30 de out. de 2008

O BNG expresa a súa máis enérxica condena perante o atentado de ETA na Universidade de Navarra

Santiago, 30 Outubro 2008. O Bloque Nacionalista Galego quer expresar a súa máis enérxica condena perante o último atentado de ETA e manifestar a súa firme convicción de que a violencia terrorista é unha mostra de barbarie irracional que repugna a conciencia de todas as persoas de ben.
O BNG quer trasladar a súa solidariedade ás vítimas deste atentado, que felizmente non se cobrou nengunha vida, e desexa tamén expresar que o futuro de Euskadi debe ser decidido polos vascos e polas vascas, os cales en nengún caso poden estar condicionados nen polas bombas nen polas pistolas.O Bloque Nacionalista Galego fai, máis unha vez, un chamamento á unidade dos e das demócratas contra a ameaza do terror, nun acordo que non exclúa a nengunha das forzas políticas con representación parlamentaria.

29 de out. de 2008

O BNG demanda información sobre o "catastrazo" ao PP-AEC

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado mércores 22 o catastrazo para o vindeiro 2009. Despois de a coalición de comenencia PP-AEC subir a contribución case un 40% e realizar unha actualización selectiva no presente 2008, agora este goberno actualiza de xeito xeral e vai subir en moitos casos ata o 175% a contribución.
Este martes 28 de outubro, o Grupo Municipal do BNG solicitou a convocatoria dunha Xunta extraordinaria de portavoces co fin de tratar a actualización catastral promovida polo goberno local do PP e de AEC. Teresa García, viceportavoz económica do BNG, explicou que a coalición de goberno desde o mes de maio "non contestou á proposta nacionalista de suprimir a suba do 40% para 2008" e evidencia así a falta de cortesía "ao comunicar polos diarios oficiais as súas decisións unilaterais". Reclamou así mesmo que "se expoña o expediente na Casa do Concello para aforrarlles os desprazamentos ata a Coruña ás persoas interesadas".
O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez Sardiña, entende que "este segundo catastrazo á desesperada xa se lle pode alcumar como un 'castrillonazo' máis". O voceiro nacionalista propón unha iniciativa para ‘tomar medidas diante da crise, controlar o gasto superfluo, eliminar o estrago e dispendio dos fondos públicos, empezando pola conxelación e adecuación dos salarios dos concelleiros do goberno a un concello de 3.000 habitantes, e parar a sangría dos impostos’. A "falta de diálogo" converteuse nun "mal crónico" do goberno local, "afanado na recadación e no incremento da presión fiscal sobre a veciñanza precisamente en tempos de crise", concluíu.

27 de out. de 2008

O BNG acada 16.700.000 euros extra para Ferrolterra

O BNG consegue na negociación dos orzamentos xerais do Estado 2009 para Ferrrolterra 16.700.000 euros que se aplicarán en dotacións como a inclusión da comarca no Eixo Atlántico, a conexión ferroviaria do Porto exterior de Ferrol, o acceso da AP-9 ao polígono de Vidreiro en Pontedeume e un Plan director para o Castelo de San Felipe.
Un paso avante cara á solución das caravanas na Ponte do Eume
Hai dous anos que as iniciativas do BNG para construír o acceso de Vidreiro, presentadas polo deputado nacionalista Fernando Blanco Parga, foran aprobadas polos grupos que sustentan o Goberno da Xunta. E volve ser da man do BNG no Congreso cando se concreta unha partida específica nos orzamentos estatais para esta infraestrutura demandada por Galiza (colectivos sociais, institucións municipais, Parlamento e Goberno da Xunta).
O seguinte paso para eliminar os atascos de tráfico sería acadar a gratuídade das peaxes, xa proposta tamén polo BNG no parlamento, na comarca e en Cabanas.


Ver mapa máis grande

As cifras
1. Eixo Atlántico FERROL - A CORUÑA: 15.000.000 €
2. Conexión ferroviaria de FERROL co porto exterior de Ferrol: 1.000.000 €
3. Novo acceso á AP-9 no polígono de Vidreiro en Campolongo (PONTEDEUME): 400.000 €
4. Plan Director do Castelo de San Felipe (FERROL): 300.000 €

Última hora
Hoxe tamén se produciron por mor das chuvias accidentes nos túneles de Campolongo e da Pedra do Couto. Máis detalles en Radiofusiòn e Voz de Galicia.

26 de out. de 2008

Nos estaleiros feneses poderíanse construír barcos segundo Helena Veiguela

A normativa europea non prohibe que Navantia ceda parte dos seus terreos a outro estaleiro asegurou, nunha mesa redonda celebrada o pasado venres 24 na Casa da Cultura de Fene, a directora xeral de Promoción Industrial da Xunta de Galicia, Helena Veiguela. Esta consideración está avalada nun ditame xurídico elaborado por un catedrático da Universidade de Salamanca e encargado pola Consellería de Innovación e Industria.


Interviron no acto multitudinario organizado pola Iniciativa Empresarial do Noroeste (IEN) ademais da representante da Consellería de Innovación e Industria, Helena Veiguela, o senador socialista por Galicia, Xavier Carro Garrote, e o deputado no Parlamento central polo PP, Arsenio Fernández de Mesa. E logo sucedeuse un debate intenso durante dúas horas de participación activa. Houbo unha numerosa asistencia de representantes das principais empresas do sector naval e industrial e de políticos como o vicepresidente da Diputación Provincial, Pablo Villamar e alcaldes da comarca (Mugardos, San Sadurniño).

As intervencións coincidiron na demanda de desenvolver e aplicar o plan industrial comprometido pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) en decembro de 2004, que catro anos despois está sen executar.

Pola súa banda, o presidente da IEN, Manuel Pérez, amosouse satisfeito pola asistencia e participación ao acto, organizado pola asociación empresarial, e considerou que se os gobernos estatais tratan de reconducir a crise aplicando axudas públicas a diferentes sectores (banca, inmobiliario, seguros, etc.) entón estaría máis que xustificado un esforzo semellante para recuperar o papel de Astano no mercado naval. Tamén lembrou a drástica e paulatina redución de 11.000 postos de traballo a menos de 300 en vinte anos.

O secretario xeral de IEN por Europa, Xosé Manuel Galdo, apuntou que a carteira de negocio mundial de construción naval civil sitúase na actualidade en 10.000 buques e que este era un argumento "máis que sobrado" para xustificar a recuperación da factoría, posto que os estaleiros feneses son os únicos estatais que dispoñen das gradas necesarias para asumir a construción de grandes buques. Concluíu o Sr. Galdo que non existe o veto comunitario e "trátase, simple e llanamente, dunha defunción subscrita pola SEPI e os sindicatos".

22 de out. de 2008

Pleno extraordinario, o 24 de outubro de 2008

Convocado Pleno extraordinario da Corporación na Casa do Concello o vindeiro 24 de outubro ás 19.30 h cos seguintes asuntos:

1. Aprobación de acta anterior
2. Recurso contra modificación de créditos (Hoxe nova en La Opinión)
3. Estudo sobre a situación ambiental da masa arbórea do piñeiral da Madalena
4. Adhesión ó Grupo de Acción Costeira Golfo Ártabro

Metais pesados nos afluentes do río Eume constatados pola Universidade da Coruña

Adega, asociación ecoloxista galega, denunciou a existencia dunha elevada concentración de metais pesados nas augas dos afluentes do río Eume. Os ecoloxistas, que encargaron unhas análises á Universidade da Coruña, constataron que os níveis de metais pesados superan os límites legais.
Logo de que a Consellería de Medio Ambiente anunciase a "normalización" da canle do Eume e dese por controlada a acidez, a agrupación ecoloxista contradí esta perspectiva e alerta dos "preocupantes" níveis de cromo, niquel, cadmio, arsénico e uranio. No caso concreto do uranio, os valores superan 24 veces o recomendado pola Organización Mundial da Saúde.

20 de out. de 2008

O Grupo Municipal do BNG consegue unha nova convocatoria da Comisión especial de Contas

Os representantes nacionalistas reclámanlle transparencia ao goberno local do PP-AEC e conseguen que a Conta Xeral se poña a disposición dos concelleiros ata o 6 de novembro
O Grupo Municipal do BNG de Cabanas gañou hoxe o recurso contra a convocatoria da Comisión especial de Contas que vai tratar a Conta Xeral de 2007, e conseguiu a exposición aos seus membros por 15 días, entre a convocatoria e a súa celebración para o día 6 de novembro ás 9.00 h. Tal e como denunciou o BNG a semana pasada, tampouco se cumpren os prazos de presentación antes do 1 de xuño, nin moito menos o prazo do 15 de outubro de presentación diante do Consello de Contas de Galiza.

A coalición PP-AEC trata en van de impedir o traballo do BNG ao tratar de ocultar a xestión económica de 2007, ano en que entrou o PP no goberno e estivo en posesión da alcaldía o tránsfuga José Rey García, actual 1º tenente de alcalde por AEC. A pesar desta situación, os nacionalistas din que “o BNG vai desenvolver o seu traballo e non permitirá que quen leva o Concello ao desastre económico llo impida".

Considera o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, que este caso evidencia con claridade que “o goberno local nin traballa nin deixa traballar”.

Cabanas, 20 de outubro de 2008

17 de out. de 2008

O Grupo Municipal do BNG reclama unha nova convocatoria da Comisión especial de Contas

Os representantes nacionalistas acusan ao goberno local do PP-AEC de actuar fóra da lei e solicitan que a Conta Xeral se poña a disposición dos concelleiros

O Grupo Municipal do BNG de Cabanas presentou hoxe un recurso contra a convocatoria da Comisión especial de Contas que vai tratar a Conta Xeral de 2007, xa que non se cumpren os 15 días preceptivos entre a convocatoria e a celebración da mesma. E tal e como denunciou o BNG o mércores pasado, tampouco se cumprían os prazos de presentación antes do 1 de xuño, nin moito menos se cumpriu co prazo do 15 de outubro de presentación diante do Consello de Contas de Galiza.

As claras intencións da coalición PP-AEC con esta maniobra son limitar a revisión da documentación para ocultar a xestión de 2007, ano en que entrou o PP no goberno e estivo en posesión da alcaldía o tránsfuga José Rey García, actual 1º tenente de alcalde por AEC.

O Grupo municipal do BNG entre as moitas irregularidades e anécdotas das contas do ano pasado pregúntase “se quere ocultar a factura de 6000 € en ‘subministro de carne’ para o churrasco de Santa Marta”, un churrasco elitista só para amigos e coñecidos que rompeu o espírito da tradicional romaría na que participaba a xente de Cabanas, e que o ano pasado tiveran que pagar moitos veciños e veciñas.

Considera Pérez Sardiña que “estamos ante unha actuación do goberno local que vulnera o dereito dos concelleiros a analizar as contas municipais, ademais de intentar ocultar as falcatruadas do goberno do PP na súa xestión diaria".

Cabanas, 17 de outubro de 2008
Relacionada: La Opinión 16 de outubro.

15 de out. de 2008

REPATRIACIÓN DOS RESTOS DE SUÁREZ PICALLO A GALIZA

O BNG de Cabanas estivo presente onte no emotivo retorno dos restos de Suárez Picallo a Sada, para repousaren no cemiterio do Fiunchedo. No 44 cabodano da morte deste deputado galeguista na Arxentina cúmprese a súa vontade grazas á colaboración do Concello de Sada e a Vicepresidencia da Xunta conxuntamente con diferentes asociacións e institucións.
O Alcalde de Sada, Abel López, o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana e as Conselleiras de Cultura, Ánxela Bugallo, e Vivenda, Teresa Táboas, presidiron o acto na praza Irmáns Suárez Picallo.
O responsábel local, Xosé Carbón, e o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña participaron dos actos e tamén se achegaron con Xaime Bello ata o lugar onde xacen as súas cinsas, canda seus pais, o seu irmán fusilado no 1936 e mais súa outra irmá falecida en 2004.
Suárez Picallo, máis na wikipedia.
Intervención de Anxo Quintana en Quin.tv

10 de out. de 2008

SEMANA NEGRA PARA AS BOLSAS

A situación económica mundial está a pasar polos peores momentos desde 1970. Os países achegados ao modelo económico dos USA sofren os refachos do estoupido de Wall Street. Europa, Xapón... teñen caídas bolsistas entre o 7% e o 10%, equiparables ás consecuencias do luns negro de 1987.

Os líderes económicos do G7 están hoxe en Washington e buscan solucións despois de fracasar coas inxeccións masivas de liquidez, os rescates bancarios, a baixada de tipos do martes, as garantías dos depósitos ou plans de rescate (os 700.000 millóns de dólares para comprar accións nos USA) ou o de Gran Bretaña (compra de accións bancarias polo Estado).

A fortaleza da Unión Europea está en entredito posto que Alemaña decidiu que cada país amañe os problemas da súa banca. O euro cae fronte ao dólar e o petróleo baixa case aos 80 dólares/barril. Esboróase o neoliberalismo e retorna o deostado intervencionismo do Estado. Facer gañancias só poden uns poucos coa protección do Estado, pero cando o invento fracasa repartense as perdas para o conxunto da sociedade.

Coidadiño polas pistas veciñanza que este ano "en Cabanas disputaranse cinco tramos".

9 de out. de 2008

A Vicepresidencia da Deputación analiza a dotación de infraestruturas e servizos locais

A Deputación Provincial da Coruña publicou unha análise das infraestruturas locais de Cabanas. É accesible nesta ligazón e relaciónanse os puntos fortes e débiles do noso concello relativos a rede viaria, abastecemento de auga, saneamento, outros servizos urbanísticos e equipamentos.
O forte impulso que se deu á implantación de saneamento na pasada lexislatura só vai ter continuación a través dos investimentos de preto de 300.000 euros que proveñen da Deputación Provincial e mais preto de 600.000 € da Consellería de Medio Ambiente. Unha inxección de recursos económicos que, ben xestionada, abondaría para saldar boa parte das deficiencias actuais neste servizo. Pero non, o PP sempre anda a facelas gordas.


Ver o mapa completo


Así, puidemos saber a través da web de planeamento da Xunta de Galiza que a zona onde se asentaron a maioría das construcións que agora se verán agraciadas co saneamento están situadas urbanisticamente en terreos de protección forestal segundo as Normas Subsidiarias Municipais.

7 de out. de 2008

O desastre ecolóxico do Eume no Parlamento de Galiza

Esta semana compareceu o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza para explicar as medidas adoptadas polo seu departamento para afrontar o desastre ecolóxico que está a sufrir o río Eume. Velaí o vídeo das intervencións e a reportaxe:


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

5 de out. de 2008

O BNG A POLA PRESIDENCIA DA XUNTA

A Asemblea Nacional do BNG aposta pola mellora da acción de goberno e por unha Galiza dona do seu destino. O BNG quere impulsar iniciativas transformadoras, consolidar e acelerar os avances orientados á mellora do benestar dos galegos e galegas para loitar contra a crise económica e atender prioritariamente as necesidades da cidadanía.
Anxo Quintana vai ser o candidato do BNG á presidencia da Xunta, un candidato cheo de enerxía transformadora que leva as pilas cargadas para chegar ata o último recuncho do país e convencer de que a mellor opción para Galiza pasa pola xente do BNG, por un equipo comprometido co país, polo motor do cambio imparable. O BNG ten que consolidar tres anos de traballo sen descanso a prol dos intereses do pobo galego.


4 de out. de 2008

DOUS ANOS BOREANDO

Un 26 de setembro de 2006 comezou a andaina informativa deste blog, cunha ilusión e cunha forza que fostes apoiando vós como persoas lectoras do día a día, interesados e interesadas no que acontece en Cabanas desde unha óptica diferente, máis áxil que a dos medios de comunicación tradicionais.
As postaxes superan as 250 neste período e informan de case todo o ámbito municipal, como un diario do que acontece en Cabanas e na Casa do Pobo.
Hai que ser conscientes de que a utilidade deste medio aínda está limitada polas lentas políticas estatais en materia de extensión da banda larga. Aínda que en Cabanas van mudar por fin cando se instale un emisor de wimax no polígono de Vilar do Colo promovido pola Consellería de Innovación e Industria tal e como preveu o BNG no seu programa electoral.
Aínda así, nestes dous anos a cantidade de accesos superou neste período as nosas previsións máis optimistas. Achegástesvos ás 15.000 exhibicións de páxina e superastes as 7.000 visitas.
Grazas a todos e a todas pola vosa fidelidade, por achegar as vosas opinións, propostas, suxestións... e tamén benvid@s os e as novos visitantes do ano que pasou.

2 de out. de 2008

A VICEPRESIDENCIA PROVINCIAL PUBLICA NA WEB OS IMPOSTOS DOS CONCELLOS DA CORUÑA

O Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación Provincial abre unha nova porta á transparencia presentando a un clic todas as ordenanzas e impostos municipais dos concellos coruñeses. A Vicepresidencia provincial aposta deste xeito polo servizo á cidadanía no que respecta ao acceso á información tributaria.
Desde o Grupo municipal do BNG, Teresa García, viceportavoz económica, considera a iniciativa "necesaria e fundamental para que os veciños e veciñas poidan acceder sen obstáculos a toda a información tributaria non só de Cabanas, senón de todos os concellos da Coruña, tanto a actual como a revogada".

Ligazón:
Consulta de impostos, prezos públicos e taxas

1 de out. de 2008

CULTURA PULA POLA RECUPERACIÓN DO CAMIÑO INGLÉS

Cultura publicou hoxe a adxudicación do estudo dos trazados históricos para a delimitación do Camiño Portugués, Inglés e de Fisterra. Estas tres vías serán estudadas para propoñer a delimitación do trazado e das zonas de protección de cada un dos camiños.
O Plan de Delimitación e Protección dos Camiños, impulsado pola Consellaría de Cultura e Deporte, vai garantir a súa completa protección e no caso do Camiño Inglés adxudicouse por 236.250 euros.
A Lei de Protección dos Camiños de Santiago de 1996 obrigaba a facer esta delimitación, que non foi quen de acometer o anterior goberno. Ademais, é un momento clave no que se están a redactar ou revisar os plans urbanísticos municipais. Contemplará a delimitación de areas de actuación e de rehabilitación preferente: monumentos, núcleos, conxuntos de arquitectura tradicional, etc., así como áreas de recuperación ambiental-paisaxística e urbanas, e as medidas e criterios cara á corrección de impactos de infraestruturas, crecementos urbanos, polígonos industriais, explotacións gandeiras, concentracións parcelarias, cambios de cultivos, etc.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, considera este paso importante para o Camiño Inglés en Cabanas posto que a Consellería está a avanzar "na promoción rigorosa e na protección decidida do incalculable valor cultural dos camiños de Santiago".
Documentos
Adxudicación no DOG de 1 de outubro de 2008
Ligazóns
Plan de Delimitación dos Camiños de Santiago