A foto faina calquera, pero saír da foto para facer o choio cando xorden incidencias resulta máis complicado. Protección Civil de Cabanas xa gardou a barreira de entrada ao piñeiral da Madalena a noite de San Xoán (á parte de saltar e moverse dunha punta para a outra sobre da barra, en fin...). Faltou ese mesmo voluntarismo nesta ocasión para sinalizar un poste de teléfono que atravesou de lado a lado o camiño de Santa Cruz á altura do Igrexario, que permaneceu 24 horas interrompendo o tránsito (La Voz).
Xa se sabe que onde hai patrón non manda mariñeiro, pero a realidade é que o goberno local está sen mando e vai todo ao pairo por desidia: roza dos camiños, limpeza da praia e incidencias varias.
Por exemplo, o valo da Escola das Viñas cae a cachos e non hai quen o amañe (foto de arriba). Galiza Nova queixouse no Concello da sinalización do apeadoiro do tren con topónimos ilegais. E podemos ler na Opinión que os veciños de Porto acláranlle ao alcalde do PP que non son cinco senón 60 persoas as que alegan melloras para a seguridade vial, o 80% das persoas afectadas.
Así a todo, a liña habitual de aglomerar camiños para o raposo segue adiante. De feito, este aglomerado da foto da esquerda parou uns 340 m antes dun monte propiedade do 1º tenente alcalde de AEC despois de percorrer case 200 m rodeado de terreos de labor sen vivenda ningunha. Só falta que o goberno de comenencia lle poña alumeado público.
Xa se ve que Cabanas mellora, pero só para uns poucos moi escollidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario