31 de xul. de 2010

Pleno extraordinario o vindeiro 3 de agosto ás 9 horas

Convocado un pleno extraordinario para o vindeiro martes 3 de agosto ás 9 horas. A Corporación tratará os seguintes asuntos:
1. Solicitude subvención para soterramento de liñas eléctricas
2. Solicitude subvención para proxecto de educación para a sustentabilidade vinculado o PXOM

30 de xul. de 2010

Cabanas exíxelle á Xunta a retirada do canon da auga

O PP perde a segunda votación en menos dun mes, logo de saír derrotado polas alegacións dos veciños e do BNG á humanización da N-651
Cabanas, 28 de xullo de 2010.- O BNG sacou adiante no Pleno ordinario de Cabanas, celebrado o pasado mércores, a moción que exixe a retirada do canon da auga promovido pola Xunta de Galicia. A Lei de Augas de Galiza, aprobada polo Consello da Xunta, propón substituír o canon de saneamento en vigor por dous novos tributos: o canon da auga e o coeficiente de vertido, con fins claramente recadatorios, á custa de familias e particulares.
Segundo expuxo o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, esta lei foi elaborada sen consultar aos concellos galegos, sen discusión previa, obviando a realidade local e a grave situación económica que se sofre tanto no país coma nos concellos.
O PP carga o consumo da auga a unha familia tipo nun 360% máisTamén avisou Xosé Manuel Sardiña que tal e como está formulado o proxecto de Lei, estas modificacións van supoñer na realidade unha suba abusiva do canon aos usos domésticos ou asimilados, con incrementos de ate o 360%, e van afectar de xeito moi especial á poboación residente no rural, aos comercios e ás pequenas empresas.
Así mesmo, o canon da auga vai gravar igual o uso da auga tanto en captacións particulares (pozos ou traídas veciñais) coma nos sistemas públicos de abastecemento, mesmo sen rede de saneamento. Non conforme con isto, o PP impón que os titulares dos pozos e das traídas particulares instalen contadores homologados,  posto que se non son instalados poderán ser sancionados con multas de ata 30.000 euros.
O voceiro do Bloque critica que "o PP bote man do cinismo para criticar a suba do IVE mentres defende no Pleno a implantación dun novo imposto indirecto, nada progresivo, que vai lesionar directamente as economías familiares, o comercio e as PEMES de Cabanas".

29 de xul. de 2010

PP e AEC néganse a avanzar na urbanización da praza do cruceiro

Os grupos do goberno local rexeitaron a urxencia da moción do BNG á vez que ocultan a localización do cruceiro que lle propuxeron a Patrimonio
Normas Subsidiarias de 1988
Cabanas, 28 de xullo.- Na sesión de onte, foi presentada por vía de urxencia a proposta de actuación na praza do cruceiro que fixo o portavoz municipal este día, Xosé Manuel Sardiña, á vista do secretismo e atraso co que a coalición PP-AEC está a levar a recolocación do ben cultural catalogado.

Especulación urbanística ou interese público
O alcalde negouse en redondo a tratar o asunto e pospuxo ao Plan Xeral o acondicionamento da praza. Pero estas declaracións contrastan abertamente coas propostas que fixo a alcaldía para acondicionamento da praza no proxecto de humanización da N-651 do Ministerio de Fomento e que foron aprobadas no Pleno do 26 de maio en solitario por PP e AEC, diante dunha forte contestación social.
No proxecto estatal de humanización, o alcalde renuncia a recuperar para dominio público un amplo espazo da praza  do cruceiro que inexplicablemente se deixa en mans privadas (vid. zona raiada da imaxe). Ao portavoz do BNG resúltalle unha "milonga" máis de Castrillón para "ocultar intereses  especulativos" en vez de "consolidar e mellorar os espazos e os servizos públicos do Areal". Baixo a consideración do portavoz nacionalista é difícil de entender que o goberno local renuncie a ampliar a praza, recolocar nela o cruceiro e mellorar os accesos a Lamelas e o Oito cando "unha actuación destas características está abeirada xa nas Normas Subsidiarias de 1988". No planeamento en vigor, xa se establece o ancho do vial de Lamelas, ao que lle habería que sumar a separación  obrigatoria da estrada N-651. 
Constátase deste xeito, o alcalde abandona o interese xeral e o servizo á poboación  mentres priroriza o negocio urbanístico, mesmo á custa de deteriorar a imaxe do concello.
Proposta de humanización da N-651 aprobada o 26 de maio
Rexeitar a urxencia da moción evidencia o desinterese do goberno actual por cambiar Cabanas con iniciativas innovadoras. Segundo o voceiro nacionalista, "estariamos nun momento idóneo xa que o concello acaba de contratar unha cuadrilla numerosa para acondicionamento de espazos públicos e só faltaría levar adiante os trámites administrativos  da proposta antes de que finalice o contrato". Para o portavoz do Bloque, "a administración gobernada polo PP dispendia así os recursos públicos contratando innecesariamente empresas externas para traballos que poden desenvolver traballadores públicos competentes". Para Xosé Manuel Sardiña, acadar ese espazo e modernizalo para mellorar os servizos aos veciños e a imaxe de Cabanas cambiaría substancialmente o rumbo, "unha Cabanas pensada para os veciños".

Exposta ao público a conta xeral do exercicio 2009

Conta xeral exercicio 2009
EDICTO
Formulada e rendida a conta xeral do orzamento desta Entidade correspondente ao exercicio de 2009, sométese a información pública, xunto cos seus xustificantes e o informe da Comisión Especial de Contas, durante quince días contados a partir da publicación deste edicto no Boletín Oficial da Provincia.
Neste prazo e oito días máis, os interesados poderán presentar reclamacións reparos ou observacións, as cales serán examinadas pola devandita Comisión que practicará cantas comprobacións estime necesarias, emitindo novo informe, antes de somete-las o Pleno da Corporación, para que poidan ser examinadas e –no seu caso- aprobadas, de conformidade co disposto no artigo 212, números 2 y 3 do Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais.
Cabanas, 22 de xullo de 2010.
O Alcalde
Asdo. Germán Castrillón Permuy.

27 de xul. de 2010

Pleno ordinario do 28 de xullo ás 19.30 h

Cabanas, 27.07.2010.- Na sala de sesións da Casa do Concello terá lugar o pleno ordinario bimensual cos seguintes asuntos:
1. Actas de sesións anteriores
2. Moción do BNG sobre defensa do Sistema Público de Servizos Sociais
3.  Moción do BNG para retirada do canon da auga da Xunta
4. Moción PP sobre decreto do carbón
5. Informes de presidencia
6. Rogos e Preguntas


Comezará ás 19.30 h.

26 de xul. de 2010

Xosé Manuel Sardiña aposta por urbanizar a praza do cruceiro

Praza do Cruceiro, O Areal (marxe sen urbanizar)
Cabanas, 26 de xullo de 2010. O portavoz municipal do BNG considera que a recolocación do cruceiro impulsada pola coalición de goberno PP-AEC demostra "o seu esgotamento e a súa falta de ideas"
Despois de que hai un mes os portavoces do BNG e a AEC se pronunciasen a favor de colocar o cruceiro nunha das marxes da praza do Areal, a coalición pilotada por Germán Castrillón inda non ten unha localización decidida para o cruceiro do Areal.
Neste sentido, o portavoz municipal de Cabanas anuncia que propoñerá no vindeiro Pleno da Corporación o arranxo da praza do cruceiro e a colocación do Ben patrimonial catalogado na marxe sen urbanizar, ao carón dun magnolio que habería que conservar e coidar.
A situación actual da praza é lamentable e amosa a parálise e falta de iniciativa do goberno local para sacar adiante proxectos que melloren a calidade de vida dos veciños e a imaxe de Cabanas. "Non é de recibo que no centro do núcleo do Areal haxa unha parcela urbana totalmente descoidada e que non se adecente a marxe que lle correponde ao dominio público", apunta Xosé Manuel Sardiña.
Nesta zona, segundo o portavoz nacionalista, unha actuación urbanizadora que atendese o interese xeral "melloraría substancialmente o acceso ao Oito e a Lamelas, completaría a beirarrúa peonil, crearía novos aparcadoiros e integraría o cruceiro nunha praza da que non debería saír".

4 de xul. de 2010

O BNG oponse á suba exponencial do recibo da auga promovido polo PP

O BNG rexistrou unha moción contra o «canon da auga» que o goberno do PP pretende impoñer co Proxecto de Lei de Augas de Galiza. Esta norma vai supoñer máis cargas impositivas sobre quen peor o está pasando nestes tempos, as familias e particulares, ao encarecer as taxas e suprimir exencións que xa existían. O claro obxectivo desta medida do PP é duplicar a recadación á conta do consumo de auga das galegas e dos galegos. 
Deste xeito, unha persoa que viva soa e que consuma uns 3 m3 de auga ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementará en máis dun 363%; con ese mesmo consumo unha familia de tres membros soportará unha suba do 171%. 
O proxecto tamén suprimirá as exencións tributarias existentes na actualidade para os núcleos de menos de 2000 habitantes (todos os do noso concello), prexudicando especialmente os veciños e veciñas de Cabanas, que a partir de agora terán que pagar impostos incluso por usar a auga dos seus propios pozos ou das traídas veciñais, teñan ou non acceso á auga ou ó saneamento municipal.
Esta é unha lei elaborada sen consultar os concellos galegos, sen discusión previa, obviando a realidade local e a grave situación económica que se sofre o país e os concellos. E o que é máis grave, non comprende nin unha soa medida que incentive o aforro de auga, máis alá da suba de prezos e da ameaza de fortes sancións económicas a quen non instale un contador homologado no seu depósito da auga.
Por iso o BNG de Cabanas proponlle á corporación municipal  que esixa a retirada do Proxecto de Lei de Augas de Galiza e elaborar un novo proxecto de lei sometido ao  diálogo e á consulta pública.
Ver o contido íntegro da iniciativa: