15 de mar. de 2012

Transparencia real: Cabanas presentará 81.031,73 euros en facturas pendentes




Cabanas.- Hoxe remata o prazo para que o Concello de Cabanas lle envíen ao Ministerio de Facenda a relación da débeda que ten pendente cos provedores. É o paso previo para acceder ao plan de axudas do Goberno do Estado que permitirá facer fronte ás facturas pendentes do exercicio anterior.
 
O montante total que Cabanas declarará a Facenda como débeda cos provedores ascende a 81.031,73 €, que o Goberno porá a disposición do Concello co fin de rematar coa morosidade.
Segundo as condicións publicadas no BOE, as administracións locais e autonómicas poderán acceder a créditos a dez anos, con dous de carencia, e a un tipo de interese accesible, segundo afirmou o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro. O calendario para conseguir eses créditos remata hoxe coa finalización do prazo para remitir a relación de facturas aprobadas no Pleno urxente da Corporación do pasado martes.

As débedas deben estar vencidas, ser líquidas e exixibles; rexistradas antes do 1 de xaneiro de 2012 e relacionadas con obras, servizos, subministracións ou xestión de servizos públicos na súa modalidade de concesión. No que respecta concretamente a Cabanas estes son os números:

Concesión de abastecemento, sumidoiros e depuración
Na mesma sesión, o Pleno rexeitou por unanimidade recoñecer outra débeda coa concesionaria de abastecemento de auga que supera os 300.000 € e que recolle os desequilibrios de facturación dende 2006 a 2011. A documentación presentaba erros de feito.
 
Se Cabanas quere beneficiarse do plan, antes do 31 de marzo deberá aprobar un plan de axuste, que será remitido ao Ministerio de Facenda ao día seguinte de que sexa aprobado polo pleno municipal. O Ministerio realizará un estudo e de ser favorable o resultado, o concello poderá solicitar o préstamo.

Máis préstamos
Así mesmo, o pasado 7 de marzo saíu publicado nos diarios de maior difusión un anuncio para o Concello solicitar un préstamo para financiamento de investimentos por un total de 237.575 euros. Este novo préstamo vai destinado para afrontar a achega municipal da obra "Dotación de abastecemento de auga e mellora para o Polígono de Vilar do Colo e futura ampliación industrial. Cabanas". Polo que puidemos coñecer de fontes municipais, a diferenza ata a cantidade reclamada por Augas de Galicia en decembro foi cuberta cunha subvención de SEPES. A administración local é a primeira vez que ten unha débeda coa administración autonómica por incumprimento de convenio oficial. Velaí o anuncio publicado o pasado 7 de marzo:

Xa que logo, no primeiro trimestre de 2012, os préstamos solicitados para afrontar obrigas sumarían un total de 318.606,73 euros, a débeda máis alta na historia de Cabanas. Cando aínda queda o problema económico máis voluminoso: o Penso (que segundo os últimos datos ascendería a máis de 1.200.000 euros).

Para o BNG fai moita falta un verdadeiro plan de axuste e reequilibrio económico-financeiro que suprima gastos superfluos.