30 de nov. de 2008

Hai que construír barcos outra vez en Astano

A raíz dunha pregunta de Francisco Jorquera o presidente Zapatero manifestou no Congreso o seu compromiso de levar á Unión Europea a construcción de barcos en Astano e o BNG vai traballar intensamente estes días para vixilar que este compromiso se cumpra.
A crise demostra o fracaso da economía especulativa e o rexurdir da economía produtiva pola que apostou sempre o BNG. Mentres o Goberno central apoia operacións para a venda de Repsol ou para a compra de Fenosa por parte de Gas Natural, en Galiza temos Astano ociosa por limitacións impostas polo Estado. Hai que reclamarlle a Madrid que nos deixen facer barcos para que o empresariado galego poida crear industria competitiva a nivel mundial e postos de traballo para a xente do país.
Máis en QuinTV

29 de nov. de 2008

Sobre O Penso e outros

Xosé Carbón Anca
O alcalde confunde a incapacidade económica municipal para afrontar os custos do derrubo do Penso coa incapacidade de dúas formacións políticas coaligadas sobre un goberno sen programa e só sustentadas sobre comenencias persoais. Debe saber o pobo de Cabanas que a coalición de goberno abandonou a defensa xurídica no asunto de O Penso e entregouse a derrubar o edificio cargándolle o carro dos impostos ós veciños, imcumprindo as súas promesas electorais.

Pódese chamar a esta xestión fraudulenta porque enganou ao pobo cando subiu en 2008 un 40% a contribución sen solicitarlle axuda a ninguén, pódese dicir fraudulenta porque lles oculta aos grupos da oposición, que logo critica, as medidas que está a adoptar en relación a este asunto e pódese dicir fraudulenta porque engana tamén á xustiza e á Xunta. Non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo e esta maneira de actuar vaille pasar como nunca factura ao Concello, que somos todos.

A deficiente xestión do Partido Popular e do tránsfuga ex-socialista converteu a contratación do Plan Xeral nun culebrón. Dous anos de parálise imposta pola política de PP e de AEC quitáronlle efectividade ao Plan que perde calidade ao reducirlle o presuposto para xogar na terceira división.

A falta de responsabilidade do Partido Popular e da Agrupación de Electores terá graves consecuencias sobre todos e todas. Non lle boten a culpa a herdanzas ben coñecidas e solucionables cunha xestión eficiente arredada do despilfarro en iluminación pública, en churrascadas, en comelladas e en Casas do Concello VIP. O pobo quéreno manter anestesiado uns cirurxiáns que non valen para operar e que van deixar eivada a Casa do Concello.
Nova relacionada: La Opinión.

28 de nov. de 2008

Catastrazo cando non fai falta

Teresa García Pita

Este ano, a coalición de goberno PP-AEC tomou a peor medida que se podía ter aprobado cunha recesión económica mundial ás portas: a actualización xeral dos valores catastrais. Esta iniciativa representa, como ben comentou no Pleno o meu compañeiro, Xosé Manuel Pérez Sardiña, unha inxustiza contra as clases sociais máis desfavorecidas.

A min gustaríame desde estas liñas informar, o contrario do que fixo o PP ata onte. Coido que xustificarse en bulos ou en calumnias para realizar unha revisión xeral dos valores catastrais evidencia o tipo de persoas que gobernan hoxe os destinos do Concello.
As irregularidades urbanísticas corríxese con alegacións ou escritos particulares ao Catastro e non se fan revisións sobre este criterio. Realmente as revisións de caracter xeral iníciaas normalmente o principal beneficiario na recadación de impostos: o Concello. A Lei do Catastro é moi clara: "El procedimiento de valoración colectiva de bienes inmuebles de una misma clase podrá iniciarse de oficio o a instancia del ayuntamiento correspondiente cuando, respecto a una pluralidad de bienes inmuebles, se pongan de manifiesto diferencias sustanciales entre los valores de mercado y los que sirvieron de base para la determinación de los valores catastrales vigentes, ya sea como consecuencia de una modificación en el planeamiento urbanístico o de otras circunstancias". Polo tanto, a realidade é ben sinxela para quen a queira entender.
Agora ben, os motivos que presenta o estudo Catastral iniciado polo Concello de Cabanas son tres: 19 anos desde a última revisión xeral, cambios da normativa urbanística e diferenza substancial entre valores catastrais e de mercado. Se analizamos detidamente estas razóns atopámonos con bastantes incongruencias nas xustificacións que informou favorablemente o goberno local (art. 27.3 da Lei do Catastro). A lexislación vixente non obriga a facer unha actualización cada 10 anos posto que "se realizará, en todo caso, a partir de los 10 años desde dicha fecha" se reune as condicións arriba sinaladas e de xeito voluntario. Dáse a circunstancia especial de que no caso de Cabanas non houbo modificacións urbanísticas xerais que causasen un incremento dos valores catastrais (redacción dun Plan Xeral), posto que desde 1989 se veñen aplicando as mesmas Normas Subsidiarias. Basearse no desenvolvemento do polígono de Vilar do Colo non se achegaría á realidade, cando se converteu nunha zona industrial en aluguer con infinidade de naves ociosas.
As denominadas "outras circunstancias" teñen moito que ver precisamente coa situación conxuntural do mercado inmobiliario, pero non foron aducidas na xustificación da ponencia de valores. Esa circunstancia conxuntural, por certo, resulta especialmente moi inxusta porque prexudica o dereito á vivenda. E, que curioso, neste caso o PP demostra as súas políticas máis agresivas ao facerlle pagar os pratos rotos dos especuladores urbanísticos á xente do común que vive todo o ano en Cabanas. O credo neoliberal de privatizar as ganancias e socializar as perdas aplícano con toda a súa crueza sobre os de sempre.
Que agora PP e AEC recorran ao derrubo dun edificio polo Concello para xustificar a suba dos impostos non deixa de ter a súa graza, porque hai uns meses repartían os cartos da suba en propostas de obras como se fose unha regalía. E, xa daquela, o BNG propuxeralles aos grupos do goberno local como medida irrenunciable a baixa da cota da contribución do 0,55% ao 0,40% e un estudo en profundidade da ponencia. Nin nos contestaron, xa o tiñan decidido e todo fora un tócamerroque.
O alcalde equivocouse co circo que montou traendo a garda civil ao Pleno do mércores para identificar aos veciños opositores, como se equivocou amordazando aos veciños e ao BNG. O BNG se se puxo en pé o mércores foi para evidenciar o despotismo dun PP botado ao monte. Utilizamos xa o último recurso democrático despois de comprobar como a coalición PP-AEC nin debateu nin explicou debidamente as medidas que van subir a carga impositiva municipal máis dun 200%. O alcalde falou moito da crise en campaña, pero logo para o que realmente lle importa á veciñanza nin dela se acordou.

De batasunos e concelleiros


Xosé Manuel Golpe Acuña

Xa mo dicía miña nai “As cousas hai que collelas segundo de quen veñan”, que razón tiña, algúns cando non teñen argumentos para defenderse recorren ao máis doado, e ao que mellor manexan, a descualificación e ao insulto.

Nos tempos en que estamos, que a un concelleiro o insulten, pode parecer que “tamén lle vai no soldo”, pero hai insultos, e insultos…

Nun pais que sufriu como ningún outro a lacra do terrorismo e a violencia política represora, que a un concelleiro, elixido democraticamente, o traten de “Batasuno”, é igual que se lle chamasen terrorista.

Se facemos caso da definición que aparece no María Moliner:terrorista n. Persona que comete atentados o actos de violencia con fines políticos. adj. y n. Partidario del terrorismo”, Debe de ser que o sr. Chillón é tan sensible que para il unha protesta respectuosa e democrática, asemellase a poñer bombas e pegar tiros.

Non agardo que o sr. Chillón se dea conta do que dixo, e pida desculpas, porque non ten entendedeiras de abondo para darse conta da gravidade do insulto. O que si agardo e que os que alí estaban e escoitaron semellante burrada, ao igual que os que se decataron despois, se dean conta de que tipo de dirixentes nos tocaron en sorte, e digo en sorte, porque non creo que ningún Cabanes/a votase a esta camarilla sabendo como son.

27 de nov. de 2008

A coalición PP-AEC vota en contra das demandas da veciñanza e a oposición municipal

A coalición de comencia local de PP-AEC votou en contra das propostas veciñais, nacionalistas e do Grupo Mixto (PSOE e IVC). O portavoz nacionalista conseguiu a inclusión na moción do BNG de todas as propostas de acordo, utilizando o último recurso legal despois de que o alcalde negase por segunda vez consecutiva a inclusión de sendos puntos da orde do día para tratar a moción do Grupo Mixto e mais a proposta avalada por máis de 600 veciños.
O equipo de goberno local volveuse derrubar despois de comprobar con impotencia como o BNG emendaba a súa propia moción coa proposta veciñal e mais aceptaba a integración dos acordos da moción de PSOE e IVC que fora excluída da orde do día de onte.


Deste xeito o Grupo Municipal do BNG deulle voz aos que a coalición PP-AEC lles negou o debate sobre o Catastrazo e conseguiu expoñer as razóns nacionalistas para opoñerse rotundamente a unha suba inxustificada e inxusta dos valores catastrais.


O goberno local de PP-AEC recoñeceu por boca do alcalde e mais do portavoz de AEC, Luís Fachal, que foi o promotor da revisión xeral que está en curso en Cabanas.


Na rede: La Opinión e La Voz.

26 de nov. de 2008

Pleno suspendido polas protestas de veciños e oposición

A non inclusión do escrito apoiado por 600 veciños provocou hoxe á tarde que o alcalde Germán Castrillón suspendese a sesión sen tratar os puntos da orde do día previstos na sesión ordinaria do Pleno.
O Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz, requiriu que se debatese o escrito veciñal máis asinado da historia do Concello, ao que o alcalde non accedeu tratando de engaiolar ao público e á corporación con falacias como que o Pleno o ía tratar ás 8.30 h, pero nel só está a moción do BNG e foi denegada a consulta de documentación fundamental para o debate.
A seguir e tras as protestas do público por retirarlle a palabra ao portavoz nacionalista, a alcaldía estableceu unha suspensión de 10 minutos que se prolongou durante máis de media hora. Nese tempo chegou a Garda Civil, a chamado do alcalde, e fixo acto de presencia. A non intervención do corpo armado, pese a ser requirida pola alcaldía, provocou o derrumbe moral do rexedor. Foi incapaz de continuar o Pleno despois de que os concelleiros da oposición municipal volveron reiterar a solicitude de incluír da orde do día o escrito apoiado por máis do 18% do censo electoral municipal.
Hoxe ás 8.30 pleno extraordinario.

A coalición PP-AEC recoñece a súa responsabilidade na suba dos impostos

O goberno bipartito local, formado por PP-AEC, recoñeceu hoxe publicamente en La Opinión a súa responsabilidade na suba xeneralizada dos impostos municipais para segundo eles "hacer frente, entre otras, a la sentencia de derribo del edificio 'O Penso'", que suporá segundo as mesmas fontes un gasto superior aos tres millóns de euros que terá que afrontar de xeito ineludible nun prazo de tres anos. Ademais, culpan á "herencia que dejaron anteriores gobiernos tras cometer diferentes irregularidades" da decisión política de cargarlles o carro das contribucións aos veciños e veciñas nestes tempos de crise económica.
Como cuestión máis relevante, a nota de prensa pon en tea de xuízo directamente ao actual socio do alcalde popular, o tránsfuga ex-socialista José Rey, que tamén formou sempre parte dos anteriores gobernos como membro do grupo socialista e 1º tenente de alcalde.
O cuestionamento aberto do socio de goberno que se desprende deste comunicado xustifícase porque José Rey estivo directamente implicado na concesión das licenzas dos edificios do Penso. As tensas relacións entre Germán Castrillón e José Rey nos últimos tempos poden ter un desenlace inminente. O goberno local debilítase perigosamente e só se sostén sobre un pacto para servir as súas comenencias personais e despilfarrar cartos públicos sen ton nin son en obras e servizos innecesarios para Cabanas.
Segundo o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez Sardiña, "recoñecen PP e AEC ao fin que a suba dos impostos é consecuencia directa do fracaso do PP-AEC na xestión dos asuntos importantes para Cabanas" e "están empurrando o Concello cara á bancarrota".

25 de nov. de 2008

O BNG quere que se trate o escrito asinado por máis de 600 veciños no Pleno de mañá 26 de novembro

Despois de o alcalde denegar a confluencia nun pleno das propostas veciñais e da oposición sobre o catastrazo, o BNG propuxo por escrito que se trate o documento asinado por máis de 600 veciños no Pleno Ordinario de mañá día 26 de novembro ás 19.30 h. Tívose que realizar esta proposta, segundo o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez Sardiña, despois de comprobar que a coalición de goberno PP-AEC non incluíu a iniciativa veciñal en ningún dos dous Plenos convocados con 13 horas de diferenza. "A coalición PP-AEC ten secuestrada a información e a democracia, está gobernando como se fosen os tempos do caudillo" segundo Teresa García, viceportavoz nacionalista.
De cara ao Pleno extraordinario do xoves ás 8.30 h, houbo que corrixir unha deficiencia no Decreto da alcaldía por trabucar dúas palabras e os concelleiros nacionalistas tiveron que reclamar a documentación sobre a "Ponencia de Valores do Municipio de Cabanas" e os escritos dirixidos pola alcaldía á Xerencia do Catastro de Galicia e chegados ao Concello deste órgano, que hoxe non lles foi entregada. Segundo o portavoz nacionalista "a coalición de goberno está a desinformar e mentir ao pobo e ao BNG posto que oculta información básica". Esa información non lla achega a coalición PP-AEC á corporación porque "vai poñer en evidencia a implicación do equipo de goberno en todo o proceso de revisión de valores catastrais" segundo Pérez Sardiña, que considera que a coalición de goberno fai dos dous Plenos "un paripé difícil de entender ao non entregar a documentación e ao negar o debate da proposta dos veciños no Pleno de mañá mércores".
Por outra banda, a solicitude nacionalista de cambiar o Pleno extraordinario para o venres á tarde foi denegada, así "o PP e a AEC evidencian un ocultismo intencionado ós veciños ao convocar a sesión para as 8.30 h da mañá", Xosé Manuel Pérez opina que "sería máis acaído convocar un Pleno á tarde, a partir das 19.30 h, para que todo o mundo que o desexase puidese asistir e informarse dun asunto tan relevante".

24 de nov. de 2008

O xoves 27 ás 8.30 h Pleno extraordinario sobre do catastrazo

No salón de sesións da Casa do Concello terán lugar dous plenos esta semana: o mércores 26 ás 19.30 h da tarde o Pleno ordinario e o xoves 27 ás 8.30 h da mañá Pleno extraordinario para tratar o Catastrazo.
Esta mañá a viceportavoz nacionalista, Teresa García, entrevistouse co alcalde para tratar precisamente a celebración de dous Plenos e propuxo que se incluíse un punto na Orde do día do Pleno Ordinario e así evitar a convocatoria de sesión extraordinaria, ao que a alcaldía se negou rotundamente e non concretou naquel momento a convocatoria extraordinaria pese a que así foi demandado pola representante nacionalista.
Xa a última hora desta mañá, ás 14.20 h, a coalición PP-AEC comunicou oficialmente a convocatoria extraordinaria sobre o catastrazo xustamente 13 horas despois do Pleno Ordinario do mércores.
Esta semana non gana para Plenos a cidade do motor.

23 de nov. de 2008

Pleno ordinario o mércores 26 de novembro de 2008

No salón de sesións da Casa do Concello terá lugar o vindeiro mércores ás 19.30 o Pleno ordinario bimensual coa seguinte orde do día:


1º Aprobación se procede de acta de sesión anterior
2º Proposta obras POS 2009
3º Mocións sobre o día internacional contra a violencia de xénero
4º Moción grupo mixto sobre o Plan de transporte metropolitano de Galicia
5º Informes de Presidencia: Resolucións da Alcaldía
6º Rogos e preguntas


A coalición PP-AEC rexeita así a demanda veciñal de incluír un punto na orde do día sobre o catastrazo.
Novas hoxe na Opinión, na Voz e no Diario de Ferrol.

22 de nov. de 2008

O BNG propoñeralle á coalición PP-AEC que o Pleno trate xa o catastrazo

Despois de solicitar un Pleno extraordinario o pasado mércores, o BNG considera conveniente que a alcaldía inclúa un punto na orde do día do vindeiro Pleno Ordinario da Corporación para tratar a revisión catastral impulsada pola coalición de PP e AEC. O Pleno Ordinario da Corporación terá lugar como é habitual no último mércores dos meses impares ás 19.30 h na sala de sesións da Casa do Concello. A solicitude nacionalista dun Pleno extraordinario non foi atendida coa debida urxencia e o BNG desexaría que se fixese canto antes. Segundo o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez, "estamos abertos ás propostas que nos queiran formular e dispostos a chegar a acordos que axilicen o debate sobre do catastrazo".
Esta medida sería necesaria, segundo expuxo o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, "tendo en conta que determinados acordos relacionados con rebaixas nos coeficientes da contribución ou mesmo a paralización do proceso de actualización de valores catastrais requirirían un acordo urxente para que o Pleno atenda o clamor da xente".
O portavoz nacionalista aposta por un "acordo amplo en canto á fiscalidade municipal" que teña apoio "nunha maioría cualificada do Pleno", xa que as consecuencias sociais e económicas de que suba a contribución o goberno coaligado de populares e o que fora tránsfuga socialista, José Rey, "aféctanlles a tres lexislaturas repartidas nos vindeiros 10 anos".
Neste senso, Teresa García tratará o luns de aclarar se a coalición de goberno estaría disposta a incluír un punto na orde do día do Pleno do mércores 26 relacionado co catastrazo onde se trate a documentación reclamada polo BNG e mais se debatan as propostas presentadas polos grupos políticos municipais.

20 de nov. de 2008

Quintana acada o financiamento necesario para aplicar a Lei de Dependencia en 2008 e 2009

O vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, mantivo onte unha reunión de traballo coa ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera para abordar diversos aspectos relacionados cos servizos sociais e a Lei de Dependencia.
O Goberno do Estado e a Xunta concordan en que o proceso de aplicación da Lei de Dependencia presenta en Galiza características específicas que inciden directamente sobre o custo e a tipoloxía de recursos para as persoas dependentes.
O Goberno transferiralle á Xunta de Galicia o financiamento estatal requirido para facer fronte aos servizos e prestacións durante os exercicios de 2008 e 2009: 20 millóns de euros máis este 2008 e 80 millóns no 2009. Deste xeito, a Vicepresidencia estima que a finais de 2008, 20.000 persoas recibirán as prestacións, cifra que se elevará a máis de 35.000 no ano 2009.

19 de nov. de 2008

O BNG quere que se suspenda a revisión catastral ata que pase a crise económica

Ademais solicita que se aplique o IBI sobre o valor catastral da última revisión para evitar desigualdades
O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá ante o Pleno da Corporación unha moción para solicitarlle á dirección Xeral do Catastro a suspensión da revisión catastral que informou favorablemente o grupo de goberno de PP-AEC. Esta proposta, segundo Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz do BNG, adóptase para tranquilizar á veciñanza diante da "dura crise económica" que se cerne sobre o país, e de ser aprobada tería como consecuencia que non se volvería reactivar o procedemento de valoración ata que se estabilice a economía e se redacte unha ponencia "axeitada á realidade do mercado inmobiliario e de Cabanas". Explicou o portavoz nacionalista que "ademais, o Grupo Muncicipal do BNG solicita un Pleno extraordinario que o alcalde debería convocar canto antes para que as medidas do Bloque se fagan efectivas no presente ano".
O portavoz nacionalista puxo de relevo que neste momento, ademais da situación económica, hai "inestabilidade nos prezos da vivenda" e pódense producir oscilacións importantes nas valoracións nos vindeiros dous anos. "Inicialmente, xa ao estoupar a burbulla inmobiliaria estase a producir unha baixa nas compravendas de entre un 20% e un 30%", co cal resultaría "tremendamente inxusto" pagar a contribución os próximos dez anos "sobre valores de mercado inflados pola especulación urbanística". O voceiro do BNG notou que estas valoracións repercuten sobre o recibo da contribución, as plusvalías municipais e mais o Imposto da Renda das Persoas Físicas estatal.
Como alternativa de recadación a viceportavoz de Facenda, Teresa García, propón que se aplique a suba do Índice de Prezos ao Consumo sobre a base liquidable (IPC) e se establezan mecanismos de compensación para as valoracións parciais realizadas no pasado 2007 de cara a evitar desigualdades creadas pola coalición PP-AEC, ademais de incidir na revisión da base do IBI do 0,55% actual ao 0,40% de anos anteriores. Afirmou a viceportavoz nacionalista que se se manteñen contactos coa Dirección Xeral do Catastro "o normal é que acceda á suspensión porque o Concello ten competencias para aprazar a revisión indefinidamente".

16 de nov. de 2008

O BNG considera a revisión catastral un desvarío do grupo de goberno PP-AEC

Para xustificar o incremento contradise a realidade local cando a ponencia afirma que Cabanas medra economicamente
O Grupo Municipal do BNG avalía como un disparate a descrición do Concello de Cabanas realizada polo catastro co visto e prace da coalición de goberno de PP-AEC. "Non presentar obxeccións á descrición do municipio é tanto como crerse nos biosbardos", afirmou a viceportavoz de Facenda, Teresa García. Segundo Teresa García "intranquiliza a calquera as afirmacións de que Cabanas recibe 900.000 visitantes no verán, ten 4.000 habitantes ou 10.000 nos meses estivais". Pero non conforme a coalición local con estes datos "irreais" segundo a consideración da concelleira nacionalista "xustificar a bonanza económica dos sectores produtivos muncipais ás portas dun período de recesión global" está máis próximo da loucura ca da cordura. Estes datos son considerados por Teresa García como "desvaríos para xustificar a suba exaxerada no imposto da contribución sobre a xeneralidade da poboación". Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz municipal nacionalista, entende que "non é xusto cargalle o carro dos impostos á xente con menor capacidade económica para afrontar a crise" e que o goberno local actúa "sen rumbo e sen medidas concretas".
O edil do BNG considera necesario que a veciñanza saiba que o concello encobre auténticos erros de feito na xustificación da ponencia de valores catastrais, xa que desde 1989 non redactou ningún Plan Xeral de Ordenación Municipal e obvia que os valores catastrais sofren un forte incremento por causas conxunturais como a "burbulla inmobiliaria" e a "especulación urbanística". Dixo ademais que "o silencio da coalición PP-AEC evidencia unha suba feita sen atender as demandas de transparencia e equidade requiridas desde a oposición municipal".

15 de nov. de 2008

Política Territorial comprométese co BNG a facer un seguimento do tráfico na Volta do Espiño

A Consellería de Obras Públicas vai limitar a velocidade na volta a 70 km/h adiantando o sinal de limitación da Casilla

Ver mapa máis grande

Obras Públicas non considera perigosa para a seguridade viaria a gabia de 50 cm de profundidade á altura do PK 2+750. En todo caso, a Consellería vai facer un seguimento da sinistralidade deste treito onde hai constancia de tres accidentes entre 2003 e 2007. Polo momento non é considerado un punto de alta sinistralidade e a valoración pode derivar na toma de novas medidas, habendo estas semanas pasadas constancia de accidentes aparatosos.
PD. Chegamos á entrada 300 ;) !!

13 de nov. de 2008

PP e AEC, chambonadas a domicilio

Cando o diñeiro non doe tiralo e é público, fanse chambonadas das boas. Este é o caso da coalición PP-AEC. Imos comprobar in situ dous exemplos da enxeñería de corredoiras e carreiros máis punteira grazas á colaboración desinteresada de persoas do común.
No Chao da Aldea, parroquia de Porto, xusto na entrada para Chamoso atopamos un flamante garaxe con portas que abren para fóra. Cando o recente aglomerado municipal subeu de altura o camiño ninguén pensou nas necesidades veciñais e todo foi ben. Pero o follón debeu ser de aupa ou a persoa afectada ben coñecida para que unha semana despois, segundo nos informan, se presentase alí a cadrilla de obras para remendar o problema de niveis... E como o amañaron? Aí está á vista, con pico e pala prepararon unha reforma de alta precisión (como para mangar no foio unha roda!).

As instantáneas non quedan aí, porque para amiguismos o actual goberno ten un récord de atención.

Preto dunha das comelladas do rally, onde quedaron 703 € nun xantar de 17 comensais, mereceuse unha obra especial de urxencia.
Pois si, a auga apoza ben nesta rampa especial para parrulos nadadores que nin ten as condicións mínimas esixidas pola lei de accesibilidade para cadeiras de rodas. Se fose máis ancho o paso de peóns cá baixante habería un conflito de aparcadoiros e darlles acceso ás persoas queda ben pero sen pasarse.
Pola contra, os coches tiveron que andar todo o verán polo vial do Vinteún emulando a montaña rusa e agora no inverno a Volvo Ocean Race.

FERNANDO BLANCO PARGA: “FERROL ESTÁ A PADECER UNHA AUTÉNTICA SANGRÍA HUMANA E 25 ANOS DE PLANS INDUSTRIAIS NON CONSEGUIRON NADA"

O deputado nacionalista afirma no pleno do Parlamento que o veto a Navantia-Fene é “un delito político contra a nosa nación”

Santiago de Compostela, 12 Novembro 08.- O deputado do BNG Fernando Blanco Parga vén de revelar na súa intervención no pleno do Parlamento que a comarca e a cidade de Ferrol é a única do país que está a perder poboación nos últimos anos e padece “unha auténtica sangría humana gravísima”.

No debate dunha interpelación do PP ao Conselleiro de Economía sobre o Plan Ferrol e as súas consecuencias na reactivación económica da zona, Blanco Parga lembrou que esta comarca “leva 25 anos de diversos planos de reindustrialización” e apuntou que o actual Plano impulsado polo titular de Economía “non deixa de ser unha continuidade do anterior, presentado hai máis de dez anos polo PP”.

O parlamentar quixo lembrar que esta iniciativa nace de 6 ME que deixou de gastar o IGAPE no Miner Reindustrialización, tal e como o denunciou no seu día na Cámara galega o deputado nacionalista Pepe Díaz.

O parlamentar do BNG quixo lembrarlle ao PP a súa responsabilidade na situación actual despois de 16 anos de promesas incumpridas e reivindicacións que motivan aos cidadáns e cidadás da comarca a convocar unha manifestación o vindeiro 23 de novembro.

Única comarca urbana que perde poboación

O portavoz de Industria do grupo parlamentar quixo traer ao debate a “realidade da comarca desde marzo de 2007, data en que se presentou este plano, unha realidade na que temos máis parados en outubro de 2008 que en marzo de 2007 e os vinte concellos afectados polo plano perdéronse 918 habitantes entre finais de 2006 e finais de 2007”.

Fernando Blanco cualificou de “grave” este descenso, “se consideramos que ademais deste plano, nestas comarcas existen outros planos de choque complementarios” e concluíu dicindo que a propia cidade perdeu máis de 1.200 habitantes neste período de tempo, mentres que Galiza gañaba poboación en practicamente todas as súas áreas urbanas.

Neste contexto, o parlamentar nacionalista criticou duramente o veto imposto a Navantia (antiga Astano) para a construción naval civil e cualificou esta decisión de “delito político contra a nosa nación, máis aínda en época de crise”.

O deputado avogou por abrir este mercado en auxe ao estaleiro ferrolán e lembrou que o mercado do naval “non é un monocultivo”, polo que se poden compatibilizar as actividades existentes en Vigo coas que se poderían impulsar nesta comarca.

12 de nov. de 2008

Conta xeral e parques públicos

O abandono da Escola das Viñas é abondo evidente, e non será por falta de diñeiro, máis ben desleixo e falta de interese da coalición PP-AEC. Con esta xa nos achegaron para publicar varias instantáneas da zona hai meses, pero os problemas cada vez van a máis sen que a coalición de PP-AEC tome medidas concretas que resolvan a situación.
Como é normal, ha chegar antes un plan provincial de parques infantís para o 2009 e haber se se lembran desta proposta para atender as necesidades reais do día a día e deixarse de circuítos biosaudables para grandes cidades e fumes varios.
A madeira xa está moi deteriorada e a falta dunha simple ma de pintura estes anos provocou que rache con máis facilidade. Abandono puro e duro. Un espazo público coma este no centro de Cabanas pode estar así? Segundo as contas do goberno de comenencia así é porque andan case sempre atrasadas e chegando tarde a todos os sitios.
Pero, de publicación de contas escriben hoxe na Opinión e vaia comentarios!
Xa que son públicas, neste asunto pódese adiantar algún detalle interesante, despois de que o BNG velase pola consulta aberta e pública este primeiro ano de desgoberno "pendular".
Ao parecer, a máquina limpadora do areal levou unha boa reparación mecánica na fin da tempada 2007. Aínda que lle fixeron limpeza de casquetes ou non se sabe que, nunca máis volveu funcionar e morreu o conto. Pero resulta que o PP-AEC no ano seguinte, con memoria feble feble (de memoria histórica teñen pouco), atopáronse sorprendentemente con que a máquina non funcionaba... Ben, despois de moitas voltas e voltas tiveron que pedir outra máquina á Deputación Provincial a mediados de xuño e a area estivo sen máquina practicamente ata comezos de xullo, logo chegaron as primeiras protestas en anos polo estado xeral da praia (non así da flamante megafonía que custou un ril poñela e outro quitala).
Claro, o conto da coalición de comenencia foi pregoar que a Deputación Provincial, está o BNG nela, non se porta con Cabanas. Iso si, esquecen o PP e mais AEC que a Deputación achega case todo o que se lle ve ao Concello como servizo directo aos veciños: o actual tractor con desbrozadora (daquela 85.000 €), dúas cadrillas de obreiros para chapuciñas e outra cadrilla máis de limpeza do areal-piñeiral por varios meses, un retén de socorristas no verán, plans para asfaltar e para saneamento, recadación de impostos municipais, defensa xurídica de balde, plans especiais de turismo e servizos para os veciños, mellora da estrada provincial de Porto-Laraxe... Da Xunta xa falaremos outro día.
E agora tamén esquecerán un novo tractor con máquina limpa praias coa achega provincial de 85.000 € por concorreren circunstancias de interese provincial que xustifican a excepcionalidade dun convenio de colaboración para financiar esta maquinaria antes de fin de ano...
Será capaz de xestionar as novas axudas este goberno ou acabará como a caseta de turismo con madeira de Pinocho...?

10 de nov. de 2008

JORQUERA CRITICA A PROPOSTA DA CNE DE SUBIR A LUZ NUN 31% NUN CONTEXTO DE CRISE ECONÓMICA E PROPÓN UNIVERSALIZAR A “TARIFA SOCIAL”

Precisamente o BNG rexistrou no Congreso unha proposición na que demanda ao Goberno moderación no incremento das tarifas eléctricas para o 2009. Jorquera critica o duplo xogo entre a CNE e o Goberno
Madrid, 7 novembro 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, criticou este mediodía a proposta da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) de aumentar as tarifas integrais da luz nun 31% e amosou a preocupación do BNG por este tipo de recomendacións de órgaos do Estado nun contexto de crise económica.
O BNG critica o duplo xogo entre a CNE e o Goberno “Non hai que esquecer que o propio Goberno español augura que o pior da crise económica se vai producir no primeiro semestre do vindeiro ano 2009”, engadiu. Neste sentido, Jorquera manifestou a “seria preocupación do BNG por propostas de subas do recibo da luz tan desmesuradas en momentos de recesión económica” e censurou o duplo xogo entre a CNE e o Goberno.
“Estamos afeitos a que a CNE plantexe incrementos abusivos das tarifas eléctricas que parecen querer caldear o ambiente e preparar a situación para que logo o Goberno aplique subas menores ás propostas pola CNE pero igualmente elevadas. É un duplo xogo inadmisíbel”, afirmou. Desde logo, precisou, “non é a mellor situación para aprobar aumentos tan importantes do recibo da luz porque terá uns efectos moi negativos na cidadanía e nas pequenas empresas”.
O deputado do BNG pede ao Goberno que “estude seriamente a situación e evite situar os incrementos das tarifas eléctricas en níveis tan abusivos e desmesurados, tan difíceis de asumir pola cidadanía” e require moderación.
Os nacionalistas galegos propoñen a universalización da tarifa social
Precisamente, o parlamentar nacionalista rexistrou na tarde de onte unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a aplicar a moderación na suba das tarifas eléctricas. Ademáis, pede ao Executivo que modifique a coñecida como “tarifa social” para convertela nunha verdadeira tarifa doméstica á que se poidan acoller a maior parte dos consumidores domésticos.
Noutro dos puntos da súa iniciativa parlamentar, solicita que a nova tarifa de último recurso contemple un mecanismo de discriminación horaria similar á antiga tarifa nocturna.

O BNG ADVIRTE DE QUE ESTÁ A FAVOR DA “DESBUROCRATIZACIÓN” DA SANIDADE PÚBLICA, MAIS NON DA SÚA “PRIVATIZACIÓN”

A deputada Cristina Ferreiro levou á Comisión de Sanidade os problemas do sistema de centralización da solicitude teléfonica de citas

Santiago de Compostela, 6 Novembro 08.- A portavoz de Sanidade do grupo parlamentar do BNG, Cristina Ferreiro, vén de afirmar na Comisión Quinta do Parlamento que os nacionalistas apoian o proceso de “desburocratización da sanidade pública, que non é o mesmo que a privatización”.

A parlamentar do BNG levou a esta sesión unha pergunta oral sobre a posta en marcha do novo sistema centralizado de atención telefónica de petición de citas e lembrou que “a axilización na resposta ás peticións de cita era unha das principais queixas dos pacientes, que se vían obrigados en moitos casos a desprazarse ao centro ante a imposibilidade de seren atendidos telefonicamente”.

Este problema foi abordado no Plano de Mellora da Atención Primaria nunha mesa que trataba a desburocratización e que buscou unha solución a esta situación que “ permitise, ademais, que o persoal administrativo realizara tamén outros labores”.

As conclusións desta mesa conduciron á creación de “un sistema de atención de chamadas por rebosamento que se iría estendendo de xeito progresivo”, mais, malia isto, a Administración decidíu, finalmente convocar un concruso público para cubrir este servizo o que, en opinión de Ferreiro, “supón unha privatización dun servizo público, cando se ten demostrado que esta vía non mellora a xestión nin abarata custes, senón que as actuacións privadas empobrecen estes parámetros”.

Aposta polo servizo público

A privatización vai no camiño contrario ao que debe percorrer a sanidade”, continuou Ferreiro, “e créase incertidume no persoal que realizaba estas funcións sobre o seu futuro”.

Na súa resposta, o secretario xeral do Sergas, Cayetano Rodríguez, asegurou que o sistema inicialmente previsto, de atención telefónica por rebosamento, foi finalmente rexeitado porque, tras a súa pilotaxe no centro de saúde do Ventorrillo “observouse que non era a mellor solución”. Os argumentos esgrimidos polo secretario xeral foron que “só o 59% das chamadas eran para citacións e as restantes para outras cuestións relativas ao centro, polo que se producía un elevado número de perda de chamadas e o custe real por chamada era do 1,34 euros por cita”.

Afirmou que non era “eficaz” e explicou que se decidíu encaragar a Galaría (antigo Medtec) a posta en marcha dunha plataforma multiservizo, para o que se recurríu a un contrato aberto mediante concurso público. Estimou que o custe anual deste servuzo será de 4,4 ME.

Segundo o responsábel do Sergas, o servizo garante a confidencialidade dos dados dos pacientes e “non vai influír na xestión de axendas nin na actividade asistencial que vai ser establecida en función dos procedementos da xerencia sanitaria” e indicou que o custe por cita para a sanidade pública será agora de 0,723 euros.

Merma da humanización

Na súa réplica, a deputada nacionalista reiterou a súa preocupación pola posibilidade de que se produza unha “minoración de postos de traballo” no eido administrativo “ao verse diminuída a súa carga de traballo”.

Ferreiro explicou que “xa existen queixas e malestar entre os usuarios/as ante os problemas que están a xurdir porque os centros de saúde teñen vida propia que non é contemplada nunha central de chamadas”.

Asi, os pacientes acuden ao centr, tal e como relata a deputada, e “atópanse con que o profesional que tiña que atendelos non está porque acudíu a unha sesión clínica, atención domiciliaria ou, simplesmente ten un permiso. Ou tamén sucede que desde a central de chamadas se lles di que o profesional non está no centro e, cando os pacientes acuden alí comproban que si está”.

Estas alteracións deberían terse en conta”, afirmou Cristina Ferreiro, ao tempo que opinou que o novo sistema “racha coa humanización e a familiaridade que xa se tiña establecido entre os pacientes e as persoas que os atendían no centro”.

5 de nov. de 2008

O PP elude tratar o catastrazo e culpa ao Ministerio da suba do 100%

Hoxe foi denegada a convocatoria de Xunta de Portavoces solicitada polo portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, para tratar o catastrazo promovido polo PP-AEC.
A coalición gobernante trata ademais de distraer a atención acusando ao Ministerio de Facenda de ser o responsable da suba.
A viceportavoz económica do BNG, Teresa García, cre que xa "están os do PP montando cortinas de fume para eludir a responsabilidade da coalición de goberno".