30 de maio de 2008

Ánxela Bugallo presenta a selección galega de baloncesto en cadeira de rodas

Onte xoves 29 de maio, A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, presentaron a nova irmandiña de baloncesto en cadeira de rodas.

O vindeiro 7 de xuño xogará por primeira vez nunha competición oficial a selección galega de baloncesto en cadeira de rodas contra Euskadi.
Segundo Ánxela, "Galiza é unha das grandes favoritas" e destacou o traballo intenso que se está a facer para conseguir ter cada vez máis xogadores e xogadoras, equipos na elite e, agora, selección que "moi pronto" poida xogar "un partido internacional".

O presidente da Federación Galega de Minusválidos Físicos (FGDMF), José Luís Álvarez, e o seleccionador Antonio Riveiro, e varios xogadores amosáronse moi satisfeitos por poder xogar o seu primeiro partido oficial.

Por outra banda, o "Vai de Camiño" desenvolto pola Consellería de Innovación e Industria a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ten prevista unha actuación para o 7 de setembro en Cabanas de Clown e mais a actuación dun grupo de baile tradicional. Fernando Blanco Álvarez, o conselleiro nacionalista de Industria, explicou que o espírito do circuíto baséase na promoción dos grupos e artistas galegos para que en todas as localidades do Camiño se realicen actividades e contidos artísticos que sexan atractivos para os veciños e veciñas e para os visitantes que se achegan ao país na época estival.

Aquí máis información.

28 de maio de 2008

A instancias do BNG, Educación pedirá a limitación de velocidade no Peón e a retirada de contedores no colexio

Ademais, a Consellería responsabiliza ao Concello das modificacións das rutas posto que cambiou o sentido do tránsito da pista do Barreiro sen consultarlle nada.

O BNG local pediu en reiteradas ocasións un informe sobre a seguridade vial do cruce de autobuses no Peón, e este requirimento foi totalmente igornado por un alcalde enredado con subas de impostos para pagar os gastos da futura grúa, os soldos dun equipo de goberno a velas vir, a empresa de rallys e os churrascos e demais inauguracións atropeladas.

Ademais a Anpa "O Souto" tamén comunicara as deficiencias da baixada dos nenos no propio colexio que por uns contedores mal postos tiñan que ir pola propia estrada ademais do incremento inxustificado nos tempos da ruta, que aínda así conseguiron reducir grazas a unha proposta en bucle.
Coma sempre a coalición de comenencia e os seus acólitos a velas vir, demostrando unha incapacidade crónica para afrontar e resolver o que demanda a veciñanza.
Apareceu en La Voz, La Opinión e Diario de Ferrol

25 de maio de 2008

A coalición local de goberno rexeitou o tren de alta velocidade

En Cabanas, malia a que nun Pleno da Corporación anterior ao do 8 de maio houbo un acordo a prol de promover o tren de proximidade e propoñer un apeadoiro para Porto na zona das Modias a través dunha moción presentada polo BNG, a coalición gobernante, incluído IVC, decidiu desdicirse e votar en contra do estudo informativo sobre o eixo atlántico de alta velocidade tramo Betanzos-Ferrol. Non deron explicacións, utilizaron argumentos alarmistas sobre afección a vivendas e trataron de poñer o carro antes dos bois como é natural.
O BNG abstívose, ao prohibir o alcalde a votación da proposta nacionalista que recomendaba realizar a obra sobre a traza actual, sen afectar a vivendas, e mais atender a singularidade do contorno paisaxístico e ambiental de Chamoso-Río Castro. A proposta de apeadoiro xa tería que estar xestionada desde o Concello desde que foi aprobada.
Cada día son máis evidentes os motivos. A coalición gobernante vota a favor de paseos que cortan viais de accesos a parroquias, coma a de Irís, ou de beirarrúas que quitan accesos a vivendas e logo en contra dunha mellora do ferrocarril.
Así a todo, o PP tiña unha proposta que era enterrar a vía pero diso no Pleno non deu nin chío. Só se referiu ao AVE como a solución aos problemas de infraestruturas sen grande reflexión sobre o asunto.
Moito nos tememos que a opción de PP-AEC-IVC é partidista e polo tanto nada beneficiosa para Cabanas, para Galiza e para a cidadanía, ou cando menos así opina Xosé Manuel Beiras neste atinado artigo sobre o tema (pica sobre o subliñado).

23 de maio de 2008

Rexeitan a ordenanza de uso do galego á vez que incumpren a Lei de normalización

Un dos deberes das administracións locais é promover o uso da lingua galega, como idioma oficial propio que é dos concellos e así está establecido na Lei da Administración local de Galiza. O resultado da última votación do Pleno contra a ordenanza do galego foi evidente e dirixido pola mesma ma (PP-AEC-IVC).
Non fai falta poñerse aquí a relacionar os deberes dunha administración local en canto ao galego pero cando o BNG presenta unha ordenanza para a normalización é porque no Concello de Cabanas non se cumpren bantantes dos requirimentos legais. Claro que isto pasa totalmente desapercibido para os que brúan contra a ordenanza.
O noso propósito hoxe é ilustrar os máis evidentes, non todos, porque todo ten o seu momento.
Deste xeito, para anunciar unha viaxe a Roma, o Concello de Cabanas difundiu no presente ano 2008 un tríptico exclusivamente en castelán con topónimos ilegais como "La Coruña". E non será por ir ao estranxeiro, posto que o italiano enténdese mellor desde o galego.

Nas ansias sinalizadoras da actual coalición de goberno local, que merecerán unha postaxe específica pola súa singularidade nun concello de 3.300 habitantes, tampouco se emprega a lingua galega. É internacional a sinalización pero non os cartaces con texto que nos adiantan todo tipo de detalles que en moitos casos se imos en coche dificilmente poderemos chegar a ler pola súa extensión -contravindo a propia lei de tránsito- (non serán nalgún caso para xustificar?). As fotos dino todo. O galego non é lingua propia da administración sinalizadora porque así o dita o PP.
Ademais, seremos quen de apreciar na propia casa consistorial unha serie de fotos ben cobradas e peor ilustradas en perfecto castelán.
Nin o patrón de Irís, Santo Estevo, se libra da xa tradicional falta de ortografía. En fin...
Xa se sabe que toalla hai moita.
Ademais, e xa no ámbito de partido, Galiza Nova de Cabanas atopou na web do PPdeG "Cabañas".

22 de maio de 2008

O alcalde fracasa na urbanización das parcelas Q ao obviar informes preceptivos

Patrimonio debe informar a urbanización das parcelas Q (La Opinión)
A Dirección Xeral de Patrimonio envioulle un escrito á Sepes en que lle advirte que ten que solicitar o informe correspondente. O departamento autonómico tamén reclama unha copia do proxecto para analizalo e autorizalo, se é o caso, e subliña que Vivienda non poderá comezar as obras mentres non reciba o seu permiso.
O BNG xa demandara nas mocións aprobadas por unanimidade na pasada lexislatura que a veciñanza afectada e a Xunta se pronunciasen sobre o proxecto de Sepes, pero a xestión destes acordos foi nula nos gobernos de Pepe Rey e de Germán Castrillón.
De feito, o goberno de Cabanas rexeitou o luns una moción do BNG en que se demanda á Sepes para que remita "á maior brevidade" o proxecto de urbanización das parcelas Q do polígono industrial de Vilar do Colo e que abra un período de exposición pública e presentación de alegacións.

21 de maio de 2008

O PP aplica o rodillo

La Opinión de A Coruña


Nin pasou a moción do PXOM nin a da apertura da aula de informática da Escola Laica, nin moito menos a relacionada coa urbanización das parcelas Q en Vilar do Colo. Unha atrás doutra as propostas do BNG foron tumbadas polos votos dos grupos do goberno local e puntualmente de IVC que parecía máis un escudeiro do goberno ca un membro da oposición.

Diálogo cero


As propostas de diálogo do BNG sobre temas importantes como o PXOM ou a urbanización das parcelas Q foron totalmente ignoradas pola coalición de goberno. A prepotencia do goberno de comencia e do alcalde saíu a relucir non deixando que o grupo municipal do BNG expusese as súas propias iniciativas.
Por ler unha moción o alcalde amoestou cunha chamada á orde ao portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, e ademais pasou por riba da solicitude de palabra realizada pola Plataforma de Defensa dos Camiños. Pura e dura democracia orgánica, como nos peores tempos do réxime.

Urbanismo salvaxe de PP-AEC fronte a urbanismo sostible do BNG
O goberno PP-AEC aposta polo urbanismo salvaxe, sen diálogo e ignorando as reclamacións do BNG e veciñais a prol dun urbanismo sostible.

O concelleiro do BNG, Xosé Manuel Golpe Acuña, apostou porque o problema de Vilar do Colo se solucione pola vía do diálogo e o respecto ás demandas que presentou a veciñanza afectada. Reclamou, así mesmo, a paralización da licitación e a revisión do proxecto de SEPES.

17 de maio de 2008

Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2008

Diante do monumento a Rosalía de Castro, promovido hai xa bastantes anos pola asociación de veciños de Cabanas, "El pinar de la Magdalena", o BNG de Cabanas fixo un acto de conmemoración do día das letras galegas.
Xosé Carbón gabou a figura de Rosalía de Castro e apostou pola recuperación da lingua galega.
Teresa García leu un poema de Xosé María Álvarez Blázquez e explicou a súa obra e vida.
Xosé Manuel Pérez Sardiña defendeu que o idioma galego se recupere do asoballamento secular, reivindicou a lingua como vehículo do progreso social e económico e como dereito da nación galega. Animou, así mesmo, a participar na manifestación de mañá domingo 18 de maio en Compostela.
Por outra banda, o portavoz municipal lembrou a relevancia deste ano para o galego en Cabanas posto que Manuel Lugrís Freire, hai cen anos -o 29 de marzo de 1908-, lanzou un discurso político na lingua do país desde a galería de Juan Ares. Trátase dun dos primeiros discursos públicos documentados no noso idioma e realizados por este persoeiro agrarista, republicano e, ao fin, galeguista.
Xosé María Álvarez Blázquez: vídeos

15 de maio de 2008

Outra inocentada á custa dos impostos de tod@s

Cando nos chegou isto ás mas non sabiamos por onde saír, porque é difícil aguantar a carcallada. Despois de reflexionar friamente o asunto ten máis profundidade do que parece.
Certamente, se o lemos como está temos un novo transporte gratuíto (non gratuito con falta de ortografía) que para dar a volta ao Concello sae o mércores ás 8.00 de Xabariz (e non "Xavariz" con falta de ortografía) e chega despois dunha volta de regreso o xoves ás 10.30 h ao Centro de Saúde.


Esta xoia tivo unha corrección e reimpresión que aclarou o erro, non as faltas de ortografía. O dispendio dos impostos de tod@s queda outra vez máis en evidencia, xa que o goberno local gastou dúas veces e tirou innecesariamente a tinta e mais o papel para informar de algo tan sinxelo. Aquí temos a proba de que o de tod@s non doe como se fora o dun.


Ademais, o lema de "a fraga feita mar" parece xa un convidado de pedra, posto que canto máis papel se despilfarra menos árbores quedan na fraga.

14 de maio de 2008

Polo dereito a vivirmos en galego!



Dúas iniciativas excelentes:
Domingo 18 ás 12 h manifestación en Santiago de Compostela. Info dos buses aquí.
Blogues pola lingua

O sábado 17 mentres hai nova viaxe municipal, esta vez polos canos, o BNG vai celebrar un acto ás 12 h.

Por outra banda vai haber novas sobre a contribución, porque a xestión sen os cartos de tod@s non se é quen de facela. Querían engaiolar ao BNG no rollo, pero chegaron tarde despois dun ano de monólogo ditatorial.

12 de maio de 2008

Apobada por unanimidade a proposta nacionalista sobre a banda larga

No Pleno pasado aprobouse por unanimidade a moción nacionalista sobre a banda larga.
O Plan de Extensión de Banda Larga (Plan PEBA) persegue que, as zonas rurais e illadas, teñan a mesma cobertura, en canto á dispoñibilidade de banda larga, que no resto do Estado; ademais de potenciar o desenvolvemento económico do mundo rural e a incorporación destes pobos á Sociedade da Información.
Este plan obriga a garantir unha prestación homoxénea en todo o Estado, con velocidades de subida e baixada, velocidade garantida e dispoñibilidade, semellantes; e, tamén, a prezos análogos.
Este programa estatal abarca dende o 2005 ao 2008, e afecta a 49.106 núcleos de poboación do Estado, dos cales 27.090 son galegos, é dicir máis do 55%.
Non obstante, o PSOE a través do presidente galego adiou unha vez máis os obxectivos deste plan en detrimento dos veciños e veciñas. Hai un ano o PSOE afirmaba que 'todos os núcleos de poboación de Galicia terán banda larga en 2008' (www.xornal.com/article.php3?sid=20071129103526). Iso excluía a 400.000 galegos 'diseminados'. Hai uns días, Touriño (O AVE tecnolóxico: O PSOE adía a banda larga outra vez) afirmou que 'todos os núcleos de poboación de máis de 50 habitantes terán conexión de banda larga antes do remate de 2009. Iso supón a exclusión de 800.000 galegos, o dobre que hai un ano. Seguimos deste xeito coa fenda dixital e coa única realidade dos WiMax impulsados, sen competencias directas na materia, pola Consellería de Industria dirixida polo BNG.
Á escasa calidade do servizo ofertado polo PEBA engádese o seu prezo de 39 € mensuais, moito lonxe do servizo que se está dando nos núcleos urbanos, onde é posíbel contratar largos de banda moito máis altos: 1 Mb, 3 Mb, 10 Mb, etc, e a uns prezos máis reducidos.
A Galiza rural segue padecendo este deficitario servizo que afecta negativamente á capacidade produtiva de moitos pobos galegos.
Neste senso, cumpre que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, organismo que ten as plenas competencias na materia, mude substancialmente os criterios e os requisitos técnicos e de prezos que permitan unha situación igualitaria entre o entorno rural e o urbano, tan desequilibrado actualmente.
Por outra banda, a moción do PP contra as Normas do Hábitat da Conselleria de Vivenda e Solo, tiña un erro de vulto posto que lle envía o acordo plenario a tódolos sitios menos a esa Consellería (FEGAMP, presidente da Xunta, Consellería de Política Territorial, etc). Unha verdadeira falta de respecto institucional... Xa algúns alcaldes se desmarcan dun PP botado ao monte e hoxe (13 de maio) xa son maioría os desmarcados...

11 de maio de 2008

O BNG critica o dispendio que vai supoñer a grúa municipal

La Opinión de A Coruña (16/05/2008)
A coalición PP-AEC aprobou o pasado xoves unha suba das pasaxes por beirarrúas de máis dun 40% e mais a creación dunha ordenanza para cubrir os gastos derivados dun servizo municipal de grúa, coa abstención de IVC e o único voto en contra dos tres concelleiros do Grupo Municipal do BNG.
A viceportavoz nacionalista, Teresa García, advertiu do malgasto que vai supoñer a contratación dun servizo de grúa municipal só para o Concello de Cabanas e criticou que o servizo fose aprobado por PP e AEC cun estudo económico deficitario desde o comezo, pese a estar claramente inflado (como acontece coa recadación das multas). É o "absurdo dos máis absurdos" habendo outras necesidades máis básicas posto que non aclara onde é casco urbano, nin hai depósito axeitado, nin hai unha demanda tan elevada, nin aposta por un servizo mancomunado con outros concellos para compartir gastos e así aforrar custos.
O alcalde non foi quen de xustificar e explicar a súa proposta e agachouse en preguntas evasivas e boreos gratuítos.
O déficit real do servizo de grúa non era coñecido nin polo delegado de Facenda, Sr. Chillón, que asinou o informe económico negativo e, segundo o alcalde, unha empesa privada xestionará o servizo de grúa. Este feito foi reprochado como "moi grave" polo portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, porque evidencia a improvisación e falta de coidado coa xestión dos impostos de todos que agora tamén van ir para pagar o déficit do servizo de grúa. O voceiro municipal declarou con posterioridade ao Pleno que este é "un capricho máis que PP e AEC cargan no peto dos veciños".

8 de maio de 2008

O alcalde elude e adía o debate das propostas do BNG ilegalmente

O alcalde de Cabanas acaba de dar un paso máis na súa deriva autoritarista xa que convocou un Pleno extraordinario fóra dos prazos legais. A convocatoria realizouna para o dia 19 de maio, fóra xa dos quince días que establece a lei. A acción ilegal do alcalde enténdese no marco de eludir a votación das propostas do BNG e de aplicar o "rodillo" plenario.
Nese pleno solicitado polo BNG, van incluídos os asuntos xa apuntados nunha postaxe anterior.

7 de maio de 2008

Pleno extraordinario do 8 de maio de 2008

Mañá xoves día 8 de maio terá lugar un Pleno extraordinaro na Casa do Concello ás 19.30 h que vai tratar entre outros a moción do BNG sobre banda larga en Cabanas e na que se popón entre outras cousas que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio cumpra coa obriga legal do Ministerio de Industria de achegar a extensión da banda larga a toda a poboación galega antes do 31 de decembro de 2008, que a calidade do servizo do PEBA sexa igual para as zonas rurais que o servizo ofertado no ámbito urbano, isto é, con largos de banda de 1, 3 ou 10 Mb e, en ningún caso, inferior a 1 Mb, que o prezo ofertado dentro do PEBA sexa igual ao ofertado nas zonas urbanas e mais que se estabeleza só atendendo ás prestacións recibidas.


Outros asuntos

O Concello solicítalle á Vicepresidencia da Xunta as subvencións para manter os servizos sociais locais e a coalición PP-AEC propón unha nova suba das taxas dos vaos e da grúa (retirada de vehículos) e mais a desafección da Escola das Viñas. Ademais, o Goberno do Estado achegou o Estudo informativo do eixo atlántico de alta velocidade Betanzos-Ferrol e a Deputación da Coruña presenta a mellora da estrada provincial Porto-Laraxe (proxecto da Deputación provicial). Inclúense por último a elección xuíz de paz e unha moción do PP sobre as novas normas do hábitat.
Agora ao PP preocúpalle o suposto incremento do prezo da vivenda, cando a vivenda leva anos subindo sen control baixo os seus gobernos na Xunta e en Madrí sen mellorar a calidade das construcións.

6 de maio de 2008

Unha construtora de Cabanas dá a volta ao mundo

A CIG denunciou hoxe a situación dos traballadores dunha coñecida empresa de construción asentada na banda cabanesa do polígono industrial de Vilar do Colo. O sindicato nacionalista de Ferrolterra expuxo un caso de suposta explotación laboral a inmigrantes nesta empresa construtora cabanesa, que segundo esas fontes obrigaría aos traballadores a asinar a súa renuncia laboral voluntaria acanda o contrato, para facela efectiva no momento en que sofren algún accidente laboral. Ademais o responsable comarcal da CIG, López Pintos, sinalou que a empresa benefíciase de bonificacións do Goberno Central dirixidas ás firmas que contratan traballadores no estranxeiro, sobre todo en países como Perú, Colombia, Ecuador, Romanía, Marrocos e Alxeria. A empresa conta cuns 400 traballadores, na súa maioría, inmigrantes procedentes deses países e as cifras de baixas voluntarias desta empresa no Inem "son escandalosas" segundo a CIG.
Ligazóns:
1. A CIG denuncia "escravismo" nunha construtora de Fene
2. A construtora Eshor escraviza traballadores inmigrantes
3. La CIG denuncia irregularidades con inmigrantes en Eshor y la empresa las niega
4. Una empresa camufla como voluntarias bajas de inmigrantes
5. CIG denuncia que Eshor explota a inmigrantes e os obriga a renunciar ao seu contratos cando sofren un accidente
E ata en Perú:
6. pe.invertia.com/noticias/noticia.aspx?idNoticia=200805051603_EFE_FF1096

Esa empresa, segundo nos apuntan fontes municipais, foi tamén patrocinadora do Rally de Terra de Cabanas achegando 15.000 euros.

1 de maio de 2008

Primeiro de maio

Picando na imaxe poderás ler as declaracións de Anxo Quintana, o portavoz nacional do BNG, neste primeiro de maio.
Se ademais desexas ler unha breve descrición histórica do que representa o 1º de maio para o sindicalismo nacionalista galego pica aquí (I).