31 de ago. de 2009

O BNG solicítalle apoio ao Pleno para que a Xunta manteña a recollida de trastes

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) comunicou que a partir do 1 de setembro de 2009 cesará a recepción de residuos voluminosos en Cabanas. O cesamento deste servizo prodúcese sen ningún tipo de negociación previa co concello, que a partir do 1 de setembro terá que facerse cargo da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado.
Con este anuncio, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) podería incumprir as condicións pactadas co noso concello, sen que nin a Xunta nin a propia SOGAMA ofrezan ningunha solución alternativa e viábel. Faise nun momento en que é imposible artellar urxentemente sistemas de recollida sen que os custos do tratamento destes residuos incrementaranse de xeito exponencial.
Esta situación, no momento de crise económica, podería derivar á proliferación de vertedoiros incontrolados ou, no mellor dos casos no traslado do incremento dos custos ao recibo do lixo que terán que soportar os/as veciños/as dos concellos afectados.
O BNG xa tivo en conta a situación e co fin de evitar o grave prexuizo que vai crear no noso concello proponlle ao Pleno que inste á Xunta de Galiza e á Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos municipios adheridos, nas condicións que o viña facendo ata agora e empraza á Xunta de Galiza para que non supoña un incremento do recibo do lixo en Cabanas.
A xestión do lixo de Cabanas veuse deteriorando nos últimos anos polos roces constantes entre a coalición PP-AEC e a empresa de recollida que están a derivar na deficiente prestación do servizo que comproban os veciños.
Neste sentido, un veciño achegounos ao noso correo electrónico varias fotos sobre deficiencias na recollida de plásticos e lixo común que se reparten entre tódalas parroquias. As fotos que vedes aquí presentan a situación máis habitual.

30 de ago. de 2009

A veciñanza quéixase da maleza no Areal

Un veciño do Areal achegounos una nota para queixarse do abandono que sofren os solares sen edificar que están á beira do cruceiro do Día Oito. Coméntanos na súa queixa achegada a través de Colabora Connosco que "a xente está cansa de chamar ao Concello e que o alcalde non faga caso ningún". Prosegue a colaboración afirmando que "isto xa é un concello fantasma, chégannos a dicir que "o alcalde non está ou que saíu cando acaba de entrar pola porta" e conclúe que "pensan que se poden rir de todo o mundo pero están moi equivocados, sabemos a quen temos".
O BNG, a través do seu portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña xa solicitara no pleno de xullo a limpeza da maleza na zona do Oito. Un mes despois o concello nin adoptou ningunha medida nin parece a súa intención presentar unha boa imaxe de Cabanas ás persoas que nos visitan no verán.


Xosé Manuel Pérez considera que "o alcalde debería impulsar a limpeza de maleza das fachadas, dos peches e cubertas, dos terreos edificábeis e das fincas urbanas, de tal maneira que non invada a vía pública e estender o consello tanto aos interiores de patio de rueiro como aos camiños da zona rural". Constata así mesmo que "a xestión nefasta do areal da Madalena agrávase considerablemente no resto do concello".

29 de ago. de 2009

O BNG denuncia os enganos de Germán Castrillón coa limpeza da praia

En novembro de 2008, o alcalde popular de Cabanas, Germán Castrillón, asinou co presidente da Deputación Provincial un protocolo que compromete a colaboración entre Concello e ente provincial para financiar a adquisición dun tractor e dunha máquina limpapraias que implican un gasto de 105.000 euros. Deste xeito, a Deputación achega uns 85.000 euros (80,95% do importe) e o Concello os 20.000 euros restantes. Arroupado por este novo apoio do bipartito provincial PSOE-BNG, Germán Castrillón garantizou daquela publicamente que no verán de 2009 o Concello gozaría do "uso de una máquina para la limpieza del arenal de La Magdalena".
A Deputación preveu nos seus orzamentos a contía necesaria para ter en perfectas condicións o Areal da Madalena pero o bipartito local de PP-AEC non aprobou os orzamentos ata xullo deste ano e causou con esta desidia o abandono máis absoluto da limpeza do areal, denunciado por segundo ano consecutivo polas persoas que nos visitan e polo portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña. Xosé Manuel considera que o problema principal está na incapacidade política do equipo de goberno PP-AEC que se evidencia no inicio do expediente de compra da maquinaria de obras o 11 de agosto, xa coa tempada de verán practicamente rematada.
O BNG considera impresentables as palabras do rexedor Germán Castrillón cando escusou a porquería que perduraba na area en problemas «puntuales en los que ocurre esto y hay que esperar a que pase, pues el Concello de Cabanas no tiene presupuesto suficiente como para limpiar la playa sabiendo que al momento se volverá a ensuciar, tenemos que dejar pasar unos días» e mais a contestación ao BNG en maio «Na área da Madalena está previsto e coñecen todos que Costas está facendo aí un traballo e loxicamente o concello vai facer os traballos da mellor forma posible, estase á espera de ter xente para facer todos eses traballos». Trátase dunha burla á cidadanía de magnitude «sideral» que evidencia a falta de palabra do rexedor e deixa en mal lugar a institución que representa.
O portavoz municipal do BNG constatou que a limpeza do areal en agosto segue a ser deficiente e as "porquerías" permanecen día si día tamén sen que o goberno local PP-AEC conseguise contratar os medios básicos de varrido da area.
A caótica situación deriva directamente de cando o PP consentiu que José Rey vendese o anterior tractor de limpeza da praia, que o exalcalde incluíu no proceso de adxudicación dun tractor, remolque e rozadora. O BNG opuxérase á doazón daquel tractor de servizo da praia posto que acababa de ter unha reparación de 9000 euros nun coñecido taller da comarca e porque era necesario para limpar o areal. Curiosamente ese mesmo taller de reparacións e venda de maquinaria foi o adxudicatario do subministro da nova maquinaria cando o tránsfuga José Rey era alcalde. Este coñecido taller tamén pode estar relacionado coa actual subministración de maquinaria e mais coa limpapraias que varreu a area o pasado verán.

26 de ago. de 2009

Publicado o terceiro número de "Recuperando a memoria"

Por terceiro ano o BNG publica o boletín especial de San Marco, "Recuperando a memoria". Nesta ocasión o boletín repasa a actividade municipal republicana do ano 1932. O redactor do texto, Xosé Manuel Pérez Sardiña, salienta a necesidade de sacar á luz o que fixeron as institucións lexítimas republicanas para facer fronte á crise económica do 1929, "unha lección da que hai que aprender" e que por desgraza os gobernos do PP no Concello e na Xunta "queren ignorar".
Deste xeito, Xosé Manuel Pérez salienta que en maio de 1932 o Pleno municipal reclamou que o Estado cesase o despedimento de obreiros da Factoría Naval de Ferrol. Isto solicitábano os concelleiros co fin de que a localidade mantivese os ingresos fabrís e con eles soster o mercado agrario. Segundo o traballo do portavoz municipal do BNG, tamén se afanou o concello republicano, apoiado polo Estado, na construción de novas escolas en Regoela ou Val e mais na mellora das condicións das existentes en Porto, Irís, Laraxe ou Cabanas. Ademais, a doazón fallida da Escola Laica ao Concello evidencia a un tempo a forte caída dos fondos chegados da emigración e a incapacidade económica municipal para facer fronte aos gastos do mantemento do local da Asociación cubano-cabanesa "Luz de Galicia".
Xosé Manuel Pérez aprecia especialmente "as ideas de hai 77 anos que hoxe o goberno local é incapaz de emular". Daquela as propostas da alcaldía para reactivar os ingresos e a economía locais diante da crise pasaban pola creación dun balneario municipal na praia e pola construción dunha praza de abastos por concesión no Vinteún. Concretamente, desta última iniciativa temos o primeiro antecedente do actual acceso dos Verxeles ao Areal da Madalena.
No plano político galego, a Corporación amósase xa en maio favorable ao primeiro Estatuto de Galiza e sumaríase á asemblea de concellos de decembro para propoñelo. Considera así Xosé Manuel Pérez que "malia que hoxe o Partido Popular, como bo herdeiro do franquismo, cre nunha Galiza ao servizo dos monopolios do Estado español, naquel tempo xa coñecían ben os corporativos o valor do autogoberno e apostaban decididamente por institucións propias como instrumento de reactivación económica fronte á crise".
Para recibir un exemplar do boletín especial, débelo solicitar por correo electrónico en CONTACTA.

23 de ago. de 2009

O BNG demanda un plan de conservación para as Fragas do Eume

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, visitou este venres Cabanas dentro da rolda de encontros que está a ter con colectivos e concellos de Galiza.
Ana Miranda anunciou que urxirá á Comisión Europea para que o Estado español aprobe un Plan de Conservación da Natureza e usos das Fragas do Eume.
As Fragas considérase Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e, como tal, recibe fondos europeos para a súa protección e xestión. A representante do BNG quer saber “a onde van parar eses fondos se non semella haber unha xestión e non existe aínda un Plan de Conservación e Usos”. De feito, tal e como lembra, a Comisión Europea ten enviado xa un apercibimento a Galiza por non contar con este plan.
O encontro coa Unión de Propietarios das Fragas do Eume enmárcanse dentro da rolda de contactos que a portavoz nacionalista está a ter con diferentes asociacións e concellos galegos para recoller as súas inquedanzas e demandas e asi poder trasladalas ao Parlamento Europeo.
A futura eurodeputada lembra que o 98% dos espazos incluidos nas Fragas do Eume son propiedade privada e critica que “os seus propietarios non foran consultados en ningún momento nin estean a participar de ningún xeito na elaboración do Plan de Conservación e usos".
Asi, Miranda lembra que, para o BNG, “é fundamental a protección do ambiente pero esta conservación debe formar parte dun desenvolvemento sustentábel que teña en conta tamén os intereses das xentes do rural e os perxuizos que se lles poida causar”.
A portavoz nacionalista en Bruxelas apunta que o Plan debe ter en conta cuestións relativas á protección do monte, como a creación de pistas contraincendios que non existen. Ao tempo, indica que “se deben ter en conta os intereses dos propietarios e propietarias que deixan de producir e compensalos dalgún xeito”.
Relacionada: Web BNG

14 de ago. de 2009

Actos en Cabanas o venres 21 de agosto organizados polo BNG

O vindeiro venres 21 de agosto celebraremos o 99º aniversario do mitin de San Marcos. Agardamos que poida ser en Lavandeira como en outros anos. Velaí a programación:

12 de ago. de 2009

O BNG solidarízase coas persoas discapacitadas que visitaron o areal da Madalena

O BNG manifesta a súa solidariedade coas persoas discapacitadas que se achegaron onte a Cabanas e que non puideron gozar con plenitude dun expléndido día de vacacións a causa do deplorable estado dos accesos á praia de Cabanas.
Teresa García Pita e Xosé Manuel Pérez Sardiña denunciaron tanto no Pleno como na recente entrevista na Localia de Ferrol a falta de atención ás necesidades das persoas discapacitadas na praia por parte da coalición de comenencia PP-AEC. Neste sentido, advertiron da necesidade de elaborar informes municipais que avaliasen o cumprimento da normativa de accesibilidade nas actuacións que se están a realizar en colaboración con Costas do Estado co fin de corrixir as deficiencias para que as persoas discapacitadas poidan desenvolverse sen obstáculos no piñeiral e na area.
Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz municipal, exíxelle ao alcalde, Germán Castrillón, que "quite a venda dos ollos e que asuma as súas responsabilidades políticas". Xosé Manuel entende que o rexedor debe "abandonar a política da avestruz, do absurdo e do autoengano" e dimitir ante "o evidente deterioro da imaxe pública do maior activo turístico de Cabanas".

10 de ago. de 2009

Entrevista sobre política local (xullo 2009)

Entrevista na Localia-Ferrol do portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, sobre diversos asuntos locais: abandono da praia da Madalena, obras FEIL, situación do orzamento e do PXOM de Cabanas (xullo de 2009).


Agora tamén podedes seguir as actualizacións de vídeos, imaxes e audio a través da canle do blog MULTIMEDIA (na parte superior esquerda das postaxes).

9 de ago. de 2009

O BNG critica o abandono do goberno PP-AEC na recollida de trastes

A situación de desleixo e abandono da recollida de trastes preocúpalles aos veciños de Cabanas, que ven unha vez máis como se repite a incapacidade municipal para resolver unha situación crítica.
O servizo básico de recollida de trastes está totalmente abandonado pola coalición de goberno local, despois de que Sogama lle comunicase a comezos de xullo o cesamento da recollida de residuos voluminosos que viña realizando.
Este imprevisto, sumado á xa tradicional falta de xestión da coalición PP-AEC, está a causar un novo dano da imaxe de Cabanas, xusto cando máis visitantes recibimos.
En Fene, por exemplo, inda que tarde xa houbo reaccións para empezar a paliar a situación pero falta a infraestrutura fundamental do Punto Limpo mancomunado con Cabanas, que leva paralizado desde a pasada lexislatura polo PSOE e o PP-AEC.
Ademais, a irresponsabilidade do goberno de Feijoo ao optar por un corte abrupto do servizo evidencia a falta de previsión e unhas consecuencias advertidas xa pola deputada do BNG Isabel Sánchez Montenegro.
Despois dun mes sen novas do goberno local, que pola contra anuncia actividades na praia para fomentar a recollida selectiva, o BNG lamenta a falta de información á veciñanza sobre a recollida de voluminosos e denuncia a parálise dende hai dous anos do Punto Limpo de Vilar do Colo.

8 de ago. de 2009

O Pleno de Cabanas apoia a moción do BNG sobre sector lácteo

A moción nacionalista en defensa do sector lácteo galego foi aprobada por unanimidade no Pleno de xullo. O BNG considera que a evolución da produción láctea en Galiza ao longo das campañas que van desde 2005 a 2008, demostra a vocación de permanencia das explotacións lácteas galegas, pasando a significar o leite das explotacións galegas o 38 % das entregas á industria do Estado español, fronte ao 35 % que significaba a comezos de 2006. As explotacións lácteas galegas son, neste intre e sen dúbida algunha, o principal referente da produción láctea no Estado Español, non só polo seu peso, senón tamén pola dinámica de crecemento da produción en Galiza nun contexto como o que caracteriza ao sector no resto do Estado de estancamento ou redución das entregas de leite.
Amosou o BNG a súa preocupación por que se liberalice en 2015 a regulación comunitaria do sector lácteo, precedida dun incremento lineal de cota a todos os Estados produtores da Unión Europea, incluídos os excedentarios. Isto provocou un drástico recorte de prezos percibidos polos gandeiros e gandeiras, poñendo ao límite a supervivencia da moitas explotacións leiteiras de moitos concellos galegos. Neste contexto, reclamou unha posición institucional inequívoca de apoio ao sector, urxindo que o Estado e a Xunta adopten as medidas necesarias para garantir a estabilidade e o futuro do sector lácteo galego, e con iso asegurar un medio rural vivo na Galiza.
Por iso, o BNG demanda na súa moción que o goberno español renegocie a actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE, que propoña na UE unha actuación decidida e concreta, para regular os mercados e garantir prezos aos produtores de leite. Ademais é fundamental ao entender do BNG que o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza coordinen as actuacións necesarias para garantir a recollida de todo o leite producido na Galiza, establecer axudas directas aos produtores de leite e garantir a continuidade da industria transformadora existente na Galiza.

7 de ago. de 2009

O Centro de Día, comprometido para Cabanas por Feijoo, é bloqueado polo bipartito PP-AEC

O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción demandando a licitación inmediata do Centro de Día comprometido, no seu discurso de investidura, polo actual presidente da Xunta de Galiza, Alberte Núñez Feijoo. O BNG amosou a súa satisfacción polo que significaría esta medida para Cabanas, tendo en conta ademais que en 16 anos de goberno do Partido Popular (1989-2005), non se construíu nin existía un só centro de día público no noso país. Despois de que o BNG construíse 57 promovidos BNG desde a Vicepresidencia da Xunta de Galiza en tres anos (2005-2009).
En Cabanas con máis de 1500 habitantes non existe un centro de día público, e en consecuencia o BNG demanda a través da súa iniciativa que a actuación da Xunta se planifique e realice inmediatamente, que se coñezan os detalles da execución (licitación, prazo de execución, orzamento, …) e a futura prestación do servizo (número de prazas, cadro de persoal, …).
Pola contra, o Partido Popular -que incluía no seu programa electoral a construción dun Centro de Día- e a Agrupación de Electores defenderon que Beatriz Mato, a Conselleira de Traballo e Benestar Social, estaba a revisar a dotación de servizos sociais. Cousa inaudita ata agora cando nos actos públicos a conselleira compromete a dotación do servizo ou a construción de centros en concellos rurais do PP.
Xa que PP e AEC contradín o prometido por Feijoo e frean cos seus votos a demanda inmediata deste servizo social, o BNG considera que a coalición de goberno local está a perder unha oportunidade e non ten ansia ningunha por perdirlle á Xunta un servizo tan necesario para os nosos maiores.

6 de ago. de 2009

A coalición PP-AEC négase a defender e promover o idioma galego

O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que solicitaba unha declaración do Pleno da Corporación a prol do idioma galego e da consecución da igualdade de dereitos e deberes das dúas linguas cooficiais. A proposta recabou o apoio de toda a oposición que forzou unha segunda votación para desfacer o empate co voto de calidade do alcalde, Germán Castrillón.
Os cinco concelleiros de PP e AEC -non asistiu Luis Chillón- rexeitaron respectar a legalidade vixente (Estatuto de Autonomía e Lei de Normalización Lingüística) e implementar cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Lamenta o voceiro municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, que Partido Popular e Agrupación de Electores estean ás ordes de Núñez Feijoo e renuncien a que "o galego goce no seu territorio do mesmo status legal que o castelán no seu".
Coa posición política de PP e AEC non se pode avanzar no uso normal do galego nin no Concello nin en sectores como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación. De feito, esta posición política evidencia, en palabras do portavoz do BNG no Concello, "unha involución práctica nos usos municipais do galego e un servilismo ás políticas antisociais e empobrecedoras" da Xunta do Partido Popular que incumpre de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos.

5 de ago. de 2009

Cabanas apoia a Iniciativa Lexislativa Popular a prol do fomento do sector naval

O PSOE foi o único grupo disonante na votación ao absterse
A moción sobre a Iniciativa Lexislativa Popular a prol do fomento do sector naval foi aprobada por todos os grupos presentes no Pleno de Cabanas, agás o PSOE que optou pola abstención como en Fene. Deste xeito, o Concello de Cabanas comprométese a apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular da plataforma cidadá Rumbo 21.
Tal e como expuxo o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, "é pois o momento de apoiar unanimente esta iniciativa que entre outros ten por obxecto a reactivación da antiga Astano para a construción naval sen máis límites que os da súa capacidade produtiva".
O concello de Cabanas coa súa Corporación municipal á fronte contribúe co seu apoio á ILP de Rumbo 21, tanto polo valor cuantitativo como polo valor simbólico de que o pobo de Cabanas non renuncia á revitalización dun dos motores económicos, sociais, de creación de emprego e de diversificación industrial na Comarca de Ferrolterra.
Ademais, comprométese o Concello a difundir polos seus propios medios: bandos, web etc. a ILP e a recollida de sinaturas no termo municipal.

4 de ago. de 2009

PP e AEC a favor de quitarlles os libros gratuítos ao 75% dos escolares de Cabanas

No pasado Pleno da Corporación de Cabanas, o Partido Popular e a Agrupación de Electores puxéronse ás ordes de Feijoo sen argumentos suficientes para rebater as propostas do BNG e do Grupo Mixto a favor da gratuidade dos libros de texto.
O mércores pasado, evidenciouse que á fronte do goberno local hai dúas formacións políticas, PP e AEC, que antepoñen a disciplina dun partido político ao sentido común. Deste xeito, apoian cos seus votos que o 75% dos pais e nais de Cabanas teñan que pagar os libros de texto.
A posición do PP, ao faltar o Sr. Chillón, foi defendida por Esperanza Gayoso con argumentos singulares como que agora os pais e nais poderán conseguir cos libros de texto "una biblioteca para casa", entre outras ideas polo estilo.
Non valeu de nada que o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, solicitase o apoio do Pleno á moción nacionalista. En varios concellos de Ferrolterra o grupo popular abstívose ante a falcatrúa cometida desde a Xunta e noutros casos mesmo chegou a votar a favor da moción. Pero non foi o caso de Cabanas.
O concelleiro nacionalista, Xosé Manuel Golpe Acuña, criticou a incerteza das nais e pais de cara ao comezo do curso que vén porque a Consellería aínda non sabe a quen, como e onde vai pagar as axudas. Ademais lembrou o incumprimento do programa electoral popular para as eleccións galegas e a situación de gratuidade dos libros de texto noutras comunidades autónomas.
Nada disto fixo reflexionar á coalición PP-AEC que avalou cos seus votos a eliminación do dereito á educación obrigatoria gratuíta.

1 de ago. de 2009

Os propietarios dos locais de praia inician unha campaña de protesta


Rafael Eimil
Germán Castrillón
Praia Sucia

Rafael EimilGermán Castrillón Na imaxe, o areal de Cabanas, onte
Xefe Demarcación de Costas Alcalde de Cabanas O Areal da Magdalena tiña onte as algas que varios usuarios denunciaron o martes. 30/7/2009

Nun comunicado que nos achegaron hoxe, os propietarios dos chiringuitos da Madalena anuncian que Costas (PSOE) e o Concello (PP) non os van minar no seu camiño de conseguir xustiza. Denuncian que se exerce "a máxima presión sobre os propietarios para que abandonen e deixen a mercé das administracións os seus negocios" e lamentan "o descoido e abandono dos lugares de ocio do Areal da Madalena" que se repite ano tras ano.
Mentres o alcalde asegurou no pasado Pleno da Corporación que falara cos propietarios dos establecementos, o comunicado afirma que nin Concello nin Costas "se reuniron cos afectados".
Mentres catedráticos, ecoloxistas e cidadáns alertaron continuamente do dano que se exerce sobre a costa, os paseos marítimos, portos deportivos e outras construcións foron ata hai pouco a meca dos investimentos europeos en ambiente. Critican na nota que a administración do Estado autorice infraestruturas agresivas co medio como a edificación de socorrismo "sobre unha base e unha enorme columna de formigón armado carecendo ademais, dos pertinentes informes técnicos municipais" e que se enchan con manga ancha "miles de metros cadrados de litoral con cemento".
Neste sentido tamén comunicaron que van iniciar unha campaña de recollida de sinaturas a prol da transparencia e da preservación dos locais.