31 de ago. de 2008

Novas pasaxes debaixo da vía e Plan Xeral deserto

Resulta unha boa nova que se eliminen as pasaxes a nivel do vello camiño de ferro. En efecto, puidemos comprobar como agora se pode circular sen cruzarse co tren dende hai unhas semanas. Os veciños están contentos, moi contentos de ter mellores accesos, con anchos de cando menos 6 metros, e ademais de que señan axeitados ao contorno, soterrando en Chamoso o que puido ser un murallón da vergoña. Estas dúas demandas sinxelas foron propostas polo BNG na pasada lexislatura, a través do concelleiro José Antonio Doce, e apoiadas por moitos veciños e veciñas que vían lóxica por fin nun concello habituado a bandalladas.
Como se pode ver, os descoidos da ADIF non só se circunscriben ao uso desactualizado da toponimia do noso concello e xa daquela presentaba uns proxectos pouco axeitados á realidade das Modias e de Chamoso. Agora tamén nos agasallou, aproveitando a incompetencia municipal, con dúas chambonadas: a supresión das beirrarúas na subida de Suances, en Chamoso (non debe chegar a expropiación!) e a falta de embocadura da pasaxe das Modias co camiño de Río Castro, que obrigou a facer moito recheo. Eran cousas que a ADIF debía de ter en conta porque así quedou disposto. Pero o goberno actual non está para iso, o alcalde limítase a contestar no Pleno ao BNG que se cumpriu a proposta do Pleno e, a verdade, con dicir que pouco lle importaba o tema quedaba mellor.

Por outra banda, xa é vox populi que a licitación da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal quedou deserta. En fin, que máis se pode dicir... O PXOM non é o Regulamento Orgánico nin o "ordeno y mando".
Un PXOM sen diálogo está difícil nos tempos que corren. Mal empezou e peor acabou, demostrando unha vez máis a incapacidade da coalicion de comenencia PP-AEC de avanzar no importante para a xente.

30 de ago. de 2008

O Penso e a irresponsabilidade de Germán Castrillón

Programa electoral do PP 2007:
Gestionar una solución para el derribo del edificio “Elpidio” para que las arcas del Ayuntamiento no se vean abocadas a un bloqueo por falta de liquidez.

Hai 10 meses e medio nesta entrevista da Voz o alcalde piloto dicía o seguinte:
F. F.: Pero el gran pleito judicial es la sentencia de derribo de los pisos superiores del edificio conocido como El Pidio. ¿Cómo pretenden afrontarlo?
Germán Castrillón: Va a suponer una gran hipoteca para el Concello (en torno a unos tres millones de euros) ejecutar la sentencia. Lo haremos, claro, pero espero que nos den tiempo para estudiar cómo llevarla a cabo sin perjudicar el funcionamiento del Concello.

O resultado despois de case un ano de estudo:
http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2008/08/30/0003_7099576.htm
"El Concello de Cabanas busca la manera de ganar tiempo para poder ejecutar la sentencia de derribo de los pisos ilegales de O Penso. El ejecutivo local presentó este mes ante el Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) una propuesta razonada para poder aplazar el mandato judicial con fecha de 1996."

Da incapacidade económica municipal para afrontar 2,4 millóns, pasamos á hipoteca aprazada do PP para derrubar o edificio por máis de 3 millóns. E o Plan Xeral sen licitar...

28 de ago. de 2008

Inauguración estelar a remates de agosto

Hoxe é un grande día en Cabanas... O alcalde piloto vai inaugurar a caseta de turismo e uns parques de xogos no Areal, segundo La Voz.

A última semana de agosto é o momento idóneo para facer estas inauguracións. Os xogos serán para tapar o abandono dos parques das parroquias, denunciado por Galiza Nova.








A caseta de turismo, como a caseta de socorrismo municipal que vemos na foto, preséntase de cara á celebración do rally en meses vindeiros.
A realidade é que deixamos atrás un verán desastroso no areal da Madalena, unha falta de atención ás cuestións básicas e o primeiro ano en que houbo lume no piñeiral. Así o denuncian desde esta web.
Só nos queda lembrar a molesta e protestada ocupación e obstrución do paseo marítimo por unha firma privada que viña vender Wiifeets co concurso e convite do goberno de comenencia PP-AEC.
Outro ano para o recordo.

26 de ago. de 2008

Ampla participación na lembranza do 21 de agosto

A participación activa da xente fixo da xornada do pasado 21 de agosto un día de proveito. Fluíron as ideas e establecéronse os retos de impulsar algo novo e transformador para a Cabanas do século XXI. Unha Cabanas nova que avance socialmente.

O acto político de San Marcos serviu para renovar forzas de cara á celebración do vindeiro ano e sobre todo asentou as bases da celebración do centenario, ao sumárense numerosos veciños e veciñas e mais compañeiros do BNG de Fene, da comarca e das Pontes.

No acto veciñal, contamos coa participación de Olga García, delegada de Medio Rural, e de Xoán Bascuas, delegado de Vivenda e Solo, que explicaron e repartiron información desas áreas de goberno da Xunta nunha aula do colexio de Lavandeira que quedou pequena coa chegada de moita xente interesada.

Logo, abriuse un foro de debate en que participaron persoas propietarias das Fragas e pescadores, que presentaron a súa visión sobre a marcha do Parque Natural e a contaminación do río Eume.

A participación da sociedade consolidou este acto e xerou novas sinerxias que se consolidarán de cara a vindeiros anos.

Esgótase o prazo dado polo tribunal para executar o derrubo do Penso

O controvertido edificio do Penso, tamén coñecido como Elpidio, volve estar en primeira plana da prensa despois de chegar un requirimento, ao parecer o mes pasado, en que se insta ao cumprimento das sentenzas e establece como prazo o 15 de setembro.
A coalición de comenencia PP-AEC segue ancorada en xogos de palabras. Despois dun ano, as promesas electorais do PP, posto que as de AEC descoñécense neste aspecto pese a que o seu cabeza de lista participou na Comisión de Goberno que outorgou as licenzas ilegais dos edificios, esfúmanse no medio dunha incompetencia xa crónica para afrontar cuestións fundamentais para Cabanas.
As referencias:

14 de ago. de 2008

Actos do 21 de agosto organizados polo BNG


EN SAN MARCO
ACTO POLÍTICO (Xunto á capela de San Marco).
16.30h. Intervencións dos representantes dos grupos municipais do BNG de Fene e Cabanas

NO PAVILLÓN DE LAVANDEIRA
ACTO VECIÑAL
18.40 h APERTURA DAS MESAS. Proxección de vídeos informativos: Unidades de Xestión Forestal e BANTEGAL.

19.00 h MESA RURAL
- Olga Mª García Agra (Delegada da Consellaría de Medio Rural). Avanzando cara a un novo rural galego. Achega de materiais informativos.
- Xoán Carlos Bascuas Xardón (Delegado da Consellaría de Vivenda e Solo). A vivenda, un dereito para tod@s. Achega de materiais informativos.

20.30 h MESA DO EUME
- O río Eume visto pol@s propietari@s das Fragas e polos pescadores

ACTUALIZACIÓN: Declaracións de Xosé Manuel Pérez Sardiña, voceiro municipal do BNG, no informativo das 13.30 de Radiofusiòn Ferrolterra (Play para escoitalas).

8 de ago. de 2008

Grúa de PP-AEC deficitaria e o alcalde de vacacións

Vaia almorzo de prensa temos hoxe. Por unha banda La Opinión infórmanos da chegada da grúa deficitaria da coalición de comenencia e pola outra La Voz entrevista ao alcalde, que se foi de vacacións para atender o rally de Ferrol.
Resulta xa moi serio que os veciños e veciñas de Cabanas, un concello pequeno de 3.300 habitantes, vaiamos pagar o déficit da grúa municipal. Máis cando este servizo está pensado para problemas puntuais dos meses de verán -xullo e agosto fundamentalmente-. Polo tanto estamos ante unha prestación municipal pensada para unha minoría que terá que pagar, a través dos impostos xerais, unha maioría que pouco se poderá servir dela. Nada estraño, por certo, na política dos partidos gobernantes, PP e AEC.
Mentres o alcalde deixa unha semana o goberno para dedicarse ao que máis lle interesa: o automobilismo. Vaise de Cabanas na época en que máis fai falta alguén ó frente do Concello para organizar e traballar, cando máis xente hai. As súas declaracións son excelentes, "Esta semana estoy de vacaciones para poder seguir haciendo lo que me gusta" [os rallys].

5 de ago. de 2008

Atascos por obras na Ponte do Eume

Esta pasada noite foi infernal o atascazo que se produciu coas obras de acondicionamento da N-651, prolongouse desde as 22 ata as 23.30 e afectou a tódolos sentidos de circulación e aos ramais de incorporación á N-651. As obras na N-651 non foron convenientemente previstas polos organismos oficiais, tanto no que respecta aos concellos do Baixo Eume coma á Demarcación de Estradas. Ademais, a alternativa de incluír a liberalización da peaxe precisamente para evitar os atascos non chega a tempo polas voltas que lles deron nos respectivos consistorios.

Acordos a prol da liberalización das peaxes de Cabanas
A moción comarcal do BNG sobre liberalización da peaxe foi aprobada por tódolos grupos políticos no pasado Pleno da Corporación e tamén se constatou o apoio unánime da corporación cabanesa aos acordos acadados polo Pleno do Concello de Pontedeume. Por outra banda, Fernando Blanco tivo que puntualizar que o goberno galego solicitou a construción do enlace de Andrade e o BNG, nos foros políticos, a liberalización das peaxes de Cabanas e tamén a de Andrade cando se faga.

2 de ago. de 2008

Entrevista sobre o desastre ecolóxico do Eume

O pasado día 15 os portavoces nacionalistas das Pontes, Vítor Guerreiro, e de Cabanas, Xosé Manuel Pérez Sardiña, explicaron as iniciativas do BNG sobre a contaminación do río Eume e mais demandaron solucións e responsabilidades polo desastre ecolóxico causado á súa vida piscícola.
Esta é a primeira parte que se pode completar na canle en youtube deste blog:



Hoxe tamén veu a darlle un toque ao asunto algún deputado do PP que pouco pode saber de que vai o rollo cuns alcaldes como os do baixo Eume.
Certamente, esta fin de semana toca a Gran Churrascada de Santa Marta ou xa do PP, todo un exemplo de dispendio en tempos de crise.
Pero nada se lle vai dicir ao expiloto cando os soldos políticos e as asesorías no Concello soben como a espuma en contra do ditado pola escudería pepeira!

1 de ago. de 2008

Outra inocentada do goberno de comenencia á custa das persoas contribuíntes que vai atrasar a licitación do PXOM

O goberno local de Cabanas vai ter que corrixir de oficio un erro de feito que non permite coñecer a contía exacta de licitación do PXOM. Na suma do Boletín Oficial de hoxe: 123.028,80 + 19.684,61 non son 143.713,41 senón 142.713,41 euros! Cal é a contía final, 142.713,41 euros, 143.713,41 euros ou outra diferente a calquera destas?

Nota de prensa nacionalista
As présas atropeladas despois de o BNG solicitar unha Xunta de Portavoces o pasado 14 de xullo , co fin de tratar a elaboración do PXOM entre outros asuntos, provocaron unha suma equívoca nas publicacións do DOG e do BOP que ten como fonte a documentación remitida a publicación polo alcalde.

Teresa García, viceportavoz económica nacionalista, lamenta este erro porque vai representar "un novo atraso na licitación do Plan Xeral causado pola coalición gobernante de PP-AEC", á parte da publicación de sendas "emendas nos dous diarios oficiais, co conseguinte incremento de gasto". Á vista deste despropósito, considera que o goberno local "parece que está máis agusto servindo empanada, viño e churrasco do que atendendo os seus deberes de goberno para coa veciñanza de Cabanas".
Pola súa banda, Xosé Manuel Pérez Sardiña declarou que estamos ante o PXOM "máis retrógrado da década e da historia do Concello", posto que se lles nega "a participación aos partidos políticos da oposición no proceso de elaboración" pese ás reiteradas peticións de información e de impulso do Plan durante o último ano que o goberno conxelou o documento, "perdendo mesmo a subvención de 2007 da Xunta de Galiza" e provocando unha situación de "ocultismo e improvisación" que en nada vai favorecer "a consecución do Plan nesta lexislatura". De feito, constatou o atraso con respecto a outros concellos que "xa licitaron o documento seis meses despois das eleccións locais" ou mesmo a tramitacións do propio concello "9 meses despois das eleccións de 1999" con maioría absoluta do PSOE. Este atraso é consecuencia segundo o portavoz municipal nacionalista da "inestabilidade da coalición de goberno" que "deriva na desatención das demandas veciñais" e que "entorpece o avance en positivo cara a unha Cabanas nova".