26 de out. de 2008

Nos estaleiros feneses poderíanse construír barcos segundo Helena Veiguela

A normativa europea non prohibe que Navantia ceda parte dos seus terreos a outro estaleiro asegurou, nunha mesa redonda celebrada o pasado venres 24 na Casa da Cultura de Fene, a directora xeral de Promoción Industrial da Xunta de Galicia, Helena Veiguela. Esta consideración está avalada nun ditame xurídico elaborado por un catedrático da Universidade de Salamanca e encargado pola Consellería de Innovación e Industria.


Interviron no acto multitudinario organizado pola Iniciativa Empresarial do Noroeste (IEN) ademais da representante da Consellería de Innovación e Industria, Helena Veiguela, o senador socialista por Galicia, Xavier Carro Garrote, e o deputado no Parlamento central polo PP, Arsenio Fernández de Mesa. E logo sucedeuse un debate intenso durante dúas horas de participación activa. Houbo unha numerosa asistencia de representantes das principais empresas do sector naval e industrial e de políticos como o vicepresidente da Diputación Provincial, Pablo Villamar e alcaldes da comarca (Mugardos, San Sadurniño).

As intervencións coincidiron na demanda de desenvolver e aplicar o plan industrial comprometido pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) en decembro de 2004, que catro anos despois está sen executar.

Pola súa banda, o presidente da IEN, Manuel Pérez, amosouse satisfeito pola asistencia e participación ao acto, organizado pola asociación empresarial, e considerou que se os gobernos estatais tratan de reconducir a crise aplicando axudas públicas a diferentes sectores (banca, inmobiliario, seguros, etc.) entón estaría máis que xustificado un esforzo semellante para recuperar o papel de Astano no mercado naval. Tamén lembrou a drástica e paulatina redución de 11.000 postos de traballo a menos de 300 en vinte anos.

O secretario xeral de IEN por Europa, Xosé Manuel Galdo, apuntou que a carteira de negocio mundial de construción naval civil sitúase na actualidade en 10.000 buques e que este era un argumento "máis que sobrado" para xustificar a recuperación da factoría, posto que os estaleiros feneses son os únicos estatais que dispoñen das gradas necesarias para asumir a construción de grandes buques. Concluíu o Sr. Galdo que non existe o veto comunitario e "trátase, simple e llanamente, dunha defunción subscrita pola SEPI e os sindicatos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario