27 de set. de 2009

O BNG denuncia a parsimonia da xestión do PP e os tramos da taxa para persoas dependentes

A publicación da taxa polo servizo de axuda no fogar tardou nada menos que tres meses dende o 25 de xuño que fora aprobada no Pleno, todo un exemplo na xestión da área da concelleira retribuída con 750 €/mes, Concepción Bouza. Non lle debe importar moito o que pagan de máis este ano as persoas dependentes polo abandono das súas responsabilidades en Servizos Sociais.
O BNG denuncia o abandono e desinterese pola aplicación da taxa do servizo de axuda no fogar por parte da concelleira do PP, que mesmo negou diferenzas coa proposta do BNG. O alcalde conséntelle todo malia ás graves manifestacións que está a facer nos Plenos sobre persoas dependentes non a cesou malia ás evidencias postas de manifesto polo BNG.
Tamén quere o BNG facer públicas as diferenzas entre a proposta popular e a do Bloque nas que queda en evidencia o sistema recadatorio máis gravoso para as rendas baixas e favorable á baixa porcentaxe de recadación sobre os que máis poden:
PROPOSTA DO BNG (Novembro 2008)

RENDAS PERSOAIS

% DO CUSTO HORA A PAGAR

Capacidade económica inferior/igual o 100% do IPREM

Exentas

Capacidade econ. superior ao 100% ata 200% do IPREM

6%

Capacidade " " ao 200% ata o 300% do IPREM

20%

Capacidade " " ao 300% ata o 350% do IPREM

30%

Capacidade " " ao 350% ata o 400% do IPREM

40%

Capacidade " " ao 400% ata o 450% do IPREM

50%

Capacidade " " ao 450% ata o 500% do IPREM

60%

Capacidade " " ao 500% ata o 550% do IPREM

75%

Capacidade " " ao 550% ata o 600% do IPREM

80%

Capacidade maior ao 600% do IPREM

90%


PROPOSTA DO PP (Xuño 2009)
Persoas usuarias de acceso directo por Dependencia.

RENDAS PERSOAIS

% DO CUSTO HORA A PAGAR

Capacidade económica inferior/igual o 100% do IPREM

Exentas

Capacidade econ. superior ao 100% ata o 150% do IPREM

10 %

Capacidade " " ao 150% ata o 200% do IPREM

15%

Capacidade " " ao 200% ata o 300% do IPREM

20%

Capacidade " " ao 300 % ata o 350% do IPREM

30%

Capacidade " " ao 350 % ata o 450% do IPREM

40%

Capacidade " " ao 450% ata o 500% do IPREM

60%

Capacidade " " ao 500% do IPREM

65%

26 de set. de 2009

Pleno Ordinario de setembro de 2009 o vindeiro mércores

Este mércores hai pleno da corporación a partir das 19.30 h na Casa do Concello. Trataranse en total 14 puntos da orde do día.

Deste xeito, a corporación abordará os puntos de rogos e preguntas e os informes da presidencia. En temas xerais debaterá sobre a Conta Xeral de 2008, as festas locais para 2010, a adquisición dunha parcela para Punto Limpo, unha proposta para o programa de mellora turística do Eume e a solicitude de concello turístico. O Grupo Municipal mixto presenta dúas mocións sobre tratamento dos voluminosos e mais limpeza da Madalena.

O Grupo Municipal do BNG presenta catro propostas sobre asuntos como a recollida de trastes voluminosos, información sobre o bono social eléctrico, actuación municipal fronte á gripe A e melloras de financiamento dos concellos.

20 de set. de 2009

O BNG destapa a parálise do Punto Limpo de Vilar do Colo

O Punto Limpo proposto hai 5 anos polo BNG está sen presuposto e sen proxecto de construción
En setembro de 2004, Alicia Martínez, concelleira nacionalista de Fene, impulsou a creación dun Punto Limpo para os concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas e convidou a que se realizase un proxecto conxunto co fin de optimizar a xestión económica nunha infraestrutura común, nunha localización idónea para que os particulares dos catro concellos gozasen do servizo. Segundo a concelleira do Bloque, no recinto os veciños poderían depositar escombros de pequenas obras, mobles vellos e outros residuos non orgánicos. Alicia Fernández, daquela concelleira de Servizos en Fene, explicou que as obras serían financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, pero os municipios deberían achegar os terreos.
Deste xeito, o primeiro paso de buscar no polígono de Vilar do Colo unha parcela e negociar a súa compra coa Sepes quedou previsto antes das eleccións de 2007.
O avanzado das xestións en 2007, encabezadas en todo momento polo BNG, levou aos novos alcaldes electos nese ano, Iván Puentes (PSOE) e Germán Permuy (PP), a lanzar foguetes e apostar pola breve e inmediata construción dun Punto Limpo en Vilar do Colo.
16/11/2007. La Opinión. El Ayuntamiento de Cabanas pretende sacar a concurso en breve el contrato para la construcción de un punto limpio de recogida de residuos que compartirá con el vecino Ayuntamiento de Fene. Así lo indicó ayer el alcalde, Germán Castrillón, quien se mostró convencido de que esta instalación contribuirá decisivamente a la eliminación de los vertederos incontrolados que hay en el municipio y en la comarca.
22/01/2008. Fenecidadán. Un dos aspectos tratados na xuntanza ten que ver coa inminente construción do Punto Limpo, que unha vez realizada será xestionado polos Concellos de Fene e Cabanas.
Estas inminencias contrastan co lento remate da primeira faena, levoulles dous anos aos alcaldes socialista e popular concretar o prezo e a compra dunha parcela xa apalabrada polos seus antecesores.
O segundo paso, o financiamento da Consellería de Medio Ambiente, onde gobernou o PP, logo o PSOE e agora outra vez o PP, tamén tivo no sono dos xustos unha infraestutura fundamental para afrontar o cesamento de recollida de trastes. O parón da recollida polo que se laia o alcalde socialista colleu desprevidos aos concellos e polo que se comproba en 2009 pouco fixeron para evitar a situación actual en que SOGAMA abandona a recollida de mobles.
De feito, unha pregunta parlamentaria do BNG, presentada por Isabel Sánchez Montenegro, desvela que o proxecto non está redactado e os concellos de Cabanas e Fene non achegaron aínda a documentación necesaria para poder seguir a tramitación. De prazos de construción e outros detalles de momento nada de nada porque os alcaldes nos teñen practicamente ao comezo do segundo pasiño.
A chegada do PP e do PSOE a Fene e Cabanas, tal e como se constata, freou un proxecto enfocado polo BNG xa na lexislatura anterior (2003-2007) e que a día de hoxe inda lle queda camiño por andar. Malia ós foguetes de Castrillón e Iván Puentes que daban por construído o Punto Limpo a comezos da actual lexislatura, a realidade volveuse turrona e os anuncios propagandísticos duns rexedores locais xa descontados convertéronse en papel mollado unha e outra vez.
Segundo o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, "unha verdadeira prioridade para a cidadanía da comarca e para o BNG está atrancada pola ineficacia e desleixo de PP e PSOE", outro caso máis que debe facer reflexionar á xente, "Cabanas debe coller un novo impulso se non quere ficar na máis absoluta mediocridade", concluíu.

18 de set. de 2009

O BNG critica que o derrubo do Penso se converta nun festival de ingresos

Despois de deixar en evidencia o abandono dos deberes legais da alcaldía en canto á publicación da empresa adxudicataria e a contía da redacción do proxecto de derrubo da segunda fase e a licitación do proxecto para executar a sentenza xudicial da primeira fase do edificio dende o 31 de xullo. Logo de saír a información, o concello puxo os pregos para que poidan concorrer as empresas que así o desexen para a redacción do proxecto de derrubo da primeira fase e completou a información que faltaba sen moito apuro.
Pero, agora o BNG tamén quere poñer de manifesto o festival de ingresos que vai levar o actual concelleiro delegado de obras, José C. Rey. O primeiro tenente de alcalde dende hai 27 anos, exalcalde polo seu voto durante case oito meses, expulsado do PSOE e tránsfuga apoiado polo PP dende novembro de 2006 resulta ser o político que máis ingresa polos procesos de adxudicación relacionados co Penso que están en curso.
Deste xeito, os ingresos pódense achegar ás antigas 300.000 pesetas que o primeiro tenente de alcalde da Agrupación de Electores recibiría por asistir a Xuntas de Goberno Local e mesas de contratación en que se trate ou vaia tratar o asunto do derrubo do Penso 1ª e 2ª fase. Dáse o agravante de que D. José C. Rey era o concelleiro de Urbanismo cando se concederan as licenzas para construír os edificios sentenciados como ilegais pola xustiza. Pero, recentemente, D. Germán Castrillón Permuy recoñeceu que se perderon todos os expedientes de obras da época desas construcións. Unha escusa máis que misteriosa que amosa ben ás claras pactos secretos entre PP e José Rey que danan os intereses xerais de Cabanas.
O BNG quere deixar constancia da dobre vara de medir do Partido Popular. Mentres este partido estaba na oposición solicitou ata a extenuación durante unha década que os responsables da ilegalidade o Penso pagaran do seu peto o derrubo, agora no goberno concédelle por decreto unha gratificación extraordinaria precisamente ao representante político que naquela época era o máximo responsable de Urbanismo.
En época de crise, e a pesar das promesas do Partido Popular de que os derrubos non serían gravosos para os veciños, estas case 300.000 pesetas de antes son unha afrenta a un pobo canso dun PP e dunha Agrupación de Electores inmersos no nepotismo e na barbarie política do todo vale.

12 de set. de 2009

O Punto de Atención Infantil das Viñas do PP-AEC empantanado por un proxecto deficiente

O Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello de Cabanas empezou cun duro traspés. Un informe previo da Consellería de Traballo e Benestar cuestiona a viabilidade do proxecto presentado para o Plan E do Estado e dotado cun presuposto de 103.252,67 €. O goberno local chegou a improvisar de xeito irresponsable co cambio de lugar das actividades que se desenvolvían nas Viñas cando aínda non tiña adxudicada a dirección de obra, concretamente o alcalde adxudicouna aínda o 10 de xuño, ao remate das actividades culturais e deportivas. Logo, un conflito polos honorarios profesionais da dirección facultativa de obra acabou en denuncia posto que a aceptación da adxudicación "puede ser considerado una oferta con valores anormales o desproporcionados" en relación ás cantidades establecidas polo Colexios Oficiais de Arquitectos e Aparelladores. En consecuencia, o redactor do proxecto solicitaba en xullo duplicar os honorarios profesionais de 4.130,1 € ata 9.427,90 €.
Pero o motivo oculto polo que non comeza a funcionar o PAI neste curso desvélao agora o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez, quen confirma que o proxecto aprobado por PP-AEC para o Plan E incumpre varios requisitos para iniciar a actividade (Decreto 329/2005) e adoece de deficiencias na seguridade, na accesibilidade e na eliminación de barreiras. Todo isto recolle un informe demoledor do 7 de xullo de 2009 que evidencia a chafallada presentada para o Fondo Estatal de Investimento Local, que ten de prazo de entrega o 31 de decembro.


O alcalde, Castrillón Permuy, eludiu contestarlle ao BNG sobre o inicio do servizo e o sistema de xestión do centro de infantil, que apenas vai achegar 20 prazas para nenos de 0 a 3 anos, nun lugar con dificultades para o acceso e evacuación do tráfico rodado.


Ademais, o departamento da popular Beatriz Mato advirte que se deben cumprir as demais disposicións de aplicación e para iniciar as actividades ha de ter a autorización administrativa previa da Comunidade Autónoma (Decreto 143/2007).

10 de set. de 2009

Aglomerados para o rally en Santa Cruz do Salto

Achégannos unha nova queixa relacionada coas actuacións do goberno PP-AEC a través de ENVÍANOS SUXESTIÓNS. Nesta ocasión, a obra de aglomerado da encrucelada do Feal ata O Cotiño recibe as críticas veciñais.
Os veciños da zona quéixansenos do estreitamento da calzada e o incremento das cunetas de terra. O aforro en aglomerado foi moi evidente ao longo do percorrido e tivo un tratamento excepcional para o aglomerado integral do rueiro do Cotiño onde "xa se pode celebrar a verbena o próximo ano", segundo explican fontes veciñais.
Pola contra, uns metros máis adiante persiste o mal estado da calzada creada polos camións de obra do gasoduto de Reganosa. O goberno local inda non lle deu solución a este treito pese ás demandas reiteradas do BNG.
A isto súmaselle as queixas contra a ampliación da iluminación pública, xa que os postes quedaron colocados no medio dos ramallos, que obstaculizan a correcta proxección da luz sobre as vivendas e o propio camiño.

9 de set. de 2009

O PP converte Cabanas nun lugar sen lei

Depósito de chapapote nun monte de Laraxe (Cabanas)
As preocupacións do alcalde de Cabanas rematan no mal levado derrubo do Penso, que parece ocupar a meirande parte do seu tempo. Así o recoñece na terceira parte (3'10") da entrevista para IPNarón.tv (parte 1, 2 e 3), claro é que as multas que vén recibindo por incumprir as sentenzas preocúpano persoalmente.

Pero o urbanismo non é un punto forte do PP, que acaba demostrando un desleixo absoluto na protección da legalidade en casos tan evidentes como os que nos achegaron ao noso correo electrónico ou que xa foron publicados en medios de comunicación.

1) A sociedade AETNA acaba de denunciar publicamente o carrexo de máis dun millón de toneladas de piche holandés a un monte da parroquia de Laraxe.

2) O blog Pontedeume saca á luz unha construción de dubidosa legalidade na costa de Chamoso, en terreos afectados pola lei de protección do litoral.

3) O Valedor do Pobo advirte da pouca vixilancia da legalidade urbanística en Cabanas.

4) O Consello de Contas detecta deficiencias na xestión da protección da legalidade que non se arranxan pese a demandar a institución de Galiza a creación de postos de funcionario (véxase a aprobación da RPT e do cadro para 2009).

5) Mesmo a inactividade do alcalde "autoriza" a impunidade na apropiación do dominio público.
QUO VADIS PP?

7 de set. de 2009

O cabanés Constantino López honrado como vítima da ditadura franquista polo Estado

A súa sobriña, María Teresa López, recibiu a remates de agosto unha comunicación do Ministerio de Justicia que contén a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal para o seu tío Constantino López Marcos, que foi asasinado durante o réxime franquista sen cometer delito ningún. Segundo o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Manuel Monge, María Teresa “é a primeira galega que recibe este recoñecemento” por parte do Gobierno central.
Tras varios meses de espera, María Teresa López, que comenzou os trámites en xaneiro deste ano, recibiu fai pocas semanas o que ela considera unha solicitude de perdón do Estado a unha familia que perdeu un membro fai 62 años. O escrito do ministerio declara que “habiendo quedado acreditado que Constantino López Marcos padeció persecución y violencia por razones políticas e ideológicas, falleciendo en defensa de los valores democráticos en Cabanas [...], tiene derecho a obtener la reparación moral que contempla la Ley 52/2007, de 26 de diciembre, mediante la cual la Democracia española honra a quienes injustamente padecieron persecuión o violencia durante la Guerra Civil y la Dictadura”.
Enlace dos escapados
Constantino López era viúvo sen fillos de 35 anos de Cabanas e non estaba ligado a ningún partido político. Segundo conta a súa sobriña, cando volvía dunha verbena “separárono” do grupo e levárono con outro amigo, Pedro do Lombo (carpinteiro e veciño de Taboada-Pontedeume). Despois de recibiren aviso dos compañeiros, as familias dos paseados estiveron buscando por todos os sitios desde o 18 de agosto ata o 12 de nadal do 1947 e ao fin atoparon os corpos de Constantino e Pedro abaixo do muíño de Agustín de Soaserra, nas Fragas do Eume, foran torturados e asasinados. O único delito de seu tío foi ser “o enlace dos escapados que estaban no Eume”.

5 de set. de 2009

O BNG esixiulle ao alcalde o cese da delegada popular de Servizos Sociais

O BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Pérez, solicitoulle ao alcalde, no Pleno de xullo, que asuma as súas responsabilidades e cese á concelleira-delegada de Servizos Sociais á vista da evidente inoperancia e da gravidade das manifestacións que realizou na sesión de 25 de xuño.
Considera o portavoz do Bloque que tramitar cun atraso de oito meses a modificación da Ordenanza de Axuda no Fogar representa un abandono evidente das súas funcións e causou un desembolso económico evitable ás familias das persoas dependentes de Cabanas en tempos de crise.
A delegada de Servizos Sociais non só atrasou inxustificadamente a modificación de taxas sociais, senón que o caso dun expediente para dependencia tomou unha nova dimensión ao desvelar ela nesa sesión que a Xunta tiña os expedientes por duplicado. Deste xeito, a concelleira delegada recoñece que perdeu a documentación da primeira solicitude e obrigou á familia do dependente a reiterala innecesariamente.
O deber da Sra. concelleira Concepción Bouza é garantir a conservación do primeiro expediente para que a familia solicitante poidese localizar no concello a documentación presentada na administración autonómica e non repetir, coma nesta ocasión, as xestións administrativas. Un claro caso de incompetencia e nefasta xestión que a propia responsable popular empeora aínda máis ao manifestar que "sabe todo o pobo" o caso ou mesmo referirse á familia como "os seus acólitos". O deber legal da concelleira do Partido Popular exixe a reserva sobre datos persoais que "utiliza luxadamente no ámbito político para eludir as súas responsabilidades", segundo o representante do BNG.
A desvergonza da representante de dereitas chegou máis aló, nun exercicio de pavoneo antidemocrático, ao recomendarlle ao portavoz municipal que "se informara e non o fixo" e "procurou esperar a contestarlle para que vexa que queda máis en ridículo". En opinión do representante do BNG "evita á mala fe o seu deber de render contas á Corporación para ocultar a xestión política trapalleira da área de Servizos Sociais", "unha xestión máis preocupada polas persoas mortas ca en atender as necesidades sociais das vivas" concluíu.
O portavoz do Bloque entende que "os asuntos sociais requiren responsabilidade, non son de difusión pública como manifesta a concelleira delegada, Concepción Bouza, e o alcalde debe cesala se non quere ser cómplice deste atropelo aos dereitos da cidadanía".