29 de out. de 2007

La ciudad del motor, por Castrillón (e suma e segue)

Interesante noticia na Voz de Galicia e tamén na Opinión


Vaise celebrar a proba de exhibición entre o enlace da autopista e o camiño de Irís: aí o vai marcado en vermello. Grazas a Google e á desinteresada colaboración deste blogue.



"CABANAS sede de la última prueba del Campeonato de España de Rallyes de Tierra, los días 9 y 10 de noviembre"


Non tardou nada en argallar un circuíto o alcalde piloto para o "Campeonato de España 2007: Rallyes de tierra" coas pistas do Concello de Cabanas.
Dende aquí parabéns polas 27 referencias ao rallye que aparecen en Google, fronte ás 43.000 do nome de Cabanas mais a comarca en que nos incluímos (Eume).
"La ciudad del motor" vaise asemellar á herdanza do PP coa "Cidade da Cultura" de Santiago de Compostela. Ao tempo! E a correr polas corredoiras!

Ata a próxima esqueirada...

Proposta de mascota para o rally
(porque disque non traballa ninguén máis ca o alcalde piloto)

19 de out. de 2007

Proposta da Xunta para os accesos de Santa Cruz

Despois de que os veciños da parroquia de Santa Cruz do Salto reivindicaran a través da recollida de 850 firmas que a Xunta poña sobre da mesa solucións provisionais e definitivas, por fin a Xunta respondeu cunha proposta concreta enriba da mesa.
Traballar en política é acertar coas vías de solución dun problema. Propoñer por propoñer, dar voltas cos metros, coas néboas, coas rotondas, coa asistencia de técnicos fantasma e cos díxome-díxome son "numeritos" daqueles que non saben facer outra cousa que teatro e espectáculo. Así pasaron cos rifi-rafes dous longos meses de faxes errados, contrapropostas sen fundamento do Concello e doutros grupos políticos, reunións baleiras, etc. Segundo o alcalde piloto iso é traballar.
Para o BNG só traballaron os veciños e veciñas da parroquia demandándolle á Xunta, quen realmente pode solucionar a situación, propostas enriba da mesa. Aí estivo o BNG, con sentidiño e prudencia, ao lado dos veciños e veciñas falando dos seus problemas, non dos problemas que crean outros, e presentando iniciativas políticas como a solicitude dun Pleno Extraordinario e tomando a iniciativa no Parlamento de Galicia e na Xunta.
A nova que aparece hoxe na edición de Ferrol de La Voz de Galicia informa de que o proxecto chegou ao Concello e que o alcalde confirma a solución ao 50% do problema: acceso de Cabanas a Santa Cruz. Xa non fala do 50% restante parece que dando a súa conformidade: a falta de saída de Santa Cruz a Lavandeira.
As cousas non deben quedar aí, os veciños deben ter acceso á proposta e decidir se é ou non da súa aprobación. Así se facía antes nunha Comisión de seguimento das obras que eliminou hai un ano o ex-alcalde José C. Rey (quen formaba parte dela primeiro como vogal e logo como presidente en substitución de Modesta Anca sen que a convocase ningunha vez máis), de aí todos os problemas actuais que veñen do abandono das cousas. Agora co PP tampouco hai comisións de seguimento nin cousa que se lle semelle, só un alcalde con afán de protagonismo e vendedor profesional de fume.
En todo caso, o que salva a Santa Cruz é que a Xunta do PP deu paso a outra Xunta que responde ás demandas sociais.

18 de out. de 2007

Cabanas ten futuro sen o PP

Despois de ler a entrevista co alcalde piloto que ten "aguante" no rally e na alcaldía só queda unha posible solución: xa está todo resolto ou en estudo e os problemas desapareceron porque o di o PP.
O BNG está a rexurdir como a única alternativa de goberno real, cun equipo que fala coa xente, arrima o ombreiro cara ó ben común e sabe gardar as formas e a prudencia necesaria que require a política.
O PP está fóra de sitio, repite o que xa estaba feito e carece de proxectos cribles de futuro. Dá a impresión de que está a gobernar un grupiño indefinido sen ideas e sen proxectos que improvisa sobre a marcha, sen experiencia e sen capacidade para facer nada distinto.
Hai que agradecer en todo caso que o alcalde do PP clarifique que non vai cambiar nada do que xa había coa empresa concesionaria do servizo de abastecemento, depuración e saneamento. Evidentemente, o BNG xa sabía que o PP era máis do mesmo porque entre outras cousas un membro destacado dese partido que foi en tempos pasados portavoz municipal nun concello limítrofe, ex-alto cargo da Xunta e xerente dunha coñecida empresa que trata os lodos da depuradora de Cabanas-Pontedeume foi o primeiro que lle puxo freo á investigación da Comisión da Auga ao non aportar a facturación da concesionaria.
Pero hai máis, o PP tamén freou as fiscalizacións do Consello de Contas e da Facenda propostas polo BNG no Pleno da Corporación, aquí en compañía dos actuais compañeiros de batalliñas: AEC e IVC. O trío das caravelas tamén eliminou os cartos para facer un estudo de custos... E o Concello así non tiña nada con que reclamar, só un informe presentado polo Grupo Municipal do BNG en marzo de 2006, un informe da bióloga municipal e as recomendacións do Valedor que quedaron en auga chirla e que tampouco defenden a ninguén por si soas.
A xestión do BNG foi boa, porque se puxeron tódalas iniciativas enriba da mesa e evidenciáronse os obstáculos que entorpecen a clarificación do problema. Descubriuse totalmente a nefasta vontade política de dicir unha cousa na rúa e outra no campanario propia do PP de tódolos tempos e dos seus actuais axudantes. O resultado é coñecido, provocaron que o Concello perdese un xuízo porque bloquearon cos seus votos as investigacións e manipularon o que é dos veciños e veciñas: o dereito á transparencia. Perdeuse o xuízo porque o Concello se deixou perder e así se recoñece nunha sentenza que bota en cara que nunca se lle reclamou por ningunha vía unha cantidade á concesionaria pese aos indicios indicados nos informes dos biólogos e polo Valedor. O BNG nunca tivo a alcaldía e no período do xuízo houbo tres alcaldes diferentes e todos fixeron o mesmo: "de brazos cruzados". Botarlle a culpa ao único que rema, cando todos miran para el cos brazos cruzados, é conto vello.
O runrun que se oe polas fontes e corredoiras xa é: "Campos dita, Pepe oe e Castrillón copia".
Do caso do Penso hai que agardar un pouquiño máis, pero a parrula hase ver co tempo.

Segundo o alcalde xa non hai crispación nos plenos, pero non sabe que a banda da dereita é o banco da crispación! Tampouco ten orde o alcalde nos Plenos, ou mellor dito ten a orde do seu interese político, e indigna escoitar comentarios malsoantes e chulescos de persoas retribuídas con erario público diante da pasividade do presidente: igualiño que antes.

14 de out. de 2007

A Xunta debe presentar alternativas e manter os accesos provisionais a Santa Cruz

A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade.

O Concello ten que reclamar solucións á Xunta e que se manteñan os accesos provisionais.

Despois de dous meses de voltas e voltas para os veciños o Pleno municipal pronunciouse non sen as habituais dificultades a favor das demandas veciñais.

O alcalde piloto foi incapaz de levar o Pleno ordenado e, con Campos e Rey de comparsas, tratou de converter o Pleno nunha “reunión de veciños” onde prevalecesen os problemas persoais deses dous persoeiros ou a proposta telefónica do alcalde.

O grupo municipal do BNG mantivo as formas e esixiu o cumprimento da lei, promoveu a participación ordenada dos veciños e conseguiu que os acordos adoptados pola corporación encamiñen a acción política a solucionar o problema dos accesos.

A celebración do Pleno volveu a poñer en evidencia a inexistencia de solucións válidas e as comenencias do alcalde do PP. Cunha solución telefónica ao 50% e coa ausencia clamorosa dun técnico da Consellería o PP deixou en evidencia a súa estratexia para que non asistisen os veciños e veciñas afectados.

O PP desenmascarado

Certamente, a marquesiña e o 50% dos accesos ofrecidos coa conformidade do alcalde do PP deixan claro que este grupo político nunca quixo facer ben as cousas en Cabanas. Primeiro aprobando cando estaban na Xunta un proxecto ilegal de estrada sobre o parque natural das Fragas, ignorando as peticións de modificación propostas polo BNG, e agora no goberno local aceptando propostas telefónicas a medias.

6 de out. de 2007

Accesos a Santa Cruz xa!!!

Os veciños e veciñas de Santa Cruz do Salto demandan accesos á parroquia. O xoves día 4 fixeron as primeiras manifestacións públicas en La Opinión, La Voz de Galicia e Diario de Ferrol. Despois de agardaren prudentemente un mes por propostas de solución, quéixanse de falta de atención ás súas demandas dos políticos municipais e demandan solucións viables enriba da mesa e que a Xunta manteña os accesos provisionais mentres non se atopan alternativas. A realidade é evidente para calquera, “Vueltas y vueltas hasta llegar a Santa Cruz de Cabanas” La Voz de Galicia.

A Plataforma de Defensa dos Camiños tamén se pronunciou publicamente en apoio das demandas dos veciños e criticou a actuación do alcalde piloto: “deixe de vender fume na prensa e convoque unha sesión plenaria” Diario de Ferrol.

O Grupo Municipal do BNG presentou o pasado 1 de outubro a solicitude de Pleno extraordinario, respondendo ás demandas veciñais.

E o alcalde piloto convocou o Pleno solicitado polo BNG para o último día do prazo legal, o 18 de outubro ás 8.30 horas da mañá. La Voz de Galicia.

!!!

Cando todos os medios de comunicación apuntan a inminencia da inauguración, parece que esta decisión do alcalde piloto caeu mal, moi mal, nos veciños e veciñas.

Continuará...

________

Pleno extraordinario: xoves 8 de outubro ás 8.30 h.

... In extremis, o alcalde piloto modificou a convocatoria do Pleno extraordinario sen ter en conta as peticións dos veciños e do BNG, que demandaron maior urxencia e un horario que favorecese a participación veciñal.

De “enterrar” a “valar” o tren


Novas en “La ciudad del motor”. O alcalde piloto tivo oportunidade este mércores pasado de trasladarlle as súas promesas electorais de enterrar a vía a ADIF (antes RENFE), pero non foi así. Da terra pasou aos valados...

Quedaba un cacho por valar na zona do impracticable terraplén do parque do Areal e aí descubriuse un problema tremendo que solucionar.

En todo caso a pregunta que se fai todo o mundo:

Serán as valas unha escusa para cubrir a vía cun teito e así que pase o tren enxoito?

Des-galeguismo do PP

Hoxe en La Opinión atopamos un problema do concelleiro do PP de Cabanas Luís Chillón cos seus pequenos que mereceu a atención especial do goberno, tamén do PP, do Concello veciño de Pontedeume. O de pedir opinión aos pais e nais da gardería do Chalé Rosa desde instancias que ningunha competencia teñen no asunto da lingua para darlle o gusto a un colegui soa bastante mal. Mágoa que estes goberniños locais estean a atrasar os reloxos.

4 de out. de 2007

PRIMEIRO ANIÑO


Este blog xa leva un ano dando información puntual e desde unha perspectiva diferente da actualidade política de Cabanas. Comezou un 26 de setembro de 2006 e parece ser que non foi do agrado de persoas que nada entenden nin de democracia nin de liberdade de expresión. Deste xeito, a comunicación fíxose máis directa e máis aberta para todos e todas.

Grazas polas vosas lecturas e visitas, grazas por seguirdes aí.

3 de out. de 2007

Día Europeo das Linguas

Nun día coma hoxe non podiamos deixar pasar que a lingua galega non ten a oficialidade plena en tódalas institucións posto que tamén debería ser admitida nos órganos representativos de Bruxelas.
Mágoa que en Concellos próximos se estea a dar marcha atrás no avance da normalización do galego como lingua da comunidade.

E para iniciativa reivindicativa sobre o galego aquí vos queda a que fixeron estes dous mozos que gañaron un certame entre centros de ensino secundario. Moi boa!!!
"Mirando da Lingua"