31 de out. de 2009

O BNG demanda solucións ás retencións de tráfico no Eume


Convocados polas asembleas locais do BNG de Pontedeume e Cabanas, xuntáronse onte 30 de outubro, ás 18h, medio cento de persoas para demandar solucións ás retencións habituais da ponte do Eume. A iniciativa consistiu nunha cadea humana para pedirlle á Xunta a supresión da peaxe, na que participaron veciños e membros do BNG como a parlamentaria nacionalista Ana Luísa Bouza, e os ex-parlamentarios Francisco Rodríguez e mais Fernando Blanco. Encabezaron a protesta o responsable comarcal de Ferrolterra, Francisco da Silva , e os voceiros municipais de Pontedeume, Manuel Rei e Cabanas, Xosé Manuel Pérez Sardiña.
As persoas condutoras manifestaron a súa satisfacción pola iniciativa e agradeceron que alguén se lembrase da situación dun xeito pacífico e cívico sen interromper un tráfico, xa bloqueado pola desidia e o abandono do Goberno Estatal e autonómico.
Pola mañá, o BNG presentou a proposición non de lei das parlamentarias do BNG Ana Luisa Bouza e Teresa Táboas, en que instan á Xunta a que retire a peaxe entre Ferrol e Pontedeume.
Ana Luisa Bouza explicou que a Xunta suprima a referida peaxe e solicitoulle á administración autonómica “todos os seus esforzos para retirar unha das peaxes máis inxustificadas da Rede de Estradas de Galicia”.
O BNG lembra na proposta parlamentaria que a estrada N-651 transcorre por “unha vía urbana  con múltiples limitacións de 50 quilómetros por hora”. Salientan así mesmo os atoamentos crónicos entre Cabanas e Pontedeume, “xa que a ponte que cruza o Eume non abonda para absorber o tráfico”, din. Avalían que a construción dunha nova ponte ou a ampliación da autoestrada non son nada viables e apostan polo levantamento das peaxes da AP-9 entre Ferrol e Pontedeume e dotar á vila eumesa dun novo acceso no lugar de Andrade. Segundo os nacionalistas, estas actuacións conxuntas “terían un impacto positivo e evitarían seguir facendo de Pontedeume e Cabanas un colapso permanente de tráfico”, aseguran. O novo acceso en Vidreiro é “un vello compromiso das administracións” e Audasa.
A mobilización de onte na ponte eumesa manterase ata que se escoiten as propostas nacionalistas e as queixas das persoas usuarias.

28 de out. de 2009

Jorquera demándalle ao Ministerio de Fomento a realización dun novo enlace coa AP-9, na área de servizo de Perbes

O deputado do BNG tamén pide liberar de peaxe o tramo da AP-9 desde Fene a este novo enlace, ao obxecto de que este tramo sexa unha circunvalación libre de peaxe a Pontedeume

Madrid, 28 Outubro 09. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamantar na Cámara Baixa na que insta ao Ministerio de Fomento a realizar un novo enlace coa AP-9, entre Pontedeume e a área de servizo de Perbes.

A mellor solución aos atascos de tráfico
Ademais, o deputado do BNG demanda que se libere de peaxe o tramo da AP-9 desde Fene a este novo enlace, ao obxecto de que este tramo sexa unha circunvalación libre de peaxe á vila de Pontedeume. Asemade, a alternativa dun novo enlace “tamén doutaría ao polígono industrial de Vidrieiro das conexións precisas.
Esta é a solución que o BNG defende ao problema dos atascos en Pontedeume xa que desviaría o tráfico do centro histórico.

A opción de Fomento de actuacións na N-651 por Pontedeume é moi criticada
Porén, “a opción presentada por Fomento foi moi criticada polos veciños pola súa afectación ao patrimonio histórico da vila. Unha actuación consistente na construción de dúas rotondas e dous pasos soterrados na N-651 que non foi sometida á información pública nen se encargou o estudo de impacto ambiental, e existen dúbidas razoábeis sobre se será a solución ás retencións de tráfico”, sinala Jorquera.
Lembra o deputado do BNG que froito dos acordos acadados polo BNG co Goberno sobre os Orzamentos do Estado 2009, incluiuse unha partida de 400.000 euros para esta actuación. Máis non se levou a cabo nada.
Francisco Jorquera pregunta a Fomento se ten intención de executar a actuación na N-651 ao seu paso por Pontedeume “a pesar da oposición social e política”. Quere saber se o Ministerio vai facer un novo acceso á AP-9 entre Pontedeume e a área de servizo de Perbes, que “ten unha dotación de 400.000 euros nos Orzamentos do Estado 2009.

27 de out. de 2009

O PP baixa por primeira vez na historia as pensións non contributivas

A política antisocial do Partido Popular estase cebando cos máis desfavorecidos. Uns 50.000 pensionistas galegos que cobran sobre 365 euros ao mes verán como o goberno de Alberto Núñez Feijóo lles retira unha axuda de 200 euros impulsada e aprobada por Anxo Quintana que tamén tivo que loitar contra o PSOE para que fose aplicada. A Xunta gobernada polo PP eliminará esta axuda por considerala “ilegal”.

PP e PSOE criticaron a Anxo Quintana
Anxo Quintana impulsara esta medida co fin de amortecer as consecuencias da crise económica neste colectivo de pensionistas. Tanto o PP, como antes o PSOE, criticaron e atrancaron esta medida de mellora para a economía de persoas maiores de 65 anos, na súa maioría mulleres de 70 anos que non cotizaron á Seguridade Social, que viven soas e solteiras.
Anxo Quintana, deputado nacionalista e ex vicepresidente da Xunta, posto dende o que impulsou o complemento autonómico ás persoas pensionistas, cualificou de “roubo” a medida, e pedíulle a Feijóo “unha rápida rectificación”. “O PP convértese no primeiro partido que baixa as pensións aos galegos na historia da democracia, por iso debería explicar a onde vai ese diñeiro”, afirmou Quintana, que tamén recordou que “uns 50.000 galegos van cobrar menos” o próximo exercicio do que recibiron este ano e se preguntou “qué mal lle fixeron os maiores a Feijóo” para que este “lles birle a carteira”.
Para o ex voceiro nacional do Bloque, a “famosa austeridade” do presidente da Xunta significa “deconstruir o Estado de Benestar que intentou poñer en marcha o bipartito”. “Isto é un paso máis, empezaron polas galescolas e por non abrir residencias que deixamos feitas ou centros de día e agora quitan estas axudas”, engadiu. (Fonte: Xornal)

Guillerme Vázquez denuncia a involución do PP en dereitos sociais
Sobre a supresión do complemento autonómico das pensións non contributivas, creado polo BNG, o portavoz nacional asegurou que o PP está “na liña de botar para atrás todos os avances de tipo social” e engadiu que “resulta chamativo que sexa o propio señor Núñez Feijóo quen aproba isto, o que no seu dia cualificou de insuficientes e mesmo demandou un incremento do complemento das pensións mínimas. Agora, á primeira de cambio, quere suprimilo, este anuncio é indefendíbel e inxustificábel ante a opinión pública, xa que estes complementos existen en varias CC.AA. e precisamente está dirixido a persoas cun poder adquisitivo mínimo, cremos que esta decisión non é de recibo”.

Tamén se pronunciou sobre o anuncio da Consellería de Benestar sobre a realización dun estudo sobre os subsidios en vigor indicou que “está claro que se o goberno diminúe o gasto en sanidade e educación tamén vai haber un recorte importante en todas aquelas cuestións que teñan a ver co benestar social”.

[Actualización 28 de outubro]
Núñez Feijoo desautoriza á conselleira de Benestar e Traballo e mente sobre a dotación das pensións nos orzamentos
Hoxe Feijoo desautorizou gravemente a Beatriz Mato cando anunciou que se manterá o complemento autonómico e que subirá na media do resto das pensións. O presidente da Xunta foi máis alá e presumiu de que o borrador de orzamentos de 2010 xa prevé a suba.
Algo que é falso, como denunciou Calros Aymerich. Así, espetoulle ao presidente que “o seu cinismo non ten límite” e mostrou ante os medios o proxecto de orzamentos, en que nada se di do mantemento do complemento improvisado por Feijoo esta mañá.

25 de out. de 2009

Castrillón e Rey van perder 200.000 euros de subvención e privarán de fibra óptica o Polígono Industrial

O Bloque Nacionalista Galego debe poñer en coñecemento da veciñanza que o Concello perdeu unha subvención de 200.000 euros concedida polo Ministerio de Industria para instalar en 2009 fibra óptica no polígono industrial de Vilar do Colo.
Neste sentido, o voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña,  constatou que "a día de hoxe" o Goberno local nin realizou unha modificación de crédito nin licitou os traballos cando esta actuación debería estar rematada a fins do vindeiro mes de decembro.
O BNG interesouse no Congreso dos Deputados polo proxecto do Concello de Cabanas "Despregamento Rede de Fibra Óptica no polígono industrial Vilar do Colo" a través dunha iniciativa do deputado nacionalista Francisco Jorquera. Jorquera lembra que Cabanas se beneficiou dunha subvención para actuacións de reindustrialización durante o 2009 e pregunta pola perda da axuda así como pola posibilidade de recuperala.
Segundo a resolución de Industria para esta convocatoria, o prazo máximo de realización da actuación finaliza o próximo 31 de decembro e o deputado do BNG asegura que a institución municipal non realizou "a estas alturas de ano investimento ou gasto ningún no polígono industrial de Vilar do Colo para cumprir co obxecto da subvención".
Para os nacionalistas é "preocupante" que Cabanas quede sen a subvención de 200.000 euros por non xustificar o proxecto en prazo "xa que se localiza nunha zona castigada por sucesivas reconversións industriais e, neste momento, se está a experimentar unha grave contratación da actividade industrial".
Para o voceiro municipal do BNG de Cabanas, Xosé Manuel Sardiña, é "inadmisible" que o Goberno local perda esta axuda, cando a instalación de fibra óptica no polígono de Vilar do Colo foi o seu "proxecto estrela" durante a campaña electoral.
Así mesmo Xosé Manuel Pérez Sardiña lamenta que a coalición PP-AEC non sexa coidadosa na xestión de subvencións e considera que "esta axuda do Ministerio de Industria serviría para crear emprego non só na execución das obras, senón tamén de cara á implantación de empresas innovadoras".

22 de out. de 2009

O BNG considera «papel mollado» as promesas do PP sobre o acceso a Santa Cruz


En relación á mellora da conexión da estrada AC-563 coa parroquia de Santa Cruz do Salto, o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, considerou as promesas de Germán Permuy como «papel mollado» e unha «burla máis á veciñanza», posto que o alcalde comprometeu a realización do enlace xa na primavera pasada pero de cara aos vindeiros orzamentos da Comunidade non existe unha partida específica para materializar o acordo entre a Xunta e o Concello.
En 2007 a Dirección Xeral de Obras Públicas, da Consellería de Política Territorial e Transportes, comprometeuse coa veciñanza e co Concello de Cabanas a acometer a conexión da AC-563 co camiño de acceso a Santa Cruz do Salto e ao estudo dun ramal que permita os movementos en sentido contrario. Este compromiso daba resposta á demanda veciñal de conexión, defendida polo Grupo Parlamentar do BNG. O compromiso do BNG coa realización dos accesos levou a Ana Luísa Bouza e Teresa Táboas, deputadas do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a preguntarlle novamente á Xunta por escrito sobre o atraso no cumprimento do prometido pola Xunta a Santa Cruz do Salto. Concretamente, as parlamentarias nacionalistas reclamaron información real sobre os prazos, a existencia de proxecto e as previsións de execución. A Xunta eludiu na súa contestación concretar prazos e contías e, segundo a información do Parlamento de Galiza, apenas elaborou "un proxecto que está nestes momentos en fase de supervisión", inda sen aprobar e parece que lonxe da licitación da obra. Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Sardiña comprobou que nos orzamentos da Xunta para 2010 brilla pola súa ausencia unha partida específica para o ramal.
Deste xeito, o PP evidencia cos presentes orzamentos da Xunta o seu oportunismo político na oposición e a súa parálise no goberno, xa que os conservadores reclamaran 120.000 euros nunha partida específica para executar o acceso á parroquia cabanesa e agora atrancan a tramitación e a licitación do proxecto.
Así mesmo, o BNG lamenta o "escurantismo e a demora inxustificada" e considera que a xestión do proxecto debía estar a disposición da veciñanza e da Corporación co fin de comprobar o cumprimento dos compromisos da Xunta. Hai que lembrar que o actual conselleiro, Agustín Hernández, foi o responsable de que Santa Cruz quedase sen acceso directo á AC-563. Así non é de estrañar que agora careza de apuro para mellorar a situación.

21 de out. de 2009

Queremos galego! superou todas as expectativas



Ducias de miles de persoas  discorreron pacificamente por Compostela na protesta convocada pola plataforma Queremos Galego.
Foi unha manifestación histórica. A organización fala de 100.000 persoas e a Policía Local de 50.000. Dobrou a participación que houbo na protesta do Día das Letras.
A Quintana encheuse dúas veces por completo e moita xente ficou sen poder acceder. Saía xente da Alameda co acto xa iniciado na Quintana.
"Somos galego e temos dereito" e "Na Galiza, en galego" foron algúns dos berros máis populares.
O BNG exíxelle a Feixóo a volta ao consenso

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, reclamoulle ao presidente da Xunta que rectifique e “volva ao consenso”, en referencia á derrogación do decreto do ensino do galego e ás dúbidas sobre o respecto ao Plan de Normalización que aprobou Manuel Fraga.

As intervencións censuradas pola Feijoo-TV:









16 de out. de 2009

O BNG critica que o PP-AEC non repare o indicador da parroquia de Soaserra



No Pleno Ordinario de setembro, o voceiro municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña reclamou a reposición da sinal que indica os lugares de Soaserra na encrucelada de Lavandeira. Malia as que no programa electoral do PP aparecía expresamente a mellora na sinalización da zona rural, a xestión real da coalición céntrase nos favores e abandona os servizos públicos.
Segundo o voceiro municipal, o alcalde de Cabanas ordenoulle á cuadrilla de obras abrir a beirarrúa en Lavandeira para reparar unha condución de auga privada dunha vivenda pero pasou por alto os pedimentos do BNG para que se erga o indicador da foto, xusto ao lado de onde traballaron varios días os operarios municipais.

Na mesma parroquia pintaron as beiras só ata a metade do camiño da Serra, acabado de aglomerar, e a pintura limitouse a deslinguir a nova obra do feito pola anterior Corporación. Parece como se nese punto entráramos noutro municipio.
Así a todo os fochancos continúan nesa parroquia coma noutras e non se atenden as demandas do Grupo Municipal para que se fixese un repaso xeral dos camiños. Así o demostra o deficiente estado do camiño Xabariz-Lavandeira, da Uchiña ou no camiño de Lavandeira.




15 de out. de 2009

Pádel sobre a lama, o complexo deportivo-turístico do PP na Veiga


Ver Pistas de pádel na Veiga nun mapa máis grande
Nas eleccións locais, o Partido Popular prometeu unha piscina na Veiga, como tamén ía enterrar a vía do ferrocarril no Areal. Todo fume do PP.

A necesidade prioritaria do Club Xuventude Cabanas de facer un campo de adestramento, anexo ao principal, quedou no baúl dos recordos, sen financiamento e, parece que, sen viabilidade urbanística. O proxecto deportivo da Veiga, redactado pola coalición PP-AEC, primeiro prescindiu da piscina e logo do campo de adestramento para quedar nun engado destinado ao "turismo verde" chamado pádel. "A xente non demanda pádel, senón o coidado do contorno da Veiga e acadar un campo de adestramento para o Club Xuventude" segundo Xosé Manuel Pérez Sardiña, "dúas xestións fundamentais que deberían recibir máis atención por parte da coalición PP-AEC".
Así, as promesas populares en forma de proxectos parecen atopar dificultades urbanísticas engadidas segundo desvelou o informe do arquitecto municipal. O lugar proposto polo bigoberno local para construír as pistas de pádel é un terreo cualificado como solo rústico de protección de aguas e "moi pouco resistente", no cal non hai autorización directa para construír infraestruturas deportivas. "Respectar o ambiente non é encher con terra e cascallo a Veiga, alguén ten o disco raiado no Concello cando gasta os cartos en ideas peregrinas coma esa". "Hai que apostar por alternativas factibles e por actuacións demandadas pola xente, que as hai inda que o alcalde non queira atendelas", afirmou o voceiro municipal do BNG. "O goberno local debería explicarlle xa á directiva do Club Juventud Cabanas cando vai facer un campo de adestramento e rematar de amañar o contorno cun aparcamento axeitado", reclama o portavoz municipal.

Por outra banda, a raíz dunha queixa recibida en COLABORA CONNOSCO o Grupo Municipal interesouse polo traspaso da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Veiga á empresa da depuración municipal e segundo a resposta oral do alcalde, inda está en mans municipais sen que se lle encomenden as tarefas de mantemento á concesionaria. "Outro exemplo máis de deixadez e de falta de atención que deriva no deterioro do contorno. É inadmisible que unha EDAR entregada vai para un ano pola Deputación estea abandonada de tal maneira", declarou o portavoz municipal.

10 de out. de 2009

Augas de Galiza abre expediente sancionador contra o vertido de materiais bituminosos en San Lourenzo

O BNG presentou iniciativas no parlamento galego, no parlamento europeo e no Pleno municipal
Depósito de chapapote holandés, Laraxe (Cabanas)

O pasado 9 de setembro Ana Luisa Bouza Santiago e Isabel Sánchez Montenegro, deputadas do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), presentaron interpelacións oral e escrita para que a Xunta de Galiza aclare a licenza e as medidas que vai adoptar en relación aos vertidos de materiais bituminosos irregulares no lugar de San Lourenzo, nunha zona adxacente ao polígono industrial de Vilar do Colo (compartido por Fene e Cabanas), denunciados por grupos ecoloxistas. A primeira medida da Xunta xa foi anunciada pola AETNA do río Baa e trátase da apertura de expediente sancionador por invasión da zona de policía do río contra a empresa que acumulou o chapapote.
Tamén no Parlamento Europeo, Ana Miranda, representante do BNG e futura europarlamentaria, tramitou unha iniciativa para que a Comisión Europea adopte medidas ante esta situación e investigue a procedencia destes residuos tóxicos e o impacto ambiental que están a producir na zona afectada. A pregunta do BNG transmite a súa preocupación porque este material, procedente de Holanda, conteña "materiais bituminosos procedentes de estradas e reciclados como áridos, que foron rexeitados en orixe pola súa carga contaminante".
Así mesmo o BNG interesouse no Pleno Ordinario de 30 de setembro -que rematou á unha da mañá-, a través dunha pregunta oral do concelleiro Xosé Manuel Golpe, pola legalidade urbanística e ambiental e as medidas adoptadas para paralizar o acopio de material bituminoso. O alcalde Germán Permuy contestoulle que o vertedoiro de chapapote carece de licenza municipal posto que o concello está a tramitala e á espera do que autorice a Xunta de Galiza. A contestación do alcalde evidencia que o Concello non adoptou ningunha medida de protección da legalidade urbanística nin ambiental e autorizou tacitamente con pleno coñecemento a actuación en solo rústico de especial protección.
O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, comparte o temor da AETNA a que coas recentes chuvias ese material sexa transportado por escorrentías directamente ao río Baa e provoque a súa contaminación e probablemente a dos acuíferos que subministran auga á poboación adxacente. Ademais, O edil do BNG lamenta o desleixo e a "manga ancha coa que trata o alcalde Permuy actuacións desta magnitude",  esíxelle "o cumprimento da legalidade e a depuración de responsabilidades" así como a reposición do terreo ao seu estado natural.

9 de out. de 2009

O PP de Cabanas dispendia en dous anos 12.426 euros en churrasco


A viceportavoz do BNG, Teresa García, denuncia que o gasto en subministro de carne para as churrascadas de Santa Marta organizadas polo goberno do PP ascende nada máis e nada menos que a 12.426,89 € entre as celebracións dos anos 2007 e 2008. Pola contra os ingresos totais por prato roldan os 2.380 €, o que representa apenas unha sexta parte dos gastos. En total pagaron o xantar de Santa Marta, organizado polo Concello de Cabanas, 238 persoas. Segundo Teresa García non se pode coñecer o número de xente convidada porque o goberno local non presenta coas contas xerais os convites que repartiu entre sociedades, organizacións locais e foráneas. En todo caso, o número total de comensais nunca superaría no mellor dos casos as 350 ou 400 persoas.
Segundo pescudas dos concelleiros do BNG, esta "avultada factura" pódese corresponder coa compra de preto de 1450 kg de carne (suponse que de costela e chourizos criollos). Así, a factura de 2008 presentada á Corporación pola coalición PP-AEC declara a cantidade de 748 kg de costela en tiras refrixerada. Cada quilo de carne repártese segundo diversos especialistas do sector en case tres pratos, unha cantidade que podería, segundo esas mesmas fontes, dar de xantar á veciñanza adulta de Cabanas durante dous días. O churrasco sairía a preto 8,59 €/kg en mesa, mentres que se transacciona en mercado entre 2,50 € e 3 € segundo cantidade e calidade.
Turbia xestión
Estes datos disparan todas as alarmas en canto á xestión popular desta festa, convertida segundo o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña nunha festa de "facturas carnívoras de difícil xustificación". Segundo explica Teresa García, Germán Permuy entregoulle ao Grupo Municipal do BNG en 2007 catorce convites, por valor de 140 €. Logo de confirmar que o concello non convidaba a todos os veciños por igual, o BNG devolveu por rexistro a totalidade dos tíckets, que posteriormente non apareceron na contabilidade municipal do 2007 segundo comprobaron un ano máis tarde os representantes do BNG. Inda que algunha factura a provedor de Santa Marta quedou pendente de cobro para o exercicio de 2008, non pasou así cunha das factura máis altas de toda a festa. 
As cantidades resultan sorprendentes se se comparan cos gastos do cátering do Magosto 2008, cando o Concello aboou 2.400 euros por todo o servizo (lacoada, freixós, bebidas, etc). Teresa García demándalle ao PP "explicacións sobre o paradoiro da carne non consumida" posto que "non é crible que cada comensal xantase 4 quilos entre chourizo e churrasco". "Ten relación coa festa de peche de campaña do PP na praia da Magdalena en maio de 2007?", pregúntalle ao partido de Feijoo.

7 de out. de 2009

O Pleno de Cabanas demándalle solucións á Xunta para a recollida de trastes

O Pleno da Corporación, na súa sesión do pasado 30 de setembro, aprobou a moción do BNG sobre a recollida de residuos voluminosos.
O concelleiro Xosé Manuel Golpe expuxo a situación provocada polo cesamento da recepción de trates e decretada pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) a partir do 1 de setembro de 2009. Explicou o concelleiro nacionalista que o abandono da prestación do servizo de retirada de voluminosos por parte de SOGAMA, para o seu posterior tratamento, produciuse de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa co Concello de Cabanas, que a partir do 1 de setembro ten que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado.
Segundo a consideración do BNG, con este anuncio, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) podería estar a incumprir as condicións pactadas cos concellos no momento da súa adhesión, sen que nin a Xunta nin a propia SOGAMA ofrezan ningunha solución alternativa e viábel ao noso concello, que, ademais de ter que artellar sistemas de recollida, pode ver incrementados os custos do tratamento exponencialmente.
Coa fin de evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados o Pleno acordou instar á Xunta de Galiza e á Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes de Cabanas, nas condicións que o viña facendo até agora, para o seu posterior tratamento por un xestor autorizado e conforme á normativa vixente. E no seu defecto, instar á Xunta de Galiza a que achegue unha solución alternativa e viábel, que non supoña un incremento do recibo do lixo dos concellos afectados.