26 de feb. de 2010

Alerta vermella pola chegada do temporal Xynthia na tarde-noite do 27 de febreiro

Dende MeteoGalicia comunícase da existencia de Risco Nivel Vermello por vento e chuvias, con refachos de vento que poden superar os 140 Km/h, na provincia da Coruña, esta previsión é válida dende as 6:00 h., do 27 de febreiro ata as 03:00 h., do 28 de febreiro do 2010.
En previsión de situacións de risco a xente non debe transitar por parques, zonas forestais  e preto de obras durante o período de vixencia desta alerta. Mañá non é recomendable pasear tanto polo piñeiral da Madalena coma polos parques municipais.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS PARA SITUACIÓNS DE CHUVIAS INTENSAS E VENTO
- Permanecer na casa e evitar calquera actividade exterior.
- Retirar do exterior da vivenda, aqueles obxectos que poidan ser arrastrados pola chuvia e vento.
- Revisar, cada certo tempo, o estado do tellado, o das baixadas de auga de edificios e dos desaugadoiros próximos.
- En caso de inundación, non acceder a sotos, desconectar a enerxía eléctrica utilizando, preferentemente, lanternas para a iluminación.
- Se ten que desprazarse obligatoriamente, sexa moi prudente. Tome os eixes principais de circulación.
- Hai que afastarse dos ríos, calexóns e zonas baixas de abas e outeiros.
- Manterse permanentemente informado a través da radio e outros medios de comunicación, das predicións meteorolóxicas e o estado da situación. Consultar e prever calquera situación de risco a través da web do Portal de MeteoGalicia: http://www.meteogalicia.es/
- Usar os teléfonos de emerxencia en caso de extrema necesidade para non colapsar as liñas telefónicas.

En caso de emerxencia, hai que utilizar o teléfono de Emerxencias 112 da Xunta de Galiza.

24 de feb. de 2010

O BNG reclama o proxecto da N-651 e critica o caciquismo do PP

O portavoz do BNG reclámalle a Castrillón que concrete datas para que os Grupos Políticos poidan consultar o proxecto
O proxecto redactado por Proyfe SL por 156.063,84 € chegou ao concello a remates de novembro do 2009

O proxecto de humanización da "N-651 do PK. 20,5 ao 26,9 termo municipal de Cabanas, provincia da Coruña" encargado polo Ministerio de Fomento á empresa Proyfe SL está a ser alegado por veciños da zona de Laraxe. Despois das charlas desinformativas da coalición PP-AEC celebradas os dous primeiros mércores de febreiro, o BNG xa ten constancia de que empezan a chover alegacións a un proxecto redactado de costas aos grupos políticos municipais e aos veciños. E o que é máis grave, circulan fotocopias de zonas concretas do trazado ao seren proporcionadas polo alcalde sen que o BNG puidese ver o documento malia a que o portavoz municipal presentou o 4 decembro do ano pasado un escrito demandándolle ao alcalde popular, Germán Castrillón Permuy, unha "explicación por escrito da tramitación que estableceu a alcaldía para consulta do proxecto do Ministerio de Fomento" e "de ser o caso acceso ao expediente". Malia a que o alcalde se comprometeu no Pleno do 28 de novembro de 2007 a que "tampouco haberá problema que calquera grupo politico o veña a ver", a súa actuación "personalista e chulesca" non se corresponde coas súas boas palabras. Tamén afirmou que sería levado a Pleno e que os veciños o poderían ver.

O BNG entende que o alcalde está a gañar tempo para eludir unha análise con detemento das propostas personalistas e "caciqueiras" realizadas pola coalición PP-AEC en 2007 en cando menos dúas reunións na Demarcación de Estradas. Tamén hai constancia documental de que o goberno local fixo unha revisión fugaz do proxecto antes de estar rematado. O atraso da tramitación veuse agravado por cambios de goberno en Madrid e en Cabanas, ademais das modificacións impostas por Germán Castrillón que parece que, segundo a fotocopia á que puido acceder o BNG, se afastan claramente das liñas aprobadas polo Pleno da Corporación en 2003 e 2004 e que contaban daquela co consenso de todos os grupos políticos, asociacións de veciños e os veciños afectados.

O BNG agarda moi pouco do PP e AEC posto que son uns grupos políticos "aos que só lles importa a xente da súa corda, foxen dos problemas, só dan a cara para facer fotos e xestionan os asuntos de tal xeito que cada proxecto que tocan acaba en fracaso, ridículo ou nos xulgados".

Neste sentido, o portavoz do BNG aposta porque o proxecto amplíe e conserve os aparcamentos tanto no Areal como en Laraxe, garanta os xiros dos edificios e as pistas municipais para evitar desprazamentos longos e non peche camiños caprichosamente. Ademais sería importante resolver o perigo da volta do Gaiteiro e integrar a Escola Laica e o campo de fútbol da Veiga na rede urbana accesible.

19 de feb. de 2010

O BNG exíxelle ao Concello de Cabanas control efectivo sobre a intoxicación alimentaria

Xosé Manuel Pérez Sardiña considera imprescindible que o responsable de Sanidade recolla mostras dos pratos do menú e mais controle as persoas que serviron a comida

• En todos os casos de intoxicacións alimentarias hai que ter un control estrito da situación para evitar males maiores

• O BNG recoméndalles ás persoas afectadas que garden os tickets da lacoada se van reclamar danos e perdas

Cabanas, 19 de febreiro de 2010.- O BNG denuncia a deficiente xestión da festa de Carnaval que o Concello de Cabanas organizou o pasado día 15 de febreiro. Nesta festa organizada polo departamento de Cultura, dirixido pola popular Esperanza Gayoso, degustáronse por 3 euros lacón con grelos e freixós que causaron unha intoxicación alimentaria a varias decenas de asistentes. De confirmárense as últimas informacións saídas en La Opinión de A Coruña, habería un claro caso de deixación de funcións por parte do goberno municipal formado pola coalición PP-AEC. Dende o BNG apúntase que o alcalde, como responsabilidade da Sanidade local, evidencia coas súas declaracións en prensa que non controlou axeitadamente as condicións ben da comida ou das persoas encargadas de servila. Así mentres que un proceder correcto trataría de inmediatamente investigar a fonte da intoxicación alimentaria, pola contra, o rexedor agáchase tras dunha cortina de fume que salienta a confusión e non achega causas concretas máis alá da "casualidade".

O BNG considera que “os alimentos que se ofreceron aos veciños de Cabanas non foron dispensados nas debidas condicións e provocaron unha situación que superou ao goberno local que agora trata de ocultar a súa incompetencia e de deixar indefensos aos consumidores". Neste sentido o BNG recoméndalles ás persoas afectadas que desexen reclamar unha indemnización que deben gardar o xusficante médico e mais o tícket da lacoada para presentalos se así o desexan diante das autoridades xudiciais. "Ademais, se se intúe cal foi o alimento que puido provocar a intoxicación, convén non o destruír, xa que a súa análise pode ser de grande utilidade para determinar a causa e o tratamento axeitado da intoxicación", concluíu o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Pérez Sardiña.

Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Sardiña exixe que “o Concello poña en marcha unha investigación sanitaria profunda da lacoada municipal co fin de coñecer a fonte da diarrea que sufriron os comensais”. O portavoz nacionalista considera preocupante o dato de que o alcalde oculte información con este brote de toxiinfección alimentaria. “Estas intoxicacións prodúcense por un deficiente control da administración sobre as condicións hixiénicas da cociña, do transporte ou do servizo das comidas en condicións inaxeitadas para que os alimentos cheguen ben á mesa”, apunta.

Xosé Manuel Sardiña exixe que as autoridades sanitarias locais no canto de especular sen fundamento se poñan a desvelar a orixe do brote, para o que deben aclarar se tomaron mostras de todo o que se serviu na comida --lacón, grelos, freixós-- e como se manipularon os alimentos e os circuítos que seguiron. Esta actuación sería fundamental por parte municipal para evitar males maiores e garantir os dereitos dos consumidores.

O portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, debe lamentar a pésima imaxe de "Anacleto, agente secreto" do alcalde, Germán Castrillón, que "nin ten ningún dato certo nin se lle espera" e desexa a "rápida recuperación das persoas afectadas".

9 de feb. de 2010

Pleno extraordinario o vindeiro xoves, 11 de febreiro

O vindeiro xoves 11 hai Pleno extraordinario ás 19.30 h na sala de sesións da Casa do Concello. A Corporación tratará a seguinte orde do día:

1. Ratificación acordo da Xunta de Goberno Local sobre proposta Fondo Local para o emprego e a sostibilidade local

2. Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Organismo autónomo Augas de Galicia, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos para a execución da obra "Dotación de abastecemento de auga e mellora para o Polígono de Vilar do Colo e futura ampliación"

3. Proposta desafectación escolas unitarias de Porto

8 de feb. de 2010

Galiza ten dereito

O BNG impulsou o Manifesto “Galiza ten dereito” que foi presentado formalmente o 5 de febreiro no Parlamento Galego. No acto procedeuse á súa sinatura por parte do portavoz nacional, Guillerme Vázquez; en representación do BNG; asinando tamén o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; a secretaria de Organización de UXT, Irene Martínez; o secretario de Desenvolvemento Organizativo de CC OO de Galiza, Carlos Pardo; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Antonio Fontenla.

O acto de presentación constitúe para o BNG a expresión de que a sociedade galega non está disposta a deixarse asoballar, porque Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, a elaborar leis en beneficio da sociedade e da economía galegas e a que o Estado respecte o noso autogoberno. Debemos ter en conta que o recurso do Goberno do Estado vai dirixido a paralizar a fusión das caixas galegas, a favorecer a súa deslocalización e a provocar o espolio do aforro galego. O Goberno do Estado quer levar o aforro galego para fóra, para que financie o desenvolvemento doutros territorios.

O encontro das forzas sociais e políticas asinantes do Manifesto é a expresión de que a sociedade galega non está disposta a deixarse asoballar por un Goberno que en Galiza adopta medidas que non toma no resto do Estado; xa que o Goberno do Estado non presentou recurso algún ante as leis vasca, catalá ou andaluza.

O Manifesto, que ten un carácter aberto, será levado á sinatura de colectivos e persoas a título individual e consideramos que o Pleno do Concello de Cabanas tamén se debe pronunciar.

Galiza ten dereito
Estamos asistindo a un proceso de reordenación bancaria, impulsado polo Banco de España e o goberno central, que conleva o risco de que Galiza perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas.

Frente a este risco, as institucións galegas de autogoberno reaxiron. O Parlamento galego adoptou por unanimidade o acordo de establecer como prioridade o mantemento da galeguidade das caixas, a súa solvencia, e a necesidade de tramitar por urxencia a reforma da Lei galega de Caixas.

O Parlamento de Galiza aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente alavancas de desenvolvimento da economía produtiva do País.

A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galiza que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idonea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.

Sen a fusión das dúas caixas galegas, Galiza ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico.

Conscientes da gravedade da situación, manifestamos:

1.- Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, regulado polo seu Parlamento, como expresión do autogoberno. É vital, por tanto, preservar a Lei de Caixas de Galiza.

2.- Galiza ten dereito a que o Estado respecte o autogoberno galego. Que non nos dean tratamento de autonomía de segunda, cuestionando a constitucionalidade da lei galega, si non se fixo coaa basca, a catalá ou a andaluza. Por que se recurre a nosa e non a deses outros territorios? O Goberno central debe reconsiderar o asunto e aceptar que as institucións galegas de autogoberno, dentro do marco competencial vixente, teñen capacidade para dotarnos do marco xurídico que se considere máis acaido para defender os intereses de todas as galegas e galegos, como ordena o Estatuto de Autonomía de Galiza.

3.- Galiza ten dereito a propiciar a fusión das súas caixas. O goberno central tamén debe aceptar que as institucións galegas teñen tanto dereito como as de calquera outra Comunidade Autónoma para impulsar unha fusión dentro do país, cando se cumpren as mesmas condicións. Galiza ten dereito a preservar e garantir a galeguidade das caixas galegas coa súa fusión. Unha fusión paritaria, da que xurda unha Caixa solvente como mellor garantia para os seus traballadores, os impositores e todas e todos os galegos.

Está en xogo boa parte do noso futuro, a dignidade do noso autogoberno e perto de 80.000 millóns de euros en activos, isto é, a maior parte do aforro das galegas e dos galegos. Está en xogo que ese aforro se invista aquí ou se desvíe cara a financiar o desenvolvimento doutros territorios.

Galiza debe defender o seu. Ten dereito.

2 de feb. de 2010

O BNG pregúntanlle ao Goberno Central polas medidas do SEPRONA contra a empresa que utiliza áridos contaminados holandeses

O BNG DEMANDA UNHA REGULACIÓN LEGAL DA REUTILIZACIÓN DE ASFASTOS PARA EVITAR DENUNCIAS POR CONTAMINACIÓN

Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera pregunta polas medidas que adoptou o SEPRONA contra a empresa de Ferrol denunciada por utilizar áridos contaminados procedentes de Holanda

Madrid, 1 febreiro 2010.- Os parlamentarios do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila, veñen de presentar unha iniciativa pola que esixen unha regulación do uso de reciclados de asfalto no Estado Español.
Os deputados do BNG advirten de que a falta de regulación no Estado español deste tipo de materiais “fai que se utilicen en obras sen ser descontaminados previamente ou que directamente se enterren ou se depositen en vertedoiros incontrolados, o que supón un dano paro o medio ambiente e un risco para a saúde humana”.

Exemplo de Holanda
Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila, onde dende 1990 está prohibido a utilización de alquitrán no asfaltado das estradas, e onde os restos asfálticos sométense a un proceso de descontaminación e posteriormente reutilízanse. Así, cando se fresa ou repara o pavimentado dunha vía, o asfalto que se retira móese e analízanse os niveis de metais pesados e Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos; se superan un limite descontamínanse nun forno a 800 graos para eliminar o betún; finalmente o árido extraído pódese reutilizar nas obras.
“Non obstante –advirten- a lei española soamente obriga a triturar os restos de asfalto, pero non a descontaminalos, e ao non ser habitual a súa utilización no Estado español, tampouco existe unha regulación do seu uso”.

Explicacións ao SEPRONA pola empresa de Ferrol denunciada
Neste sentido, os deputados do BNG poñen como exemplo a empresa denunciada recentemente por importar restos asfálticos supostamente contaminados paro o seu emprego en obras en Galiza.
A este respeito, preguntan ao Goberno polas medidas que adoptou o SEPRONA ante a denuncia presentada contra esta empresa, e se confirmou a presenza neste material de metais pesados e hidrocarburos aromáticos policíclicos en niveis superiores aos permitidos.

1 de feb. de 2010

Axuda a Haití

No pasado Pleno da Corporación, a raíz dunha moción do Grupo Mixto que pedía 2000 € de axuda para Haití das arcas municipais (0,60 €/veciñ@), o BNG solicitou que 1/3 das retribucións dos edís no mes de xaneiro se sumase a esa cantidade para contribuír no auxilio á necesitada poboación haitiana o que foi aceptado polos propoñentes. Como xa é habitual, o goberno local de PP-AEC encirrouse e aprobou en solitario unha "emenda" tirada da chistera para achegar 100 €/concelleiro (cantidade que o alclade puxo sobre a mesa cunha fachenda duramente criticada polo BNG) e abrir unha conta específica sen ningún tipo de diálogo nin respecto polas propostas dos grupos da oposición que se abstiveron de votar en sinal de protesta.

A improvisación e a crispación que xeraron con este asunto o alcalde e os populares deixou en evidencia unha vez máis a súa incapacidade para liderar consensos en cuestións cunha resolución doada e en moitos casos evidente.

Pois ben, para poñer a guinda e evidenciar o despropósito e oportunismo do goberno PP-AEC, o Concello de Cabanas está adherido dende hai moitos anos e a proposta do BNG ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que encana as achegas de axuda a Haití a través da súa Conta de Emerxencia para reconstruír o país, en situación dramática polo terremoto padecido o día 12 de xaneiro. O número de conta é 2091-0209-10-3040019000, de Caixa Galicia, sinalando no concepto "Emerxencia Haití".

Deste xeito, os concelleiros do BNG van facer a súa achega económica de 1/3 das súas indemnizacións municipais de xaneiro na devandita conta. As persoas interesadas en axudar con calquera cantidade poderán facelo a través desa mesma Conta de Emerxencia.

Hai máis información na web do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (http://www.fondogalego.org/).
BNG Cabanas