30 de xan. de 2009

O pleno de Cabanas reclámalle ás electricas responsabilidades e mais impulsa unha oficina de asesoramento

A proposta do BNG, o Pleno da Corporación aprobou unha iniciativa de urxencia encamiñada en primeiro lugar a apoiar as demandas das persoas afectadas pola carencia de luz despois do temporal dende o venres 23 ata o mércores 27 e en segundo lugar a impulsar a creación dunha oficina municipal de asesoramento técnico e xurídico á veciñanza para a recuperación dos danos e perdas sufridos. Tamén o pleno da corporación lle demandou á Xunta de Galiza que abra as liñas de axuda necesarias, tal e como xa tiña previsto. Hoxe a Xunta publica no Diario Oficial de Galiza as primeiras liñas de axuda económica a persoas particulares, empresas e concellos.

PP e PSOE enleáronse por un momento nun debate sobre as medidas adoptadas. Pero o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, pediu "responsabilidade e unión para superar as dificultades e necesidades actuais". O momento de analizar a actuación da coalición de goberno municipal, segundo o portavoz nacionalista, virá dada por un Pleno monográfico cando toda esta adversidade pase.



29 de xan. de 2009

A XUNTA APROBA AS MEDIDAS URXENTES PARA A REPARACIÓN DOS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL

A Xunta establece axudas para cubrir danos persoais, en vivendas, en explotacións agrícolas, en establecementos comerciais e en infraestruturas municipais
􀂃 As subvencións desenvolveranse ao abeiro de ordes específicas de diferentes departamentos autonómicos, que serán publicadas nos próximos días no DOG
􀂃 O Centro de Información e Atención ao Cidadán 012 facilitará aos afectados polo temporal información sobre o contido deste decreto
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro. A súa concesión terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados. Non obstante, cando estes sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as indemnizacións previstas no texto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos ata o límite do valor do dano producido.
Estas axudas desenvolveranse ao abeiro de ordes específicas de diferentes departamentos autonómicos, que serán publicadas nos próximos días no Diario Oficial de Galicia. Entenderanse competentes para a concesión das subvencións:
􀂃 Para axudas por danos persoais, a Consellería de Economía e Facenda
􀂃 Para axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias, a Consellería de Vivenda e Solo.
􀂃 Para axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados, a Consellería do Medio Rural.
􀂃 Para axudas por danos e perdas nas explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, a Consellería de Medio Rural.
􀂃 Para axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial, a Consellería de Innovación e Industria.
􀂃 Para axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos, mercantís e deportivos situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, o ente público Portos de Galicia.
􀂃 Para axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes; a Consellería de Innovación e Industria; a Consellería de Cultura e Deporte; e a Consellería do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

Axudas por danos persoais e en vivendas
Segundo o decreto, as axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións provocadas polo temporal que causasen a hospitalización da persoa ferida. O seu importe será de 18.000 euros para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta; e de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización.
Así mesmo, serán obxecto de axuda os danos causados nas vivendas que sexan residencia permanente e habitual e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida nas axudas que aproben outras administracións públicas. Cubrirase ata o 100% do valor de reparación do inmoble danado, sen que o importe da axuda poida superar o límite do 100% do prezo de venda dunha vivenda de promoción autonómica de prezo xeral na mesma localidade.
No que se refire aos danos causados no resto das vivendas e nas súas instalacións complementarias, recibiran subvencións ata acadar o 40% do valor da súa reparación e sen que o importe da axuda supere o 40% do prezo de venda dunha vivenda de protección autonómica na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse polo menos a vivenda ocasional, polo que quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que se atopen en manifesto abandono.
O texto do decreto especifica que se entenden por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios; mentres que as instalacións complementarias son as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar, como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. que estean situadas no mesmo predio da vivenda. O importe máximo por danos en instalacións complementarias non poderá ser superior a 3.000 euros.
Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios dos bens referidos que sufragasen os gastos necesarios de reparación ou reposición.
Explotacións agrícolas e establecementos comerciais
Doutra banda, recibirán indemnizacións polos danos causados polo temporal as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, tanto nas instalacións e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.
Tamén serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís nas súas edificacións, instalacións,
maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades. Só quedarán excluídas da percepción destas axudas as empresas de xeración, distribución e transporte de enerxía eléctrica.
Instalacións portuarias e entidades locais
O decreto aprobado hoxe tamén fai referencia ás axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica a consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria e nas mercadorías depositadas neles, así como nos seus vehículos comerciais ou industriais.
Así mesmo, o texto establece que serán obxecto de axuda ou de actuación directa sobre os bens afectados -segundo os casos- os danos provocados en infraestruturas locais non previstos nas axudas que para o efecto puidesen aprobar outras administracións, así como os gastos extraordinarios en que incorresen como consecuencia directa do fenómeno meteorolóxico.
Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica. O Centro de Información e Atención ao Cidadán 012 facilitará aos afectados polo temporal información sobre o contido deste decreto.

22 de xan. de 2009

Satisfacción no BNG de Cabanas coa posta en marcha da wimax da Consellería de Innovación e Industria

Foto: Luís Barcia, Xosé Manuel Pérez, Helena Veiguela e técnico de R
Segundo o previsto, onte tivo lugar a inauguración e posta en marcha do servizo de wimax para o polígono industrial de Vilar do Colo e mais as zonas poboadas estremeiras, que representou un investimento de 240.386 euros. Houbo unha asistencia masiva á carpa da Consellería de Innovación e Industria para informarse e visionar a primeira videoconferencia a través de Internet sen fíos no polígono empresarial protagonizada pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.
O interese do empresariado quedou patente coa importante asistencia á presentación dun avance amplamente demandado e fundamental para garantir o avance do parque empresarial.
Outro avance positivo impulsado pola Consellería dirixida por Fernando Blanco vai ser a extensión da banda larga sen fíos á poboación en xeral de Laraxe e mais a parte de Magalofes e Barallobre. Case un milleiro de veciños que se atopan no radio de 1,5 km e que teñan visión directa coa torre de telecomunicacións van poder acceder a este servizo.
Proposta de difícil xustificación
Fóra de guión, o goberno local, a través do alcalde, prometeu fibra óptica no polígono. Isto sucede no primeiro acto público despois de rexeitar a proposta do BNG de acometer esa infraestrutura con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local. O custo da fibra óptica roldaría os 300.000 euros co que sería de difícil encaixe nos orzamentos municipais.

20 de xan. de 2009

Innovación e Industria pon en marcha Internet sen fíos en Vilar do Colo

Tal e como avanzou hoxe Fernando Blanco xa están rematados os primeiros 12 polígonos industriais, entre os que se inclúe o de Vilar do Colo. A Consellaría de Innovación e Industria está a instalar sistemas de telecomunicacións sen fíos en 32 polígonos do país, cun investimento de 4,3 millóns de euros.
Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz municipal do BNG de Cabanas, confirmounos que a posta en marcha da instalación do wimax para acceder a Internet no polígono industrial está prevista para mañá día 21, ás 13.30 horas. Así llo confirmou o delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, Luís Barcia.
No acto de mañá está prevista a presenza de Luís Barcia e da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.
O investimento realizado pola consellería de Innovación e Industria permitirá que as empresas situadas no polígono industrial de Vilar do Colo e mais as poboacións próximas poidan acceder ao servizo de Internet sen fíos con banda larga. No caso de Cabanas inclúense os núcleos do Pereiro, O Peón e A Torre que teñan visión directa co repetidor no radio máximo de 1,5 km.
Ademais do acceso a Internet de banda larga, velocidade e prezos competitivos tamén estará dispoñible a transmisión de voz sobre IP. Ofértanse servizos de entre 2 e 12 Megas, 10 contas de correo de capacidade de 1 GB con antispam e antivirus, acceso a mensaxería para a xestión de correos, mensaxes de voz e fax, envío de mensaxes xigantes e vídeo supervisión (cámaras vixía para ver e gravar o interior e o contorno da empresa).
Xosé Manuel Pérez amosou a súa satisfacción «pola iniciativa e o investimento realizado pola consellería de Innovación e Industria para mellorar a actividade e a seguridade das empresas» e adiantou que o BNG local abriu xestións para ampliar o servizo de wimax ao baixo Eume.

17 de xan. de 2009

O BNG entende que o PP fai a política de todo vale contra a Dependencia

Ao empregar o argumento de persoas falecidas (ver nota de prensa do Concello), a hipocrisía e a falta de escrúpulos do PP evidencia o nerviosismo xeral das súas filas ante a derrota inminente que vai sufrir nas vindeiras eleccións galegas. Un partido político, coma o PP, que tivo recentemente responsabilidades de goberno en Madrid e mais en Galicia durante bastantes lexislaturas debería poñerse colorado co elevado número de persoas dependentes falecidas sen recibir ningún tipo de prestación baixo aqueles gobernos "amigos" que nunca se preocuparon pola dotación de dereitos como está a acontecer agora coa Lei galega de Servizos Sociais e mais a tramitación das valoracións por parte da Vicepresidencia en tempo récord. Deste xeito, faise evidente que mentres o PP gobernou absolutistamente non se preocupou por necesidades sociais básicas e agora fai que se preocupa porque hai eleccións.
Utilizar a situación de necesidade para criticar e evadir as súas responsabilidades de goberno no Concello representa unha escapada cara adiante para facer campaña electoralista contra a Xunta e non asumir o traballo propio do goberno local. Mesmo traizoa aos populares o subconsciente cando non computan un número importante de persoas dependentes xa atendidas na residencia de Laraxe, moitas delas de Cabanas. Sería conveniente que o PP informe ademais sobre a xestión das prestacións subvencionadas pola Vicepresidencia para a dependencia relacionadas coa axuda no fogar, teleasistencia ou xantar sobre rodas.
En relación estrita á tramitación municipal, o BNG puido comprobar que houbo atrasos de expedientes de persoas dependentes causados fundamentalmente pola xestión do propio Concello de Cabanas. O BNG, a través do seu portavoz Xosé Manuel Pérez Sardiña, advertiu xa en dous Plenos da tramitación defectuosa e mesmo da perda de expedientes de persoas dependentes na área de Servizos Sociais da concelleira popular Concepción Bouza. Así mesmo, Xosé Manuel Pérez exixiulle ao alcalde popular, Germán Castrillón, que investigue e que asuma as súas responsabilidades de controlar o traballo da delegada popular. Pese ás evidencias, Germán Castrillón non fixo nada por aclarar a situación nin por atender as demandas de dimisión feitas no Pleno da Corporación.
Para rematar esta breve análise da xestión popular, a coalición PP-AEC rexeitaron aplicar a Lei de Dependencia en Cabanas cando o BNG instou a modificación da normativa que regula o prezo público pola prestación do servizo de axuda a domicilio (máis información aquí), indo inxustificadamente, unha vez máis, contra a economía das persoas máis necesitadas en tempos de crise.
A parálise da coalición de goberno PP-AEC nos servizos sociais convértese en crónica porque non cre na atención á Dependencia senón na contracampaña electoralista desde as institucións.

13 de xan. de 2009

Últimas chambonadas da coalición PP-AEC

Cada nova semana depara sorpresas no Concello de Cabanas. Hoxe imos ver como andan algunhas chambonadas municipais grazas ás fotos achegadas pola veciñanza.
O primeiro asunto vai sobre tapas de faloras e a instalación da iluminación de Nadal deste ano (tres primeiras fotos). Sempre nos avisaron de que é malo meter os dedos nos enchufes... pero o Concello peca de abandono e tenta a sorte. Así, da banda do Areal deixáronnos no correo estas instantáneas que evidencian o bon facer da empresa que colocou descompensadamente alumeado de Nadal este ano (en Regoela, Soaserra, Santa Cruz, Irís, Laraxe e Porto quedou bastante escaso). A actuación é de coidada precisión e no mellor dos casos con cinta illante (detalle da foto da esquerda). Como é natural, o concello pagaralle unha suma contiosa á firma, pero sería conveniente que en período de garantía se repoñan as tapas rotas e se eviten potenciais accidentes en que se poidan ver envoltos os cativos que pasan pola zona.
Da banda de Soaserra achégannos esta mostra de desleixo absoluto (foto da esquerda), cunha papeleira chea de lixo sen recoller desde os tempos de José Rey, que ademais sufriu un percance, ao parecer cun animal de catro patas. É importante que a limpeza se faga en todo o concello, non só nas solitarias herbas do paseo marítimo.

En Porto, un arranxo de apuro onde José Rey e Germán Castrillón gastaron bastantes esforzos está na entrada do vial de Chamoso (foto da dereita). Agasalláronnos cunha chambonada ao cadrado (xa denunciada no blog): aglomerar, labrar o aglomerado, parchear con cemento e agora esgaza o cemento... Ata cando!

10 de xan. de 2009

9 de xan. de 2009

O Concello de Cabanas non presentou aínda as propostas para o Fondo Estatal de Investimento Local

O pasado día 7 de xaneiro o Ministerio de Administracións Públicas difundiu a listaxe de proxectos autorizados aos Concellos no FEIL. O Concello de Cabanas, como era de agardar, non ten ningún proxecto autorizado e a este paso parece que irá cos últimos de Filipinas. A listaxe do Ministerio evidencia unha vez máis que as présas da coalición de goberno PP-AEC resultaron ser outra escusa presentada co fin de esmagar o debate e as propostas do BNG e do Grupo Mixto (PSOE e IVC) que solicitaran con antelación suficiente un Pleno extraordinario para aprobar unhas propostas consensuadas.
PP e AEC convocaron ás asociacións e aos Portavoces para falar de todo menos das propostas para o FEIL, de feito só nomearon unha proposta totalmente improvisada que carecía de xestións firmes tal e como se evidencia agora. Abondando na improvisación da coalición, puidemos saber que na documentación do Pleno había unha contía económica dunha memoria corrixida a lapis e non coincidían as sumas da Xunta de Goberno Local.
Na súa liña habitual, a coalición de goberno PP-AEC vai destinar preto de 123.053,97 € a ampliar a iluminación pública no monte de Cabanas e mais en zonas non habitadas de Soaserra e mais Santa Cruz do Salto.


Ver mapa máis grande
Algunhas propostas do BNG
Considerando estas propostas fóra de lugar, o BNG solicitou a consolidación de servizos básicos como o aglomerado dos accesos a Santa Cruz, á vista da tardanza da COTOP en responder as demandas veciñais e corporativas.
Así mesmo, o BNG urxiu repoñer o alumeado público nun sector do polígono industrial de Vilar do Colo, actualmente totalmente a escuras, e mais acometer a obra civil das canalizacións para comunicacións no parque empresarial, iniciativas estas consideradas como "moi básicas para fomentar a instalación de empresas e a creación de emprego" segundo o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña. Reclamou tamén o grupo municipal nacionalista a implantación da xestión informatizada dos alumeados e de reguladores de fluxo co fin de incrementar a eficiencia enerxética e responder axilmente ao 100% das avarías.
Estas propostas foron ignoradas polo "rodillo" de PP e AEC.