29 de xuño de 2010

O PP non contesta vinte e tres preguntas escritas do BNG presentadas fai un mes

O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Sardiña, sinala que o PP salta sistematicamente as regras democráticas e limita os dereitos dos concelleiros

No Pleno Ordinario de 26 de maio o Grupo Municipal do BNG presentou un total de 23 preguntas por escrito que deberían ser contestadas no último punto da orde do día. Non obstante, a tensión creada polo alcalde nos veciños ao impedirlles falar do proxecto da N-651, debatido ás 12 da medianoite, levou ao voceiro do BNG  a axilizar a contestación por vía escrita das cuestións e así acelerar o remate do Pleno para que os veciños, xa cansos e incomodados pola actitude totalitaria do PP, expuxesen xa fóra da orde do día o seu parecer.
O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Sardiña, lamentou que malia á relevancia das cuestións presentadas,  o PP  conxele sine die a súa contestación. O BNG quere suliñar que se evidencia unha vez máis o desprezo do bipartito PP-AEC polos dereitos básicos dos representantes veciñais e a situación resulta máis grave se cabe, posto que "o goberno local xa acumula tres meses sen responder oficialmente as preguntas da oposición", apuntou o voceiro nacionalista.

O POL e o PXOM
Deste xeito, entre os distintos temas preguntados, evítase render contas diante da Corporación sobre  asuntos tan importantes como o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e as afeccións xa recoñecidas polos informes do técnico municipal e mais polos redactores do Plan Xeral de Ordenación Municipal. 
Neste sentido, tal e como puideron confirmar os concelleiros do BNG na reunión celebrada a semana pasada, o equipo redactor do Plan terá que reformular os traballos presentados á Corporación polos cambios no ordenamento urbanístico autonómico aprobados polo PP e o PSOE no Parlamento de Galiza. A estas mudanzas sumaráselles antes de fin de ano o POL e, en consecuencia, producirase un  atraso importante nos prazos establecidos para presentarlle á Xunta a aprobación inicial do PXOM. Así o aseguraron representates da empresa contratada en Nadal de 2008, a Unión Temporal de Empresas formada por DVega Arquitectura Territorio Medio Ambiente SL e Proyestegal SL, que ten establecido no contrato por 150.000 euros un prazo de dous anos para realizar o traballo.
Para o BNG a responsabilidade desta parálise do PXOM atópase nos graves erros de xestión da coalición PP-AEC nesta lexislatura. Os grupos do goberno local converteron un PXOM "urxente", segundo os respectivos programas electorais, nun "PXOM mediático e virtual" que agora se complicou co goberno de Núñez Feijoo.
Malia ás múltiples preguntas e iniciativas sobre este asunto presentadas polo BNG, a coalición PP-AEC dedicou poucos recursos para fomentar a  participación da cidadanía e ningún tempo en elaborar un PXOM de consenso. Así, "o bipartito PP-AEC vai fracasar na principal promesa de aprobalo antes das eleccións de 2011 e consencuentemente comprometer gravemente o progreso local", concluíu Xosé Manuel Sardiña.

24 de xuño de 2010

O BNG apoia as melloras para a humanización da N-651

Saen adiante as propostas de mellora do proxecto de humanización da N-651 co voto en contra do PP

Onte, fóra do prazo legal por decisión do alcalde, tivo lugar o Pleno extraordinario solicitado polo BNG o pasado 4 de xuño. Na sesión plenaria tratouse como punto primeiro a moción presentada pola Comisión Veciñal da N-651, que foi asinada polos Grupos municipais do BNG e Mixto o pasado 19 de maio. Esta proposta, non asinada polos grupos que forman o bipartito local PP-AEC, non puido ser tratada no Pleno da Corporación ata o día de onte porque durante dous plenos consecutivos o actual  alcalde impedíu a súa exposicióna con actitudes obstruccionistas.
O BNG amosouse satisfeito pola aprobación tanto da moción proposta pola Comisión Veciñal da N-651 como pola emenda presentada antes do Pleno. Nesta iniciativa reclámase manter o aparcadoiro ou melloralo no Areal, en Cardeita, no Gaiteiro en Laraxe, no Peón e no Pereiro,darlles acceso a todos os camiños municipais á N-651, respectar as paradas de taxi, ampliar a beirarrúa e mais colocar unha viseira para a choiva na ponte do Eume, ampliar as beirarrúas á Torre de Porto e entre o Gaiteiro e o Peón, estudar solucións específicas para o acceso á Deza e Os Verxeles rebaixar a altura do firme da calzada en Laraxe.
Sobre a división de voto do goberno local, que propiciou a aprobación da totalidade das propostas, o BNG considéraa unha evidencia máis da soidade do PP cando quere impoñer as súas propostas de maneira unilateral, sen diálogo nin consenso cos veciños e cos grupos políticos da Corporación.
O BNG agarda que as propostas do Pleno da Coporarción sexan atendidas pola Demarcación e que se procure aforrar en construcións e expropiacións suplerfuas co fin de acelerar a execución do proxecto de humanización da N-651 e conseguir a ansiada mellora da estrada estatal ao seu paso polos núcleos urbanos de Cabanas.

17 de xuño de 2010

Sardiña demanda protección para o cruceiro do Areal

A reunión da Xunta de Portavoces de onte consensuou a realización dun estudo para repoñer o cruceiro do Areal na praza onde se localizou dende hai case 100 anos
As intencións de cambiar o cruceiro do Areal para o Oito que formulou o alcalde da localidade e mais o Grupo Mixto (PSOE e IVC) atoparonse cunha proposta diferente dende o BNG e o concelleiro de Turismo Luis Fachal.
Luis Fachal, da Agrupación de Electores de Cabanas, avanzou a realización dunha consulta popular e ofrecer tres opcións de localización: Rotonda de entrada, na praza do Areal e no Oito. A seguir, decantouse por localizar o cruceiro na praza do Areal, pero máis centrado co fin de facilitar o tránsito dos vehículos.
Inda que o PP se decantou por boca do alcalde claramente pola opción do Oito, ao igual que o Grupo Mixto, achegou outra alternativa no parque de Ares -na entrada do concello-.
Na reunión fóronse descartando as propostas da rotonda da entrada e do parque de Ares pola vixilancia deficiente da zona e pola previsible afección do saleiro á pedra. Tamén a opción do Oito foi decaendo pola falta de Plan Xeral de Ordenación Municipal e pola complicada adquisición dos terreos privados do antigo campo da feira. A estas razóns sumoulle o BNG o pouco tránsito de persoas e mesmo a inseguridade do descampado polas noites.
Esgotadas as propostas para colocar o Ben Cultural, o voceiro do BNG apostou "pola localización na mesma praza ao haber un tránsito continuo de xente e ter uns compañeiros-vixilantes anónimos, a quen lles hai que agradecer que seguise aí tanto tempo". Non obstante, Xosé Manuel Sardiña considera conveniente que se sitúe a cruz "nunha marxe da praza, apartada e protexida do tránsito de vehículos que tantos danos lle causou nos últimos anos".
Ao entender do portavoz do BNG, "o Areal non entendería un cambio para outro lugar nin tampouco que o Concello o teña gardado indefinidamente, hai que presentar unha proposta razoada para que a xente poida gozar da presenza do cruceiro na mesma praza canto antes".

15 de xuño de 2010

O BNG informa sobre a situación das retribucións dos órganos de goberno local

Os gastos dos órganos de goberno do Concello de Cabanas mudaron substancialmente co pacto de coalición entre o Partido Popular de Germán Castrillón e a Agrupación de Electores de Cabanas de José Rey.
Deste xeito, o primeiro paso para modificar as retribucións do grupo de programas 912 da contabilidade municipal deuse no Pleno da Corporación de 9 de xullo de 2007 e tivo como única oposición aos concelleiros do BNG que se opuxeron á evidente dobre moral que aplicaba o PP en connivencia coa AEC do ex-socialista José Rey. Na primeira modificación de crédito empregaron PP e AEC unha parte importante do remanente de tesourería para pagar catro dedicacións parciais (na actualidade quedaron en tres despois da renuncia do delegado de Turismo) e consolidaron as ampliacións de gasto en sucesivos orzamentos, mentres que as subvencións a asociacións e grupos políticos ficaron practicamente estancadas.
Un resumo do Pleno de 2007 coas retribucións, as votacións e as opinións do BNG atópase nesta entrada. Resulta salientable a denuncia do saco sen fondo que ían representar as Xuntas de Delegados a 150 € para os concelleiros sen dedicacións parciais. O voceiro do BNG denunciou no seu día esta burla á Corporación posto que son reunións que se celebran en horario laboral na Casa do Concello sen control nin fiscalización por parte da oposición. 
Os números son evidentes e demoledores en canto ás desiguladades no exercicio da  función política. Mentres cinco concelleiros da oposición reciben en total 9900 €/ano aproximadamente, os seis concelleiros do bipartito PP-AEC representan un gasto de 135.600 €/ano (case 14 veces máis).

Cambios nos orzamentos de 2007 a 2010
2007, gastos dos órganos de goberno (Orzamento total 2.330.537 €):
26.000 € asistencias a órganos colexiados
2.000 € Axudas de custo
2.000 € locomoción
5.700 € Grupos políticos
TOTAL 35.700 €
Outros gastos
2.000 € Atencións protocolarias da alcaldía
9.000 € Xurídicos e contenciosos
12.000 € Subvencións a asociacións sen ánimo de lucro

2010, gastos dos órganos de goberno (Orzamento total 3.063.965 €):
53.900 € Gastos de persoal (3 dedicacións parciais)
18.500 € Seguridade Social (3 dedicacións parciais)
34.0000 € asistencias a órganos colexiados
500 € seguros
4.000 € Axudas de custo
2.000 € locomoción
5.700 € Grupos políticos
TOTAL 118.600 €

Outros gastos
27.200 e 5000 € Empresa protocolo e outros gastos de asistencia alcaldía
3.500 € Atencións protocolarias da alcaldía
24.000 € Xurídicos e contenciosos
15.000 € Subvencións a asociacións sen ánimo de lucro

11 de xuño de 2010

O BNG prevé unha mellora cualitativa co novo pintado da N-651

Hoxe tivo lugar na Coruña unha reunión entre representantes da Corporación municipal e representantes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para estudar as últimas cuestións relacionadas co pintado da N-651 pendentes aínda dunha decisión definitiva.
O BNG, a través do seu portavoz municipal, Xosé Manuel Sardiña, valora positivamente a boa disposición e receptividade dos responsables do Ministerio de Fomento ás demandas veciñais que se verán atendidas case nun 90% dos casos. Ao entender do BNG, no cambio da situación influíu decisivamente o traballo e o diálogo practicado por veciños, grupos políticos e Ministerio de Fomento. Para o BNG foron fundamentais as novas tecnoloxías para achegar todas as queixas veciñais sen cortapisas a todos os estamentos, e concretamente o mapa electrónico achegado polos veciños perfectamente documentado e sinalizado.
Avances relevantes
As principais reivindicacións están a ser recollidas e, deste xeito, varios camiños municipais conservarán a liña descontinua para acceso, conseguiuse un paso de peóns para Cardeita (e quedan pendentes no Areal, A Torre de Porto, en Pedreiras, na Igrexa de Laraxe e no Pereiro), vaise anchear o arcén onde sexa posible e manteranse as zonas de aparcamento. Así mesmo, consolidarase a seguridade vial e a mobilidade dos veciños con refuxios en distintos puntos e coa supresión dun carril dende Cardeita ata a Escola Laica, na entrada de Pedreiras, dende A Torre de Laraxe ata O Peón e na saída do Pereiro de Baixo.
Cuestións específicas
Tamén haberá unha solución específica para a saída cara a Ferrol do camiño de Limodre (O Peón) e só queda pendente de solución o xiro ao Pereiro de Baixo -rodeado polo enlace do polígono- (desde Pontedeume hai que dar a volta a Fene para acceder ás vivendas).

7 de xuño de 2010

Pleno extraordinario sobre servizos sociais, tributos de obras e ordenanza de tráfico

Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación de mañá 8 de xuño ás 18.00 h no salón de sesións da Casa do Concello tratarase os seguintes asuntos:
1. Modificación regulamento servizo axuda no fogar
2. Modificación taxa servizo axuda no fogar
3. Derrogación taxa prestación servizo comedor sobre rodas
4. Prezo público prestación servizo Punto Atención à Infancia
5. Aprobación definitiva modificación ordenanza municipal trafico
6. Modificación imposto sobre construccións, instalacións e obras
7. Modificación taxa por licenzas urbanísticas





4 de xuño de 2010

O BNG informa sobre o proxecto da N-651

No pasado Pleno da Corporación, a coalición PP-AEC aprobou en solitario o proxecto de humanización da N-651 sen que "a veciñanza estivese suficientemente informada", tal e como constata o voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Sardiña, quen considera as charlas que realizaron PP e AEC en Cabanas e Laraxe un teatriño que deixou desinformados tanto á grande maioría da poboación como aos negocios afectados.
O escurantismo do goberno local á hora de aprobar un proxecto de humanización e mellora da N-651 que levaba seis meses nos caixóns do rexedor, Germán Castrillón, desmente con feitos as súas declaracións de falsa vontade. "Non é ético estar facendo unha cousa e predicando a contraria", considera o portavoz do BNG, que cre que "a esquizofrenia política do alcalde está motivada por deformación profesional".
Este é o proxecto de boulevar aprobado por PP e AEC o pasado mércores 26 de maio:

Boulevar N-651

Este blog abre un Foro de opinión sobre este proxecto.

3 de xuño de 2010

O BNG ve á coalición PP-AEC entregada á Xunta no Plan de Ordenación do Litoral

A moción do BNG que apostaba polo rexeitamento do Plan de Ordenación do Litoral (POL) foi rexeitada polos votos do PP e da Agrupación de Electores no pasado Pleno de 26 de maio.
Dende as bancadas do goberno non houbo crítica ningunha a un documento que afecta de xeito importante ao urbanismo de Cabanas e que será vinculante na redacción do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neste asunto, o portavoz do BNG apostou pola información pública dun proxecto que ocultou o goberno local ao non explicárllelo aos veciños nin aos grupos da oposición.
Tamén lamentou o portavoz nacionalista que nin o Pleno -onde están as competencias urbanísticas-, nin a Xunta de Goberno Local nin o propio alcalde adoptasen resolución oficial ningunha sobre o documento urbanístico elaborado desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Esta situación é responsabilidade exclusiva de Germán Castrillón que trasladou a través de oficio as súas observacións persoais, nunca en representación dun órgano de goberno municipal. Ao entender do portavoz nacionalista, Xosé Manuel Sardiña, esta acción personalista evidencia a falta de confianza do alcalde, Germán Castrillón, nos seus socios da AEC e nos propios concelleiros populares. "Hai que defender os intereses xerais de Cabanas presentando alegacións a un documento non adaptado á realidade local en vez de renunciar por partidismo tal e como fai Germán Castrillón".