10 de nov. de 2008

JORQUERA CRITICA A PROPOSTA DA CNE DE SUBIR A LUZ NUN 31% NUN CONTEXTO DE CRISE ECONÓMICA E PROPÓN UNIVERSALIZAR A “TARIFA SOCIAL”

Precisamente o BNG rexistrou no Congreso unha proposición na que demanda ao Goberno moderación no incremento das tarifas eléctricas para o 2009. Jorquera critica o duplo xogo entre a CNE e o Goberno
Madrid, 7 novembro 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, criticou este mediodía a proposta da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) de aumentar as tarifas integrais da luz nun 31% e amosou a preocupación do BNG por este tipo de recomendacións de órgaos do Estado nun contexto de crise económica.
O BNG critica o duplo xogo entre a CNE e o Goberno “Non hai que esquecer que o propio Goberno español augura que o pior da crise económica se vai producir no primeiro semestre do vindeiro ano 2009”, engadiu. Neste sentido, Jorquera manifestou a “seria preocupación do BNG por propostas de subas do recibo da luz tan desmesuradas en momentos de recesión económica” e censurou o duplo xogo entre a CNE e o Goberno.
“Estamos afeitos a que a CNE plantexe incrementos abusivos das tarifas eléctricas que parecen querer caldear o ambiente e preparar a situación para que logo o Goberno aplique subas menores ás propostas pola CNE pero igualmente elevadas. É un duplo xogo inadmisíbel”, afirmou. Desde logo, precisou, “non é a mellor situación para aprobar aumentos tan importantes do recibo da luz porque terá uns efectos moi negativos na cidadanía e nas pequenas empresas”.
O deputado do BNG pede ao Goberno que “estude seriamente a situación e evite situar os incrementos das tarifas eléctricas en níveis tan abusivos e desmesurados, tan difíceis de asumir pola cidadanía” e require moderación.
Os nacionalistas galegos propoñen a universalización da tarifa social
Precisamente, o parlamentar nacionalista rexistrou na tarde de onte unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a aplicar a moderación na suba das tarifas eléctricas. Ademáis, pede ao Executivo que modifique a coñecida como “tarifa social” para convertela nunha verdadeira tarifa doméstica á que se poidan acoller a maior parte dos consumidores domésticos.
Noutro dos puntos da súa iniciativa parlamentar, solicita que a nova tarifa de último recurso contemple un mecanismo de discriminación horaria similar á antiga tarifa nocturna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario