30 de set. de 2011

Condicionar o Plan económico-financeiro ó préstamo do Penso, a última argallada do PP para esquivar a execución

O Grupo municipal do BNG lamenta a posición obstrucionista do Grupo popular, que votou en contra dunha moción urxente que reclamaba a presentación inmediata do Plan económico-financeiro
Segundo as fontes consultadas, os obxectivos dun Plan económico-financeiro resúmense na necesidade de que o Concello xere un volume de aforro suficiente e estable para compensar o remanente de tesouraría negativo que se produciu en 2010 e mais o que se prevé  para o presente 2011.
Polo tanto, o Plan económico require realizar un esforzo na racionalización do gasto e máis específicamente nos gastos correntes discrecionais. Por lei e cando se advirta dende a Intervención municipal, deberá ser aprobado nun prazo máximo de tres meses polo Pleno da Corporación e trasladado ó órgano competente da Comunidade Autónoma. Así, o Plan determinará as actuacións máis importantes que o Concello deberá poñer en práctica e cuantificará os recortes para poder facer fronte ós gastos obrigatorios, entre os que se atoparían o Penso e mais o abastecemento a Vilar do Colo, que suman ao redor de 2 millóns de euros.

En 2011, Intervención municipal reiterou en tres ocasións a necesidade de desenvolver con urxencia o Plan de reequilibrio económico-financeiro. Así o recollen os informes dos orzamentos para 2011, da conta xeral de 2010 e da modificación de crédito de 97.000 euros que o pleno aprobou omércores pasado.
Non ás argalladas
Para o BNG as últimas explicacións do rexedor evidencian as contradicións e as argalladas dun goberno do PP sen rumbo e que improvisa sobre a marcha. Haille que lembrar ao PP que, en marzo de 2009 cando inda quedaban tres anos para executar o Penso, o rexedor xa se comprometera a aprobar un Plan económico para executar a sentenza (ao que tamén condicionara a baixada da contribución). 
Logo de vincular insistentemente a suba de impostos á "herdanza" do Penso, agora fai imprescindible un préstamo e "hai que esperar a atopar unha solución e ver como se poden afrontar os pagos para poder pór en marcha o plan". Un contradición evidente se o comparamos co explicado por el mesmo hai tres anos:
"Segundo explicou o alcalde, o xuíz denegou ao Executivo municipal a posibilidade de facer fronte aos custos da demolición e das indemnizacións aos afectados nun prazo de seis anos. "De aí tamén a necesidade de aprobar un plan económico e en vista dos resultados que arroxe, poderíase expor nun futuro a redución dos impostos, pero nunca antes da aprobación do devandito plan", destaca Castrillón.  Para o rexedor cabanés, a situación que na que se atopa na actualidade o Concello de Cabanas foi a que obrigou ao equipo de goberno a incrementar o IBI."
O dito hai tres anos polo rexedor era razoable e ao entender do BNG de aplicación inmediata, pero o que expón hoxe na prensa perde todo o sentido, xa que para gañar solvencia económica e poder acceder a créditos bancarios hai que ter aforro. Non hai aforro, non hai crédito. Ao non facer ningún Plan e ao gastar descontroladamente, a solvencia municipal resentiuse negativamente co PP. En consecuencia, a xestión de Castrillón foi nula e non cumpriu os seus propios compromisos.
O BNG lembra as consecuencias directas ás que terá que facer fronte o rexedor local por non cumprir as ordes do tribunal:
"Os xuíces advirten ao rexedor cabanés de que as obras deberán comezar como moi tarde o próximo 15 de setembro [de 2008, cun prazo máximo de tres anos para rematar], calquera que sexa o proxecto elixido para a demolición parcial do inmoble, e lémbranlle que, de non acatar a resolución xudicial, pode incorrer nun delito de desobediencia ao tribunal".
O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Sardiña, cualifica o momento económico de Cabanas como "preocupante", responsabiliza directamente ao PP e empraza aos membros do goberno local a que sexan "conscientes da situación que se atravesa e apreten o cinto".

25 de set. de 2011

O PP modifica á alza as retribucións do seu staff local

Cabanas.- Cos créditos esgotados, o goberno do PP vai incrementar as partidas de disposición política para manter o seu staff en 57.000 euros. Dende que se celebraron as eleccións locais e de aprobárense as modificacións propostas, completará os gastos do goberno local que ascenderían a 140.000 euros. Na pasada lexislatura, só o mantemento do goberno local consumiu  ao redor de 600.000 € dos orzamentos municipais, a cantidade máis alta de toda a democracia.

Neste ano electoral, as primeiras partidas en esgotarse foron as da alcaldía, que a través dun decreto sumou 22.210 € para poder cobrar no segundo semestre do ano (retribucións básicas e seguridade social).
Para o vindeiro Pleno tocará completar as partidas de asistencias dos tenentes de alcalde e delegados con 17.000 € máis, así como 15.400 € máis en dúas asesorías da alcaldía, unha xurídica e outra de protocolo e comunicación. Tamén se produce un incremento salientable no apartado de publicidade e propaganda en 2450 €, manténdose as atencións protocolarias en 2000 €. 
Deste xeito, na modificación de créditos do Orzamento municipal que se debaterá no vindeiro Pleno uns 36.000 € van destinados a gastos discrecionais relacionados co goberno local. O destino dese 37% da modificación, que ascende en total a algo máis de 97.000 €, xa foi validado coa maioría absoluta do PP na Comisión de Facenda do xoves pasado.