30 de xul. de 2008

PXOM do goberno local

Onte saíu publicado no DOG o anuncio para licitar o PXOM do goberno de comenencia, haberá 15 días para presentar propostas a partir da publicación no BOP (publicado o 1 de agosto).
O BNG instou unha xunta de portavoces para coñecer a situación do Plan o 14 de xullo, a Xunta de Goberno local aprobou a documentación o 17 xullo e o alcalde enviouna o 21 de xullo a publicación antes da reunión de portavoces convocada para as 16 h. Todo un exemplo de eficacia para apartar a oposición deste proceso e facer o PXOM á súa medida.
Xa fora tratado este asunto en Pleno extraordinario a proposta do BNG hai dous meses e con anterioridade reclamada información do estado de tramitación que nunca foi suficientemente aclarado polo alcalde.
Outros concellos que comezaron hai un ano de cero xa están neste momento traballando cos redactores e Cabanas agardando aínda á licitación.

29 de xul. de 2008

Pleno Ordinario de xullo de 2008

O Pleno ordinario de mañá mércores 30 de xullo ás 19.30 h na sala de plenos da Casa do Concello inclúe 13 asuntos:
1. Actas anteriores (8 e 19 de maio de 2008)
2. Rede sen fíos no polígono de Vilar do Colo
3. Proposta grupo de goberno sobre demolición espigón praia da Madalena
4. Solicitude axudas para implantación núcleo de sostibilidade
5. Acordo concello Pontedeume sobre supresión peaxe AP9
6. Adhesión á asociación impulsora do pacto territorial de emprego Ferrol
7. Adhesión ao pacto territorial de emprego de Ferrol
8. Moción BNG sobre supresión peaxe AP9
9. Moción BNG sobre proposta xornada laboral UE
10. Moción Grupo mixto promoción dunha oficina de Correos
11. Moción Grupo mixto proposta xornada laboral UE
12. Moción Grupo popular en apoio ao sector pesqueiro
13. Moción Grupo popular xornada laboral na UE
Parte de control
12. Informes de presidencia. Resolucións da Alcaldía
13. Rogos e preguntas

27 de xul. de 2008

Que pasa con Fadesa?

Preocúpanos que a crise de Martinsa-Fadesa afecte de tal xeito a un dos partidos gobernantes ata o punto de estremecelo, facelo lanzar informacións en boullón para sensibilizar á opinión pública do mal que lles pode ir a algúns e preguntar descaradamente se hai que axudala nos medios afíns...
A ver onde acaban os 300 millóns de euros para compra de solo residencial anunciados pola ministra de Vivienda, Sra. Corredor, hai que estar atent@s.
Menos mal que en xuño o BNG, a través da Consellería de Vivenda e Solo, puxo en marcha o I Plan Sectorial de Solo Residencial para Vivenda Protexida que trata de establecer un marco racionalizado para a promoción de 45.000 vivendas coa conseguinte xeración de 300.000 empregos e a achega dun dereito social básico ás bisbarras máis necesitadas de vivenda protexida.

26 de xul. de 2008

Máis de 25.000 persoas co BNG na Quintana

A manifestación do BNG en Compostela foi masiva! Ademais outras 5.000 persoas viron a emisión de BNGTV a través de internet.
As anécdotas protagonizáronas un moscón da policía nacional abouxando en pleno discurso de Quin e mais algúns membros da forza da orde que impedían levar abertas as estreleiras na praza do Obradoiro.

23 de xul. de 2008

Protección Civil de Cabanas non acode a unha incidencia grave

A foto faina calquera, pero saír da foto para facer o choio cando xorden incidencias resulta máis complicado. Protección Civil de Cabanas xa gardou a barreira de entrada ao piñeiral da Madalena a noite de San Xoán (á parte de saltar e moverse dunha punta para a outra sobre da barra, en fin...). Faltou ese mesmo voluntarismo nesta ocasión para sinalizar un poste de teléfono que atravesou de lado a lado o camiño de Santa Cruz á altura do Igrexario, que permaneceu 24 horas interrompendo o tránsito (La Voz).

Xa se sabe que onde hai patrón non manda mariñeiro, pero a realidade é que o goberno local está sen mando e vai todo ao pairo por desidia: roza dos camiños, limpeza da praia e incidencias varias.
Por exemplo, o valo da Escola das Viñas cae a cachos e non hai quen o amañe (foto de arriba). Galiza Nova queixouse no Concello da sinalización do apeadoiro do tren con topónimos ilegais. E podemos ler na Opinión que os veciños de Porto acláranlle ao alcalde do PP que non son cinco senón 60 persoas as que alegan melloras para a seguridade vial, o 80% das persoas afectadas.

pica sobre a foto ou sobre o texto do lado para ver a localización no mapaAsí a todo, a liña habitual de aglomerar camiños para o raposo segue adiante. De feito, este aglomerado da foto da esquerda parou uns 340 m antes dun monte propiedade do 1º tenente alcalde de AEC despois de percorrer case 200 m rodeado de terreos de labor sen vivenda ningunha. Só falta que o goberno de comenencia lle poña alumeado público.

Xa se ve que Cabanas mellora, pero só para uns poucos moi escollidos.

22 de xul. de 2008

Porto quere beirarrúas pero non así

A coalición de comenencia PP-AEC provocou un novo conflito veciñal no Concello de Cabanas, e xa van uns cantos acumulados e sen solución. Neste caso trátase da ampliación da CP-1502 do Chao de Porto ata Val que foi aprobada á lixeira no Pleno da Corporación municipal de 8 de maio por PP-AEC e IVC, ignorando a votación das propostas de mellora do BNG.
Certamente, o expiloto de rallys equivócase unha vez máis afirmando que «solo cinco vecinos están en contra de las obras, mientras que al resto no les importa que se construyan aceras».
Ao parecer e segundo diversas fontes puideron asinar preto de 100 persoas a prol de mellorar o proxecto e axeitalo ás necesidades e á realidade de Porto.

20 de xul. de 2008

19 de xul. de 2008

Vilar do Colo terá wimax

A Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, á fronte da cal está María Helena Veiguela Martínez, vai equipar de redes wimax o polígono industrial de Vilar do Colo.
No día de onte asinouse o acordo polo que os concellos de Fene e Cabanas se comprometen a proporcionar o solo necesario para que Innovación equipe de banda larga o polígono.
O BNG desde as institucións traballa para cubrir as necesidades básicas das empresas no que atinxe ao acceso ás novas tecnoloxías. Tamén impulsa a introdución da poboación das zonas rurais nas tecnoloxías da información, neste caso en San Sadurniño a través da Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
A nova no Diario de Ferrol.



12 de xul. de 2008

Cabanas: PP-AEC e a promoción turística ao tacho

Pica para ver a entrevista co Portavoz municipal o 13 de xuño
Moitos anos de traballo fan falta para erguer o prestixio turístico dunha zona, e poucos meses cumpren para tirar todo ese capital pola borda como está a facer a coalición PP-AEC.
O actual goberno encabezado por un ex-piloto de rallys saíu a comezos de lexislatura proxectando "turisticamente" para unha minoría do motor a imaxe de Cabanas e o resultado final aí o estamos vendo, pouco a pouco. As protestas cívicas polo estado do areal e do piñeiral da Madalena non se fixeron agardar, cada vez van a máis e non estrañe a ninguén á vista das datas en que nos atopamos.

E non foi por non avisar, máis ben o automobilista e o seu copiloto non escoitaron as demandas do BNG cando requiriu un Pleno extraordinario para debater as necesidades do areal e do piñeiral da Madalena, entre outros asuntos. Desexou atrasar ao máximo ese Pleno, ata fóra de prazo, e logo aplicar o pisón da maioría de comenencia da que alardea vaidosamente sen atender a queixa que repetín unha e mil veces nestes dous meses e medio en distintos ámbitos e con luz e taquígrafos para que ninguén se levase a engano: a area da Madalena está sen limpar. E segue así dous meses despois e non vai ser o único asunto que siga igual.

Pero a xordeira deste alcalde do PP agrávase coa reacción torpe e sen rumbo de pedirlle á Deputación da Coruña hai só un mes unha máquina limpaarea, xusto a semana que chega a tempada alta a Cabanas e ao Eume. Iso xa non é acordarse de Santa Bárbara cando trona, é bastante máis grave porque xa atronara o BNG todo o que puido desde unha oposición crítica e construtiva reclamando que se falase do que importa a Cabanas, non do que lle importa ao alcalde. Coido que xa pode presumir de incompetencia este bipartido, unha incompetencia que beirea a nulidade para sacar adiante este concello. Ata puxo en perigo durante todo un curso escolar un bus escolar por forzar a muda de rutas unilateralmente.

Pero xa se sabe quen nos goberna, tal e como puiden ver hoxe cos meus ollos un expiloto que saca o seu Ford gris metalizado da beirarrúa de diante do concesionario do Areal. Logo de ordenar toda a semana multar vehículos uns metros máis abaixo, só por recadar, resulta un descaro pola parte dese goberneiro que arrecende ao peor do nepotismo.


Cabanas, 12 de xullo de 2008


Xosé Manuel Pérez Sardiña

Portavoz Municipal do BNG

Ligazóns relacionadas: La Voz de Galicia, Diario de Ferrol

11 de xul. de 2008

Unhas fochancas máis da coalición PP-AEC

Foi aprobada a certificación de final de obra do camiño da Torre de Porto con esta fochanca.
Ás veces xa non se pode ir máis aló do abandono aos servizos básicos. O camiño da Torre de Porto sufriu a comezos de lexislatura o desleixo dun goberno "inexperto" na atención das necesidades dos veciños, aínda que si comprobamos que foi "bastante espilido" para resolver os seus problemas económicos subindo os soldos de maneira astronómica por dedicarse parcialmente ao Concello.
Pois ben, a dedicación parcial non debe incluír a comprobación do estado dos camiños acabados de repoñer no inverno pasado como é o caso do estado da entrada deste camiño de Porto. As promesas de que estaban agardando para asfaltalo completo e anchealo quedaron en auga de castañas e nun monte de terra uns metros máis arriba ao pé da pista.
Ademais, na estrada de Mugardos hai que agradecer a sinalización dun novo foio provocado polas correntes soterradas de auga. O concello entre dedicación parcial e dedicación parcial debía achegarse e comprobar as causas deste problema, só para evitar que se complique co paso do tempo.

A sinalización vertical da coalición PP-AEC

En todo caso si que hai un "servizo" moi básico para o xefe do tráfico no Concello (o alcalde): a colocación de sinais de tráfico.
Descoñecemos o contrato que deben ter as compañías do sector co Concello de Cabanas pero comprobamos como agroman coma cogomelos en terra da boa...
En vinte metros repítense tres sinais con cadanseu pé e dúas delas están repetidas: as de limitación a 50 km/h.
Despois de desviarnos para a entrada do colexio atopámonos unha limitación de sentido que non lles corresponde aos vehículos que soben, só aos que baixan, e mais outro vello sinal de limitación a 30 km/h.
A nosa pregunta é ben sinxela:
Fai falta tirar os cartos desta maneira?

Os servizos básicos da coalición PP-AEC

Os veciños achégannos varias queixas e fotos a través do correo electrónico relacionadas cos servizos de recollida de lixo.
Hai servizos básicos que prometeron atender na campaña electoral os partidos coaligados do goberno local pero que chegada a hora acaban feitos un caos.
Algunhas fontes comentan que esa tarefa se está a complicar de máis por mor dun enfrontamento soterrado entre o goberno local e a empresa de recollida.
Non son as primeiras evidencias nin van ser as últimas en que se mostre a especial capacidade para o alcalde e o tenente alcalde complicaren as cousas en tal grao que os efectos negativos se acaben trasladando ao servizo que pagamos os veciños e veciñas de Cabanas.


8 de xul. de 2008

Incompetencia 1 - Natureza 0

Grazas por achegar a verdade a www.vadeando.com O Eume alfombrárono de verde, deste xeito pódese pensar xa o peor... Canto máis arriba máis tupido. Hai fundadas sospeitas de que a desidia xa non ten remedio a curto prazo e as medidas aplicadas non dan parado a desfeita ambiental.
Debe ser o río máis analizado de toda Galiza neste momento, pero as mil analíticas non fan máis que constatar a crónica dunha morte anunciada.
Agora ben, falta saber que medidas se van adoptar con respecto ao banco marisqueiro e á captación de auga de abastecemento no Eume. A incerteza medra e a verdade é que aquí van ter que empezar a saír conselleiros con aclaracións fundadas, ben fundadas.
Os alcaldes do PP xa sabemos que o deles é cobrar e saír hai uns meses na foto pedindo unha ampliación da captación do Eume por 5 millóns de euros...
Fai falta máis irresponsabilidade no Eume?

6 de xul. de 2008

Éxito de chambonadas do goberno PP-AEC en tempada alta

As chambonadas multiplícanse pola desorganización do bigoberno PP-AEC e causan sustos de última hora. Os avisos do BNG en abril e maio de mala xestión agroman á luz e os partidos do goberno de comenencia evidencian a súa inoperancia total no referente á xestión dun dos activos máis importantes de Cabanas.
O areal da Madalena está de pena, o piñeiral sofre o abandono máis absoluto no seu coidado e hai unhas superobras a mediofacer en plena época alta.
Cando máis uso ten o paseo marítimo cámbianse os bancos. Cando comezou a tempada a praia estaba sen limpar e despois de pasar a primeira semana de xullo quedan amplas zonas cheas de algas e lixo. Algúns servizos apenas funcionan desde primeiros do presente mes.
O cambio de bancos impide á xente sentar nas últimas semanas. Realmente son de artesanía e han ser ben cobrados polo tempo que leva instalalos e facelos presentables... Van atornillados ás vellas bases de cemento táboa a táboa e xa confirmaremos o grave defecto desta obra do Escorial, á parte do mantemento que merecen para estar de bon ver e usar. Os gustos do alcalde do PP son caros ademais de incómodos.
Evidentemente, non escoitaron ao BNG e aí están as consecuencias e as necesarias queixas da cidadanía no Diario de Ferrol.

1 de xul. de 2008

Os absurdos bancos da coalición PP-AEC

Que os piñeiros caian a cachos de secos despois de dous anos de abandono do bigoberno PP-AEC non mereceu ningunha medida fóra de pedirlle hai oito meses a Costas un estudo e unha presada de cartos para xustificar unha subvención pagada cos impostos de tod@s. A area da praia sen limpar e a máquina limpaarea do Concello no sono dos xustos... Ata cando?
Agora ben, apuradamente o bigoberno espichou un lote de palitroques, logo cintou darredor dos piñeiros e agora substituíu os bancos do paseo, ademais repintou os vellos sinais horizontais nunha especie de xeroglífico indescifrable para o condutor, o que anuncia a falta total de asfaltado urxente do vieiro reclamada polo BNG en abril.
Velaí as auténticas prioriades dun goberno sen rumbo que traballa sobre a marcha deste fresco verán.
Así a todo, os novos bancos do paseo están a xerar comentarios porque tal e como nos indican diversas fontes non teñen comparanza cos de antes e incorporan a función de relax total... CONTINUARÁ