29 de out. de 2010

Novo Pleno extraordinario hoxe ás 19.30 h

Cabanas.- A coalición de goberno PP-AEC convocou á Corporación ao segundo Pleno nesta semana  para tratar os seguintes asuntos:
  1. Modificación regulamento de axuda no fogar
  2. Expediente de modificación de créditos 5/2010
  3. Proposta obaras POS 2011
Polo que respecta á modificación do regulamento da axuda no fogar trátase da emenda, e xa vai a terceira neste ano, dun artigo que non se adaptaba á normativa autonómica de servizos sociais. Mentres que o expediente de modificación de créditos trata de mudar de destino de 151.737,70 € sen ter en conta a insuficiencia  económica para atender as obrigas derivadas da recollida e tratamento do lixo, a execución parcial da sentenza sobre o servizo de abastecemento e mais a actualización das tarifas e liquidacións posteriores e mais a execución das sentenzas dos edificios do Penso con proxectos técnicos redactados por un importe de 639.864,71 (1º edifcio) e 644.207,97 (2º edificio).

26 de out. de 2010

Cabanas adhírese á Plataforma contra do Decreto do Carbón

Cabanas.- A moción presentada polo BNG para demandar un cambio do Decreto do Carbón e o apoio á mobilización do pasado domingo saíu adiante no Pleno Ordinario celebrado hoxe ás 19.30 h. Despois dun intenso debate a práctica totalidade dos corporativos aprobaron a adhesión á Plataforma contra o Decreto do Carbón. A moción do BNG suscitou a práctica uninimidade e consenso da Corporación e incorporou achegas dos outros grupos municipais co fin de non excluír a ninguén. Apenas o PSOE quedou descolgado coa abstención da súa única representante no Pleno.
Hai uns meses a Corporación de Cabanas aprobaba outra moción cos apoios de PP e AEC, que  máis afanados en lavar a cara das incoherencias do PP en Madrid e na Xunta ca outra cousa, apeou do acordo os grupos da opoisición ao excluír as engádegas do BNG.

Últimas novas no Congreso: Zapatero evidencia a Jorquera que non vai modificar o Decreto do Carbón e defende as axudas exclusivas ao "carbón nacional"

25 de out. de 2010

Pleno extraordinario o 26 de outubro

Cabanas.- O Grupo Municipal do BNG solicitou a semana pasada un Pleno extraordinario para reclamar a mudanza do decreto do carbón e mais para apoiar a manifestación do pasado domingo 24 de outubro ás 12 na Praza de España de Ferrol convocada pola PLATAFORMA CONTRA DO DECRETO DO CARBÓN. Malia a isto, o alcalde do PP de Cabanas, Germán Castrillón, convocou o Pleno para o 26 de outubro, mañá martes, ás 19.30 h.

20 de out. de 2010

POLO DEREITO A TRABALLAR NA NOSA TERRA

Cabanas.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou hoxe unha solicitude de Pleno extraordinario para reclamar a mudanza do decreto e mais para apoiar a manifestación do vindeiro domingo 24 de outubro ás 12 na Praza de España de Ferrol convocada pola PLATAFORMA CONTRA DO DECRETO DO CARBÓN

FRONTE AO DECRETO DO CARBÓN: SOLUCIÓNS

• Porque o Decreto responde claramente a decisións políticas que limitan a nosa capacidade de producir.

• Porque non hai razóns técnicas, económicas nin ambientais que xustifiquen a discriminación coas centrais das Pontes e Meirama

• Porque estamos a falar da drástica redución de milleiros de postos de traballo -máis de 3000- nun sector estratéxico para o presente e o futuro da comarca.

• Porque non podemos asumir un novo proceso de agresión á economía galega -que vén a unirse ao feito no seu día co sector naval- nunha comarca con elevadísimos índices de paro e de emigración.

Proposta de acordo:
1.- O Pleno do Concello de Cabanas acorda manifestar a súa adesión á Plataforma contra do Decreto do Carbón, asumindo os seus obxectivos, nomeadamente:

a) Solicitude de entrevista co Ministro de Industria.

b) Proposta de modificación do Decreto do Carbón:
O cupo asignado politicamente ao carbón español (estímase un 9 % da producción eléctrica anual), deberá ser repartido entre todas as tecnoloxías do sector eléctrico en proporción directa a súa contribución. É dicir, non só incidirá no carbón importado e tamén en menor medida, nos ciclos combinados de gas, senón que tamén afectará ao resto de tecnoloxías: hidráulica, nuclear, renovábeis, coxeración, etc.

2.- O noso concello manifesta o seu apoio á mobilización cidadá convocada para o vindeiro domingo dia 24, baixo o lema “POLO DEREITO A PRODUCIR, POLO DEREITO A TRABALLAR NA NOSA TERRA” comprometéndose á maior difusión da convocatoria ( bandos, anuncios....) e facilitando o transporte das veciñas e veciños que desexen asistir.

Asdo. Grupo Municipal do BNG de Cabanas

18 de out. de 2010

O anteproxecto de PXOM está a exposición pública ata o vindeiro domingo

Cabanas.- O Plan Xeral de Ordenación Municipal comeza de novo de cero a causa da autoemenda da Lei 9/2002 feita polo propio Feijoo oito anos despois. Deste xeito, en Cabanas un anteproxecto de planeamento está a exposición pública por segunda vez nun ano e vólvese acumular un novo atraso no camiño de conseguir un Plan Xeral para Cabanas. 
En resposta ao BNG en practicamente todos os plenos desta lexislatura, o alcalde eludiu en todo momento concretar os prazos e o xeito de facer participativo o Plan, rexeitando en todo caso realizar un Avance tal e como lle suxeriu en numerosas ocasións o Bloque.
Así mesmo, a coalición PP-AEC non lle comunicou ao BNG a situación de exposición pública do anteproxecto de planeamento, máis amplo e profundo ca o Documento de Inicio presentado o 13 de xullo de 2009. Se lembramos que hai un ano xa se presentara un sintético documento de inicio en época estival para evitar a participación veciñal e dos grupos políticos, a historia vólvese repetir. O grupo de goberno pasa o período de exposición pública silandeiramente e evita facer anuncios que chamen a atención da cidadanía sobre un documento incompleto na parte dos núcleos rurais, xa que está colgado só parcialmente na web da Xunta.
O prazo de presentación de observacións ó Documento de Inicio, que agora estaría no primeiro trámite de avaliación ambiental estratéxica, remata o vindeiro luns 25 de outubro de 2010.


16 de out. de 2010

PP-AEC non renderon a Conta Xeral de 2007

Cabanas.- A xestión do bipartito PP-AEC comezou co ocultismo e a falta de transparencia, non só coa oposición municipal senón tamén co Consello de Contas de Galicia. A Conta Xeral de 2007 non foi rendida en 2008, así se recolle no correspondente informe do ente fiscalizador.
Cabanas foi posta hai tres anos na antesala da opacidade, un punto de partida para esta lexislatura que, ás veces, conduce á corrupción ou á malversación de caudais públicos. O diñeiro que xestiona a coalición PP-AEC é de todos e ese goberno -que só entende do que lle convén- debería explicar que fai cos cartos e por que. Ata hoxe non o fixo, apenas botar tinta de lula con falsas herdanzas que non poden durar sempre. Alguén debe desvelar todo iso para que a xente poida valorar onde van os seus impostos, que o bipartito de PP-AEC aprobou subir un 10% todos os anos ata 2017.
Mesmo bastante xente pagou este ano atrasos do IBI de 2007 (entre 100 e 200 € dunha tacada).

14 de out. de 2010

O BNG quere manter o Noitebús

Cabanas.- O Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou a seguinte moción para que o Pleno se pronuncie sobre a necesidade do servizo do Noitebús:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O PP, a través da Xunta de Galiza, vén de anunciar a súa intención de suprimir o servizo coñecido como Noitebús. Esta iniciativa, posta en marcha na pasada lexislatura, forma parte das actuacións destinadas a mellorar a seguranza viaria e reducir a sinistralidade, cubrindo as necesidades de desprazamento nocturno da mocidade. A demanda que rexistrou desde a súa posta en funcionamento dan boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir.
É lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do Presidente do Goberno Galego que “este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas”, cando persoas expertas nesta materia fixeron público o seu desacordo nestes mesmos días. A propia Dirección Xeral de Tráfico (DGT) afirma que “este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de contribuíu a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén a plataforma Stop Accidentes uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.
O BNG considera un auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo Presidente da Xunta. Os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio. Por outra parte o custe do servizo é perfectamente asumíbel pola Xunta de Galiza. No ano 2010 a Xunta dedicou ao Noitebús pouco máis de 4,5 millóns de euros, unha cifra que representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un investimento moi inferior ao gasto que o goberno do PP está a facer en propaganda e publicidade desde a Xunta de Galiza. O normal é que os recortes se realicen no ámbito da propaganda e non en servizos que cumpren unha función social evidente. A Xunta de Galiza debe rectificar esta decisión e manter o funcionamento dun servizo que ten demostrado a súa necesidade e utilidade. Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebús), sen aplicar ningunha redución das rutas existentes e mellorando a súa dotación e funcionamento no conxunto do territorio galego.
Cabanas, 12 de outubro de 2010

13 de out. de 2010

O BNG demanda atención e servizos de calidade na Sanidade Pública

Cabanas.- O BNG de Cabanas rexistrou a seguinte moción ante o evidente retroceso nos servizos públicos sanitarios para a xente:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Existe moita preocupación entre a cidadanía pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso concello como da Área de Saúde á que pertencemos.

Nos últimos anos estamos observando e sufrindo unha deterioración dos servizos públicos que se concretan no caso da sanidade nun incremento das listas de espera, incluso en atención primaria; nun incremento da derivación a centros privados concertados; no peche dos hospitais pola tarde, na paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria e ultimamente na ameaza de privatización e financiamento público privado das novas infraestruturas sanitarias. Todo isto acompañado e, en parte, motivado pola redución de gasto sanitario público e a redución de recursos correspondente.

Cremos que estamos ante un momento importante para o noso concello, na que a Corporación Municipal, como representantes do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deben estar á altura do que os veciños e veciñas demandan e traballar conxuntamente para que no noso concello se poida dispor e acceder a servizos da sanidade públicos de calidade.

Non se pode nin se deben admitir os intolerábeis niveis de saturación e de falta de medios e de recursos sanitarios que se están a producir. Os concellos da Área de Saúde á que pertencemos, necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO
PRIMEIRO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos e vacacións, que eviten a actual mingua da calidade asistencial.
SEGUNDO. Exixir que, de forma inmediata, se doten dos recursos necesarios os centros de saúde do concello para evitar listas de espera .
TERCEIRO. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.
CUARTO. Manter o Plan de Mellora de Atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, a extensión dos coidados e plans de coidados de enfermaría e dos servizos administrativos de atención ao usuario.
QUINTO. Redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.
SEXTO. Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da Área Sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.
SÉTIMO. Manter os compromisos económicos estabelecidos coa nosa Área Sanitaria, para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013 e o Plan de Investimentos en Alta Tecnoloxía Médica.
OITAVO. Financiar a construción e equipamento de infraestruturas sanitarias mediante financiamento público 100% a través do capítulo IV de Orzamentos do Servizo Galego de Saúde ou, na súa falta, mediante a empresa pública de investimentos Sociedade Pública de Investimentos de Galiza (SPI).
NOVENO. Apoiar cos medios dispoñíbeis as actuacións das organizacións de defensa da sanidade pública galega e local.
DÉCIMO. Trasladar o presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, á Conselleira de Sanidade e ao conxunto da poboación, dándolle a máxima difusión posíbel cos medios dispoñíbeis no Concello.
Cabanas, 7 de outubro de 2010

12 de out. de 2010

Os erros do manifesto neoliberal sobre as pensións dos 100 economistas

Achegamos tradución polo seu interese do artigo publicado por Vicenç Navarro no diario dixital O PLURAL, 11 de outubro de 2010 (ligazón)

Este artigo mostra os erros existentes no manifesto neoliberal (patrocinado predominantemente pola Banca, FEDEA) sobre a inviabilidade das pensións (propondo a súa redución), asinado polos mesmos economistas que propuxeron facilitar o despedimento como medida para diminuír o desemprego.

Hai uns días, os mesmos cen economistas que hai uns meses absorberon a atención dos medios coas súas propostas de abaratar o custo do despedimento en España, fixeron outra proposta que, reflectindo a mesma sensibilidade neoliberal, afectará tamén dunha maneira moi notable -empeorándoa- a calidade de vida das clases populares e, moi en especial, dos pensionistas. Baixo o argumento (que mostrarei neste artigo que está equivocado) de que o sistema de pensións públicas en España non é viable, suxiren que estas se reduzan, criticando ao goberno socialista por ser excesivamente moderado e cauteloso nas súas recentes propostas de reformas. E como era de agardar, os medios escritos e orais (radio e televisión, incluídos os públicos) de maior difusión do país (a maioría tamén de persuasión neoliberal) mobilizáronse ofrecéndolles todo tipo de caixas de resonancia, negadas, por certo, aos autores con mentalidade máis crítica e rigorosa que cuestionan tal sabedoría convencional neoliberal.
A maioría dos argumentos presentados por estes economistas non son novos. Todo o contrario, son a última versión dunha longa lista de informes e propostas financiadas pola banca e as caixas de aforro e as compañías de seguros, que han ir repetindo machaconamente a inviabilidade do sistema de pensións públicas, anunciando o seu colapso para determinada data, que se ha ir atrasando a medida que o -predicible- colapso non se materializou. Non é, pois, unha mensaxe nova o provisto por estes economistas, moitos deles con documentadas conexións con estes grupos de presión, e moi en particular, con FEDEA, o centro intelectual do capital financeiro do país, maior motor do manifesto. Non estou a indicar con iso que cada un destes economistas sexan portavoces de tales intereses (aínda que moitos deles si que o son). Pero si que é verdade que a maioría -senón todos- están imbuídos da sabedoría convencional do pensamento económico neoliberal español que estivo moi influenciado pola banca. Da mesma maneira que a industria farmacéutica influencia, en gran maneira (a través de revistas, congresos, fundacións e outras intervencións financiadas por tal industria), a cultura médica no noso país, a banca, caixas e compañías de seguros influencian a cultura económica. A maioría de revistas económicas e gran número de centros de investigación económicos, como FEDEA, están financiados pola banca e caixas de aforro, que promoven o pensamento neoliberal dentro da comunidade económica, de maneira que se converteu na sabedoría convencional da cal tales economistas son portavoces. Abonda ver a discusión sobre a crise e as súas solucións que aparece nas páxinas económicas dos maiores rotativos do país ou da prensa económica, para ver a veracidade de tal observación. Os mesmos economistas que foron incapaces de predicir a crise (ningún dos 100 asinantes predixo a crise financeira que estivemos sufrindo) agora están a pontificar en como resolvela. E neste proxecto, claramente propagandístico repiten unha e outra vez os seus argumentos, moitos deles de escasa ou nula credibilidade científica.

Onde está o problema? Un dos argumentos repetidos ad nauseum é que o número de traballadores cotizantes por pensionista irá descendendo e facendo inviable o sistema. Vexamos onde está o erro desta tese. E para iso, vaiamos a unha actividade económica, a agricultura, que ilustra onde se atopa aquel erro. Fai cincuenta anos, o 30% da poboación activa en España traballaba na agricultura alimentando toda a poboación española. Hoxe só o 3% traballa na agricultura e, como consecuencia do enorme aumento da produtividade, os traballadores agrícolas producen máis alimentos do que fai cincuenta anos, de maneira tal que o estado mesmo os subvenciona para que non produzan máis. En vista desta situación, é fácil ver o absurdo que sería se fai cincuenta anos algúns economistas alarmasen a poboación, indicando que a predicible baixada do número de traballadores no campo significaría que dentro de cincuenta anos non habería suficientes traballadores agrícolas para alimentar a poboación e, como resultado, a xente morrería de fame. O enorme fallo daqueles argumentos alarmistas é que os seus proponentes esqueceron o crecemento da produtividade e o impacto que tal crecemento tería na produción do alimento por traballador. Hoxe un traballador agrícola fai o que facían dez traballadores fai cincuenta anos. E é probable que en cincuenta anos, a partir de agora,  se produza polo menos dez veces máis, pois o crecemento da produtividade historicamente foi moi acentuado.
Saque o lector agora o nome de alimentos e poña pensións. E verá o absurdo que é o argumento que se utiliza constantemente de que as pensións son insustentables porque dentro de cincuenta anos teremos só un traballador cotizante que pague a pensión dun xubilado, cando hoxe se necesitan tres. Dise que, posto que agora se necesitan tres traballadores por pensionista, ao incrementar o número de pensionistas, dentro de cincuenta anos teremos só un traballador por pensionista, o cal é insustentable, ignorando que en 2060, consecuencia do incremento da produtividade, un traballador poderá soster a un pensionista (e mesmo a máis dun).
Outro dato alarmista que utilizan os economistas neoliberais, que antes o utilizaron o Banco de España e a Comisión Europea, é o cálculo de que dentro de cincuenta anos España gastará en pensións o 15% do PIB, case o dobre do que se gastou en 2007, o 8% do PIB. Destas cifras conclúese que o país non pode soster tal crecemento do gasto, pois reduciría considerablemente os recursos para os non pensionistas. De novo, tal alarma é inxustificada, pois tamén ignora o impacto do crecemento da produtividade no PIB. Vexamos os datos. Supoña o lector que a produtividade crecese un 1,5% por ano, unha cifra razoable. É a media de crecemento da produtividade en España do últimos cincuenta anos. Iso implica que se o PIB de España fose 100 agora, no ano 2060, o PIB crecería 2,25 veces, sendo 225 (valorado en moeda constante: en realidade o crecemento en moeda real será mesmo moito maior ao incluír a inflación). Pois ben, se no ano 2007 gastamos o 8% do PIB en pensións (é dicir, 8 de 100), segundo aquelas predicións alarmistas no ano 2060 gastaremos o 15% do PIB en pensións (sobre 225 unidades significa 33 unidades). Pero iso quere dicir que no 2007 quedábannos 100-8= 92 unidades para os non pensionistas, mentres que no 2060 quedarán para os non pensionistas unha cifra mesmo moito maior 225-33=192, e iso a pesar de que a porcentaxe do PIB en pensións será entón moito máis elevada (15%) ca no 2008 (8%). Por iso é polo que as alarmas que constantemente se dan ao feito de que a porcentaxe do PIB nas pensións se poida dobrar dentro de cincuenta anos, non ten ningunha base para preocuparnos. En realidade, fai cincuenta anos, España gastaba en pensións o 3%. E xa entón había economistas que dicían que o sistema de pensións públicas era insustentable, e que a longo prazo o sistema colapsaría. Pois ben, agora gástase máis do dobre (8%) e non hai ningunha crise, e a Seguridade Social ten un superávit. Non hai, pois, un problema de viabilidade das pensións públicas. Si o hai, por certo, nas pensións privadas. De aí a masiva mobilización da Banca, dirixida polo seu Gobernador, o Sr. Miguel Angel Fernández Ordóñez, cuestionando a sustentabilidade das pensións públicas.

As necesarias reformas
O feito de que non teña problemas estruturais de viabilidade non quere dicir que non tivesen que facerse reformas no sistema público, pero en sentido oposto ao proposto polo manifesto neoliberal. As pensións son demasiado baixas en España, consecuencia, en parte, de que os salarios son demasiado baixos. As cifras que a OCDE (institución tamén de clara sensibilidade neoliberal) mostra de que as pensións en España son moi elevadas, alcanzando o 80% do salario real, está baseado nunha serie de supostos altamente cuestionables. Utilízanse medias irreais. Por exemplo, calcula esta elevada cifra en base a 40 anos ininterrompidos de traballo (en España é moito menor) e confunde salario con base de cotización (o segundo é moito máis baixo ca o primeiro). En realidade, cifras máis cribles como as publicadas por Eurostat, mostran que a pensión contributiva media é das máis baixas (con menor capacidade sustitutoria) da UE-15. E non falemos das pensións non contributivas, que son escandalosamente baixas.
Por iso é polo que hai que facer reformas. O que debería facerse, ademais de asegurarse que a produtividade continúe aumentando, é facilitar a integración da muller ao mercado de traballo e evitar a discriminación salarial en contra das mulleres, pagándolles igual ca aos homes, asegurándose, por certo, que iso non se consiga baixando os salarios dos homes. Se a porcentaxe de mulleres que están no mercado de traballo fora en España o mesmo ca en Suecia, habería 3 millóns máis de traballadoras, creando riqueza, aumentando os impostos e as cotizacións sociais. Iso permitiríanos, non só manter a Seguridade Social (cuxa viabilidade, repito, non está ameazada), senón mellorar notablemente as pensións. Por iso é polo que facilitar a integración da muller ao mercado de traballo a base de establecer unha extensa rede de escolas de infancia (que non só garde, senón que eduque os cativos, de cuxo desenvolvemento educativo dependerá máis tarde o crecemento da produtividade e o sostemento das pensións) e servizos domiciliarios de axuda ás familias con persoas dependentes sexa moi importante para expandir as pensións. Estas son alternativas raramente consideradas nos discursos innecesariamente alarmistas.
Pero ademais destas medidas fan falta varias reformas rápidas e inmediatas .E unha delas é eliminar o tope do salario, por encima do cal non se cotiza á Seguridade Social. É escandaloso que o Sr. Botín, o maior banqueiro do país, cotice á Seguridade Social unha cantidade semellante á dun traballador cualificado na súa banca, que ingresa 500 veces menos que el. O sistema de cotizacións debe ser progresivo e non ser regresivo como agora. E a outra medida é cambiar 180º as políticas de austeridade (de gasto público e de crédito) que están a levar o país á ruína. O estado debe seguir políticas expansivas de gasto público para crear emprego (pagando tal expansión do gasto público coa anulación dos recortes fiscais que produciron o déficit estrutural do estado) e obrigando á banca a que provea crédito, establecendo á vez un sistema público bancario mediante a conversión das caixas en bancas públicas (de novo, unhas intervencións opostas ás que está a realizar o goberno) que garantan o crédito ás empresas e aos cidadáns, tal como propuxo Attac. O feito de que estas propostas non se realicen e se escolla, no seu lugar, diminuír as pensións, é un indicador máis do enorme poder que o capital financeiro (o grupo fáctico de maior poder en España) ten sobre a vida política do país.

11 de out. de 2010

A coalición PP-AEC aproba a supresión de aparcadoiros no Oito

Moción de urxencia do PP-AEC

O bipartito local aproveita a ausencia do BNG no Pleno da folga xeral para aprobar sen oposición o traslado para o Oito do cruceiro
Cabanas.- Tal e como publicou o Diario de Ferrol, hai mudanzas na posición dos partidos políticos con respecto á futura localización do cruceiro do Areal. Deste xeito, o Grupo Mixto pasa á indefinición mentres a AEC arrímase agora ao PP para chantar o cruceiro no Oito.

Rexeitan a moción sen a presenza do BNG
A moción para urbanizar a praza do Areal, do BNG, sufriu a peor das descortesías democráticas, posto que o alcalde lle negou a defensa política. Mentres o proceder en calquera parlamento democrático sería deixar o asunto sobre da mesa, o PP de Cabanas aproveitouse de que os tres concelleiros do Bloque secundaron a folga xeral para rexeitar a iniciativa sen que os asinantes a poidesen expoñer. Trátase dun acto de evidente covardía política que exemplifica á perfección o absolutismo en que a coalición PP-AEC sume Cabanas.

Moción de urxencia de PP-AEC
A moción do PP-AEC, presentada por urxencia para cambiar de lugar a cruz de pedra xa restaurada, saíu adiante sen oposición, cos votos favorables do PP e a Agrupación de Electores de Cabanas e contou coa abstención do PSOE e Iniciativa Veciñal Cabanesa.

Observacións ao traslado
Dende o BNG obsérvase que o traslado do ben declarado de interese cultural proposta por PP e AEC dará lugar á supresión de media ducia de prazas de aparcadoiro na zona, condenará o viario a un ancho insuficiente e mais complicará a entrada ao edificio do Areal. A colocación de bolardos e bancos, un pavimento granítico e un xardín completan a intervención que se prevé acometer antes de final de ano inda que, tal e como recoñecen dende o bipartito local, non hai cartos dispoñibles.
A restauración que recuperou o cruceiro roldou os 20.000 euros e consistiu na unión das pezas en que quedou feito cachizas, algunhas delas recuperadas polo voceiro do BNG. A hipótese máis plausible da caída, despois de que o alcalde lle botase a culpa ao vento, apunta a un golpe que lle propinou un camión localizado e identificado pola policía autonómica, que tivera que ser chamada polo Bloque á vista da parálise e deficiente xestión da delegada de cultura e do alcalde.

Datación do cruceiro
A principal referencia para recuperar a memoria da ponte e do cruceiro atoparémola en J. F. Correa Arias "A Ponte do Ume I e II", na revista Cátedra.
"[...] entre l380 e l386, o primeiro señor de Andrade levante a Ponte do Ume que, ademais de ponte tiña dúas torres con dous oratorios na parte alta, un hospital para pobres e peregrinos, unha capela e un cruceiro".
Gravado do baixo Eume de 1634
Esta referencia do século XIV convérteo nun dos máis antigos de Galicia (canda os de Melide e Neda).
No Areal, o cruceiro xa se localiza  nunha excepcional vista panorámica da ría do Eume de comezos do século XVII.  A peza formou parte da estrutura do viaduto que une as dúas marxes do Eume e na que se conservaban o hospitaliño e unha das torres. Así o confirma o gravado de 1634 acompañado dunha descrición da época que documentamos na mesma revista Cátedra.

10 de out. de 2010

O paro en Cabanas medra por riba da media estatal


O número de persoas en desemprego chega a 188, a maior cifra dos últimos cinco anos para o mes de setembro




CABANAS.- O paro aumentou de agosto a setembro un 10% no municipio de Cabanas. O total de persoas desempregadas ascende a 188, a cifra máis alta dos últimos cinco anos para o mes de setembro, advirte o BNG. 

Mentres o incremento do paro a nivel estatal foi do 1,21% e a nivel galego do 2,16%, no caso de Cabanas a porcentaxe elevouse ata o 10%. 

A importancia do incremento do paro é aínda maior se comparamos este mes de setembro co mesmo mes do ano 2006, cando chegou José Rey á alcaldía de xeito accidental, pois neste período, o paro aumentou en Cabanas un 40%. 

O BNG é consciente da importante crise económica pero debe reiterar as críticas contra a coalición de goberno local por manter "unha compracencia total sobre o futuro de Cabanas, sen atender as necesidades máis inmediatas". 

Por exemplo, o BNG constatou e denunciou que a coalición PP-AEC perdeu ano tras ano contiosas subvencións do Ministerio de Industria ou doutros organismos e non priorizou os investimentos necesarios para superar a crise, mesmo realizou investimentos inverosímiles e sen utilidade real para loitar contra o paro no municipio. 

O BNG considera que o escenario negativo pode empeorar coas novas sobre os recortes á actividade industrial na comarca, "responsabilidade tanto do PP como do PSOE". Mentres, o alcalde "xoga a crear confusión social, con actividades que non repercuten en nada na economía local".


9 de out. de 2010

Proposta do BNG sobre o Decreto do carbón, debate no Congreso


O 15 de setembro debateuse na Comisión de Industria do Congreso dos Deputados a Proposición non de Lei do BNG sobre a necesidade de que o Goberno Central modifique o Decreto do Carbón para que non prexudique as centrais térmicas galegas e os milleiros de postos de traballo que delas dependen.
A proposta do BNG foi rexeitada polo PP e o PSOE, a pesar de que estes partidos si votaron a favor dela no Parlamento Galego.
 

1 de out. de 2010

Pleno celebrado de Cabanas en día de Folga Xeral

 Malia a Folga Xeral do 29 de setembro e á ausencia do BNG, grupo maioritario da oposición, celebrouse o Pleno ordinario co quórum do goberno, encabezado por Castrillón, e do Grupo Mixto.

Os asuntos da orde do día non lles permitiu aos corporativos rematar ata xa entrada a noite. Estaban as festas locais para 2011, a Conta Xeral 2009, a "rota das fontes", a concesión de terreos no Oito, o retranqueo do paseo marítimo e varias mocións xenéricas de PP e Grupo Mixto.



O BNG non agardaba menos dun goberno local que, no canto de estar cos traballadores lles impón contratos lixo de 600 euros a tempo parcial mentres se pagan os luxos dunha Corporación metida ao amiguismo máis aberrante e ao dispendio absurdo dos recursos públicos.
O alcalde, dende o Concello e co taller pechado, xa avanzara pola mañá a súa intención de celebrar o Pleno malia á folga xeral e contestoulle ao voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, con argumentos  propios do teatro do absurdo.