vinte e oito países de orixe:

1.
Spain





2.
United States





3.
Brazil





4.
Ireland





5.
Russia





6.
Mexico





7.
United Kingdom





8.
Honduras





9.
Canada





10.
Portugal





11.
(not set)





12.
Italy





13.
Malaysia





14.
Macau





15.
Hungary





16.
Poland





17.
Chile





18.
Argentina





19.
Colombia





20.
France





21.
Taiwan





22.
Greece





23.
Czech Republic





24.
Ecuador





25.
Armenia





26.
Denmark





27.
Malta





28.
Germany





29.
Panama




















































































































































































18 de dec. de 2010

O noso patrimonio cultural

Texto achegado a través de CONTACTA
Como pontesa que son, visito e disfruto con frecuencia do concello de Cabanas. Porén, no seu día, co gallo das obras que se fixeron para entrar na AP-9 dende a ponte romana, desapareceu o teixo da farmacia, que para nada afectaba as devanditas obras. Esta árbore, non só é fermosa e maxestuosa, tamén é única e escasa, sagrada para os nosos devanceiros celtas. Agora, no centro do Areal, da mesma parroquia, tócalle ao cruceiro que existía na encrucillada entre a estrada a Ferrol e o campo onde non hai moitos anos se celebraba unha feira de gando. Non sei a quen pode molestar o cruceiro para non ser restituido no seu sitio e só atopar unha zona asfaltada e baleira. Non son os concellos ou a Dirección Xeral de Patrimonio os que deben preservar os símbolos da nosa Cultura propia?
Ana María Fernández Dopico, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña)

14 de dec. de 2010

O BNG reclama máis investimentos para políticas sociais

Cabanas.- O Grupo Municipal do BNG de Cabanas presentou unha moción para reclamar que a Xunta de Galiza non recorte as partidas adicadas a políticas sociais no próximo orzamento do ano 2011. Ademais reclamamos desde o BNG un incremento nestas partidas para política social no orzamento do concello para o próximo ano como xa o fixemos no deste ano 2010. Neste sentido, o orzamento municipal segue estancado á espera de que o goberno local se poña de acordo.
O texto íntegro da proposta presentada:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011 recortan drasticamente os recursos destinados ás políticas sociais e, nomeadamente, ás transferencias que en materia social realiza a administración galega aos concellos.
Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP na Xunta de Galiza, por medio dos orzamentos, vén conxelar para 2011 as partidas dedicadas a estas persoas, como son as prestacións sociais de carácter periódico destinadas a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, como a renda de integración social de Galiza (RISGA); as Axudas de Emerxencia Social; o Servizo de Asistencia no Fogar e as destinadas ao financiamento dos Plan Concertado e de Servizos Sociais Comunitarios.
Ademais o goberno do PP na Xunta, reduce até deixar en 1,7 millóns de euros a transferencia ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que este ano dispoñía de 4,1 millóns, eliminando así preto de 2,5 millóns de euros o que afecta fundamentalmente a centros de día e outros equipamentos sociais.
Afectan estes graves recortes sociais tamén aos fondos destinados para o desenvolvemento do segundo Plan Galego de Inclusión Social. Só dedica 150.000 euros para atender as persoas sen fogar e deixa en pouco máis de 400.000 euros os fondos destinados aos concellos para o Plan de Atención á Comunidade Xitana.
Resulta tamén grave o feito de eliminar os fondos destinados aos concellos para programas de apoio as familias, onde desaparecen preto de 1,2 millóns de euros e tamén se eliminan os fondos destinados aos equipos de inclusión social das cidades de Galiza e o Consorcio das Mariñas, onde desaparecen, así mesmo, preto de 1,2 millóns de euros.
A Xunta de Galiza e o Parlamento galego deben resolver que os orzamentos para 2011 aseguren os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que esta demanda, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos, e en concreto:
-  Incrementar nunha porcentaxe mínima do 50% as partidas destinadas ás rendas de integración social (RISGA),ás axudas de emerxencia social e ao Servizo de Asistencia no Fogar.
-  Dedicar, como mínimo, ao Plan Concertado e ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios, as cantidades consignadas nos orzamentos de 2009 (20 millóns de euros e 10 millóns de euros, respectivamente).
- Dedicar unha partida mínima de 5 millóns de euros ao desenvolvemento do segundo Plan Galego de Inserción Social a través das oficinas de I+B, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
-  Dedicar, como mínimo, 1 millón de euros á execución do Plan Especial de Atención a Comunidade Xitana.
- Dedicar unha partida mínima de 500.000 euros ao Programa de Atención a Persoas sen Fogar.
- Restabelecer e incrementar nunha porcentaxe como mínimo do 20%, respecto ao consignado nos orzamentos de 2010, os fondos destinados aos concellos para apoio ás familias e aos convenios para os equipos de inclusión social das sete cidades e do Consorcio das Mariñas.
E, finalmente, os concellos galegos deben, consecuentemente, comprometerse a manter e respectar sen recorte algún, de cara aos orzamentos de 2011, os investimentos en servizos sociais previstos nos orzamentos de 2009 ou 2010, segundo o último orzamento aprobado.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.- Instar á Xunta de Galiza e ao Parlamento galego a que, os orzamentos para 2011, aseguren os recursos necesarios para que os concellos poidan ofrecer á sociedade os servizos e prestacións sociais que esta demanda e necesita, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos. Concretamente, os recursos destinados ás rendas de integración social, axudas de emerxencia social, servizo de axuda no fogar, plan concertado e programa de servizos sociais; desenvolvemento do plan galego de inserción social, atención a comunidade xitana, a persoas sen fogar, apoio ás familias e aos equipos de inclusión social.
3.-  Instar ao goberno local a que incremente os investimentos en servizos sociais previstos no último orzamento aprobado.

12 de dec. de 2010

Castrillón defrauda unha vez máis coa xestión do Punto de Atención á Infancia

La Opinión, 21 de setembro de 2010
Cabanas.- O Punto de Atención á Infancia (PAI) segue a acumular incumprimentos por parte do goberno local. Despois de o PP comprometerse a abrilo para o curso no setembro pasado resulta que os compromisos volven fallar. Xa rematou o prazo extraordinario de matrícula o 7 de decembro e o PAI segue pechado, todo parece apuntar a un novo atraso.
A pesar de que todos os centros da zona están en funcionamento e cos procesos de matrícula rematados, a demanda en Cabanas superou a oferta. Tal e como apuntara o BNG nas súas críticas á insuficiente previsión do goberno local, nun momento de baixa demanda e difusión accidentada rexistráronse un total de 24 solicitudes de praza que deberan seguir o proceso de admisión establecido polo regulamento do centro.
A pesar das falsas promesas de Germán Castrillón, que agoiraban o pasado 21 de setembro a apertura ao longo do mes de novembro, chegados a mediados de decembro confírmase a escaseza de recursos económicos no final de 2010 para facer fronte á apertura do centro e a consigna oculta de atrasar a apertura. A comparanza coa xestión, tamén longa, da privatización do servizo de atención á dependencia non resiste unha mínima análise:

Dependencia
PAI
Convocatoria
(BOP 17 AGO)
Adxudicación provisional
-Non consta-
Adxudicación definitiva
-Non consta-

Perfil do contratante, www.cabanas.es
Opacidade na contratación
Despois de vinte cinco días da convocatoria extraordinaria de matrícula, non hai ningunha ligazón na web municipal que concrete a empresa gañadora do concurso. Este trámite considérao o BNG básico para garantir a transparencia posto que a Comisión de Avaliación ten que velar polo cumprimento do proceso de ingreso e mais avaliar as solicitudes sumando á representación municipal un representante da empresa xestora. O alcalde debe aclarar que impide publicar a adxudicación e se a Comisión regulamentaria está ao completo para decidir sobre as solicitudes de matrícula, porque en caso contrario se estaría desenvolvendo un proceso de selección irregular.

Copia-pega da web do PP
Buscador Google
Despois de recibir as críticas do BNG, o anuncio de apertura do prazo de inscrición ó novo centro infantil que fixo o PP na súa web o 17 de novembro foi incorporado cun tradutor automático castelán>galego o 19 de novembro á web municipal. Precisamente, nesta última data rexistrouse a primeira solicitude de praza.
Para o BNG resulta absurdo polemizar ante tantas evidencias cun partido metido na carreira das urnas que, esgotados os recursos económicos municipais para 2010, inda ten por aprobar os orzamentos de 2011 e se adica ó copia-pega da web do PP á web municipal con absoluto descaro.

11 de dec. de 2010

PP e AEC formigonan carreiros e remendan camiños

Reparación insuficienten no Salto, decembro
Proposto para amañar en 2005(*)
Cabanas.- O BNG debe poñer en coñecemento da sociedade a falta de respecto ás propostas realizadas para que o concello actúe con urxencia sobre a proliferanción escandalosa de fochancas nos camiños de tránsito e mais no amaño de viais nos núcleos, co conseguinte incremento da inseguridade vial e dos danos a vehículos.
Despois de que o BNG puxera de manifesto o máis absoluto abandono e falta de atención por este servizo básico, o concello respondeu co formigonado de carreiros e coa última reparación de fochancas, realizada en días de chuvia, cun remendo insuficiente que non chegou a todos os viais que requirían actuación urxente.

Carreiro formigonado no mes de novembro
 
 
A preguntas no último pleno realizadas polo voceiro municipal, o alcalde contestou que non comezaban as actuacións  pendentes pola chuvia. Agora, unha vez máis, o BNG ten que criticar as prioridades erráticas do bipartito PP-AEC que formigona ou aglomera carreiros estreitos ou bota aglomerado en camiños forestais (*) á vez que abandona viais principais  ou dos núcleos durante anos.
 
As propostas e denuncias do BNG quedaron manifestadas neste blog en xa reiteradas ocasións (1, 2, 3, etc.) sen que ata hoxe haxa solución satisfactoria.


4 de dec. de 2010

Castrillón bloquea as melloras á humanización da N-651

Cinco meses despois, o rexedor do PP non lle enviou á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o acordo plenario pola humanización da estrada estatal

Cabanas.- Mentres o Pleno aprobou o 23 de xuño de 2010, co único voto disonante do PP, as melloras para a humanización da N-651,  a realidade é que o acordo inda non chegou á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Nestes últimos meses o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, consultou o rexistro de saída e puido comprobar como non se achegara dende a presidencia do Pleno o acordo que recollía as propostas de mellora da Comisión Veciñal da N-651 e a emenda presentada polo BNG. Unha iniciativa moderna e punteira no uso das novas tecnoloxías (con case 3000 visitas) que achega claridade, centra o debate nos asuntos globais e combate  claramente o caciquismo municipal que bloquea e paraliza as propostas veciñais que non lle conveñen ao PP. Malia a esta situación os veciños e o BNG xa están a achegar as propostas á Demarcación e agardan completar a documentación cun certificado do Pleno que será solicitado de inmediato.
Co fin de corroborar o bloqueo das propostas, no Pleno ordinario de novembro pasado o BNG, a través do seu portavoz Xosé Manuel Sardiña, preguntoulle ao alcalde os motivos polos que inda non lle remitira á Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia o acordo pola humanización. O alcalde do PP xustificouse unha vez máis con evasivas pouco convincentes que confirmaron a falta de respecto ós acordos plenarios e descubriron a reacción de mal perdedor do ex-piloto de rallys.

Oportunismo do rexedor
Asemade, o BNG tivo coñecemento a través de varias fontes de que o alcalde popular se quere atribuír agora un mérito que non lle corresponde nas melloras do pintado da N-651 impulsados por veciños e BNG.  Todo o mundo puido comprobar como o rexedor ignorou demandas concretas sobre a conservación de aparcamentos, dos accesos ós viais municipais, a  defensa da seguridade dos peóns e dos cambios de dirección e só se preocupou dunha serie de xiros que incluían só determinados accesos de particulares.


Aposta do BNG
Dende o BNG considérase un grande avance o traballo social en positivo que se realizou para a mellora na humanización da N-651. Neste sentido, para o BNG vai ser un modelo participativo a seguir que se estenderá ó día a día local. Así mesmo hai novidades en canto ó pintado dos accesos a vivendas e viais municipais que proveñen doutras actuacións do Ministerio de Fomento en Galicia das que se lles dará información ós veciños a través dun boletín informativo extraordinario que xa está no prelo.


Novas relacionadas 
O BNG apoia as melloras para a humanización da N-651
O BNG prevé unha mellora cualitativa co novo pintado da N-651
O BNG informa sobre o proxecto da N-651 O BNG de Cabanas critica que o alcalde trate de asegurar no entorno da súa empresa o 50% do futuro aparcamento no Areal
Convocado o Pleno Ordinario para o 26 de maioO BNG exixe que o PP saque do caixón as reclamacións veciñais da N-651Xosé Manuel Sardiña aposta porque se mellore o pintado da Estatal 651O BNG reclama tratar urxentemente o pintado da N-651 
O alcalde do PP limita o acceso ao proxecto de seguridade vial para a N-651 O BNG reclama o proxecto da N-651 e critica o caciquismo do PP 
O BNG demanda información sobre o proxecto de humanización da N-651

26 de nov. de 2010

A crise no PP enchoupa o goberno do Concello

Cabanas.- Cos orzamentos por elaborar e a poucos meses das eleccións municipais, precisamente neste momento abandona o goberno o número dous de Germán Castrillón e pear na reorganización do PP nas pasadas eleccións municipais. O momento parece precipitarse na mestura de cuestións laborais con outras de índole claramente política, posto que o edil dimisionario anunciou no Pleno que Germán Castrillón non conta co dimisionario para a vindeira candidatura municipal do PP.
As razóns aducidas polo alcalde, como a falta de tempo do tenente de alcalde e membro da Xunta de Goberno Local, eran de aplicación tal e como constata o BNG xa en 2009 con faltas reiteradas ás sesións dese órgano mentres que  pola contra no presente 2010 foron reducíndose notablemente. Ademais, o edil saínte levaba unha delegación dun grande peso e responsabilidade mentres o entrante apenas asumirá a metade de Medioambiente, que  comparte coa AEC.
O BNG ve improvisación e apuros na crise de goberno que en nada benefician a Cabanas xa que desequilibra o reparto de funcións e acentúa unha organización do goberno descompensada e que acumula arredor da alcaldía unha macrodelegación de Facenda, Urbanismo, Persoal e Ordenación do Tráfico á que se lle debe sumar as funcións habituais do rexedor.
Calquera pode percibir que non encaixa o discurso triunfalista  do alcalde cos cambios que describe nas delegacións, raia o ridículo e representa a manipulación informativa máis soez para esconder  debaixo da alfombra as tensións internas do PP de na elaboración da candidatura.  Para o BNG, a falta de equipo de goberno evidénciase cando o edil entrante apenas asumirá a metade da delegación de Medioambiente.
Para o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, a confianza no equipo e nas persoas demóstrase "na importancia e peso das delegacións e, deste xeito, hai que constatar a soidade do rexedor que xa nin conta cos seus" e subordina "o goberno de Cabanas ás loitas intestinas do PP".

21 de nov. de 2010

O PXOM consolida os pelotazos das vivendas dos concelleiros populares

Cabanas.- O pasado mes de outubro, tal e como anunciou o BNG neste blog, estivo a exposición na páxina web da Xunta o documento de inicio do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os atrasos acumulados na tramitación que causou a coalición PP-AEC, coa correspondente sucesión de erros e despropósitos, traslada a súa aprobación definitiva á vindeira lexislatura, facendo do Plan unha vez máis obxecto de promesa electoral e de reparto de favores.
O voceiro municipal do BNG recolleu en Compostela unha copia completa do documento de inicio do PXOM, que por motivos técnicos non puido ser colgado integramente na web do Goberno galego. Alí lle manifestaron ao representante dos veciños que foi o único  que se achegara e aproveitou para facer suxestións encamiñadas a facilitar a consulta do planeamento que estea a exposición pública.
As principais cacicadas que saltan co primeiro vistazo
O documento de inicio do Plan Xeral modifica substancialmente o contorno da praia e a ribeira do mar, eliminando as proteccións previstas nas Normas Subsidiarias de 1988 e ten outras cuestións relevantes que iremos debullando en sucesivas entradas para que a cidadanía coñeza e valore as canfurnadas da coalición gobernante. A primeira cuestión que analizamos é coñecida e céntrase nas cacicadas expostas neste blog que afectaron directamente aos concelleiros populares ben no final da pasada lexislatura para que se aprobase o orzamento da vergoña entre o PP e tránsfugas (colocación de iluminación pública) ou nesta (saneamento para os montes e mais o criticado aglomerado á casa do Sr. Chillón).
Documento de Inicio 2010
Porto-Laraxe


Recualificacións rechamantes
Os terreos onde moran os concelleiros populares están todos situados en chan rústico ou forestal, pero non lles falta ningún servizo básico local -saneamento, acceso rodado, recollida de lixo e iluminación pública-. Os servizos básicos municipais débense garantir nas zonas cualificadas como urbanas nas vixentes Normas Subsidiarias Municipais. Aínda así, houbo queixas veciñais avaladas polo BNG que demostrou a existencia de vivendas en zona urbana que carecen dalgún dos servizos e a día de hoxe inda non foron cubertos.
NN.SS. mod. 1989
Porto-Laraxe
Na imaxe superior, extraída da delimitación dos núcleos na memoria do documento de Inicio segundo a Lei 25/2010, comprobamos nos círculos vermellos a creación do núcelo pantasma dos Chaos -recentemente dotado de saneamento por proposta do goberno local-, abaixo á esquerda a expansión do antigo núcleo de Val -un vial de servizo ós montes aglomerado vía orzamento- ou  a supresión de solo urbano á dereita malia a ter todos os servizos. Se o confrontamos coa imaxe en escala de grises das NN.SS os cambios fanse palpables.
Os representantes populares, non perden o tempo, saen directamente beneficiados coa nova previsión e coas obras pagadas polos impostos de todos nos últimos anos. Malia a construíren as súas vivendas nas últimas décadas do século pasado en chan rústico ou forestal e non figuraren en ningún núcleo oficial do Instituto Nacional de Estatística  ou da Xunta de Galicia estes privilexiados accederán a todos os beneficios da zona urbana.
Isto polo que respecta ós concelleiros de Porto e Laraxe, pero a concelleira de Cabanas non queda atrás:
Documento de Inicio 2010
Cabanas

NN.SS. 1989
Cabanas

Que máis se pode conseguir no concello? Pois autorebaixarse o IBI para pasar mellor a crise.

20 de nov. de 2010

A coalición PP-AEC evita o debate sobre o canon dixital e o ensino público

Cabanas.- A convocatoria do Pleno ordinario bimensual para o vindeiro mércores 24 de novembro ás 19.30 h ten  os seguintes asuntos:
1. Actas anteriores (29.9; 26.10 e 29.10)
2. Elección xuíz de paz substituto
3. Mocións sobre a violencia de xénero
4. Mocións sobre a sanidade pública
5. Mocións sobre mantemento do noitebús
6. Resolucións da alcaldía
7. Rogos e preguntas
Dúas mocións presentadas polo BNG en tempo e forma non foron incluídas para o PP fuxir do debate sobre garantir os investimentos no ensino público ou sobre o canon dixital. O alcalde popular tampouco deu ningunha explicación desta ausencia ao Grupo municipal do BNG, o que se converteu en habitual nesta lexislatura.

18 de nov. de 2010

O BNG denuncia partidismo na xestión da Escola Infantil

Cabanas.-  A xestión do Punto de Atención á Infancia está a sacar á luz o uso patrimonialista e o nepotismo do PP en Cabanas. Deste xeito, sen que se coñeza publicamente a empresa adxudicataria de xeito provisorio, o PP saca unha nota de prensa na súa web anunciando, antes ca o propio Concello, a apertura do prazo de inscrición e a adxudicación do contrato sen especificar datos fundamentais como a contía de adxudicación, o número de prazas ofertadas e a referencia a datos oficiais que deberían ser de libre acceso para calquera veciño/a ben na web oficial do Concello ben nalgún Boletín oficial.
Co anuncio na web do PP parece como se os populares tivesen repartidas as prazas previamente  entre os seus acólitos e adiantan, a xeito de comedia, a información para favorecer aos membros dun partido que antes criticaba as galescolas pero agora, sen arroibarse, consuma un descarnado uso do Concello e da infancia con fins electoralistas e ideolóxicos. Para o BNG trátase dunha provocación máis e dun erro grave que demostra a incapacidade do PP de gobernar  para todos. O alcalde, Germán Castrillón, e o seu partido fano todo por e para si e evidencian que "non saben ser goberno" ao difundir adiantadamente entre os seus a información sobre o PAI ou, antes, retirando a placa do alcalde Álvaro Puentes da entrada do centro sen explicación convincente.
O BNG fai pública a súa máis enérxica protesta perante estes feitos e agarda que a veciñanza saiba valorar as actitudes dun PP nervioso e desesperado que trata de gañar con propaganda, uns meses antes das eleccións, o que non deu feito en toda a lexislatura: cumprir as súas promesas.

Anotación na web do PP:


El Punto de Atención a la Infancia del Ayuntamiento de Cabanas ultima los detalles para su puesta en funcionamiento. Así, una vez contratado el servicio que se encargará de llevar la gestión del centro, se abrió ya el plazo para que las personas interesadas en obtener una plaza en el mismo, puedan presentar sus solicitudes. El plazo acabará el día 7 de diciembre y los interesados podrán recoger los modelos de inscripción en las oficinas del Registro General del ayuntamiento en días laborables, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

El Punto de Atención a la Infancia es un servicio destinado a ayudar a la convivencia de la vida familiar y laboral y está orientado a niños y niñas con edades comprendidas entre los 0 y 3 años. El centro ofertará la posibilidad de un servicio completo o bien por turnos, de mañana o de tarde así como la posibilidad de acceder por horas sueltas, para de esta forma adaptarse de la mejor forma posible a las necesidades de los padres y madres. Para recoger más información acerca de este nuevo servicio, pueden dirigirse a los Servicios Sociales del Ayuntamiento de Cabanas o bien llamar al 981 49 59 59.
 

16 de nov. de 2010

Chega o saneamento á sede do PP

Cabanas.- O goberno local rematou a obra de saneamento para a sede do Partido Popular en tempo récord, unha semana. O servizo municipal chegou á sede do PP de Cabanas, que neste tempo mudou a faixa do presidente da Xunta, Sr. Feijoo pola faixa de España. Parece que os problemas económicos polos que pasa a facenda local despois de catro anos de goberno de coalición obrigaron a solicitar subvención á Deputación para facer esta mini-obra de apenas 8000 €, uns escasos metros que tiveron unha longa tramitación desde a súa cuestionada aprobación hai un ano
O 25 de novembro de 2009, a coalición PP-AEC propuxera sen consultar cos grupos políticos da oposición nin cos veciños esta mini-ampliación da rede saneamento en Laraxe. O alcalde do PP e José Rey pecharon os oídos unha vez máis ante as demandas veciñais máis necesarias e ante as queixas da oposición.
O Grupo Municipal do BNG evidenciou como a proposta de obra beneficiaba directa e exclusivamente a sede popular e mirando para outro lado o rexedor e os tres concelleiros do PP votaron a favor.

Asemblea informativa
Os impostos da Xunta para 2011 relacionados co ciclo da auga van ter unha atención especial o vindeiro xoves a partir das 19.30 h no local do Peón, en Laraxe posto que o BNG ten previsto unha asemblea informativa prá veciñanza sobre o incremento abusivo do canon de vertido e de abastecemento que impuxo o Sr. Feijoo.

13 de nov. de 2010

PP e AEC restauraron un emblema falanxista co FEIL estatal de 2009

Cabanas.- En setembro, o BNG denunciou a retirada da placa adicada en 1983 ao alcalde republicano Álvaro Puentes do Punto de Atención á Infancia (PAI). Esta placa permanecía en paradoiro descoñecido ata que o BNG reclamou a súa recuperación e reposición no centro localizado nas Viñas. O acondicionamento do edificio municipal foi certificado a fins de 2009 polo rexedor local do PP co fin de xustificar a subvención do FEIL do goberno central, dándolle así o visto e prace á retirada da placa.
Malia ó anuncio propagandístico do alcalde, dous meses despois  o motivo conmemorativo segue sen lucir no centro educativo que continúa pechado, posto que a licitación do servizo por 62.120 € vai amodiño co fin de evitar gastos neste remate de 2010 que incrementen a insuficiencia de diñeiro para soster servizos básicos. Consonte a isto, a apertura prometida polo alcalde para novembro estase a atrasar aínda máis. Así,  o Grupo Municipal constatou  que, na última modificación de créditos que está a exposición pública no Concello, a coalición de PP-AEC reduce a partida para a xestión do PAI de 18.000 € de gasto por tres meses de servizo a tan só 7.000€ (apenas un mes), defraudando as expectativas creadas polo goberno local en setembro.

Fonte da Pena, 2010
O xugo e as frechas falanxistas conservadas
No mesmo programa de subvencións estatais levouse a cabo a restauración de varias fontes municipais  por 39.107,08 €, entre as que se atopaba a fonte da Pena de Irís.
Esta fonte presenta o emblema de Falange Española de las JONS no frontispicio de cemento feito en 1958. Visible, no pé central, apenas se conserva un anaco de pedra da vella fonte que se atopaba uns metros máis arriba.
Para o BNG debía ser labor da Corporación cumprir a Lei da Memoria Histórica, mais o goberno de Cabanas fai todo do revés. O portavoz municipal demandou a retirada dos símbolos preconstitucionais desta fonte antes que se xustificasen as obras do FEIL de 2009, pero o goberno pasou por alto a proposta evidenciando o fondo político da coalición PP-AEC. Neste sentido, a proposta de Xosé Manuel Sardiña mereceulle á coalición PP-AEC a mesma atención que lle deu o señor José Rey hai máis de dez anos a unha moción do BNG presentada por Anxos García para retirar o frontispicio.
Para o voceiro do BNG, débese censurar o ideario que zuma unha actuación que no mesmo programa  de subvencións "lle deu explendor ao emblema falanxista á vez que silenciou a retirada dunha placa en honra ao único alcalde democrático de Cabanas asasinado no século XX". 

6 de nov. de 2010

PP e AEC duplican o déficit do servizo de recollida e tratamento do lixo

Segundo os datos achegados polo portavoz municipal, o déficit duplicaría o existente en 2001 e roldaría os 100.000 euros anuais

Cabanas.- En xullo de 2001, o Pleno do Concello aprobaba a adxudicación da recollida de lixo á UTE de Inima Servicios Europeos de Medio Ambiente S.A. e Danigal S.A por 83.298,17 € durante oito anos, prorrogable por dous e actualizable segundo o IPC. Este acordo fora adoptado por sete votos de PSOE e BNG e catro en contra de PP e IVC e levou como consecuencia o establecemento dunha taxa moderada para a recollida de lixo nese mesmo ano. Así mesmo, este acordo representaba a redución dun 94% do déficit do servizo que se incrementara ata os 52.000 euros pola incorporación en novembro de 2000 a Sogama.
A taxa de lixo, estable durante a última década, tivo unha actualización promovida polo BNG, e secundada polo PSOE, para atender as situacións económicas persoais e familiares dificultosas, realmente tratouse da única bonificación xeneralista da última década posto que as medidas contra a crise económica da actual coalición  de PP-AEC escasamente afectan ao 1% do total da poboación municipal.

As manobras da coalición PP-AEC

Os desexos de cambio de empresa de recollida por parte dos actuais gobernantes fixéronse notar xa no comezo de lexislatura, cando o alcalde bloqueou o pagamento de 64.795,13 € durante oito meses á anterior concesionaria, dende agosto de 2007 ata marzo de 2008, e mais de 1.021,87 € polo aluguer dun colector durante catro meses, dende decembro de 2008 a marzo de 2008. A seguir,  o PP promoveu os cambios de concesionario na recollida selectiva e mais na recollida de trastes. A tirapuxa entre a alcaldía e a anterior empresa tivo graves consecuencias na calidade do servizo, o argumento necesario que empregou o PP para encarecer un 33,35% máis a recollida e duplicar o déficit do servizo.
  
Os gastos
Coas actualizacións anuais do IPC, o servizo de recollida representaba en decembro de 2009 105.141,84 €/ano, apenas un 26,22% máis ca hai oito anos. Mentres, o servizo de tratamento contratado con Sogama (impulsada polo PP na Xunta) incrementou exponencialmente a súa factura dos 28,7 €/Tn ata os 54,67 €/Tn , un 90% máis en 2009 posto que se achega aos 90.000 €/ano.
Por unha banda, os incrementos nos custos directos do lixo ao longo da última década agrávaas o PP coa contratación do actual concesionario de recollida, desde a Xunta de Goberno Local -actualmente recorrido nos xulgados por Celta Prix ou con dúbidas relacionadas co descarte de melloras. A cifra da concesión ascende a 140.207,5 €/ano durante dez anos, prorrogable por dous períodos bianuais e actualizable segundo o IPC, o que representa unha suba do 33,35% sobre o prezo da concesión en 2009.


Os ingresos 

Da outra banda, a recadación pola taxa de recollida de lixo en 2009 achégase aos 145.666,63 €, apenas 24487,56 € máis ca en 2001 -un 20% máis-.
Neste senso, o alcalde cando acometeu as subas do IBI comprometérase cos veciños a non incrementar esta taxa. Mais a súa actuación lévao pola dirección contraria, así, segundo apuntan fontes do BNG, evitará o incremento do imposto con mensaxes enganosas para das eleccións municipais previstas para o 22 de maio próximo. Pero a suba da taxa será irreversible nun breve prazo ao acadar a maioría suficiente.

Chegan as estreituras económicas 
A última modificación de créditos deixou en evidencia a insuficiencia de recursos para afrontar o pagamento do servizo ata final do presente ano, así o constatou o informe de secretaría. Non obstante, PP e AEC desatenderon as advertencias do informe xurídico que demandaba a atención de servizos básicos.  A resposta a renglón seguido foi aprobar que en 2011 Cabanas recorrerá á axuda para gastos correntes municipais do Plan e Obras e Servizos da Deputación. Esta axuda provincial é excepcional, destinada a municipios en apuros tal e como manifestou o portavoz do PP. Deste xeito, de cara ao ano que vén  o Concello consignou 45.500 € para sufragar os gastos do lixo e mais da iluminación pública e evitar a suba do imposto.
Segundo Xosé Manuel Sardiña, "estamos ante o máis alto déficit na historia do servizo  froito da xestión do PP e a AEC, alguén debería dar explicacións do acontecido e das consecuencias para a facenda local".

3 de nov. de 2010

Dispárase o paro un 14% máis respecto ao mes anterior


O número de persoas en situación de desemprego chega a 215,  o maior incremento dos últimos cinco anos para o mes de outubro
CABANAS.- As actividades continuístas realizadas polo Concello de Cabanas no último mes parecen máis encamiñadas a resolver os problemas particulares dos actuais gobernantes e non teñen incidencia ningunha sobre o paro local que se dispara por riba da media comarcal e nacional. Así segue a aumentar exponencialmente o número de persoas desempregadas de setembro a outubro un 14% en Cabanas, que se se compara co dato de agosto acada un incremento do 27% 26% só nos últimos dous meses. O total de persoas desempregadas volve rachar o teito dos últimos cinco anos para o mes de outubro, constata o BNG. A perda de empregos consolídase no 41% desque chegou José Rey á alcaldía de xeito accidental e logo foi sucedido por Germán Castrillón.
O BNG reitera as críticas contra a coalición de goberno local por manter "unha compracencia total sobre o futuro de Cabanas, sen atender as necesidades máis inmediatas". Por exemplo, o BNG constatou e denunciou que a coalición PP-AEC perdeu ano tras ano contiosas subvencións do Ministerio de Industria ou doutros organismos e non priorizou os investimentos necesarios para superar a crise, mesmo realizou investimentos inverosímiles e sen utilidade "con actividades que non repercuten en nada na economía local".

29 de out. de 2010

Novo Pleno extraordinario hoxe ás 19.30 h

Cabanas.- A coalición de goberno PP-AEC convocou á Corporación ao segundo Pleno nesta semana  para tratar os seguintes asuntos:
  1. Modificación regulamento de axuda no fogar
  2. Expediente de modificación de créditos 5/2010
  3. Proposta obaras POS 2011
Polo que respecta á modificación do regulamento da axuda no fogar trátase da emenda, e xa vai a terceira neste ano, dun artigo que non se adaptaba á normativa autonómica de servizos sociais. Mentres que o expediente de modificación de créditos trata de mudar de destino de 151.737,70 € sen ter en conta a insuficiencia  económica para atender as obrigas derivadas da recollida e tratamento do lixo, a execución parcial da sentenza sobre o servizo de abastecemento e mais a actualización das tarifas e liquidacións posteriores e mais a execución das sentenzas dos edificios do Penso con proxectos técnicos redactados por un importe de 639.864,71 (1º edifcio) e 644.207,97 (2º edificio).

26 de out. de 2010

Cabanas adhírese á Plataforma contra do Decreto do Carbón

Cabanas.- A moción presentada polo BNG para demandar un cambio do Decreto do Carbón e o apoio á mobilización do pasado domingo saíu adiante no Pleno Ordinario celebrado hoxe ás 19.30 h. Despois dun intenso debate a práctica totalidade dos corporativos aprobaron a adhesión á Plataforma contra o Decreto do Carbón. A moción do BNG suscitou a práctica uninimidade e consenso da Corporación e incorporou achegas dos outros grupos municipais co fin de non excluír a ninguén. Apenas o PSOE quedou descolgado coa abstención da súa única representante no Pleno.
Hai uns meses a Corporación de Cabanas aprobaba outra moción cos apoios de PP e AEC, que  máis afanados en lavar a cara das incoherencias do PP en Madrid e na Xunta ca outra cousa, apeou do acordo os grupos da opoisición ao excluír as engádegas do BNG.

Últimas novas no Congreso: Zapatero evidencia a Jorquera que non vai modificar o Decreto do Carbón e defende as axudas exclusivas ao "carbón nacional"

25 de out. de 2010

Pleno extraordinario o 26 de outubro

Cabanas.- O Grupo Municipal do BNG solicitou a semana pasada un Pleno extraordinario para reclamar a mudanza do decreto do carbón e mais para apoiar a manifestación do pasado domingo 24 de outubro ás 12 na Praza de España de Ferrol convocada pola PLATAFORMA CONTRA DO DECRETO DO CARBÓN. Malia a isto, o alcalde do PP de Cabanas, Germán Castrillón, convocou o Pleno para o 26 de outubro, mañá martes, ás 19.30 h.

20 de out. de 2010

POLO DEREITO A TRABALLAR NA NOSA TERRA

Cabanas.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou hoxe unha solicitude de Pleno extraordinario para reclamar a mudanza do decreto e mais para apoiar a manifestación do vindeiro domingo 24 de outubro ás 12 na Praza de España de Ferrol convocada pola PLATAFORMA CONTRA DO DECRETO DO CARBÓN

FRONTE AO DECRETO DO CARBÓN: SOLUCIÓNS

• Porque o Decreto responde claramente a decisións políticas que limitan a nosa capacidade de producir.

• Porque non hai razóns técnicas, económicas nin ambientais que xustifiquen a discriminación coas centrais das Pontes e Meirama

• Porque estamos a falar da drástica redución de milleiros de postos de traballo -máis de 3000- nun sector estratéxico para o presente e o futuro da comarca.

• Porque non podemos asumir un novo proceso de agresión á economía galega -que vén a unirse ao feito no seu día co sector naval- nunha comarca con elevadísimos índices de paro e de emigración.

Proposta de acordo:
1.- O Pleno do Concello de Cabanas acorda manifestar a súa adesión á Plataforma contra do Decreto do Carbón, asumindo os seus obxectivos, nomeadamente:

a) Solicitude de entrevista co Ministro de Industria.

b) Proposta de modificación do Decreto do Carbón:
O cupo asignado politicamente ao carbón español (estímase un 9 % da producción eléctrica anual), deberá ser repartido entre todas as tecnoloxías do sector eléctrico en proporción directa a súa contribución. É dicir, non só incidirá no carbón importado e tamén en menor medida, nos ciclos combinados de gas, senón que tamén afectará ao resto de tecnoloxías: hidráulica, nuclear, renovábeis, coxeración, etc.

2.- O noso concello manifesta o seu apoio á mobilización cidadá convocada para o vindeiro domingo dia 24, baixo o lema “POLO DEREITO A PRODUCIR, POLO DEREITO A TRABALLAR NA NOSA TERRA” comprometéndose á maior difusión da convocatoria ( bandos, anuncios....) e facilitando o transporte das veciñas e veciños que desexen asistir.

Asdo. Grupo Municipal do BNG de Cabanas