25 de maio de 2010

O BNG de Cabanas critica que o alcalde trate de asegurar no entorno da súa empresa o 50% do futuro aparcamento no Areal

O proxecto de Mellora da seguridade vial da estrada N-651 ao seu paso por Cabanas eliminará máis do 76% dos aparcadoiros do Areal
O 50% do aparcadoiro previsto no proxecto negociado pola coalición PP-AEC co Ministerio de Fomento localízase no contorno do concesionario que rexenta Germán Castrillón

O BNG quere manifestar a súa preocupación e malestar polo evidente favoritismo que desde o posto de alcalde, Germán Castrillón, lle dá ao seu coñecido concesionario no Areal. O BNG considera que hai comercios e concesionarios seriamente prexudicados polo proxecto negociado entre o goberno municipal de PP-AEC e o Ministerio de Fomento que, de levarse a cabo, verían como se esfuma un dos principais activos que impulsa a actividade comercial no núcleo do Areal.
Deste xeito, dun total de 880 m lineais de aparcadoiro que hai hoxe ficarían apenas 200 m para servizo de todo tipo de vehículos, dos que case 100 m lineais estarían situados no contorno do negocio do rexedor local. A zona en que se suprimiría máis estacionamento sería a marxe esquerda (dirección Betanzos-Ferrol), onde desaparecerían máis de 460 m de aparcadoiro en liña.
Tal e como están as cousas non podemos aceptar de bo grao o proxecto tal e como está presentado e reclamaremos a súa modificación, asegurou Xosé Manuel Sardiña, quen lamenta que non se chamase ao BNG a falar nin a revisar as propostas do equipo de goberno diante do Ministerio de Fomento polo simple feito de "ocultar cacicadas miserables".

21 de maio de 2010

Convocado o Pleno Ordinario para o 26 de maio

O vindeiro mércores 26 de maio de 2010 ás 19.30 h terá lugar o Pleno da Corporación no Salón de Sesións. Cun total de 11 asuntos aventúrase longo polos asuntos que se van tratar. Orde do día:

1. Aprobación actas anteriores
2. Aprobación provisional de desafectación de escolas unitarias de Porto
3. Establecemento do servizo público de Punto de Atención á Infancia
4. Moción BNG sobre enlace da AP-9
5. Moción BNG sobre retirada Plan de Ordenación do Litoral
6. Moción BNG contra os recortes sociais
7. Moción PP sobre reforma gobernos locais e financiamento
8. Moción PP contra a conxelación das pensións
9. Mellora e seguridade vial e humanización da N-651
Parte de control órganos da Corporación
10. Informes de Presidencia
a) Resolucións da Alcaldía
11. Rogos e preguntas

Moción dos veciños asinada pola oposición para mellorar a seguridade vial e a humanización da N-651
A moción que presentaron hoxe conxuntamente os grupos políticos da oposición, BNG e Mixto, a instancias da Comisión veciñal da N-651 reclamando melloras no pintado e na humanización da N-651 ao parecer foi incluída polo rexedor do Partido Popular no punto número 9, xunto co proxecto consensuado entre Concello e Demarcación de Carreteras e mais outras alegacións veciñais.
Segundo o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, "o alcalde debería meditar o que está a facer e aclarar como se vai realizar a votación da humanización da N-651" e, fronte ao marrulleirismo de regate corto e de tirarse á piscina do goberno local, aposta pola "claridade" e a información sen atrancos.
Así mesmo, o BNG lamenta que a coalición de goberno PP-AEC non se sumase ás propostas elaboradas pola devandita Comision veciñal e, neste sentido, os grupos da coalición van ter unha oportunidade de votar a favor o vindeiro mércores. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Sardiña, exixira sacar do caixón as queixas e tratalas con rigor político e técnico nunha Xunta de Voceiros. Malia a que o proxecto leva seis meses no despacho do alcalde, Germán Castrillón, o BNG constata que aínda moitos veciños e veciñas non coñecen as propostas municipais para humanizar a N-651. Ao entender do BNG, sería responsabilidade exclusiva do equipo de goberno local atrasar esa actuación necesaria e demandada desde 2004 pola Corporación.
O cruceiro pendente da humanización
A coalición PP-AEC, de costas ao BNG e aos veciños, xa decidiu mudar de lugar o cruceiro do Areal no proxecto do Ministerio de Fomento. Este feito converte nunha pantomima a consulta indefinida do goberno local. Ademais, despois do anuncio de recortes no investimento público do goberno do Estado, a situación tórnase preocupante xa que, co cruceiro en restauración, o cambio do ben patrimonial prolongaríase se Fomento adía a humanización da N-651.
Despois das últimas novas saídas en prensa, resulta sorprendente que, despois de que a policía autonómica -a requirimento do voceiro do BNG- localizase o camión responsable da caída, o Concello asuma os gastos.

19 de maio de 2010

A Xunta impoñeralles un canon aos pozos e ás traídas de auga

A Lei de Augas traerá subas importantes na tributación para unha parte importante de Cabanas. Ao redor do 30% da poboación do municipio que ata agora non pagaba canon de saneamento, terá que aboar  unha cantidade coa entrada en vigor do novo canon universal sobre a auga que prepara a Xunta. 
Medio Ambiente defende que o canon se aplique a todos os tipos de captación e ten a intención de establecer que a taxa se dedique a garantir a subministración de auga.
Mentres o titular de Medio, Agustín Hernández, incidía onte en que co novo canon Galicia será a segunda comunidade coa taxa "máis barata" e un terzo da poboación pagará menos que agora, Bruxelas recomendaba á Xunta incrementar un 20% o prezo da auga. Un informe da Comisión Europea pide unha tarificación máis estrita para recuperar os custos da subministración e saneamento.
Para calcular o consumo precisarase da instalación dun contador, sen que ata o momento haxa vivendas que se abastecen de pozo ou traída con contador. Non obstante, a Consellería baralla ademais métodos estimativos, sen concretar.
Asemade, Ambiente presentou onte o Plan Auga 2010-2025 co que pretende garantir o abastecemento aos núcleos de máis de 50 habitantes, entre os que se atopará o abastecemento de auga a Laraxe por 1,6 millóns de euros. Á vista do explicado onte, o canon para os pozos e traídas contribuirá decisivamente á execución do Plan.

17 de maio de 2010

14 de maio de 2010

O BNG exixe que o PP saque do caixón as reclamacións veciñais da N-651

O Grupo Municipal do BNG soubo a través da prensa que o pasado mércores celebrouse na Coruña unha xuntanza entre a Demarcación de Carreteras do Estado e o alcalde de Cabanas, á que asistiron dous veciños. Malia a que o BNG de Cabanas reclamou claridade á hora de tratar os asuntos relacionados co pintado da N-651 ao seu paso polo municipio e, neste sentido, o portavoz do BNG demandou por escrito hai un mes a convocatoria urxente de Xunta de Portavoces aberta á participación de representantes veciñais, o alcalde presentouse na Demarcación pola súa conta e sen o coñecemento e respaldo do principal grupo municipal.
Así se entende agora que non contestase por escrito á solicitude de xuntanza  do Bloque e só autorizase ver "o proxecto cando estea rematado". O BNG comproba que se volve repetir a falta de respecto á Corporación, xa habitual desde que a actual coalición PP-AEC entrou no goberno en 2007. 
O Grupo municipal do BNG descoñece as propostas defendidas na Demarcación de Carreteras polo alcalde e teme que sexan de marcado caracter privado e puntual, sen garantir coherentemente a axeitada combinación entre a seguridade vial e mais a mobilidade veciñal. As novas contraditorias destes últimos días sobre a reunión resultan especialmente rechamantes. Mentres o Concello asegura que acordou con Fomento variar a sinalización da N-651 "el ejecutivo asegura que llegó a un primer acuerdo en el que se acepta 'la práctica totalidad' de las propuestas que se trasladaron desde el Concello y explica que aún quedaría pendiente de llegar a un acuerdo en algún punto concreto en una segunda reunión", os veciños acusan ao alcalde de omitir as súas queixas.
O BNG só tivo coñecemento ata o momento das queixas presentadas pola Comisión Veciñal da N-651 enviadas o pasado día 22 de abril e mais un escrito con 200 sinaturas entregado antes do comezo do pintado. O Bloque valora positivamente estas propostas veciñais xa que abranguen a totalidade do trazado e mais promoven a humanización real da estrada estatal.
Xosé Manuel Sardiña, voceiro do BNG, lamenta que o alcalde sexa superado unha vez máis polas circunstancias e exíxelle ao rexedor que trate o asunto do pintado da N-651 co debido rigor político e técnico e saque do caixón as reclamacións.  Se non atende estas cuestións, comprobarase como as actuacións propias dun 'reiciño' acabarán traendo máis inseguridade vial, menos mobilidade e a afectación dos accesos e aparcadoiros dos negocios de Cabanas.

Ver N-651 (Cabanas) nun mapa máis grande

8 de maio de 2010

O BNG informou en Laraxe sobre o Plan de Ordenación do Litoral

O BNG inicia a súa campaña informativa sobre a afectación do Plan de Ordenación do Litoral  (POL). Laraxe acolleu unha charla para os veciños que quixeron coñecer as consecuencias do POL

Laraxe acolleu con interese e alta participación a charla informativa do BNG  a través da que se dá a coñecer aos veciños a afectación do POL no concello. O voceiro do Bloque, Xosé Manuel Sardiña lamentou  que o goberno local non se encargase de explicar este documento aos veciños e destacou que o goberno local tivo o documento da Xunta dende o mes de xaneiro e remitiu xa observacións o pasado 3 de maio á Xunta sen consultar nin sequera cos grupos políticos. 

Sardiña salienta que se trata dun proxecto iniciado e que pode ser aprobado inicialmente en xullo de maneira que a exposición pública coincidiría co verán segundo denuncian dende o BNG.

4 de maio de 2010

O BNG critica que o Plan do Litoral protexa silveiras ao pé de casas e ignore o piñeiral da Madalena


O BNG de Cabanas rexeita o Plan de Ordenación do Litoral (POL) presentado pola Xunta, e lamenta que a coalición de goberno do PP-AEC non informe á cidadanía afectada, xa que este documento inclúe no seu ámbito aproximadamente 8 Km2 densamente poboados dos 30 Km2 de superficie total do municipio.
O goberno do PP está tramitando o Plan de Ordenación do Litoral que fixará as directrices para a ordenación territorial dos municipios costeiros de Galiza e establecerá a ordenación a gran escala dos usos do solo. Trátase dun documento importante xa que as súas determinacións serán vinculantes e prevalecerán sobre as establecidas nas Normas Subsidiarias e mesmo sobre o futuro Plan Xeral municipal.
Este Plan afecta en Cabanas gravemente a numerosas vivendas tanto no casco urbano, nas parroquias costeiras e mesmo en Laraxe, a 3000 m da costa. En total afecta a preto de 2.600.000 m2 dos case 4.000.000 m2 de solo urbano e solo de núcleo rural do municipio, o que representa o 68% destes solos. Hai que salientar que o 100% do solo urbano está afectado pola proposta de ordenación da Xunta. Deste xeito, se o POL cambia a regulación do solo urbano ou de núcleo rural establecendo limitacións ou prohibicións ao uso edificatorio, a administración pode incorrer en responsabilidade patrimonial ao lesionar ou limitar os dereitos adquiridos polos propietari@s.

O piñeiral da Madalena sen protección específica
Dende o BNG critícase especialmente o sensentido de que a Xunta propoña protexer silveiras ao pé das casas mentres pasa por alto a protección específica da masa arbórea do piñeiral da Madalena. É sorprendente o silencio do PP ante a proposta de que a totalidade da praia da Madalena  se inclúa dentro dunha protección xenérica intermareal e costeira. Malia ás recentes declaracións -que propoñían unha menor protección ambiental á actual-, a coalición PP-AEC non demandou aínda ningunha rectificación para preservar os valores naturais do piñeiral centenario -recentemente tallado indiscriminadamente- e pola contra se amosen conformes con que se autoricen construcións para explotacións marisqueiras e acuículas, actividades deportivas, de baño, de talasoterapia, sistemas dedepuración de augas e aparcadoiros abertos ao uso público…(cor verde escuro).
Ante tales erros de vulto o BNG vai comezar unha rolda informativa á cidadanía polas parroquias afectadas do Concello. E así, a primeira das xuntanzas terá lugar en Laraxe o vindeiro venres 7 de maio ás 19,30 horas, no local situado ao lado do Bar Víctor.

Máis información sobre o POL:
Toda a información sobre este documento pódese descargar dende Plan de Ordenación do Litoral

1 de maio de 2010

O BNG reclámalle ao Pleno de Cabanas que rexeite o Plan de Ordenación do Litoral

O BNG presentou este venres unha moción para exixir a retirada do Plan  de Ordenación do Litoral  (POL) da Xunta posto que prexudica gravemente o 100% das edificacións de Porto, Cabanas e Irís e desprotexe a costa natural cabanesa, segundo a análise que se realizou dende a formación nacionalista. Esta será a primeira das iniciativas que realizará o BNG encamiñadas a que o goberno local lle exixa á Xunta a retirada dun documento que establece criterios e exixencias inaplicables á realidade galega. Entre as propostas con maior sen sentido está a penalización dos núcleos de poboación próximos á costa.
O Plan do PP, en período de informe municipal, pretende substituír a protección dos 500 m da Xunta bipartita e afectar gravemente a totalidade de edificacións das tres parroquias costeiras de Cabanas. Asemade e paradoxalmente  o POL impulsa a especulación e pon en perigo a preservación dos valores naturais salvagardados polas Normas Subsidiarias de 1987.
O hermetismo do goberno local PP-AEC ata o momento foi total xa que non lle presentou o documento á Corporación. Para combater a desinformación, o BNG pretende aclarar a posición da coalición de goberno e darlle o pistoletazo de saída a un calendario de actividades sobre o plan de urbanismo.