24 de feb. de 2012

Pleno extraordinario ás 19.30 h do 27 de febreiro

Cabanas.- A Corporación de Cabanas reunirase o vindeiro luns á tarde para tratar as alegacións da CIG á modificación da RPT e ao orzamento municipal, así como a reclamación de D. Honorio Ferreiro ao orzamento. Ademais o goberno modificará a proposta de saneamento para Porto polo arranxo do vial Santa Cruz-Porcar, as causas son a falta de autorizacións para levar a cabo o proxecto.
Quedan pendentes de debate varias mocións do BNG sobre o día de Rosalía, Navantia, ILP pola sanidade pública e mais a do 25 de novembro, confírmanse os "despistes" do rexedor. Logo chega o Pleno ordinario e só caben as urxencias do PP...
Así, o voceiro municipal vén de declarar a raíz da publicación neste blog das intimidacións a que se ven sometidos que "o PP é responsable dunha votación que avergoña a Cabanas, dos votos da vergoña". Na súa opinión o goberno local "non se centra en atender os servizos básicos, a seguridade nocturna, o emprego ou o caso Area, senón en elaborar e votar propostas ridículas e propias dos tempos de María Castaña".
 

23 de feb. de 2012

O PP ameaza con multar os concelleiros do BNG que exercen oposición

Image by elecktrampa via Flickr
CABANAS.- Tal e como anunciamos en anteriores entradas, o PP trata de censurar este medio de expresión a través da intimidación e da ameaza aos concelleiros do BNG. Por moitas leis que manipulen e moitas multas que lle impoñan a este proxecto guiaremonos polo ARTIGO 19 da DECLARACIÓN de DEREITOS HUMANOS: “Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión”. 
Que Augas de Galiza lle reclame ao Concello de Cabanas 477.575 euros non é problema do BNG, será problema do PP e da súa nefasta xestión. Oficialmente o BNG non ten constancia de ningún pagamento, posto que na documentación do Pleno de xaneiro non se constata ningún pagamento á Xunta. A preguntas do BNG o rexedor asegurou que queda pagar en 2012 unha débeda de 237.575 de común acordo co organismo autónomo.

O devalar totalitario do goberno local intenta bloquear o exercicio lexítimo de oposición e información á veciñanza sobre asuntos de interese social e con verdadeira relevancia á vista da súa gravidade e consecuencias sobre servizos básicos.
O texto da moción de urxencia do PP para avisar aos concelleiros do Grupo municipal BNG do seu "comportamento":
Na páxina web bngcabanas.blogspot.com publicouse o 4-1-2012 fotocopia dun escrito de Augas de Galicia no que consta entrada no rexistro do concello de Cabanas de 28-12-2011, en data 9-1-12 un escrito de Gas Natural Fenosa con rexistro entrada do 30-12-2011, en ámbolos casos as publicacións non están asinadas por persoa concreta, á vista dos datos dispoñibles os documentos en cuestión poden ter sido facilitados polos concelleiros do BNG que fotocopiaron documentos que tiveron acceso no exercicio das funcións públicas, tendo en conta o RD 25/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, e o disposto no seu artigo 16 (ao cal dá lectura), tendo en conta ademais a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, artigo 78.4, e artigo 227 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, (aos cales tamén da lectura), polos motivos expostos o grupo municipal do PP somete para a súa toma en consideración polo pleno da Corporación a seguinte proposta de acordo: 
A reprobación da conduta do grupo municipal do BNG por empregar o blog que xestiona para publicar documentos municipais sobre os que os concelleiros teñen a obriga de gardar reserva e advertir aos seus concelleiros que no caso de continuar co incumprimento da súa obriga de gardar reserva en relación coas informacións que se lles faciliten para facer posible o desenvolvemento da súa función, así como de evitar a súa reprodución da documentación que poida serlles facilitada podería impoñérselle unha sanción de multa por incumprimento dos seus deberes como concelleiros.

Os dereitos dos concelleiros vulnerados e ameazados
Calquera concelleiro ten o mandato constitucional de controlar as actuacións do poder municipal e dar a súa opinión sobre os asuntos que considere de relevancia. Neste caso súmase que o BNG ten preguntado en reiteradas ocasións no Pleno da Corporación sobre os asuntos do financiamento do Abastecemento da Auga a Vilar do Colo ou o impagamento de facturas a eléctricas. Pero recibiu respostas evasivas, inconcretas e inexactas do rexedor.


Neste sentido, ambos os escritos publicados neste blog foron tratados pola Xunta de Goberno Local. Polo tanto, o acceso aos acordos e antecedentes do Pleno e Xunta de Goberno Local é de acceso libre á cidadanía, de xeito directo aos concelleiros. Así o establece a Lei que omitiu un Grupo municipal do PP botado ó monte:
No obstante lo dispuesto en el número 1 del artículo anterior, los servicios administrativos locales estarán obligados a facilitar la información, sin necesidad de que el miembro de la Corporación acredite estar autorizado, en los siguientes casos: (...)

3. Cuando se trate del acceso de los miembros de la Corporación a la información o documentación de la entidad local que sean de libre acceso para los ciudadanos.

Os cidadáns deben facer solicitude pero teñen tanto dereito a acceder a asuntos e antecedentes tratados en órganos colexiados coma os concelleiros:
2. La obtención de copias y certificaciones acreditativas de acuerdos municipales o antecedentes de los mismos, así como la consulta de archivos y registros, se solicitarán a la citada oficina que, de oficio, realizará las gestiones que sean precisas para que el solicitante obtenga la información requerida en el plazo más breve posible y sin que ello suponga entorpecimiento de las tareas de los servicios municipales.

Unha guía básica: http://noticias.juridicas.com/articulos/15-Derecho%20Administrativo/199909-corp_locales.html
A sinrazón desta actuación antidemocrática do PP parece basearse no nerviosismo ante a grave situación xerada polo caso Arena, seguiremos informando.

22 de feb. de 2012

O PP impide cos seus votos que o Pleno do Congreso aprobe a proposición do BNG con medidas para garantir o futuro do sector naval de Galiza

Jorquera ofertou transaccionar un acordo co PP, máis para o BNG había dous aspeitos irrenunciábeis: o compromiso de construción do dique flotante e negociar na UE unha data de vencemento das limitacións sobre Navantia Fene
O PP en Cabanas vetou o debate de dúas mocións do BNG a prol do sector naval no último ano


Madrid, 21 Febreiro 2012. O PP negouse a transaccionar un acordo co portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que contemplase cuestións concretas que o BNG plantexaba na súa proposición non de ley con medidas para o sector naval de Galiza, tanto o relativo aos estaleiros da Ría de Vigo como os públicos de Navantia na Ría de Ferrol. O resultado da votación foi: 130 votos a favor, 180 en contra e 17 abstencións.
O Pleno da Cámara debatía unha proposición non de lei de Jorquera, á que varios grupos parlamentares presentaron emendas, entre eles o grupo popular. O deputado do BNG considerou excesivamente ambigüa, nada concreta e moi insuficiente a emenda do PP, por iso ofertou unha transacción ao grupo popular coa vontade de chegar a un acordo. Máis, para o BNG hai cuestións que son irrenunciábeis, como a necesidade de adoptar unha solución para os estaleiros da Ría de Vigo mentras a UE non solucione a cuestión do Tax Lease, como o compromiso concreto de construir o dique flotante en Ferrol e que se negocie unha data de vencemento ás limitacións que pesan sobre o estaleiro de Fene.
É preciso salientar que en xuño do ano pasado, 2011, o PP votou a favor destas cuestións relativas a Navantia na votación dunha moción do BNG aprobada en Pleno. En cambio, agora que está no Goberno a súa posición é distinta. Precisamente, a falla de compromiso do PP cos plantexamentos do BNG sobre os estaleiros públicos da Ría de Ferrol, foi o que motivou que Jorquera só aceitara as emendas transaccionais presentadas por IU e polo grupo socialista.
Na súa intervención no pleno, Jorquera destacou que as medidas do BNG para o sector naval público e o privado “contribuirían a resolver a gravísima crise que padece o sector naval, tanto no conxunto do Estado como na Galiza en particular”. Neste sentido, puxo de manifesto que o sector naval é un sector “básico da economía galega xa que representa o 5,7% do PIB do noso territorio, e no 2008 empregada directamente a máis de 10.000 traballadores, ademáis dos traballos indirectos”.
Advertiu o deputado do BNG que a crise que afecta a este sector cuestiona até a súa propia superviviencia. Pero no caso galego tamén conflúen outras razóns, subliñou. “Os estaleiros públicos da Ría de Ferrol están a sufrir as consecuencias dos dictados de Bruxelas que os obrigou a operar case en exclusiva na construción naval militar”.

O Tax Lease non conleva competencia desleal
E en relación ao Tax Lease que afecta especialmente aos estaleiros da Ría de Vigo, salientou que a investigación iniciada pola Comisión Europea sobre o sistema de arrendamento fiscal “situou aos estaleiros privados ao borde do peche”. O BNG, enfatizou, “nega rotundamente que o Tax Lease conleve competencia desleal”. Así, lembrou que a realización de contratos con este sistema se iniciou no 2003, e “non se presentou ningunha denuncia até o pasado ano. Unha denuncia que só busca disputar cotas de mercado nun contexto de forte caída da demanda”.
Jorquera argumentou que na UE o imposto de sociedades non está armonizado e que distintos países europeos practican rexímenes fiscais beneficiosos para o seu naval, “onde está a competencia desleal?”. Explicou a situación de parálise pola que atravesan os estaleiros debido ao bloqueo ao Tax Lease. Agora mesmo a carteira de pedidos dos estaleiros privados redúcese a só sete unidades. “A consecuencia é que se perderon xa 3.500 postos de traballo nas auxiliares e outros tantos están suxeitos a ERE´s”. E reprochou que outros países se teñan feito coa cota do mercado dos estaleiros galegos.
Por iso, afirmou, “é urxente que a Comisión Europea autorice un novo sistema de arrendamento fiscal mentras non se resolva o procedemento”.

Navantia
No que atinxe aos estaleiros públicos, Jorquera tamén describiu a crítica situación pola que atravesan: “a súa carteira de traballo está practicamente esgotada, e se non hai novos encargos perigarán os 5.600 postos de traballo dos estaleiros e das auxiliares”. Nos últimos meses, enfatizou, destruíronse 700 empregos.
Criticou a prohibición que pesa sobre o estaleiro de Fene de construir buques, porque “restrinxir a actividade á construción naval militar significa depender da contratación pública, moi limitada polos drásticos recortes”.
Explicou que fronte ás costas galegas pasa un dos corredores marítimos internacionais máis importantes, e os “estaleiros da Ría de Ferrol teñen unha posición xeográfica privilexiada para atraer ese mercado”. Pero iso exixe “investimentos como a construción dun dique flotante para reparar grandes buques”. E aludiu tamén á necesidade de superar as limitacións impostas pola UE.
Lembrou Jorquera que outros puntos da iniciativa do BNG coinciden cos dunha moción aprobada por unanimidade no pasado mes de xuño, e “o PP, durante a campaña electoral, comprometeuse a facer realidade o dique flotante se gañaba as elecións, demanda compartida polo conxunto da sociedade de Ferrolterra”.
“É hora, puntualizou, de que as promesas dean paso aos feitos”.

18 de feb. de 2012

Resposta directa: Os representantes do BNG apoian a veciñanza de Regoela

Xosé Manuel, Teresa e Isabel en Horta
O Grupo municipal reclamará o asfaltado e anchemento do camiño de Horta, a colocación urxente de dous puntos de luz e mais o acceso a internet en igualdade de condicións en Regoela
Cabanas.- A candidatura do BNG, cando solicitou o voto porta a porta, comprometeuse a achegarse aos problemas reais da veciñanza. E cumprimos cun paso máis, comezamos a sección de resposta directa.
Así, o Grupo Municipal recibiu no buzón municipal unha carta da veciñanza de Horta, Regoela, en que manifestan os veciños da zona que a pista de acceso "está toda estropeada, é moi estreita e de noite non se ve por cerca das casas. Veñen os ladrós e fan o que queren, queres pasear tes que ir ca linterna, tampouco temos wifi de internet".

Para o BNG esta é unha mostra máis de como o goberno local abandona os servizos básicos. Comprometemos dende aquí o apoio no Pleno ás demandas veciñais de Regoela a través das iniciativas necesarias.
Os edís nacionalistas reclamaron sempre como prioritario atender estas demandas: alumar as zonas habitadas, por motivos evidentes de seguridade, e reparar os viais municipais en mal estado.
Ademais, os edís do BNG trasladarán en vindeiras datas propostas concretas e moi necesarias para a zona, que xurdiron da conversa cos promotores da iniciativa.

9 de feb. de 2012

Sector naval: Os traballadores demandan carga de traballo aos estaleiros da Ría e emprego na Comarca

Os traballadores ao seu paso polo Areal
Cabanas.- O naval ferrolán invadiu hoxe A Coruña para defender o futuro do sector con máis de 5.000 manifiestantes que percorreron a cidade herculina. A protesta pechou a marcha a pé de tres días iniciada en Ferrol. O portavoz nacional do BNG tamén acudiu á manifestación.
Así mesmo deixaron nos Concellos de Fene e Pontedeume un escrito coas súas demandas que pasamos a transcribir e que os representantes municipais rexistrarán para o seu debate en Pleno.

"Ferrol, a 7 de febreiro de 2012
Dirixímonos a vostede para transmitirlle de primeira man cal é a situación pola que está atravesando a nosa empresa, pero antes queremos facerlle un breve resumen do que representa esta para os concellos nos que se asenta, cal é a súa incidencia na creación de emprego e na xeración de riqueza nas comarcas de FERROLTERRA – EUME – ORTEGAL .
Navantia é unha empresa de referencia non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional. Somos capaces de competir con outros estaleiros do mundo non só en prezo senón tamén en calidade e prazos de entrega. Proba delo é, por exemplo, o acordo asinado con Noruega para a construcción de 5 fragatas que supuxo case 10 anos de traballo e unha facturación de 1.100 millóns de €, onde competimos cós mellores estaleiros, sendo ata aquel momento o maior contrato de exportación militar de España.
No ano 2007 fomos quen de levarnos un dos maiores contratos internacionais de construcción de buques militares, impoñéndonos a estaleiros como o estadounidense (Gibbs and Cox) ou ó francés DCN. Trátase do acordo firmado con Australia para a construcción de 2 megabuques e o deseño de tres destructores, o cal significou un contrato de 1.300 millóns de €.
Os dous exemplos anteriores deben de ser suficientes para deixar claro que somos unha empresa que competimos cós mellores estaleiros do mundo, e en moitas ocasións os superamos.
Ademais de ser unha referencia a nivel mundial somos un piar fundamental da comarca. En Ferrolterra o naval representa o 40% dos empregos do sector industrial.
No ano 2011 en Navantia Fene-Ferrol traballamos unha media de 5.500 persoas entre a plantilla principal e a da Industria Auxiliar, e creáronse preto doutros 12.000 empregos, ou dito doutra maneira, unha plena ocupación dos estaleiros dan traballo a máis de 17.000 traballadores na comarca. No ano 2010 case o 3.5% do emprego de toda a provincia de A Coruña xerouse en Navantia e a súa producción supuxo o 3% do PIB da provincia.
Pero ó naval ferrolán se lle acaba o tempo. Ou se conseguen novos contratos con urxencia ou a partir do verán nos veremos inmersos na maior crise da nosa historia. 
A partir de entonces só nos quedaremos coa construcción do último buque para a armada australiana. Só no último medio ano xa se destruíron máis de 700 empregos na industria auxiliar e ao longo deste ano pódense perder máis de 1000 só na construcción naval, sen ter en conta o sector de Reparacións ou o de Turbinas, e a finais de ano podémonos atopa con talleres completamente pechados, unha situación nunca antes vivida en Navantia.
Non podemos esperar un día máis. É no ámbito político onde se teñen que tomar medidas ao respecto, a construcción do dique flotante daría ocupación case de inmediato precisamente ós centros que nos estamos quedando sen carga de traballo. 
Estamos a falar dunha obra que suporía unha ocupación para case que 1000 persoas durante máis de 2 anos e, unha vez construído, o mesmo permitiríanos entrar nun novo tipo de mercado de reparacións de buques ao que hoxe non podemos acceder por non dispor dunha infraestructura das características como a que estamos a demandar. 
Adecuar as nosas instalacións, ademais de servir para ser máis competitivos tamén na Área de Reparacións Fene-Ferrol, hoxe é unha prioridade que suporía poder aumentar o emprego no departamento de Carenas en máis de 600 persoas de maneira indefinida.
Ante a situación xeral de crise e o particular escenario no que nos atopamos os Centros de Navantia na Ría de Ferrol, e cando estamos a falar dunhas Comarcas desta Comunidade Autónoma onde o paro afecta a case que 20.000 persoas, ningún goberno pode situarse ó marxe nin permitirse o luxo de renunciar á creación de 600 postos de traballo.
Esiximos se cumpran os compromisos que a día de hoxe seguen pendentes de execución, entre os cales se atopa a construcción da 6ª fragata - (F 106) –, ou buque similar, para a Armada Española.
Reclamamos do Goberno Central unha maior implicación nas accións comerciais que está a realizar a empresa. Son uns contratos de semellantes contías económicas que sen o apoio do Goberno son difíciles de conseguir. Isto sábeno ben os países como Francia – onde o apoio de Sarkozy foi determinante no acordo para a construcción de 2 megabuques para Rusia-, ou Alemania que fixo o propio para quedar na fase final do concurso (lista corta) de cara á contratación do ALHD para Noruega.
Navantia ten que desenvolver tódalas súas capacidades produtivas sen ningún tipo de restricións políticas.
O futuro da empresa, a supervivencia dos estaleiros públicos da Ría de Ferrol e tamén o porvir económico da zona, dependen, e moito, de conquerir ou non o que estamos reivindicando, CARGA DE TRABALLO, XA.
Estas son as prioridades é a razón pola que nos diriximos a vostede, para , entre todos, propiciar que os gobernos, que son quen teñen obrigas políticas e capacidade económica para intervir, muden de actitude e resolvan favorablemente á difícil situación pola que estamos a pasar.
Agradecidos de antemán pola súa receptividade e boa disposición, xa por último,
SOLICITAMÓSLLE que:
1.- Transmita a seus concidadáns e institucións socias do seu ámbito.o motivo do noso paso polo seu Concello.
2.- Xunto á Corporación que preside, acorden e transmitan á Xunta de Galicia e a o Goberno de España resolución de apoio a nosas inquedanzas, para que se dote de carga de traballo de xeito inmediato aos estaleiros da Ría e así poder manter e mellorar o nivel de emprego na Comarca.
Sen outro particular, reciba un cordial saúdo.
Atentamente,
Fernando Sinde Alonso                                                      Jorge Prieto Ulfe
Presidente.Comité Empresa Navantia Ferrol Presidente.Comité Empresa Navantia Fene"