29 de abr. de 2008

O Grupo Municipal do BNG solicita o impulso do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Grupo Municipal do BNG solicitou un Pleno extraordinario en que se inclúen cuestións que preocupan á xente de Cabanas e que están silenciadas e/ou paralizadas polo goberno local.
Seis puntos en total que abranguen desde a defensa da lingua galega a nivel local e a adhesión da Corporación ao manifesto do vindeiro 17 de maio da Mesa pola Normalización Lingüística ata a solicitude de gratuidade da peaxe Cabanas-Campolongo da AP-9, coa construción do enlace de Vidreiro-Campolongo.
Ademais, o BNG insta noutra iniciativa diversas melloras de seguridade vial e de limpeza do piñeiral da Madalena e do areal de Chamoso. O grupo político nacionalista solicita así mesmo a apertura ao público da aula de informática da Escola Laica, subvencionada pola Deputación Provincial para estar aberta (esta cuestión que xa foi levada a través dunha pregunta no pasado Pleno da Corporación).
Xa no ámbito urbanístico o BNG reclama a exposición pública do proxecto de cambio do curso do río Baa e acondicionamento das parcelas Q de Vilar do Colo e propón que se cumpran os acordos adoptados pola Corporación e os compromisos de SEPES. Denuncia a situación de parálise do Plan Xeral de Ordenación Municipal para o que recomenda un mes de prazo para a saída a licitación e expón que de xeito paralelo se redacte a modificación puntual das Normas Subsidiarias para as zonas urbanas da N-651 e para a zona rural co fin de axeitalas á realidade do século XXI.
Hoxe hai novas sobre o asunto no Diario de Ferrol (Comarcas) e na Opinión de A Coruña (Sección)

26 de abr. de 2008

Os mártires de 1846


Un 26 de abril de 1846 sucederon os fusilamentos de Carral. O coronel Solís e doce dos seus oficiais foron fusilados nesta localidade coruñesa, despois de seren derrotados na batalla de Cacheiras. Na súa memoria como precursores do galeguismo e do nacionalismo estanse a organizar e realizar diversas actividades.

Unha lectura moi recomendable sobre este movemento atopámola hoxe en Vieiros.

Ademais, Radiofusión emitirá un programa radiofónico entre as 12 do mediodia e as 2 da tarde que contará coa colaboración dos historiadores Justo Beramendi e Emilio Grandío e a participación de xente de Teo e mais Carral. Non o perdades se estades conectados!

24 de abr. de 2008

Fotos de galería


Unha foto máis. Saíu retratado o alcalde con Protección Civil de Cabanas hai dúas semanas na contracapa do Diario de Ferrol. Convértese esta reportaxe gráfica no vivo exemplo da nova etapa de parálise e de escaparate do goberno de conveniencia. Entrementres, Protección Civil dun concello veciño, sen foto, volveu a socorrer os accidentes de Cabanas (La Voz, 18 de abril).

Aproveitando o rebufo, un dos accidentes fíxolle acordar ao goberno local de que hai unhas voltas moi perigosas na Torre de Laraxe (e non na malchamada curva dun bar onde "hay pulpo"). Non sen hora, Fomento ía reasfaltar, pero sen a viaxe á Coruña da plana maior municipal.

Mentres estes acontecementos se suceden, outros concellos que comezaron a traballar de verdade hai un ano xa están a licitar o PXOM. En Cabanas seguiremos de foto en foto e de escaparate en escaparate porque na entrevista que lle fixeron o pasado luns ao alcalde do PP na Localia-Ferrol pouco novo hai...

22 de abr. de 2008

O alcalde non apunta a Cabanas no "Titirimaxia"

Houbo xusto despois das eleccións un acto do grupo folk Quempallou que xestionara directamente a Sociedade Anónima do propio Xacobeo e que sen preguiza ningunha os membros do bigoberno, como fan con outras cousas, apuraron a dicir que fora cousa deles sen ter nada que ver.
Co tempo vense as incapacidades evidentes de xestionar a cousa pública como no caso que segue. Grazas á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Cabanas ten e tivo varias oportunidades de estar en varios circuítos culturais. A última ocasión presentouse nos 320 espectáculos de maxia e títeres que se van celebrar durante os vindeiros tres meses en 89 concellos de menos de 5000 habitantes... Pero o Concello de Cabanas non se apuntou porque "está en ello". Agardamos que siga o tempo xusto así.
Máis información:
Consellería de Cultura e Deporte ou Culturavai.info
Documentos
Actuacións de Titirimaxia por concellos e datas
Grupos e artistas no ciclo Titirimaxia

20 de abr. de 2008

Eficiencia enerxética


A Axencia Enerxética Provincial vai avaliar a través dun estudo a eficiencia enerxética do Concello de Cabanas, nun programa que inclúe os municipios de menos de 5.000 habitantes da provincia. A diagnose custará 62.500 euros, 50.000 deles achegados pola Deputación.

Este estudo facilitaralles aos concellos unha análise das alternativas que se poden aplicar para programar melloras relacionadas coa eficiencia enerxética.

Ligazón: FAEPAC

17 de abr. de 2008

As Normas do Hábitat Galego en vigor, malia á oposición de PP e a directiva socialista da FEGAMP


Corenta metros cadrados de superficie mínima

Os proxectos socialistas de minipisos e o cutrerío construtivo pasarán á historia se se aplica a norma.

Entre os aspectos máis significativos, as Normas do Hábitat Galego inclúen o incremento de 26 a 40 metros cadrados útiles a superficie mínima das vivendas que se poden construír en Galiza ou a esixencia de que todas as vivendas sexan exteriores.

Ademais, inclúe incrementos nas superficies mínimas de todas as estancias e obriga de rematar os baixos para evitar o feísmo.


Marcas históricas no prezo dos carburantes, o petróleo e o euro

Unha nova data de marcas históricas. Por unha banda, o 17 de abril de 2008 déixanos un novo fito estatal no prezo do gasóleo nos 1,1498 euros, sumando un incremento do 8% dende principios de 2008 e do 21% no último ano. Por outra, o petróleo USA supera xa os 115,07 dólares/barril e o Brent europeo os 112,79 dólares/barril. O rally alcista do petróleo vén dado pola baixada das reservas semanais e pola desvalorización da divisa americana e a escalada ata un novo récord de 1,5966 dólares por euro.

Como no día de hoxe todo son crises, no Concello non podían ser menos e houbo mobilización de alcalde e concelleira de cultura para tirar a foto na entrega aos cativos e cativas das escolas deportivas municipais dunha camiseta promocionada por un coñecido construtor de Porto.

Os pantalóns e as medias de deporte, que non son menos necesarios, quedarán para a seguinte instantánea despois de repoñerse do susto económico.

13 de abr. de 2008

O alcalde oculta o proxecto de SEPES para Vilar do Colo

Parece incrible pero é certo, o alcalde que dicía que ía expoñer o proxecto da N-651 para "que despues nadie se lamente de las consecuencias" agora ocúltalles aos veciños de Laraxe o proxecto que saíu a licitación no BOE sobre as parcelas do río Baa. Será para que non lle boten en cara o atropelo que está comentendo? Porque en realidade non saíu para nada, non fixo ningunha declaración, escondeu a cabeza coma a avestruz e permitiu que SEPES e o alcalde de Fene traballasen como rompexeos.
Non é o único asunto que leva con sixilo, o Plan Xeral xa fixo público e notorio que non sairá ata que a Xunta lle conceda unha nova subvención, iso si, despois de perder a de 2007 por non facer nada. E hoxe tamén saca da manga un megaproxecto de 5 millóns para dotación de auga só para Cabanas e Pontedeume sen consultalo con ninguén.

Outro coello máis que saca da chisteira.


En realidade, se se analiza o fondo de todo isto, o alcalde segue coa política fácil de botar culpas sen facer nada.

11 de abr. de 2008

Zapatero non concreta os compromisos con Galiza e só conta cos votos do seu Grupo

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, solicitoulle un pronunciamento concreto ao candidato á Presidencia do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, sobre a transferencia da materia de tráfico e seguridade vial a Galiza, sobre o asteleiro de Navantia Fene, sobre compromisos concretos no voto dos residentes ausentes e no relativo á reforma da lei de interrupción do embarazo para estabelecer unha auténtica lei de prazos.
Ao Zapatero eludir concretar compromisos con Galiza, o Grupo do BNG no Congreso optou deste xeito por votar abstención.

10 de abr. de 2008

Cinemas Dixitais achégase a Cabanas

A iniciativa promovida pola Axencia Audiovisual Galega, órgano da Consellería de Cultura, no seu ciclo "Semana do Audiovisual" vai proxectar na sala de sesións do Pleno as seguintes producións audiovisuais galegas:


'Cinemas Dixitais' ten como obxectivo achegar as producións audiovisuais galegas ás vilas de Galiza. A oferta de proxección é máis ampla e inclúe un ciclo de Telefilmes, outro de Documentais e mais outro de Cine árabe (máis información aquí).

Ademais, a Axencia está a preparar dous novos ciclos de Cine de Animación e de Curtametraxes.

6 de abr. de 2008

O mercadeo obsceno de PP e PSOE co voto emigrante

"Ningún alcalde do BNG está implicado en escándalos co voto emigrante"


Carlos Aymerich, o portavoz nacionalista no Parlamento galego, sobre as irregularidades nas viaxes ao exterior, afirmou que ningún alcalde nin candidato do BNG está nos listados que se están botando á cara PP e PSOE e cualificou de “obscena” a situación que se está xerando sobre este asunto.
Neste sentido, reiterou que o “tráfico de votos e de votantes de xeito impune” é cousa de populares e socialistas, sen que até o de agora amosaran un interés real por mudar as cousas, e lembrou que a última reforma que se fixo da lei eleitoral foi co consenso de ambos partidos estatais e grazas a ela o prazo para coñecer eses resultados é de oito días, un prazo durante o que “os votos se fabrican”, dixo, subliñando que non eran palabras súas senón dunha portavoz do PSOE.

Investigación e depuración de responsabilidades
Hoxe, sobre a investigación da axente electoral do PSOE en Arxentina que está a levarse adiante no Parlamento, Carlos Aymerich aposta por “depurar responsabilidades neste caso e tamén en outros”. “É admisíbel nunha democracia avanzada a existencia de axentes que teñen como misión captar votos de xeito non democrático?”, concluíu, “para o BNG, non, e esperamos non quedar sós neste tema”.

O BNG primeira forza no seu Grupo do Congreso

O diálogo e os acordos con outras formacións políticas caracterizaron os primeiros pasos do BNG nesta nova andaina no Congreso.
O traballo político do BNG afanouse na mellora do dereito de expresión política na Cámara e en conseguir unha estruturación de Grupos políticos acorde á pluralidade resultante das votacións.
Mentres IU, IC e ERC van constituír grupo propio pola súa banda, o Grupo Mixto estará composto por seis deputados e catro formacións. Deste xeito, o BNG vai ser a primeira forza deste Grupo político.
A investidura
O BNG ten a porta aberta e as melloras para Galiza presentadas enriba da mesa pero o PSOE vai moi lento. O apoio a Zapatero dependerá de se o PSOE asume esas melloras básicas que necesita Galiza:
1. Incremento do autogoberno (competencias: Tráfico...).
2. Investimento para saldar a débeda histórica (mínimo do 8% anual).
3. Desenvolvemento das capacidades produtivas (construción naval,...).
4. Reforma da Lei Electoral no relativo ao voto emigrante.

O BNG trasladoulle ademais a súa disconformidade ao PSOE co dobre xogo dos pactos de Estado co PP que exclúan as demais forzas políticas e logo resolver a gobernabilidade cotiá con apoios desoutras formacións. Neses pactos de Estado os nacionalistas tamén deben estar presentes.

5 de abr. de 2008

Obxectivo 2008: 85 galescolas, 38 centros de atención á dependencia e 16 oficinas de I+B

Anxo Quintana, presidente do Consorcio de Servizos Sociais que agrupa 237 concellos (o 78% da poboación de Galiza), adiantou que a finais do presente ano 2008 "queremos ter en Galiza 38 centros de atención á dependencia, 85 centros de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos e 16 oficinas de igualdade e benestar".
Quintana explicou que xa hai resultados tras a posta en marcha do Consorcio, malia a que un ano de funcionamento é pouco tempo para a execución de proxectos. Ata o de agora, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten en marcha 49 equipamentos de servizos de igualdade e benestar en 42 municipios ao longo do país, "a finais de lexislatura agardamos que 113 concellos conten con equipamentos, a metade dos que están no Consorcio". Agora hai funcionando 15 centros de atención á dependencia, 23 galescolas e 11 oficinas de I+B, que crearon 411 postos de traballo.

Novo marco de cooperación
O presidente do Consorcio, Anxo Quintana, no transcurso da Asemblea, asegurou que este organismo está permitindo a posta en marcha do Sistema Galego de Benestar, un sistema equiparable ao sanitario ou ao educativo e para o que "por primeira vez se crea un sistema público neste país contando coa participación dos concellos". Explicou que co Consorcio acabouse a dinámica política anterior na que os concellos pedían e a Xunta daba ou non daba, tendo en conta criterios partidistas. "Hoxe en día o Consorcio é un espello da pluralidade do país, onde todos teñen cabida, e onde se marca un novo modelo de relación entre o Goberno galego e os concellos".

4 de abr. de 2008

O BNG achégalle á Consellería de Educación información sobre as rutas do Eladia Mariño

A ANPA "O Souto" trasladoulle ao parlamentario Fernando Blanco un informe detallado cos problemas que demandaron da administración autonómica e local e que foron ignorados durante este tempo.


O parlamentario Fernando Blanco puntualizou con datos unha resposta da Consellería de Educación relacionada cos cambios nas liñas de transporte escolar do colexio Eladia Mariño. O tempo de permanencia nas liñas dos pequenos incrementouse ata os 40 minutos, o traxecto e a entrada no centro segue a ser moi perigosa dende o punto de vista da seguridade vial. Uns colectores do lixo que impiden o paso dos pequenos e mais a afluencia de coches particulares das nais e pais agravaron o tradicional caos circulatorio de vehículos e cativos. O Concello e o alcalde fracasaron ao pensar que solucionaban os problemas do transporte co cambio de rutas e outras medidas pensadas á lixeira por persoas inexpertas en cuestións relacionadas co transporte escolar. Seica a policía local tiña que escoltar ás autoridades e mover papeis antes ca mirar pola seguridade dos nosos cativos tódolos días 20 minutos. Saíu reflectida a nova na Opinión e na Voz do 4 de abril.

Unha xuíza que usa o galego acosada polos representantes legais da COPE



Unha vez que a Cope perdeu un xuízo por despedimento improcedente denunciou á maxistrada Ana López-Suevos perante o Consello Xeral do Poder Xudicial alegando que o avogado da emisora non entendía o idioma galego.

A demanda da traballadora, despedida improcedentemente por motivos ideolóxicos (pertencía ao BNG) e pola súa orientación sexual (casara cunha muller), presentárase en idioma galego e así se tramitou. Os avogados da Cope responderon á demanda, e continuouse o procedemento en galego con normalidade. O día do xuízo, "cada testemuña expresouse na lingua que quixo, e a acta está redactada en galego e en castelán".


Despois de coñecida a sentenza desfavorable os avogados da COPE presentaron unha queixa acusando á maxistrada Ana López-Suevos, titular do xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela, de "sectarismo e partidismo" polos avogados da Cadea COPE por ter permitido a utilización do galego. A Cope aduce que o seu avogado manifestáralle á xuíz que só coñecía o castelán e que, aínda así, a maxistrada permitiu o uso do galego.


O Consello Xeral do Poder Xudicial iniciou dilixencias previas contra a xuíza que xa fixo chegar ao CXPX unha certificación do desenvolvemento do xuízo.


Máis información en Vieiros.

3 de abr. de 2008

Os veciños sorprendidos pola licitación da urbanización das parcelas Q de Vilar do Colo

Os veciños manifestaron o seu rexeitamento á falta de diálogo e consenso do goberno PP-AEC en relación ao proxecto de acondicionamento do cauce do río Baa e o rueiro comercial e industrial Q do polígono industrial de Vilar do Colo, entre Fene e Cabanas (A Coruña), na primeira fase do polígono de Vilar do Colo aínda sen rematar.

A saída a licitación pública das obras colleu por sorpresa e causou estupor entre a veciñanza, posto que ninguén agardaba esta medida. De feito, a Plataforma de Defensa dos Camiños advirte que o proxecto non se modificou nin se consensuou e acusaron ao alcalde de Cabanas de enganalos segundo o xornal La Opinión de A Coruña ademais de reprocharlle que non deu resposta ás súas demandas.
ACTUALIZACIÓN****************VENRES 4 de abril de 2008
O venres 4 de abril, saíu un comunicado de SEPES reforzando a idea de resolución dos obstáculos na Voz, no Diario de Ferrol e na Opinión. Este xornal recolle ademais a voz dos veciños evidenciando a súa desinformación e acusando ao alcalde de Cabanas de enganalos.

O apagón afectou a Cabanas


Ás dez e pouco da noite de onte, un incidente na rede eléctrica provocou unha forte baixada de tensión e a correspondente contrasubida. Os danos a aparellos eléctricos deben ser numerosos.

Esta avaría tivo a súa orixe na central das Pontes, na subestación do Tesouro, e afectou a puntos de Ferrolterra, Ortegal, comarca de Santiago e interior da provincia de Lugo.
Un parque eólico que pediu enerxía provocou unha alteración no funcionamento da central das Pontes que acabou afectando ao subministrio. A Consellería de Industria abriu un expediente e solicitou informes ás empresas implicadas no subministro, Endesa e Fenosa, sobre as causas do apagón.

2 de abr. de 2008

Os incendios do areal baixo sospeita

Os incendios que se veñen producindo nos últimos meses nos chiringuitos do areal da Madalena, están baixo sospeita.
Á espera do que poida concluír a investigación da Garda Civil, hoxe un dos propietarios, Juan Ramón Vázquez, asegurou que no Lar de Antón soou a alarma do chiringuito antes de presentarse o lume.
Cousas curiosas e frívolas oiredes. No Concello houbo unha petición dalgún independente de dereita reclamando a inmediata ocupación do sitio do Lar de Antón e que os cartos destinados a unha praza de policía local se empreguen para crear unha praza de condutor (cando xa hai varios no Concello).