31 de mar. de 2010

O BNG denuncia o estrago de novos piñeiros na Madalena co último temporal

A corta indiscriminada favorece a rachadura dos piñeiros protexidos da Madalena
Os piñeiros rotos véñense a unir aos que xa se perderon co ciclón KlausCabanas, 31 de marzo.- O BNG reclamaba o 6 de marzo pasado que se fixese progresivamente a repoboación do piñeiral da Madalena co fin de que non se debilitase a resistencia da masa arbórea fronte aos temporais habituais que azoutan a costa galega. Concretamente, pedía "unha reflexión sobre o que Costas do Estado, co visto e prace da coalición PP-AEC, está a facer e cordura ante a forte mingua que se lle infrinxe a un piñeiral maduro e que no caso de quedar con menos exemplares pode ser pasto fácil duns temporais que poden danar seriamente a conservación do conxunto". Pero o Concello de Cabanas e Costas do Estado ignoraron daquela as advertencias lanzadas polo BNG para que se frease a corta que causaba grandes claros e proseguiron coa agresiva actuación que creou calvas estensas. 
Segundo augurou o BNG, neste primeiro vento forte despois da corta xa se empezan a albiscar as primeiras consecuencias do debilitamento ideado e promovido polo goberno local. Deste xeito, precisamente nas zonas onde máis árbores se cortaron racharon dous piñeiros pola copa, un deles próximo aos 100 anos de idade. Dáse a coincidencia de que a rachadura desta árbore produciuse nunha zona onde a empresa contratada por Costas do Estado cortou piñeiros sans do país e mesmo eliminou os exemplares noviños que nacían ventureiros. Hoxe o BNG leva a Pleno unha batería de preguntas relacionadas con este asunto.
O voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, constatou que non só se cortou piñeiro californiano como explicaron os técnicos nos medios de comunicación. Ao seu entender "estase a cumprir o que dita o sentido común", considera "lamentable que os inspiradores e promotores da desfeita, o goberno local, non reaccione ante as evidencias" e opina que "os deberían nomear responsables do Manzanares en Madrid" posto que "alí causarían menos dano".

29 de mar. de 2010

Pleno ordinario de marzo de 2010

O vindeiro mércores ás 19.30 h terá lugar o Pleno Ordinario bimensual na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación se procede de acta de sesión anterior.


2. Proxecto dotación de abastecemento de auga e mellora para o Polígono de Vilar do Colo e futura ampliación industrial.Cabanas.

3. Proxecto de convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na àrea de transporte metropolitano de Ferrol.

4. Mocións sobre o Día Internacional das Mulleres.

5. Moción do grupo BNG sobre manifesto "Galicia ten dereito".

6. Moción do grupo mixto sobre as caixas de aforro de Galicia.

7.Moción do grupo popular de Adhesión ao manifesto "Galicia ten dereito".

8.Moción do grupo BNG sobre a proposta de reforma das pensións realizada polo Goberno do Estado.

9.Moción do grupo mixto sobre "Apoio à candidatura da fundación Vicente Ferrer para o premio Nobel da Paz.

10.Proposta do grupo popular de apoio a proposición de Lei no Congreso para que autónomos e PEMES non tributen polo ive das facturas non cobradas.

Parte de control órganos da Corporación.

11.-Informes da Presidencia.

a) Resolucións da Alcaldía.

b) Resultado liquidación orzamento 2009.

12.- Rogos e preguntas.

27 de mar. de 2010

Costas e o Concello arramplan con todas as proteccións ambientais do piñeiral da Madalena, constata Xosé Manuel Sardiña

Tal e como denunciou onte o BNG, a Dirección General de Costas e o Concello de Cabanas rebaixan de feito e agora de dereito o grao de protección que existe sobre o piñeiral da Madalena, en Cabanas. A corta agresiva e salvaxe e o cementado discreto, pero constante, descobren os intereses especulativos que asoman detrás dun "estudo de rexeneración" preparado para o asalto urbanizador ao emblema que engalana o escudo de Cabanas. Baixo a consideración do portavoz do BNG, Xosé Manuel Sardiña, trátase dun grave atropelo con consecuencias aínda por avaliar en toda a súa magnitude, "unha rapina contra os valores naturais do piñeiral da Madalena".
As evidencias
Nas Normas Subsidiarias Municipais de 1987 recóllese unha protección dobre para o espazo do piñeiral da Madalena que está a ser literalmente esmagada polas actuacións da Dirección General de Costas e o Concello. A masa arbórea está declarada por duplicado como solo non urbanizable que require por unha banda un Plan de especial protección e pola outra unha protección forestal total, en clara sintonía coa declaración de 1971 polo Consello de Ministros da comarca eumesa como "paraxe pintoresca". Así se pode comprobar no plano e na lenda da normativa urbanística dos anos oitenta e que aínda segue en vigor na actualidade malia á falta de cumprimento municipal e de Costas.
O BNG suxeriulle no Congreso á administración central unha protección ambiental sobre o espazo da Madalena xa no pasado mes de outubro. Pero Costas do Estado rexeitou calquera outra figura ambiental fóra da máxima protección do dominio público marítimo-terrestre. Esta postura do Ministerio de Fomento Medio Ambiente y Medio Rural y Marino fíxose posible grazas á pasividade do goberno local que non reclamou en ningún momento a protección especial establecida na lexislación urbanística local.

A coalición PP-AEC inspiradora e impulsora
A parálise do Concello, malia ás demandas de moitos veciños e veciñas e do BNG, vén explicada nun informe presentado a Costas do Estado en xullo de 2007, nada máis entrar Germán Castrillón e José Rey no goberno local. No documento, filtrado por fontes próximas á coalición e ao que se tivo acceso esta semana, o goberno local de PP-AEC enumera as distintas actuacións demandadas á Demarcación de Costas. Entre elas atópase sorprendentemente a proposta local de desmestar (rarear) as árbores de calquera caste no piñeiral. O goberno local, principal responsable de protexer o piñeiral e a praia, dálle a idea á Demarcación e impulsan en conxunto a desfeita, maquillada cunha poda e unha progresiva repoboación. Realmente, os dous organismos executaron unha corta indiscriminada e especulativa.
O voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, ilustra a situación coa seguinte imaxe: "PP e AEC pediron un permiso de conducir, superaron os límites legais de velocidade, estampáronse contra unha farola e agora quérennos facer crer que cumpriron coa normativa e que van poñer un límite novo de velocidade á súa medida particular, chamado Enil". "Deben asumir as súas responsabilidades", concluíu.

26 de mar. de 2010

O BNG propón que a costa de Cabanas se integre nun LIC da ría de Ares

"A proposta do goberno local rebaixa a protección dos valores naturais establecida en 1971", asegura Xosé Manuel Pérez Sardiña
A corta indiscriminada foi impulsada pola coalición PP-AEC, , como demostra un informe presentado a Costas polo Goberno local en 2007

A figura de “Espazo natural de interese local", que na actualidade está a xestionar o goberno local para o piñeiral da Magdalena, é a segunda pola cola en grao de protección das categorías estabelecidas no artigo 9 da Lei de Conservación da Natureza. A categoría proposta polo bigoberno local é inferior á que a comarca eumesa xa ten como paraxe pintoresca e ben de interese cultural.
A definición de "Espazo natural de interese local" está recollida no artigo 9 da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, que establece as "Categorías de espazos naturais protexidos". Nesta categorización de maior a menor protección, atopamos que a proposta do goberno local resulta ser a segunda pola cola en canto a grao de protección. Deste xeito, a figura municipal rebaixa inxustificadamente a declaración de paraxe pintoresca da comarca eumesa realizada polo Consello de Ministros de 13 de agosto de 1971, e que conforme á disposición transitoria oitava da Ley 16/1985, de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, as paraxes pintorescas ás que se refiere a disposición transitoria da Ley 15/1975, de 2 de maio, de Espacios Naturales Protegidos, mentres non sexan reclasificadas conforme á disposición final, conservarán a condición de bens de interese cultural. Neste mesmo sentido, as Normas Subsidiarias Municipais de 1988 aplican o mandato legal de 1971 e xa protexen o piñeiral da Madalena como Solo de Especial Protección da ribeira e estuario do Eume.

Unha corta promovida polo bigoberno local
O BNG considera que estamos ante un novo engano do goberno local, a través do cal o PP trata de rebaixar pola porta de atrás o grao de protección da costa de Cabanas. Así, a presión cidadá e política obrigou á coalición PP-AEC a contradicirse e, mesmo, propoñer unha protección ambiental de 4ª división para un espazo xa protexido de xeito especial dende hai case 40 anos. Para o BNG resulta indigno de quen ostenta responsabilidades municipais primeiro permitir impasiblemente a corta de 1/3 do piñeiral e logo pretender protexelo cunha figura menor que se opón abertamente a tradición do ordenamento xurídico. Asemade, a organización nacionalista manifesta a barbaridade que representaría un retroceso na protección do piñeiral da Madalena que pretende aplicar o PP a xeito de maquillaxe.
O BNG pregúntase se esta última ocorrencia do goberno local será para eludir as súas responsabilidades na corta indiscriminada do piñeiral da Madalena (non só agora senón tamén nos últimos anos). Nada estraño á vista de que ao BNG lle chegou un informe presentado a Costas do Estado en 2007 polo actual goberno local en que se proba que a corta indiscriminada foi inspirada e promovida pola coalición PP-AEC.

O LIC permitiría a achega de fondos comunitarios
O portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, sinala que "hai que procurar a necesaria compatibilidade de usos sociais e protección ambiental", e aposta por que a protección ambiental do areal da Madalena se integre nun Lugar de Interese Comunitario (LIC) por ecosistema costeiro para o conxunto da ría de Ares-Pontedeume. Esa figura de protección acorde co ordenamento xurídico anterior aseguraría a achega de fondos comunitarios para o mantemento sostible das paraxes da ría do Eume. Hai que ter en conta que Galiza, con 59 espazos protexidos, é a comunidade autónoma con menor porcentaxe de territorio protexido coa denominación de LIC (371.868 hectáreas, que representan só o 11.61% do territorio). Neste sentido, o BNG local debe lamentar que a súa suxestión de aplicar algún tipo de protección dos valores naturais do piñeiral da Madalena en outubro de 2009 caese en saco roto, xa que Costas do Estado, anticipando o seu desprezo polos valores ambientais do piñeiral da Madalena, consideraba o pasado mes de xaneiro suficiente a protección do espazo: "incluido [o piñeiral] en el dominio público marítimo terrestre, mediante el expediente de deslinde aprobado con fecha 24 de junio de 2001, que garantiza la máxima protección que dispone la legislación sobre costas".
Por último, o BNG considera que o alcalde segue facendo oídos xordos ás demandas de paralización e reavaliación da actuación que reclaman a cidadanía e o único grupo da oposición que alertou sobre as consecuencias dunha actuación salvaxe e desproporcionada. En opinión do BNG, o bigoberno local trata de lavar a cara diante dunha opinión pública sensibilizada e consciente do grave dano que o Concello e Costas causaron ben coa súa pasividade ben coa actuación agresiva e deficientemente fundada sobre un espazo único e singular dentro da costa galega.

24 de mar. de 2010

Convocada Xunta de Portavoces e Pleno extraordinario

Mañá xoves ás 20.00 terá lugar unha Xunta de Voceiros, que solicitou o BNG, para tratar o apoio da Corporación á manifestación convocada por Rumbo XXI para o vindeiro sábado en Ferrol.

O día seguinte tamén foi convocado Pleno extraordinario para tratar os seguintes puntos:
Actas anteriores
Modificación da Relación de Postos de Traballo 2010
Orzamento municipal 2010
Modificación de ordenanza de tráfico
Solicitude subvención Servizos Sociais

Será este Pleno ás 19.30 na Casa do Concello.

18 de mar. de 2010

Carta aberta a Germán Castrillón, por Pedro Cal

Sr. Castrillón,
Como exconcelleiro da Corporación Municipal de Cabanas escríbolle porque me sinto ofendido e indignado polo seu afán de prohibir, censurar e manipular, a través de argalladas deplorables, para prohibir a planta simbólica que se vai levar a cabo o domingo 21, ás 11 h, no piñeiral da Madalena de Cabanas.
Non sei con que dereito se cre en posesión para intentar impedir un acto simbólico dos veciños en defensa e honra do piñeiral centenario de Cabanas. Imaxino que máis ben será polo seu evidente interese de cambiar os pinos por formigón. Para vostede semella máis digno promover unha festa techno 36 horas Non-Stop ou organizar o rally de terra á custa dos cartos do pobo de Cabanas pasando por alto as inquietudes da cidadanía. Evidentemente, todo isto é resultado da falta de amor e sentimento cabanés pola súa parte e mais polos "mamporreros virachaquetas" dos que se fai acompañar e asesorar.

Pois ben, só quero dicirlle que o domingo alí estaremos, lle guste ou non e que saiba que ninguén, e menos vostede, vai calar as nosas voces sempre que teñan algo que dicir ou reclamar como pobo que somos orgullos@s do noso.

Un cordial saúdo

Pedro Cal Barro

O BNG solicita no Congreso que Costas paralice a corta do piñeiral de Cabanas


Madrid, 18 de marzo 2010 .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, vén de presentar unha iniciativa na que insta a Costas a que paralice a corta do piñeiral de Cabanas e reformule o proxecto para tramitalo como Plan Especial.
Jorquera denuncia que “a actuación que se está levando a cabo na piñeiral da Madalena é realmente unha corta indiscriminada e agresiva de centos de árbores sans, danando á fauna e ao mobiliario urbano”.

“A proposta inicial de cortar soamente o 30% do piñeiro californiano e eliminar as árbores secas non foi respectada e estase  provocando unha desfeita”, advirte o deputado do BNG.

Ademais, critica que “a planificación da actuación foi no momento menos adecuado xa que o plantío vaise facer na primavera-verán”.

Neste sentido, Francisco Jorquera demándalle ao Goberno que paralice as obras e reformule o proxecto, tal e como esixen os veciños e veciñas de Cabanas.

Pregunta tamén a canto ascende o custo desta actuación e quen se fai facer cargo de reparar o mobiliario urbano colocado hai un ano pola administración estatal.

Por último, e entre outras cuestión demanda explicacións de por que non se tramitou o proxecto como un Plan Especial e cales foron as xestións e actuacións do concello de Cabanas neste proxecto.

12 de mar. de 2010

O BNG critica que a Demarcación de Costas destrúa os valores naturais do piñeiral da Madalena

O BNG reclama a paralización da tala indiscriminada e a tramitación pública dun Plan Especial para a praia e o piñeiral da Madalena.
O piñeiral merece un tratamento singular e non "proxectos feitos desde o coche oficial"

Cabanas. 12/03/2010.- O proxecto promovido pola Demarcación de Costas do Estado, co visto e prace do Concello de Cabanas e da Xunta de Galiza, "Estudio de la situación ambiental de la masa de arbolado del pinar de la playa de Cabanas" carece de calquera fundamentación científica que xustifique a modificación agresiva e acelerada que se lle está infrinxindo ao piñeiral da Madalena.
A extraordinaria biodiversidade desta paraxe, declarada xa Paraxe Pintoresca en 1971, conta coa presenza de especies como a sobreira, nomeada a nivel local como corchoeira, no límite máis ao norte desta árbore.
O BNG debe poñer en coñecemento da opinión pública que a actuación non ten en conta as afeccións e os prexuízos sobre as especies animais ou vexetais que lle confiren ao espazo a súa riqueza natural. Parece escandaloso que se modifique a situación natural dun piñeiral maduro eliminando as "altas copas de arume arpado" xa recitadas por Pondal no seu poema "Os pinos" e que a administración promova as árbores illadas e separadas unhas das outras, máis vulnerables aos temporais. Ademais a época de repoboación vaise realizar descoidadamente coa chegada das estacións secas da primavera e o verán, o que pode resultar un auténtico fiasco. Así mesmo, esa actuación pouco meditada vai conseguir a destrución da micoloxía e a desbandada de aves, esquíos e réptiles que acaban ben esmagados ben sen sitios de cría pola agresiva actuación contra o espazo.
Hai que lembrar que a maior agresión ao espazo boscoso chegou coa apertura da estrada litoral, o que implicou a primeira deforestación importante que partiu o piñeiral en dous. A cousa non quedou aí senón que Costas proseguiu coa construción dun desafortunado espigón e para rematala coa achega de area de pésima calidade que empeorou tremendamente os atributos dunha praia idílica que tiña area branca e fina da que gozaban os turistas no verán, ademais da sombra do piñeiral agora talado indiscriminadamente.
Costas e o Concello de Cabanas non queren rectificar unha liña errada que urbaniza a marchas forzadas un piñeiral repoboado polos veciños de Cabanas para o goce público. Resulta ridículo e mesmo un insulto á intelixencia argumentar a corta de 600 exemplares arbóreos, entre as que se cortaron piñeiros centenarios, porque haxa unha minoría de árbores tortas e porque o piñeiral teña un teito tupido. A Demarcación de Costas e o Concello deberían centrarse na praga procesionaria e nos problemas da ría, como a existencia de vertedoiros de lixo, a contaminación por augas sen depurar ou a dramática transformación da praia por un espigón sen fundamento científico.
Ao entender do BNG, os intereses que hai detrás de toda a actuación non teñen nada que ver coa protección do ambiente. A Demarcación en connivencia co goberno local PP-AEC pretende cementar este espazo senlleiro sen tramitar un Plan Especial, exixido tanto polas Normas Subsidiarias municipais como polo recente Plan de Ordenación do Litoral da Xunta de Galiza. Esa tramitación faría público un proxecto agachado no que os veciños teñen dereito a participar e opinar, ademais do Grupo Político Municipal do BNG que se manifesta desconcertado pola evolución duns traballos afastados dos presentados hai dous anos. Ademais, dende o BNG vaise denunciar a previsible construción de novos chiringuitos no terreo deforestado do piñeiral, mesmo en zonas onde abundan as corchoeiras, clara mostra dos intereses económicos que hai de transfondo por especular co chan de todos os veciños.
O BNG considera que a degradación deste ecosistema centenario nos últimos anos, precisamente baixo a responsabilidade de Costas do Estado, deixa en evidencia o dano causado a un espazo construído por todos os veciños e veciñas que nos enorgullece e distingue como un pobo comprometido coa protección sostible do contorno.
O BNG lamenta que os plans edificatorios das administracións central e local non poñan solución a ningún dos problemas dun espazo que debería estar protexido baixo algunha figura ambiental e mesmo infrinxen os principios de protección do litorial, estabelecidos na propia lei de Costas. De seguir adiante co proxecto, todos asistiremos á desvalorización da verdadeira riqueza da praia da Madalena que ao entender do BNG, por riba de todo, debería seguir sendo unha fonte de vida, diversidade e ocio ben entendido para Cabanas e para Galiza.

11 de mar. de 2010

A iniciativa do BNG, o Congreso abre as licenzas de telefonía móbil para Galiza


Francisco Jorquera salienta a súa importancia para levar a banda larga de internet ao medio rural

Madrid, 11 marzo 2010.- A instancias do BNG a Comisión de Industria do Congreso dos Deputados aprobou esta tarde por unanimidade unha proposición non de lei promovida polo BNG que abre a porta á creación licenzas de telefonía móbil de ámbito galego.
O portavoz do BNG e autor da iniciativa, Francisco Jorquera, salientou que esta a aprobación desta iniciativa “é fundamental para que por fin o medio rural galego teña acceso de calidade a internet de banda larga xa que a tecnoloxía sen fíos é a máis axeitada para este obxectivo”.

“Até agora as operadoras estatais incumpriron os seus compromiso de levar internet ao rural galego”
Francisco Jorquera denunciou que “os proxectos e as operadoras de carácter estatal acaban secundarizando, cando non excluíndo, o medio rural, os núcleos disperso, como é o caso de Galiza, e cando por fin chegan os servizos están tan obsoletos que as desigualdades no acceso ás tecnoloxías dixitais respecto ás áreas urbanas seguen persistindo”.
O deputado nacionalista puxo como exemplo as licenzas para a prestación de servizos de acceso a internet en 3,5 xigaherzios efectuada no ano 2000, “onde non puideron concursar operadoras de ámbito autonómico polo plantexamento estatal do concurso, mentres que as concesionarias destas frecuencias susceptíbeis de mellorar o acceso á banda larga e á telefonía móbil no rural mantiveron esa parte do espectro bloqueado e improdutivo ao non cumprir os seus compromisos”.

“É legal e tecnicamente posíbel”
Neste sentido, Francisco Jorquera subliñou que “Galiza ten operadores e empresas punteiras neste campo, con vocación de prestar servizo ao conxunto do noso territorio”.
Ademais, o deputado do BNG lembrou que a posibilidade de que se poidan existir frecuencias que teñan como territorio de asignación as Comunidades Autónomas “é posíbel e perfectamente legal, como xa ocorreu co cable, e no que ao espectro radioeléctrico se refire, coas licenzas de radio e televisión dixital”.

“Unha boa nova para o rural do Eume”

Dende o BNG local, Xosé Manuel Pérez Sardiña salientou que se trata dunha "opción desexada por todo o mundo que ten accesos á rede iguais ou inferiores a 500 kb/segundo" e que contribuirá "a achegar ás zonas de Cabanas con máis dificultades o acceso a un servizo básico, ás novas tecnoloxías da información e da comunicación". Hai que celebrar, segundo o voceiro nacionalista, "unha boa nova para o rural do Eume", como celebramos no seu día a chegada da wimax a "Vilar do Colo e Laraxe" da man do BNG.

Os puntos do acordo
O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a:
1-Que no proceso de incorporación ao noso ordenamento xurídico das medidas adoptadas na Unión Europea para un uso flexible, eficaz e eficiente do espectro radioeléctrico téñanse en conta as peculiaridades xeográficas e poblacionais das Comunidades Autónomas a fin de garantir a máxima cobertura.
2-Que nas próximas modificacións regulamentarias da xestión do espectro radioeléctrico se valore a posibilidade de que o uso de frecuencias teña como territorio de asignación as Comunidades Autónomas e non necesariamente o conxunto do territorio do Estado Español.
3-Que se esixa a posta en produción, e no seu caso retire as concesións, a todas as empresas adxudicatarias de frecuencias susceptíbeis de mellorar o acceso á banda larga e telefonía móbil e que non fagan uso das mesmas e que non proceden a executar os investimentos comprometidos na oferta efectuada ao Estado.
4-Que en todos os novos e importantes procedementos de asignación de espectro que se aveciñan co apagón analóxico, se valore positivamente nas novas concesións os compromisos de cobertura do medio rural con banda larga móbil.

6 de mar. de 2010

O BNG reclama que se faga progresivamente a repoboación do piñeiral da Madalena

O piñeiral da Madalena representa un dos maiores atractivos do Concello de Cabanas formado grazas á implicación dos veciños e veciñas no plantado de piñeiros do país desde comezos do século XX, sobre todo na data en que se celebraba o día da árbore. O Concello de Cabanas fixo diversas reposicións hai 15 anos con piñeiro de California e mais combateu no posible a praga da procesionaria, que seca algúns exemplares case centenarios.


As tarefas de mantemento do piñeiral da Madalena minguaron dende a entrada de José Rey na alcaldía e, posteriormente, o entronamento de Germán Castrillón na cadeira da alcaldía cabanesa. O respecto e veneración por parte de todos os poderes públicos viñéronse abaixo e comezaron un plan oculto para a explotación económica camuflada baixo unha "actuación ambiental".

Malia a que o bosque de coníferas xa presentaba grandes claros e escasas árbores mortas, agora Costas e o Concello crean coa súa actuación calvas estensas onde antes non as había. Estas calvas alarmaron á cidadanía consciente do debilitamento fronte a temporais que as cortas sucesivas lle causaran á masa forestal

Mentres os representantes dos grupos políticos municipais reclamaran en 2004 a Rafael Eimil unha actuación prioritaria no frondoso e irrepetible piñeiral da Magdalena, a partir de 2006 o destino dos piñeiros pasou polo abandono e pola desfeita propiciada ben pola (in)acción das institucións local e estatal no seu coidado ben polos adversos meteorolóxicos. Neste senso, hai que lembrar a agresiva e desproporcionada corta que realizou José Rey en 2007 e que foi ignorada pola Demarcación de Costas do Estado ou a recollida "municipal" dos piñeiros centenarios tirados polos sucesivos temporais dos últimos anos que foron distribuídos opacamente coa vista gorda da Demarcación, esa mesma vista gorda que se repetiu coa escandalosa festa Tecno-Rave 36h Non-Stop autorizada verbalmente polo alcalde popular, Germán Castrillón.

Os métodos de actuación resultan reiterados e enfastiantes, os piñeiros sans pagan a rexeneración realizada por maderistas contratados a dedo pola administración sexa local sexa central. As consecuencias están á vista, a masa arbórea do noso litoral perde densidade a pasos axigantados. Así, as cortas municipais, os temporais e agora o tratamento "ambiental" de Costas do Estado farán desaparecer preto do 40% do total, unha cantidade inasumible para calquera persoa que respecte esta xoia do Eume.

O BNG reclama unha reflexión sobre o que Costas, co visto e prace da coalición PP-AEC, está a facer e cordura ante a forte mingua que se lle infrinxe a un piñeiral maduro e que no caso de quedar con menos exemplares pode ser pasto fácil duns temporais que poden danar seriamente a conservación do conxunto. As administracións actuantes, ao entender do BNG, deben refacer a actuación despois de que o ciclón Klaus e os temporais do presente inverno incidisen negativamente sobre un número considerable de exemplares da masa arbórea. Ademais, ao BNG parecelle gravísimo ignorar que a menor densidade e a maior luminosidade vai incrementar a brouzada baixa e polo tanto o risco de incendio nun piñeiral ata agora totalmente inmunizado contra esas desgrazas.
O BNG quere deixar constancia do respecto que lle veneran os veciños e veciñas de Cabanas ao seu maior parque público, a un ben que coidaron e formaron coas súas mans e que agora é agredido sen consideración por uns advenedizos incapaces de comprender e respectar este bosque tan apreciado e recoñecido. O PP de Germán Castrillón mentiulle aos Grupos políticos e á cidadanía cando declararou ante as demandas de actuación inmediata no piñeiral defendidas polo BNG o 19 de maio de 2008 que "[PP-AEC] teñen a intención de facer unha repoboación progresiva do piñeiral". Todo o contrario do proceso que acaban de iniciar da man da administración de Costas do Estado. O BNG suxeriu no Congreso a protección do piñeiral da Madalena baixo unha figura de protección ambiental específica, pero a proposta foi rexeitada pola administración estatal.
Xosé Manuel Pérez Sardiña, portavoz do BNG, opina que a corta é "moi agresiva e considerable" ao afectar 600 exemplares arbóreos. "Cando nos presentaron o proxecto propoñíannos só cortar o 30% de piñeiro californiano e eliminar árbores secas ou mortas e non un 30% do total", explica. Por outra banda, o portavoz nacionalista asegura que as administracións local e estatal planificaron o momento da actuación desastrosamente posto que se vai replantar na época de menos chuvias do ano (primavera-verán), o que pode estragar o plantío, e ademais ignoran aos paxaros e mais os esquíos que fixeron do noso piñeiral a súa casa. Así mesmo, reclama a paralización da corta e a apertura dun proceso de reflexión para que os veciños, os Grupos Políticos e a administración estatal "corrixan todas estas eivas e traten de buscar un consenso que conforme a toda a xente", "O centenario piñeiral de Cabanas meréceo", concluíu.


2 de mar. de 2010

O alcalde do PP limita o acceso ao proxecto de seguridade vial para a N-651

Cabanas, martes 2 de marzo.- Un escrito dirixido ao portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, o alcalde de Cabanas limita apenas aos martes e xoves de 9 a 10 h o acceso ao proxecto da Dirección General de Carreteras del Estado titulado "Actuaciones para la mejora de la seguridad vial Carretera N-651 P.K. 20,50 al 26,90 T.M. Cabanas".
Trátase dun proxecto longamente demandado pola cidadanía que leva xa tres meses en poder da alcaldía, concretamente dende finais de novembro de 2009. Dende o BNG, o seu portavoz municipal coida que o rexedor popular, Germán Castrillón, incumpre o seu compromiso de que os Grupos Municipais o visen sen problema. "Con esta limitación de tempo a alcaldía recunca nunha nova afronta contra o dereito dos concelleiros a acceder aos proxectos que lle afectan de maneira tan xeral ao concello". O BNG e os veciños teñen uns minutos para consultar uns papeis que levan case 100 días conxelados na alcaldía de Cabanas. Os concelleiros do BNG van avaliar o cumprimento dos acordos do Pleno da Corporación dos anos 2003 e 2004 e mais comprobar en que medida a coalición PP-AEC modificou as liñas xerais aprobadas por todos os grupos e apoiadas polo movemento asociativo na pasada lexislatura.