29 de xan. de 2010

O BNG lamenta que PP-AEC rexeiten a ordenación do arquivo municipal

O Grupo Municipal do BNG, a través da súa viceportavoz, Teresa García Pita quere poñer de manifesto o nulo interese e falta de respecto que tivo o Partido Popular coa moción do BNG para ordenar e organizar o arquivo municipal a través dun convenio coa Consellería de Cultura. É inaudito que unha concelleira que se chame de Cultura negue a existencia dunha convocatoria publicada no DOG e á que xa se sumaron a práctica totalidade de concellos da volta, quedando Cabanas por desleixo absoluto no furgón de cola.
A intervención da concelleira popular, Esperanza Gayoso, e a condescendencia de Germán Castrillón deixaron moito que desexar e representan unha vez máis a demostración palpable de que ao PP lle faltan ideas e iniciativas e mesmo non son quen de protexer en debidas condicións un ben patrimonial como o do arquivo municipal cabanés.

28 de xan. de 2010

O PP cabanés responsabiliza a Xunta da impunidade coa que se comercia con chapapote tóxico

O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción pola vía de urxencia despois de coñecer a toxicidade dos materiais bituminosos procedentes de Holanda a través do Porto Exterior ferrolán, que foron depositados por unha empresa da comarca en San Lourenzo, fóra do polígono industrial de Vilar do Colo. Concretamente, o chapapote foi vertido nunha zona rústica, afectada pola afección da AP-9 e mais na zona de protección ambiental do río Baa. Na moción demandábase a inmediata actuación municipal para garantir a legalidade urbanística e a adopción de medidas para garantir a salubridade pública. O bipartito PP-AEC votou en contra da urxencia da moción nacionalista sen xustificación ningunha e demostrando o total coñecemento da situación.
Ademais, o BNG de Cabanas amósase preocupado porque xa hai constancia de que os materiais de procedencia holandesa denunciados por asociacións ecoloxistas e pola Asociación Galega de Áridos como tóxicos están a ser distribuídos en obras locais sen ningún tipo de medida de protección sanitaria nin de seguridade laboral.
Neste sentido, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, denunciou que o Concello non procedeu desde o mes de xuño setembro tal e como demandara o Bloque a adoptar medidas cautelares para evitar a actividade comercial cuns materiais acumulados sen licenza municipal. Tamén os camións puideron romper as beirarrúas sen que o alcalde demandase en ningún momento a reposición dos danos aos bens municipais (foto superior esquerda) nin controlase o acceso prohibido pola normativa de circulación vial. O Concello de Cabanas non ten control legal de ningún tipo sobre estas actuacións pese a ter reforzado o seu servizo de asesoramento técnico e dispoñer de policía local.
As principais escusas para non actuar que foi presentando o alcalde, Germán Castrillón, fundaméntase por unha banda na autorización da Comunidade Europea que esgrimiu a empresa beneficiaria e por outra na concesión de permisos da Xunta de Galiza para tramitar a licenza municipal da que actualmente carece a actividade. Non obstante, o feito evidente de romper os camións con total impunidade unhas beirarrúas municipais e entrar por un camiño de servizo a montes para depositar chapapote tóxico en San Lourenzo non mereceu ningún tipo de medida por parte dun goberno local que se nega a escoitar as demandas de asociacións e o grupo municipal do BNG. Deste xeito, ás preguntas realizadas polo concelleiro, Xosé Manuel Golpe (tanto hai seis meses como o pasado mércores) o alcalde respondeu que a licenza dependía da Xunta, obviando calquera mención á súa responsabilidade legal e á inactividade nas funcións propias da alcaldía para controlar e repoñer da legalidade vixente ou para velar pola reparación dos bens municipais esfarrapados polo libre tránsito dos camións. Neste e noutros casos, o alcalde dedícase con total evidencia a mirar para outro lado en vez de facer o seu traballo.


Ver San Lourenzo nun mapa máis grande


26 de xan. de 2010

Un monte de residuos tóxicos nos montes de Vilar do Colo pola manga ancha do PP

Medre da montaña de chapapote holandés, Laraxe (Cabanas)
A montaña de chapapote tóxico de Cabanas segue a medrar. Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela confirma que o material asfáltico, comercializado como árido, é nocivo

Desde agosto, o concello de Cabanas conta cun monte con 400.000 toneladas de chapapote erguido con residuos tóxicos holandeses, tal e como confirma un informe da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo a Escola de Enxeñería Química, "a empresa CEM S.L. comercializa aquí áridos para a construción procedentes de residuos asfálticos".
As análises en diversos laboratorios confirman "o perigo deste material para a saúde", segundo indicou onte a Asociación Galega de Áridos a través dun comunicado. Ademais, as entidades ecoloxistas alertan que "unha boa parte se acumula nun bosque de ribeira, preto do polígono galego de Vilar do Colo, xunto ó río Baa". Desde o mes de agosto, os veciños asisten atónitos á formación "dunha montaña de dez metros de altura, en terreo forestal e na zona que afecta ó municipio de Cabanas (...) a cargo dunha cementeira de Narón", aseguran.
César Martínez, veciño da zona e membro da Aetna do río Baa, lamenta "a vertedura sen control ambiental destes materiais". As denuncias presentáronse ante os municipios, a Consellería de Medio Ambiente ou Seprona, e a próxima semana levarán o caso ó Parlamento Europeo. Segundo Aetna, "ó porto exterior de Ferrol chegaron seis barcos dende entón con 150.000 toneladas cada un de refugallos de Holanda, falariamos de case un millón de toneladas".
Para o BNG de Cabanas o informe universitario demostra que o alcalde do PP, Germán Castrillón, no canto de recitar e avalar os comunicados dos que se lucran co comercio de materiais nocivos tería que protexer a saúde da xente e mais a legalidade urbanística.

25 de xan. de 2010

Pleno ordinario de xaneiro de 2010

O vindeiro mércores 27 hai Pleno ordinario ás 19.30 h na sala de sesións da Casa do Concello. O Pleno  establecido cada dous meses terá a seguinte orde do día:

1. Aprobación de actas anteriores

2. Moción BNG sobre arquivo municipal

3. Moción BNG sobre caixas de aforro

4. Mocións sobre borrador do decreto do ensino


5. Moción Grupo Mixto sobre restauración e reubicación do cruceiro do Areal

6. Moción Grupo Mixto sobre axuda ás vítimas do terremoto de Haití

7. Informes de presidencia

8. Rogos e preguntas

22 de xan. de 2010

Cabanas perde preto de 100.000 € de investimento pola nefasta xestión da coalición PP-AEC

O Pleno da Corporación aprobou sen ningún voto en contra o proxecto modificado de Mellora da seguridade vial da EP-1502 entre as parroquias de Porto e Laraxe. O proxecto de mellora da seguridade vial da EP-1502 comprendía os puntos quilométricos 0 e 1,1 e inclúe a construcción de beirarrúas a ámbalas marxes da estrada, con recollida de pluviais e iluminación pública.


Non exento de controversia
No Pleno por parte dos grupos da oposición houbo unha posición unánime a favor de que a veciñanza tivese a última palabra e coñecese o proxecto definitivo de primeira ma. Neste sentido, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, solicitou que o asunto quedase sobre da mesa para presentárllelo aos veciños antes do Pleno Ordinario que se celebra o vindeiro mércores. A coalición PP-AEC aplicou novamente o rodillo para evitar calquera pronunciamento oficial dos veciños sobre a actuación. Engadiu o portavoz do BNG que o proxecto estivo só nas mans do PP-AEC durante 3 meses durante os que puideron consultar a grupos políticos e veciñanza, pero "é unha mágoa que o gardasen no caixón co único fin de facer política de a patacón", concluíu o voceiro do Bloque.
 
Lenta tramitación municipal

O proxecto sufriu un proceso de tramitación longo pola xestión ineficaz e trapalleira da coalición PP-AEC que se encetou cunha proposta na práctica irrealizable de Germán Castrillón. O proxecto inicial tropezou coa escaseza de fondos municipais para expropiacións multimillonarias e cunha contestación dun grupo de veciños que o consideraron desproporcionado e pouco axeitado para unha zona de vivendas unifamiliares.
Ao ninguneo das necesidades e demandas reais da poboación, a coalición PP-AEC engadiu a exclusión prepotente das propostas de mellora presentadas polo grupo municipal do BNG no primeiro Pleno en que se tratou o novo proxecto do vial provincial. A coalición Permuy-Rey anulou dese xeito tan mediocre calquera complicidade do principal grupo da oposición para xestionar eficazmente diante da Deputación Provincial un proxecto axeitado a Porto.

Recorte do proxecto en 93.868 euros
A turronería absurda e nepotista que preside a acción do goberno de comenencia PP-AEC provocou un recorte de 100.000 euros de investimento provincial total. Dos case 900.000 euros iniciais en marzo de 2008 (881.014,65) preséntase agora unha contía próxima aos 800.000 (787.146,35 €) despois dos recortes e retoques sufridos polo proxecto inicial, de enteira responsabilidade da coalición PP-AEC.
O BNG debe lamentar que ningún dos partidos políticos relacionados co recorte do investimento (PP, AEC e PSOE) foi capaz de explicar diante do Pleno e dos veciños as principais modificacións que sufriu e por que non se mantén a previsión inicial de financiamento. Tampouco se coñece a situación en canto a accesibilidade a vivendas e medidas complementarias de seguridade vial que se poderían ter garantido perfectamente coa contía inicial.
Dende o BNG atopamos que a proposta final reduce nun metro a anchura da actuación en todo o treito e elimina ao redor de 260 m de beirarrúas (aprox. 130 m en cada marxe e só chegan ata o km 0,970) no lugar de Val. O Concello evita con estes recortes en obra que ascenden a practicamente 100.000 euros as millonarias expropiacións a que tería que facer fronte.
Por responsabilidade e dende unha postura moi crítica, o BNG apoiou este proxecto con serias advertencias sobre a súa execución final.
(Contía inicial das expropiacións: 120.000 euros. Contía definitiva destinada a expropiacións: 47.545,22 euros)

21 de xan. de 2010

Ducias de miles de manifestantes a prol do galego ateigan as rúas e o Obradoiro


Amplo seguimiento da folga contra a política negacionista de Feijóo
Algunhas publicacións cifran en 80.000 as persoas que rexeitaron nun ateigado Obradoiro e nas rúas de Compostela o borrador do Partido Popular, de Núñez Feijóo. A praza do Obradoiro rebordouna un clamor contra un 'castellanazo' que reserva para o idioma do país o 33% das materias, a mesma porcentaxe que para o castelán e o inglés.
Dende 'Non queremos trapalladas', ao "Feixóo, xo, Feixóo, xo" que entoaba O Carrabouxo, pasando polos mómaros que representaban aos principais responsables políticos do decretazo da Xunta e o "Para que fala de consenso [Feijoo]? O consenso xa está logrado! Tododiós contra eles!", concluíu tallante o histórico líder do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras.

Mentres, Callón  ironizaba: "Non sei que facedes aquí! Tantos extremistas, acomplexados, levantando muros en Galicia defendendo a vosa lingua!". O presidente da Mesa e portavoz da plataforma Queremos Galego asegurou que "en San Caetano non se goberna pensando en nós, gobérnase pensando no que lle van dicir na rúa Génova de Madrid". Pediu a desobediencia civil, porque non cumprir o 'Decreto Feijóo' significa aplicar o Estatuto, a Constitución, a Lei de Normalización e a Carta Europea de Linguas Minoritarias.

Dixéronlle a Feijóo que o estudantado galego "é hoxe a honra do pobo e de Galiza enteira", ao deixar case baldeiras as aulas en Secundaria e, segundo os datos que Anxo Louzao, de CIG-Ensino, cun 80% de seguimento da folga por parte do profesorado. Os 160 autobuses sairían por quendas. "Hai que esperar, pero máis tempo leva agardando a lingua galega".
 
Unha amplísima representación do BNG, encabezada polo seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, participou activamente na marcha. Moi notable foi o entusiasmo co que os membros da Executiva Nacional -que portaban unha faixa co lema Máis Galego é o noso dereito- e do grupo parlamentar entoaron consignas e corearon as propostas lírico-musicais de O Carrabouxo. Galiza Nova tamén se empregou a fondo e miles de mozos e de mozas puxeron a proba as súas cordas vogais, con cánticos xa clásicos como o de "Na Galiza, en Galego".
Guillerme Vázquez avisou a Feijóo de que "canto máis tarde en retirar" o decreto, "máis contestación" social recibirá e Quintana cre que a Xunta "ten suficientes razóns" para repensar os seus actos e lle advirte de que "atacou un sentimento".
Ligazón externa.

18 de xan. de 2010

O alumnado de primaria de Cabanas desembolsou preto de 3000 euros polos libros de texto


O BNG critica o paso atrás que deu a Consellería de Educación, dirixida polo Partido Popular, ao facerlles pagar aos pais e nais de Cabanas preto de 3000 euros só en libros de texto no comezo de curso.
Os datos oficiais da Consellería de Educación para o Concello tratan de enmascarar que máis da metade do alumnado de primaria pasou de ter os libros de balde a pagar unha cantidade que oscila entre os 80 e os 180 euros polos libros obrigatorios que exixe o centro educativo. Estariamos perante o 61,4% do total.
Deste xeito, as axudas solicitadas, segundo datos da Consellería, ascenderon a 57, das que apenas o 38,6% recibiron a axuda íntegra de 180 euros. Os estudantes con axudas parciais de 104 € representan o 42,1% do total, claramente o grupo maioritario que deberá pagar preto de 80 euros por alumno. Non moi lonxe está a cantidade de solicitantes sen axuda, cun 19,3% (11 alumnos) que desembolsaron o custo íntegro dos libros.
Cos datos na man queda en evidencia o intento do PP de enganar á opinión pública con falsas expectativas e demagoxia. O cambio de sistema sobre a gratuidade dos libros de texto comezou este curso con polémica na comunidade educativa ao estragar o PP un dereito equiparable ao da sanidade pública.

17 de xan. de 2010

Pleno extraordinario o vindeiro mércores 20 de xaneiro de 2010

O vindeiro mércores 20 de xaneiro ás 19.30 horas na Sala de Plenos da Casa do Concello terá lugar un Pleno extraordinario que tratará tres asuntos.
Concretamente, a Corporación vaise pronunciar sobre a elección de xuíz de paz substituto, o proxecto modificado de Mellora da Seguridade Vial EP 1502 Porto-Laraxe e propostas para o Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade.
As mocións do BNG sobre as caixas de aforro e mais a organización do arquivo municipal foron excluídas novamente pola coalición PP-AEC. No que respecta á moción do BNG sobre as caixas, é responsabilidade de Luís Chillón, empregado de Caixanova e director dunha sucursal na Coruña, o bloqueo da iniciativa do BNG. Na outra banda, a falta de interese político por ordenar o arquivo municipal evidénciase de xeito palmario ao negar sen motivos o debate para instar a colaboración da Consellería de Cultura.

13 de xan. de 2010

O incremento de persoas paradas evidencia que a coalición PP-AEC fracasa co Plan E en Cabanas


A nefasta política de emprego da coalición PP-AEC dende 2007 provoca a maior suba de desempregados dos últimos 15 anos

O BNG constata que en 2009, no concello, o paro medrou un 205% con respecto ao incremento do ano anterior, un dos máis altos da comarca. Co PP na Xunta e no Concello dispárase o paro en Cabanas sen que as medidas improvisadas polo PP na institución autonómica atallen a hemorraxia. Dende que Castrillón e José Rey asumiron a Alcaldía, en 2007, a destrución de emprego avanzou ano a ano ata superar os peores datos de aumento interanual das últimas décadas. No período 2007 a 2009 o paro aumentou en 61 persoas, preto dun 41% dende o comezo da presente lexislatura.

"PP e AEC agravan a crise en Cabanas"
Para o Bloque Nacionalista Galego en Cabanas, "as cifras do paro fanse dramáticas, cando en decembro, se acadaron os 210 inscritos nas oficinas do Servicio Público de Emprego de Galicia, cun crecemento do 23'52% e máis de 41 persoas paradas máis". "As cifras totais de destrución de emprego en decembro de 2009 nos sectores da agricultura (3),  a industria (21), sen emprego anterior (28), a construción (48) e os servizos (110), poñen de manifesto a errónea orientación de investimentos dos 579.106 euros do Plan E (Fondo estatal de investimento local), que non tiveron repercusión en empresas de Cabanas e apenas nun número ínfimo de traballadores cabaneses contratados. O goberno de comenencia PP-AEC, enlamado en todos os asuntos, arreda as posibilidades de investimentos produtivos e agrava a crise económica no concello" afirma o voceiro do BNG de Cabanas, Xosé Manuel Pérez Sardiña.

Para o BNG "dende a chegada de Castrillón Permuy e o ex-socialista José Rey á Alcaldía, destruíronse 61 empregos e están a recortarse postos de traballo especialmente no sector servizos, o máis castigado polo paro, pese a ser unha zona turística privilexiada e a ter o polígono industrial de Vilar do Colo, que amosa unha imaxe pobre e abandonada con escasa actividade produtiva". "Co PP-AEC na Alcaldía, ademais do palanganeo evidente, as únicas cifras que subiron, son as do gasto corrente, os impostos e novas taxas, a débeda municipal galopante, o número de enchufados, os soldos dos altos cargos e o número de concelleiros liberados, que se incrementaron máis do 200% dende o ano 2007", afirma o edil do BNG de Cabanas. "É unha auténtica vergoña que o PP aposte nos seus foros locais polo incremento do paro e faga tan pouco desde o Concello para atallalo, está polo canto peor mellor para acadar o poder e logo botarse a durmir", conclúe.



PP e AEC fixeron as obras do Plan E cunha mentalidade de "novos ricos"
"As obras realizadas, con cargo ao Plan E, que ascenderon en 2009 a 579.106 euros, poñen de manifesto a mentalidade de "novos ricos" do Goberno Municipal, que se dedicou a poñer farolas nos montes e facer investimentos cun derroche hiperbólico e sen planificación, desde saneamento quilométrico polos montes ata unha escola infantil escasa para cubrir o déficit comarcal en atención social. O goberno local comandado por Permuy e Rey demóstrase incapaz polo tanto de xerar emprego para Cabanas e só serve para pagar carpas de actos populacheiros e emprender custosas campañas de imaxe", engade Teresa García, concelleira do BNG.
"Mentres o paro e mais as dificultades de comercios e empresas medran ao mesmo ritmo que a suba de impostos, a débeda municipal, os soldazos e a incapacidade política da coalición PP-AEC, Permuy dedícase a intimidar a xornalistas e veciños que non comungan coas súas rodas de muíño, facendo un espantoso ridículo no que arrastra a imaxe de Cabanas", conclúen dende o BNG.


Datos do paro:
ANO
Parad@s
1996
213
1997
235
1998
222
1999
200
2000
219
2001
183
2002
188
2003
188
2004
186
2005
185
2006
163
2007
149
2008
170
2009
210

11 de xan. de 2010

O Estado confirma que a coalición PP-AEC perdeu a subvención de 200.000 euros para intalar a fibra óptica

Castrillón e Rey perderon 200.000 euros de subvención para instalar fibra óptica no polígono industrial de Vilar do Colo. Así o confirmou hoxe o goberno do Estado a unha pregunta do BNG sobre o asunto.
A Secretaría Xeral de Industria, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, concedeulle ao Concello de Cabanas, a través de resolución o 9 de xuño de 2008, unha subvención a fondo perdido para despregar unha rede de fibra óptica no polígono industrial de Vilar do Colo.
O Concello ingresou a contía da axuda o 24 de xullo de 2008 e tivo o diñeiro en conta ata o pasado mes de outubro. O 5 de outubro, o Concello comunicoulle a renuncia á subvención e o 14 de outubro a Secretaría Xeral de Industria reclamou a devolución da contía cos correspondentes xuros de mora, que ascenderían a preto de 15.000 euros.
O BNG non pode deixar de lamentar as falsas expectativas creadas polo alcalde a través da web municipal en xaneiro de 2009. Daquela, Germán Castrillón "avisou de que a intención do goberno municipal (...) seguirá traballando para a instalación dunha rede de fibra óptica que permita mellorar inda máis os servizos ofertados no polígono". Agora o alcalde e o seu socio, José Rey, convértense unha vez máis nun atranco para superar a crise económica ao renunciar a 200.000 euros e facerlle perder 15.000 euros máis en balde a Cabanas.


10 de xan. de 2010

O BNG urxe solucións perante a inseguridade vial da estrada das Pontes (AC-546)

As parlamentarias do BNG, Ana Luísa Bouza e Teresa Táboas, pediron explicacións pola ausencia de sinalización horizontal dende hai tempo da estrada Cabanas-As Pontes. Dende hai meses, nunha parte importante do vial, non existe trazado no asfalto, dificultando o tránsito normal.

A esta situación de desleixo da administración autonómica gobernada polo Partido Popular súmaselle que a estrada AC-564, entre as localidades de Cabanas e as Pontes, ten bastante tráfico e que as condicións meteorolóxicas deste inverno con días de intensa chuvia e zonas de neboeiro intenso (como o tramo de Lavandeira a Fonfría) incrementan as probabilidades de accidente e inseguridade vial. Neste senso e para que a Xunta saia da súa parálise, pregúntanlle polo prazo para acometer a sinalización horizontal da estrada AC-564.
O atraso na aplicación do trazado tamén lle afecta á sinalización dun acceso a Santa Cruz na zona de Fonfría.

8 de xan. de 2010

O BNG critica que os tres concelleiros do PP votasen a favor de autobeneficiarse co axuste do IBI rústico

O BNG amosa o seu desacordo con que os tres concelleiros do PP con vivenda en Cabanas, Esperanza Gayoso, Luís Chillón e Concepción Bouza votaron a favor de autorrebaixarse o imposto do IBI rústico que se lles aplica ás súas vivendas, aprobado definitivamente segundo o BOP de 31 de decembro de 2009 (Ver BOP).
O pronunciamento do BNG quedou manifestado xa en postaxes anteriores e votou en contra da proposta porque só representa unha axuste escaso e singular do IBI rústico (equipárao ao coeficiente subido por PP-AEC da contribución urbana -0,55%-), que só lle afecta a unha minoría de vivendas do Concello entre as que se atopan as dos concelleiros populares.

Cifras
Esta medida segundo un estudo do BNG só lle afectaría nunha cantidade económica considerable ás vivendas localizadas en solo rústico e construídas nos últimos 40 anos (con valoracións catastrais altas), como é o caso das posesións dos representantes populares. O caso é que o Concello de Cabanas ten ao redor de 170 vivendas en solo rústico que representan apenas un 7% do total, posuíndo a maior parte delas unha antigüidade superior aos 40 anos. A cacarexada rebaixa do PP só lle beneficia economicamente a unha minoría dunha minoría.

O BNG a prol de rebaixar o coeficiente do IBI ao 0,40%
O BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Pérez Sardiña, propuxo que se rebaixase o coeficiente do IBI tanto rústico como urbano ao 0,40%, á vista de que ata o 2019 vai subir a contribución a un ritmo do 10% anual por mor da actualización de valores catastrais e estamos a pasar unha grave crise económica. O IBI e as valoracións catastrais, tal e como os subiu a coalición PP-AEC, van ser en Cabanas dos máis caros da comarca de Ferrolterra e só van servir para pagar os pratos rotos dunha nefasta xestión da coalición de Germán Castrillón e José Rey, o tránsfuga socialista.
Todo isto representa unha discriminación económica en detrimento da inmensa maioría da veciñanza que poñería colorado a calquera menos aos tres concelleiros populares beneficiados que votaron a prol de alixeirar os impostos das súas singulares vivendas.
Xosé Manuel Pérez Sardiña entende "que hai que pensar en toda a xente e que esta política despótica do PP-AEC debe facer reflexionar ao conxunto da sociedade".

4 de xan. de 2010

O PP solicitoulle á diocese de Compostela o derrubo das reitorais de Soaserra e Porto

O concello de Cabanas xustifica o derrubo a casa reitoral de Soaserra polo seu estado "ruinoso" e por ser "un perigo público para os viandantes", segundo as palabras da concelleira de Cultura, Esperanza Gayoso.

A delegada de Germán Castrillón asegurou que “o Concello de Cabanas non ten nada que ver neste tema” e acusou ao grupo municipal do BNG de Cabanas de “aproveitarse deste para facer ruído cando non hai nada”. Ademais as xestións para construír o aparcadoiro “corren a cargo da parroquia, xa que o concello está á marxe”, aseverou.


Cinismo do PP
O consistorio planea tirar o inmoble parroquial, de orixe medieval, para facer un aparcadoiro. Ao BNG sorpréndenlle estas declaracións cando o Arcebispado deu o visto e prace para o inicio dos traballos e instou
 ao concello a enviar o proxecto técnico. Neste sentido, o alcalde, Germán Castrillón, envioulle unha solicitude para realizar eses traballos á diocese e o BOA autorizoulle ao rexedor a “acondicionar” o solar, o que foi publicado na folla parroquial de Soaserra de setembro de 2009.
Pola súa banda, Xosé Manuel Sardiña, portavoz do Bloque en Cabanas, pediulle ao goberno municipal que “aclare o destino” da casa reitoral e cualificou como un “exercicio de cinismo absoluto” a actuación de Esperanza Gayoso e Germán Castrillón ó negar os feitos. Segundo puido comprobar o portavoz nacionalista, hai un escrito do alcalde do 23 de abril dirixido ao Arcebispado en que “Germán Castrillón solicita para construír un aparcadoiro o espazo no que actualmente se ubica a casa reitoral de Soaserra”, mentres que pola contra a concelleira de Cultura de Cabanas, en declaracións a Xornal de Galicia, afirmara que o Concello non tiña “ningunha intención de derrubar o inmoble".
O Bloque reclamará unha copia do proxecto para a parcela da casa reitoral co fin de “comprobar cal é a situación”. Na  opinión do voceiro municipal, o concello tería que “facer público o proxecto”.
O BNG de Cabanas cualifica a actitude do PP como unha forma “de evasión da realidade da coalición de goberno de Cabanas, formada polo Partido Popular e a Agrupación de Electores de Cabanas (AEC)” e conclúe cun "basta xa de enganos relacionados coa conservación do patrimonio".

Tamén a reitoral de Porto
Así mesmo, no escrito municipal de abril de 2009, o rexedor confirma a súa intención de botar abaixo a reitoral de Porto co fin de construír unhas beirarrúas diante da igrexa, na estrada Cabanas-Mugardos.

Posto que hai terreos suficientes para realizar un aparcadoiro en Soaserra e unhas beirarrúas en Porto sen afectar as reitorais, o BNG de Cabanas, a través do seu portavoz, manifestou que o concello “debería encamiñar os seus esforzos non a enganar con malicia ao pobo de Cabanas senón a adecentar as reitorais e destinalas á mellora de servizos para a veciñanza”.
Novas relacionadas: