30 de xuño de 2008

Violencia e disturbios tras a vitoria da selección española

A desputada carreira para recuperar as cores franquistas entre PP e PSOE -e non era só tic do Bono- remata como non pode ser doutra maneira nunha espiral de violencia que nada lle envexa á kale borroka despois de petardear un autobús, ferir persoas, provocar lumes, esbandallar contedores e outro mobiliario urbano en nome da "roja" ou da "española". Menos mal que a Eurocopa é cada catro anos... As referencias informativas: Madrí, Granada, Catalunya1 (El País para darlle o toque periférico...), Catalunya2, etc...
Talvez sexa boa lección de unidade ao redor da bandeira tal e como alardean os "mornos" hóspedes do patriotismo monclovita que hai un tempo esgazábanse tod@s contra incidentes ridículos e moi minoritarios, e non menos inxustificables, antes dos partidos de Galiza. Pero están moi lonxe do seu obxectivo cando o partido que está tratando de rabuñar máis bandeiras cae ao pé do seu bico. Esta politización evidente amola a festa porque sempre a provocan os mesmos -antesdonte Franco, agora...
Fóra destes detalles, hai que darlle os parabéns ao equipo de deportistas que gañou esta Eurocopa, sen esquecernos da reivindicación de que @s galeg@s poidamos xogar na selección galega algún día, por dereito propio, nestas competicións internacionais.

29 de xuño de 2008

O Eume e a incompetencia política

A morte de reos e outras especies no Eume convertérono nun espectáculo bochornoso os políticos de sempre. Os que tardan semanas en aparecer e que noutros momentos marchaban de caza ou miraban para outro lado diante de catástrofes ambientais froito da ma ou da desidia do home. Sinxelamente impresentables os "paseítos" ordenados pola Consellería de Medio Ambiente ou as "fotitos mangueriles" dos representantes do PP polas Fragas do Eume porque nada novo achegan a un desastre ecolóxico equiparable ao do río Xallas. Neste caso non poden escusarse en que foi de improviso, que ninguén sabía nada...
Chegados a estas alturas, despois de semanas, meses e máis dun ano as explicacións reais locen pola súa ausencia e converteuse o desastre ecolóxico nun teatrillo mediático recentemente aderezado coa chegada dos enterradores de diferente tipo. Tamén hai soados silencios...
Para quen lle poida interesar aquí vai poñendo o voceiro municipal do BNG de Cabanas as escenas mediáticas da crónica dunha morte anunciada.

25 de xuño de 2008

A coalición PP-AEC desatende o rural

Seguimos coas queixas veciñais. Nas últimas semanas, cada vez é maior o clamor veciñal contra a inacción da coalición de comenencia PP-AEC. Onde non deixa o concello un camiño a medio facer ten as beiras das pistas ocupadas pola brouzada. Iso si, botan piche nas fochancas agraciadas porque "logo" asfaltarán sobre os remendos... Outras fochancas xa padecen o maior esquecemento dende que hai dous anos o líder da Agrupación de Electores, José Rey, e mais o Partido Popular se empoleiraron no manexo dos fondos públicos. Ben, e tamén nos pediron que destapáramos a colocación de farolas para o raposo no medio do monte... Cantas obras hai para o "raposo" con esta coalición de comenencia...
En fin, Obras e Servizos en estado puro. Esta área segue na tónica habitual, facer que se fai sen facer nada.
Ademais, hoxe apareceu unha noticia tremenda no Diario de Ferrol. Nada máis e nada menos que o alcalde recoñece que leva OITO meses sen atender o andazo de procesionaria do piñeiral da Madalena. Estivo agardando por cartos de Costas, ao parecer, sen atender a seca masiva de piñeiros. O dano que crearon por desleixo Pepe Rey e Germán Castrillón no piñeiral agora ímolo pagar cos nosos impostos. Vaia notición! E a area da praia sen limpar e a selección dos socorristas no sono dos xustos...
Estamos nas épocas da peor crise, segundo se laia dende hai meses o PP, pero os soldos de disparate dos concelleiros populares e socios de viaxe ben que se ocuparon de actualizalos este ano para non perder blanca, incluída a empresa dos 27.300 €.

O BNG propón no Parlamento de Galiza a gratuidade das peaxes de Cabanas e a construción dunha saída en Andrade

Pica aquí para veres a nova na TVG.
O pasado luns, o BNG presentou en rolda de prensa unha iniciativa política para demandar a gratuidade da peaxe en Cabanas, tanto no polígono de Vilar do Colo como nas Salinas, e mais a construción dun novo acceso á autoestrada en Andrade. Esta iniciativa, presentada por Fernando Blanco e mais Mª do Carme da Silva, achega a única solución factible ao colapso permanente de tráfico que soporta a N-651.
O Grupo Municipal do BNG xa presentou no mes de abril unha moción sobre a gratuidade da peaxe que propuxo incluír no Pleno Extraordinario da Corporación de 19 de maio. Conseguiu daquela a unanimidade de tódolos grupos políticos.



Ver mapa máis grande

22 de xuño de 2008

Un vertedoiro na traseira da nave municipal de Vilar do Colo

Por se non fosen suficientes as deficiencias no areal, o concello montou un vertedoiro na traseira da nave municipal en Vilar do Colo. Tres contedores rodeados de lixo, sen ningún tipo de protección ou medidas de seguridade dan exemplo da falta de limpeza da parcela municipal que non ten autorización de ningún tipo para facer acopio de escombrada nese lugar, preto o río Baa.
Cando hai problemas para manter en debidas condicións o selado do vertedoiro de Punxeiro, a capacidade de lixado municipal desborda tódalas previsións creando un novo punto de vertedura municipal...


A praia sen servizos básicos grazas á coalición PP-AEC

Un goberno local que improvisa
Xa expuxo o Grupo municipal do BNG hai xa dous meses as necesidades do piñeiral da Madalena nunha moción. Pero, aínda hoxe, non se limpou a area da praia pola incompetencia total da coalición de goberno PP-AEC.
Por se non fose pouco, a cuchipanda de polbo do outro día non deixou reflexionar á numerosa representación do PP na comida campestre da Asociación de Amas de Casa (din algunhas linguas que había máis afiliados do PP ca da asociación de mulleres). A comida cega as mentes e non permite comprobar alí mesmo que o peche da cadea de acceso ao piñeiral estorba a chegada da ambulancia ao pé da praia e que a estas alturas aínda non hai persoal que abra o local de primeiros auxilios.
A xestión deficiente dos recursos
Un dos chiringuitos denunciou a falta de accesibilidade e de medios no primeiro accidente da tempada de verán, sen maiores consecuencias afortunadamente... Ademais están desenvolvendo unha campaña de recollida de firmas para evitar males maiores, se así o consideras oportuno podes sumarte ás súas demandas.
A irresponsabilidade resulta ser maiúscula, o alcalde ten as chaves da cadea de acceso e ninguén a pode abrir e aínda non foi capaz o goberno local de contratar persoal competente para a vixilancia. Vaia desastre de goberno! A quen se lle exixirán as responsabilidades directas como pase algo?
Demóstrase unha vez máis que o desgoberno de PP-AEC non achega solucións e crea problemas onde non os había.

O primeiro ano de goberno evidencia a ausencia de programa da coalición de comenencia PP-AEC

O voceiro do Grupo Municipal do BNG explicou na Localia TV a situación caótica e mais a irresponsabilidade da coalición de goberno PP-AEC en asuntos de interese para os veciños e veciñas. A improvisación do Partido Popular resume perfectamente ese último ano. Aí van os anacos da entrevista:
1ª Parte


2ª Parte



e 3ª Parte

12 de xuño de 2008

A Deputación vai achegar preto de 300.000 euros para ampliar ou mellorar servizos básicos

Vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar (BNG) O Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 foi aprobado no pasado Pleno da Deputación da Coruña (30/05/2008) e é o máis importante que vai executar a Deputación neste mandato. O compromiso manifestado polo BNG nas pasadas eleccións municipais cos servizos básicos queda reflectido nos obxectivos fundamentais relacionados coa execución de obras de abastecemento de auga, depuradoras de auga potable, depósitos de auga, obras de saneamento, depuradoras de augas residuais ou outras infraestruturas directamente relacionadas co ciclo da auga.
Para dotar destes servizos ao Concello de Cabanas están asignados 283.817,1 euros entre o 2008 e o 2011 (cantidade que se pode complementar cunha achega municipal mínima do 5%). Isto foi posible grazas á iniciativa política do BNG na Deputación e a súa xestión correspóndelle tamén a unha área de goberno do BNG (Cooperación e Asistencia a Concellos).

11 de xuño de 2008

A nova da SEPES provoca a risa xeral

Saíu a sociedade estatal na Opinión e os comentarios da nova non teñen desperdicio denunciando as inexactitudes e imprecisións nas que incorre esta entidade estatal pública.
Pero os servizos especiais de ADSL-On, pagados cos impostos dos veciños, transmiten as demagóxicas opinións dalgún compracente co bigoberno local da dereita. Sae a licitación a concurso e nin chío, sae a polémica e hai que disparar para todos os lados menos para o equipo de goberno e a SEPES. Será o que pide prazas de conducir? Houbo a quen lle importaban máis dous carrís por sentido da autovía a Mugardos que afrontar os problemas de Laraxe cando se falou do proxecto de SEPES. E así vai...
Mentres a sociedade estatal omite curiosamente a paralización da Consellería de Cultura. O alcalde mutis por el foro. Non recontaron o alcalde, o 1º tenente-alcalde e a dita entidade que quen está incumprindo os acordos plenarios e a legalidade son eles?
Moitas ilegalidades e xogo sucio ten que aguantar o pobo de Cabanas!

10 de xuño de 2008

Bantegal, sementando o futuro do agro galego

O Banco de Terras de Galiza estase a converter na mellor ferramenta para impulsar o desenvolvemento do agro galego.
En novembro do ano pasado, Quintana salientou que o Bantegal era a “mostra de que a nosa mensaxe sobre o mundo rural se escribe en positivo” dando o paso “dende a desvalorización á confianza; dende a política do rural como batalla perdida, a ver nel un valor sen o cal Galiza non podería medrar; da política da resignación e a indiferenza, que fai agonizar ao noso rural, á da acción; da idea do falso proteccionismo, á idea do desenvolvemento endóxeno”. En definitiva, sentenzou, “buscamos un medio rural que viva”.
Suárez Canal explicou na presentación que o Banco de Terras constitúe un instrumento fundamental para impulsar o medio rural, favorecendo a mobilidade das terras que se atopan improdutivas e evitando o abandono e a perda de superficie agraria útil.
Xa están interesándose noutras partes do Estado por esta experiencia pioneira, antes xa reparara a prensa inglesa. Aí van as presentacións desta iniciativa innovadora polo seu interese:

Presentación da iniciativa:


Funcionamento:

5 de xuño de 2008

Ridículo do Consello de Contas e do xornal El País por non contrastar información

Ler artigo completo en www.bng-galiza.org Tremenda falcatruada a que publicou a edición de Galicia do xornal El País o pasado domingo. Pero peor foi continuar o luns co tema no aire para rematar cunha pobreta rectificación periodística onte dese xornal con sede en Madrí.
O título a catro columnas do domingo foi “Táboas validou vivendas deficientes que proxectou como arquitecta”, unha información baseaba nun informe do Consello de Contas que aínda non fora aprobado polo pleno deste órgano.

Tres días despois, El País revela que esa información é absolutamente falsa. A conselleira nin asinou o proxecto arquitectónico das vivendas deficientes nin tivo ningunha participación no deseño.

O erro
Nun preinforme, o Consello de Contas atribúe falsamente a Táboas a autoría do proxecto dun grupo determinado de vivendas preto de Ourense, cando en realidade o que fixo foi asinar o deseño doutra promoción que, iso si, se construiu no mesmo concello.

Aprobación da nova lei de Vivenda e Solo

O traballo desta conselleira nacionalista non ten comparanza na súa área. En catro anos puxo os cementos dunha sólida política de Vivenda pública e sacou adiante un marco normativo equiparable ao nivel europeo. Pero as présas dalgúns (máis entendidos en botar catro anos manga por ombro) por eclipsar a aprobación da Lei de medidas urxentes en materia de Vivenda e Solo rebentaron esta semana pasada e arramblaron o prestixio dun xornal e dunha institución que dobraron coma canas verdes perante un vento de sueste.

Ano e medio botou o PSOE para aceptar un proxecto de lei da Consellería de Vivenda que obriga aos concellos de máis de 20.000 habitantes a reservar o 40% do solo urbanizable para viviendas de protección oficial (nin con Vigo o remendan). Ademais, a lei non prohibirá que os alcaldes sexan promotores inmobiliarios porque así o impuxo Presidencia do PSOE.

4 de xuño de 2008

Vicepresidencia impulsa a mellora dos servizos sociais públicos

Quintana durante a sinatura para a incorporación dos centros de 15 concellos á Rede Galega de centros de día anunciou que a meta desta lexislatura está en chegar aos 55 centros de día e a 2.200 prazas, ademais de crear máis de 1000 empregos a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. En 2009, con este incremento de prazas, Galiza superará a ratio de cobertura de atención diúrna recomendada polo Plan Xerontolóxico Estatal, que é de 0,2. O paso dado por Vicepresidencia cara a unha Rede Galega de Centros de Día permite a conciliación da vida persoal e laboral, favorece a participación das entidades locais adheridas (250) nun plano de igualdade e colaboración na construción do Sistema Galego de Benestar e acaba coa relación de dependencia e xerarquía que existía co PP entre Xunta e concellos.

Quintana concluíu que “a nosa misión é crear unha rede pública e non, como tenta o PP, promover o negocio a través da dependencia”.
Para evidenciar as políticas sociais da dereita, un exemplo de goberno do PP na Comunidade de Madrid: El servicio de teleasistencia a ancianos ha dejado de ser gratuito en Madrid.