30 de ago. de 2010

Máis caravanas esta fin de semana

Achégannos unha nova instantánea a través da que se queixa un internauta das crónicas retencións que chegan a Cabanas dende Pontedeume.
A falta de solución ás caravanas na ponte do Eume faise evidente e confirma a cualificación de "parche" ás rotondas e ás regulacións semafóricas que fixo o voceiro do BNG neste mes de agosto que está a rematar.
Ademais, en Cabanas repetíronse ao longo desta semana, incluído o domingo, os fallos na regulación semafórica da encrucelada de Cardeita.

27 de ago. de 2010

A coalición PP-AEC prioriza no Areal o pintado do acceso ao concesionario do alcalde

Achegáronnos ao noso buzón de queixas un texto e unha foto que pasamos a reproducir:
"Onte pola mañá presentáronse varios empregados municipais no Areal e pintaron o vado do concesionario do alcalde de Cabanas. A indignación e os comentarios da xente foron en aumento despois de comprobar como pasaron os operarios municipais practicamente toda a mañá dedicados a pintar a entrada do conocido establecemento do motor. Ademais, houbo comentarios ainda mais duros porque se trata do único vado repintado na zona cando hai unha gran cantidae de accesos a graxes que pagan os seus impostos".
Sorpresa polos feitos
O portavoz do BNG, Xosé Manuel Sardiña, amosou a súa sorpresa e estupor e considera o feito como unha nova evidencia de que Germán e Rey "só están para resolver os seus problemas". Así mesmo, adiantoulle a este blog que preguntará no vindeiro pleno de setembro cales son as previsións e actuacións relacionadas coas pasaxes de vehículos.
Sobre a crítica vertida por Germán Castrillón hoxe contra o voceiro do BNG, este recomendoulle ao alcalde "que se apunte a un curso de formación sobre goberno local xa que nestes catro anos demostrou  suficientemente que só valeu para argallar unha milonga atrás doutra, para deteriorar a atención e información aos veciños e  mais para non cumprir nada do prometido".

26 de ago. de 2010

Cáelle ao Concello de Cabanas un hórreo recolocado en Vilar do Colo

A falta de coidado do goberno PP-AEC cos bens patrimoniais de Cabanas non ten fin malia á recente denuncia da Comisión Territorial de Patrimonio da Xunta de Galicia. O último feito que vén a corroborar a preocupación da Comisión Territorial comezou hai tres meses, cando o concello de Cabanas mirou para outro lado e permitiu que se deteriorase e caese un hórreo tradicional e catalogado no polígono industrial de Vilar do Colo.
O cabazo procede da Casa Lousada do Pereiro (Laraxe), e ao verse afectado pola construción do enlace do polígono industrial coa N-651 promovida polo Estado, os peares de pedra foron traladados por SEPES á actual localización onde se reconstruíu cun tellado de lousa e unha estrutura de madeira novos.
Precisamente a estrutura superior, reconstruída a fins dos noventa do século pasado, caeu hai aproximadamente tres meses, logo de sufrir un descoido máis que evidente nos últimos anos.
Para o BNG, esta é unha mostra máis da falta de coidado co patrimonio que pon en evidencia unha coalición de goberno disposta a deixar caer unha atrás doutra as manifestacións culturais que nos dignifican e singularizan como pobo. A coalición PP-AEC ten abandonados á súa sorte os vellos peares do cabazo sen que ata o momento se fixese outra cousa que recoller para un colector de residuos a madeira carcomida.

21 de ago. de 2010

ACTO CONMEMORATIVO DO CENTENARIO DO MITIN DE SAN MARCOS.


Adicionar legenda

Hoxe tivo lugar na Capela de San Marcos limite entre os concellos de Cabanas e Fene un acto commemorativo para recordar o discurso agrarista celebrado por Solidaridad Gallega o 21 de agosto de 1910. Este movemento do campesiñado que comezou a finais do seculo XIX e  alcanzou magnitude de masas durante o primeiro terzo do seculo XX, o movemento animaba os labregos a participar do chamado agrarismo organizándose en Sindicatos Agricolas e Sociedades Agrarias dende as cales  exixir a eliminación do sistema de foros e señores que oprimia os labregos, facer frente o caciquismo e solicitar melloras tecnolóxicas.
Durante o acto, as reponsables locais de Fene, Ana Santiago, e de Cabanas, Teresa García introduciron o acto e os concelleiros Inés Roca e Xosé Manuel Perez Sardiña fíxeron unha reseña histórica do movemento recordando as dificultades as que se enfrentaban as Sociedades agrarias en aquela época a hora de reivindicar melloras nun sector carente de medios e socialmente tan desprestixado. Tamen tivo lugar por parte dos asistentes, a lectura dun fragmento do discurso pronuciado hai cen anos naquel mesmo lugar e no cal, xa mencionaba a importacia da participación da muller para acadar os obxetivos do movemento.
O acto finalizou cunha ofrenda floral e son de gaita galega.

DERRUBA NO AREAL
Hoxe houbo o derrubo das edificacións próximas ao hotel Sarga, no Areal. Durante a mañá as escavadoras realizaron os traballos de demolición das antigas vivendas situadas á beira na N-651

18 de ago. de 2010

En lembranza do mitin agrarista de San Marco

O vindeiro sábado 21 de agosto o BNG de Fene e Cabanas celebrará conxuntamente o centenario do mitin agrarista de San Marco coas actividades que se relacionan no cartaz da esquerda.

Crónica do mitin na Voz de Fene:

16 de ago. de 2010

As mudanzas do Plan do Litoral nun vistazo en Cabanas, Porto e Irís

Que mudou con respecto a aquel documento inicial do Plan de Ordenación do Litoral que presentou a Xunta?
En resumo estas poden ser as principais modificacións:
- Incremento das afeccións sobre a totalidade de Irís e montes de Cabanas.
- O POL en exposición pública incorpora agora a protección da ribeira do Eume na parte interior da ría prevista nas Normas Subsidiarias.
- Pola contra, reduce de xeito evidente esa mesma protección da ribeira do Eume na marxe costeira do Areal, modificando as Normas Subsidiarias.
- O POL paraliza as licenzas urbanísticas en 90.000 m2 do Anido -antigo solo urbanizable-, con edificacións afectadas na parte sur.
- O novo POL consolida a desprotección do piñeiral da Madalena e mesmo propón a transformación do bosque na zona próxima ao ferrocarril.
- O novo documento incrementa a protección sobre Cabanelas mentres renuncia a recuperar zonas rústicas de protección de costas na mesma zona.
- En todas as parroquias hai ampliacións e reducións das zonas de protección de augas. A delimitación  modificada depende claramente da presión urbanística sobre cada zona. (... continuará...)
Por solicitude dos lectores colocamos unha ligazón á IMAXE AMPLIADA

9 de ago. de 2010

Poñer un pantalán na Madalena, a última ocorrencia do PP-AEC

A Demarcación de Costas denegou a autorización do pantalán debido á afección sobre a zona de baño
Resulta paradoxal que hoxe o goberno local exixa a retirada do dique da boqueira do Eume xa que  o relaciona como causa directa do escalón na praia. da Madalena, en Cabanas. Para o BNG, o alcalde popular cada semana aparece cunha  nova milonga e así, en xullo e en resposta a unha pregunta do BNG, o alcalde responsabilizaba o mar de fondo de que se producise o salto na area. Quince días despois cambia de opinión e argalla unha nova ocorrencia. Sería bo que o propio alcalde se aclare sobre as causas da erosión sobre a praia para exixir con fundamento a eliminación do espigón con base na deterioración da calidade da area e oo arrastre de cunchas contra o areal.

O BNG non obtivo unha explicación e xustificación razoable do alcalde
Este trasacordo en menos de dúas semanas parecería unha simple anéctoda do verán, pero todo o máis lonxe da realidade. No mes de xuño o Concello de Cabanas, presidido por Germán Castrillón, solicitoulle autorización a Costas para construír un pantalán flotante de embarcacións deportivas en zona de dominio público marítimo-terrestre. Días despois recibiu a contestación denegatoria da Demarcación de Costas do Estado. Á vista de que a coalición PP-AEC pretendía colocar a estrutura flotante na zona de baño, o organismo estatal contestou que coa grande afluencia de bañistas "no es viable" e ademais causaría "un efecto perjudicial" nas condicións da praia.

A Corporación agarda pola derruba do espigón desde xullo de 2008
Hai mes e medio, pouco lle importaban ao rexedor cabanés as condicións ambientais, mesmo estaba disposto a chantar un porto deportivo en plena praia sen ter en conta que unha boa parte dos visitantes que vén á Madalena son bañistas. Ao entender do BNG, a nova de retirar o espigón aparece cando se lle poñen costa arriba as cousas ao goberno local de Germán Castrillón. Así a corporación local ten un acordo de xullo de 2008 polo que exixe a retirada do espigón, parece que nada se fixo dende entón máis ca lamentarse.
Este é un exemplo máis do fracaso estrepitoso na xestión dun espazo único na costa galega que o goberno local deixa en mans da especulación e do cemento.

8 de ago. de 2010

Queremos que rematen as caravanas

Cabanas, 8 de agosto de 2010.- Repítense os crónicos problemas de tráfico na ponte do Eume que tamén afectan ao tránsito en Cabanas. As caravanas habituais por semana evidencian as eivas das rotondas que vai construír Fomento, coa anuencia dos gobernos populares das dúas beiras do Eume e sen o consenso da sociedade eumesa que sofre agora con virulencia unha pésima planificación.
O BNG xa analizou a problemática e demandou no Congreso, no Parlamento, nos concellos e na rúa a construción dun enlace na AP-9, en Andrade. A dirección está clara, pero os actuais gobernos municipais do PP atrancan máis do que solucionan, aí quedan as evidencias:
Cabanas e Pontedeume protestan polas caravanas na ponte