31 de mar. de 2011

Enerxía nuclear? Non, grazas.

Cabanas.- Ante as recentes acontecementos no norte de Xapón, tralos efectos sísmicos sobre a central nuclear de Fukushima, que obrigou ás autoridades a declarar o "estado de emerxencia", con consecuencias moi graves para a poboación coma fugas radiactivas, evacuación de máis de 200.000 persoas nun radio de 40 quilómetros e aínda hoxe con risco de fusión atómica, o cal podería ser unha catástrofe xa que logo a nível mundial, o BNG de Cabanas reitera o seu compromiso contra a enerxía deste tipo e ven de presentar no consistorio por vía de urxencia unha moción para declarar todo o territorio do Concello zona desnuclearizada.

O pobo galego tense manifestado historicamente contra os intentos de instalar centrais nucleares no noso País. A finais dos anos setenta do século pasado non só se freou a intención de construír unha central en Xove, senón que sentaron as bases para un consenso social contrario a estas instalacións no noso territorio. Foi dende aquela que as ideas e posicións antinucleares se asumiron como maioritarias na nosa sociedade.

Ademais, hai que lembrar que Galiza ten sofrido un dos máis graves problemas derivados da enerxía nuclear ao acoller fronte ás súas costas, a comezos dos anos 80, un vertedoiro de miles de toneladas de residuos radiactivos que contou coa forte oposición do pobo galego e das súas institucións locais, conseguindo paralizar os vertidos na Fosa Atlántica.

A finais do século pasado estivo presente novamente o debate nuclear cando os intentos de ENRESA de situar un cemiterio nuclear no noso País, mais felizmente desbotado, grazas a unha conciencia cidadá contraria á nuclearización.

A enerxía nuclear non é o futuro e atópase en declive practicamente en todo o mundo, e non representa unha enerxía respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas. As centráis nucleares contaminan en todas as fases e supoñen un risco evidente e contrastado para a saúde das persoas, sobre todo en caso de accidentes. O problema de tratamento dos residuos segue pendente, dado que manteñen a súa radiactividade e perigo durante 250.000 anos.

Amais da declaración de zona desnuclearizada, o Bloque Nacionalista Galego cabanés fai a petición de adherirse como Corporación municipal ó acordo do Parlamento galego do 6 de setembro de 2006 no que se insta á Xunta a que se dirixa ao Goberno do Estado para que se leven adiante as actuacións necesarias co fin de que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado. Isto significaría a prohibición de localizar en territorio galego un cemiterio nuclear, depósitos de almacenamento de residuos ou centrais nucleares. Pola contra, deberán levar a cabo políticas de promoción do aforro e eficiencia enerxética, así como incrementar o uso de enerxías renovábeis.

O PP excluíu arbitrariamente a moción nacionalista da orde do día, malia a estar rexistrada, e votou en contra do seu debate evidenciando unha vez máis unha deriva cómplice cos intereses pro-nucleares aos que se sumou a AEC de José Rey.

28 de mar. de 2011

As milongas ao descuberto (II): nacementos, chaveiros e poboación

Cabanas.- No Informe municipal que foi distribuído por correo masivo atopamos informacións realmente sorprendentes. Sen sequera saír da páxina dos impostos, os seguintes datos que non resisten nin o máis mínimo contraste son os supostos "incrementos" da poboación e mais dos nacementos.
Segundo a Revista Local resultan ser dous grandes logros do actual goberno local cando, moi a pesar dese goberno estamos ante unha situación que ten outras causas. Evidentemente, un chaveiro ou un detalle non promoven o incremento dos nacementos, como tampouco o fixo a famosa axuda estatal. Tampouco lle corresponden os méritos a un Plan Xeral por facer, as Normas Subsidiarias seguen igual dende 1990.
Máis ben, estamos ante os cumes de nacementos que lle corresponden ó Baby-Boom da década de 1970 e primeiros oitenta e Cabanas ten un parque de segunda vivenda que duplica o de primeira. Ademais, e conxunturalmente, os prezos da vivenda, ao baixar pola crise do ladrillo, permiten o asentamento de nova poboación. Mais, en contra dese asentamento están os altos impostos aplicados polo concello, que atrancan nesa corrente.
Facer noticia do que non é chámase enredar
Para establecer unha análise obxectiva sobre os índices de natalidade hai que consultar as táboas do IGE e se analizamos os números atoparemos ben outra conclusión con respecto a períodos anteriores que foron incluso mellores.
Taxa bruta de natalidade (1998-2008). Hai datos bastante mellores en 2000, 2002 e 2005 ca no período de goberno do PP-AEC.
Poboación (1981-2010). Entre 2002 e 2006 superouse amplamente os 3300 habitantes. Logo caeu a poboación coa chegada do PP-AEC ó goberno e nos dous primeiros anos perdeuse esa cifra psicolóxica. As medias cuadrianuais non enganan: 3.352 habitantes para o cuadrienio 2003-2006 e 3.318 para 2007-2010 co PP-AEC. A suposta boa nota de 2010 maquilla unha media sensiblemente máis baixa.
Servizos escasos
Se o alcalde se parabeniza do "incremento" de poboación e de nacementos en 83 cativ@s, como é que o Concello fai un Punto de Atención á Infancia con só vinte prazas a tempo parcial. Ao final, o alcalde dálle a razón ao BNG, xa que tiña en conta as necesidades sociais propoñendo un centro de 75 prazas con horarios para xente traballadora. A conclusión evidente é que o PP do alcalde non cre nos servizos sociais e parcializa, privatiza e reduce á mínima expresión a contribución das administracións públicas á conciliación da vida familiar e laboral.
Agora en serio, neste blog tampouco cremos que haxa máis mortes ca en anteriores períodos porque o alcalde vaia a algúns enterros escollidos.

27 de mar. de 2011

Pleno Ordinario para o mércores, entre os asuntos a grave situación orzamentaria

Cabanas.- Hai convocada sesión ordinaria do Pleno da Corporación para o próximo día 30 de marzo de 2011 ás 19.30 horas no salón de sesións da Casa do Concello:
1. Aprobación se procede de acta da sesión anterior
2. Adhesión ao proxecto da Deputación Provincial de A Coruña denominado "Promoción da eficiencia, o aforro e a calidade enerxética (PEACE) 2011-2013"
3. Adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para o desenvolvemento da Administración Electrónica nas Entidades Locais da Comunidade Autónoma de Galicia
4. Solicitude cesión de tramos da antiga N-651
5. Moción do grupo BNG en defensa das persoas afectadas polas hipotecas
6. Moción do grupo BNG sobre aplicación do decreto do carbón
7. Moción do grupo BNG sobre o clia intemacional das mulleres
8. Moción do grupo mixto sobre o día internacional da muller
9. Moción do grupo popular sobre a reestruturación do sistema financeiro español. Parte de control órganos da Corporación
10. Informes da Presidencia
a) Resolucións da Alcaldía
b) Liquidación orzarnento 2010
c) Informe avaliación estabilidade liquidación 2010
11. Rogos e preguntas

26 de mar. de 2011

As milongas ao descuberto (I): baixan os impostos cando a previsión de ingresos do goberno sobe en 829.754,44 euros?




IBI/contribución:
- Suba dos valores catastrais en 2007, ano de maior valor do solo
- Suba do coeficiente da contribución urbana de 0,40 a 0,55
IVTM/rodaxe:
- Subas entre o 30% e o 50% dependendo dos vehículos.
Actividades culturais e deportivas:
- Duplicada a cota de todas as actividades.
E haberá máis para 2011...


A pesar da baixada pronunciada dos ingresos da construción a coalición PP-AEC preveu maiores ingresos nos últimos catro anos. Concretamente, prevéronse uns ingresos de 829.754,44 euros máis entre 2007-2010 ca no período anterior 2003-2006 de goberno en minoría do PSOE. Deste xeito, as previsións da coalición de goberno local non deixaron de medrar nos últimos catro anos e pasaron de 930.000 euros en 2006 a 1.240.000 € en total 2010. Fundamentalmente polas subas aplicadas á contribución, taxa de rodaxe e actividades culturais. Por exemplo, os impostos directos onde se inclúe a contribución alcanzan en 2010 798.200,00 euros cando en 2007 estaba nos 611.259,76 euros (representa unha suba de 186.940,24 euros máis).

Gráfica: previsións de ingresos en impostos directos, impostos indirectos e taxas e outros ingresos nos últimos oito anos no Concello de Cabanas


Fonte: Estatísticas territoriais: Ministerio de Economía e Facenda

24 de mar. de 2011

Cabanas coa ucha rota malia á suba de 720.000 euros en impostos na lexislatura 2007-2011

Recoñecemento extraxudicial de créditos
Facturas de 2010 sen pagar

Hai que pedir un crédito de 900.000 euros para executar as sentenzas do Penso, quedaron por pagar facturas de 2010 e hai solicitude de auxilio económico á Deputación
Xosé Manuel Sardiña "só o cambio para un goberno responsable podería empezar a estabilizar a situación"
Cabanas.-  A ucha do concello está baleira e rota despois do desbalde á que a someteron PP e AEC durante os últimos catro anos. O recurso ó crédito de case 900.000 euros para facer fronte ás sentenzas do Penso deixa ó descuberto que a suba de impostos, que representa uns 720.000 euros máis de recadación nos últimos catro anos (180.000 euros/ano), non era para executar as custosas sentenzas senón que se destinou para as alegrías e os desenfreos dun goberno que se puxo a tirar os cartos ben por riba das posibilidades reais dunha economía local con recursos limitados pola crise da contrución.

Facturas sen pagar de 2010
Así mesmo, o pasado exercicio, e por primeira vez na súa historia, o Concello mesmo deixou facturas sen pagar por valor de 16.045,56 €, que veñen a ser recoñecidas agora no expediente de aprobación do orzamento para 2011. A contía final está próxima á pagada en xuros por devolución de subvencións que ascendían a 200.000 € o que evidencia unha vez máis os erros graves na xestión económica que ao final paga a veciñanza e as empresas prestadoras de servizos.

Auxilio da Deputación para pagar o sobrecusto do servizo do lixo
Tamén pediu o goberno local auxilio económico á Deputación para facer fronte ós custos do servizo de recollida de lixo. Uns 40.000 euros do Plan e Obras e Servizos da Deputación servirán para tapar furados antes das eleccións e dar sensación de falsa normalidade. Un dos servizos básicos municipais en que se debería procurar a eficiencia e o aforro incrementou o seu custo un 33% coa xestión do PP, agora non hai diñeiro suficiente para manter o equilibrio do servizo.

Ausencia de aforro
A xestión descoidada e sen rumbo deixa un concello cunha taxa de desemprego altísima e cun crédito que lastrará a economía local durante décadas se non se toman as medidas de cambio cara ó aforro e á contención do gasto corrente tal e como avisou o BNG. O candidato do BNG no Pleno dos Orzamentos evidenciou a alegría no gasto da coalición PP-AEC co exemplo da festa de Santa Marta: máis de 800 euros en bebidas alcohólicas en 2009, e en 2010 PP e AEC incrementaron un 50% a factura en bebidas para a mesma festa ata chegar aos 1.200 euros, unha temeridade cando se prevían as dificultades económicas.

Concentracións contra a guerra en Libia





Concentracións contra guerra:
  • Lugo: Praza de Armañá (diante da Subdelagación do Goberno), ás 20:30 horas.
  • Santiago: Praza de Cervantes, ás 2030 horas.
  • Ourense: Subdelegación do Goberno de Ourense, ás 20:30 horas.
  • Foz: Praza do Concello, ás 20:30 horas.
  • Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 20:30 horas.
  • A Coruña: no Obelisco, ás 20:30 horas
  • Vigo: diate do Museo Marco (Rúa do Príncipe), ás 19:30 horas.
  • Ferrol: Praza de Armas, ás 19 horas.

23 de mar. de 2011

O candidato Sardiña visitou onte as obras de rehabilitación do antigo retablo do cenobio de Caaveiro

Momento da visita ás obras
O BNG impulsará a recuperación do retablo dende o Concello
O candidato do Bloque Nacionalista Galego en Cabanas, Xosé Manuel Sardiña, visitou o pasado luns xunto do vicepresidente da Deputación e encargado da área de Promoción Económica, Pablo Villamar, as obras de restauración do antigo retablo do cenobio da Igrexa de San Xoan de Caaveiro.
A administración provincial colaborou con 9.000 euros nesta primeira fase, amais de cadansúa aportación de 2.000 euros de veciños e Igrexa. Queda demostrado pois o compromiso do BNG co patrimonio histórico e cultural de Cabanas e de Galiza. A segunda fase da rehabilitación será posta en marcha e o BNG xa dende o concello demostrará unha vez máis, como xa leva amosado estes catro anos, que sabe facer as xestións suficientes e necesarias para que as fermosas figuras do retablo teñan un aspecto lúcido e digno para unha obra de máis de tres séculos. 
Esta actuación contrasta co que ven ocorrendo cos gobernos actuais da Xunta e do Concello de Cabanas, na interesada coalición de AEC e PP. Os veciños comprobarán a diferenza entre o goberno e a dedicación do BNG e o desleixo PP e AEC ante toda sorte de patrimonio, sexa natural, sexa cultural. Para malos exemplos de xestión quedarán a recolocación do cruceiro do Areal, as derrubas do hórreo de Vilar do Colo e a casa de Juan Ares, o falso trazado do Camiño Inglés a Compostela ou a corta salvaxe do piñeiral da Madalena.

22 de mar. de 2011

O BNG de Cabanas rexistra unha moción en defensa das persoas afectadas polas hipotecas

 
Xosé Manuel
chegando ó concello 
 O BNG priorizará a atención ás persoas con dificultades
O BNG de Cabanas, nunha acción coordinada a nível nacional, vénlle de solicitar á Xunta de Galiza a través dunha moción que será debatida no próximo Pleno municipal, que inste ao Goberno do Estado a pular por unha reforma nas leis en materia civil, tanto hipotecaria como procesual, dirixida a protexer as persoas cuxa vivenda hipotecada é residencia habitual.
"A nosa formación está coa xente que máis o necesita, a xente que queda sen vivenda e non ten como facer fronte ás hipotecas. Nós ofrecerémoslles as cabanesas e cabaneses solucións e realizarémolas. Pola nosa parte non ficarán abandonadas, como nos últimos catros anos de alianza entre AEC e PP", denuncia o candidato do BNG e portavoz municipal, Xosé Manuel Sardiña.
Os nacionalistas entendemos que un acordo posible para este cambio debe contemplar a admisión da dación do pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria e posibilitar que nos procesos xudiciais de execución hipotecaria, existan mecanismos de oposición a favor das persoas debedoras que conduzan a unha moratoria no pago dos prazos pactados a través do contrato de arrendamento con opción de compra ou á condonación parcial da débeda.
Amais, pedimos a vinculación de calquera axuda pública á que poida acceder unha entidade financeira á aceptación de un código de conduta sobre execucións hipotecarias onde se comprometan a negociar coas persoas debedoras que atravesan dificultades e destinan o inmóbel a residencia habitual, unha moratoria no pago da débeda á evolución da situación económica.
O portavoz nacional Guillerme Vázquez describiu a situación como "inxusta e perversa" xa que "milleiros de persoas, nunha situación surrealista quedan sen piso e sen cartos debendo aínda cartos ao banco", na presentación dunha serie de iniciativas na defensa dunha vivenda digna xunto á portavoz parlamentar de este ámbito no Hórreo, Isabel Sánchez, e o portavoz no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, que presentarán tamén iniciativas neste senso esta mesma semana.

13 de mar. de 2011

O BNG vai aforrar en revistas de luxo para o autobombo

Revista municipal publicada na primeira quincena de marzo
Xosé Manuel P. Sardiña: "Imos cambiar a política do dispendio do PP pola política da loita contra a crise"
Xosé Manuel P. Sardiña: "A revista municipal é un malgasto máis do alcalde que paga a súa campaña persoal cos impostos que lles subiu a todos os cabaneses e cabanesas"
O BNG manifestarase sempre en contra de gastos superfluos que só supoñen un beneficio partidista e preguntará polo custo da campaña propagandística e personalista do rexedor no vindeiro Pleno da CorporaciónO déficit municipal e o gasto excesivo superará os 200 millóns das antigas pesetas mentres o goberno local tira o diñeiro en planfletadas. Ademais o goberno local vai reducir en servizos sociais, cultura e frea axudas e incentivos para favorecer a creación de emprego segundo os orzamentos de 2011.
Xosé Manuel Sardiña comprométese, se é alcalde, a suspender a publicación da revista municipal destinando o diñeiro a fins máis perentorios como o fomento de actividades culturais nas asociacións e a loita contra a crise e o alto paro local.
O candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía de Cabanas, Xosé Manuel Sardiña, declarou: "É un insulto aos cabaneses e cabanesas que Germán Castrillón publique unha revista municipal mentres que, por exemplo, reduce as subvencións a asociacións nun 20%, nega axudas e incentivos para favorecer a xeración de emprego, non paga a moitos provedores e amplía o déficit municipal empeñando a facenda local nun millón de euros.
Xosé Manuel Pérez Sardiña refírese a que a revista municipal "Informe Institucional 2007-2011" distribúese en 20 páxinas de papel de alta calidade, a todo luxo e cor. A publicación está a ser distribuída por mailing nestes días. Todo o que encarece unha publicación claramente propagandística que o Bloque Nacionalista Galego considera un gasto superfluo en tempos de grave crise económica.
O portavoz do BNG lembrou que "non estamos de acordo con este número extraordinario pago con diñeiro de todos, que serve só como simple propaganda do Goberno e do populismo local". Nela inclúense groseiras manipulacións e falsidades sobre a realidade de Cabanas.
Xosé Manuel P. Sardiña cre que "co PP a débeda municipal superará os dous millóns de euros e  inda así priman o autobombo antes de aplicar un Plan de Aforro que fará limpeza de todos os gastos correntes innecesarios, como é esta publicación partidista".
A revista de Germán Castrillón forma parte, xunto coa web municipal supeditada á web do PP, dunha estratexia de propaganda e, en definitiva, de control político partidista da información, sumada ás presións sobre os medios".
O candidato do BNG insistiu: "Con esta propaganda e autocompracencia  paga por todos nós o alcalde pretende lavar a cara da súa pésima xestión e a súa incapacidade para resolver os problemas dos cabaneses e cabanesas na recta final dunha lexislatura cuxo balance para o equipo de Goberno é desastroso".

12 de mar. de 2011

Un millón de euros de déficit, herdanza do PP-AEC

Para Xosé Manuel, candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, haberá que aplicar recortes en gastos superfluos e cambiar a política do dispendio pola política da loita contra a crise
Convocado o Pleno extraordinario para o vindeiro martes 15 ás 19.30 h
Cabanas.- Coas obras por acabar e o Goberno local de Cabanas propón un proxecto económico para o presente exercicio que contén un déficit orzamentario dun millón de euros. É a bancarrota no peor dos momentos económicos. O interventor municipal advirte no seu informe que o Concello incumpre o obxectivo de estabilidade financeira.
Así o informe detalla que o Executivo prevé uns ingresos de 3.128.500 mentres os gastos ascenden a 4.200.453 euros. Hai un desequilibrio negativo de 1.071.902 euros.
Estas contas foron analizadas o xoves pola Corporación local na comisión informativa. O Bloque Nacionalista Galego amosou o seu rexeitamento a este documento polo desequilibrio económico. "Hai un exceso na previsión de ingresos; é certo que esperan por unha subvención do Plan de Industria de Ferrol de 200.000 euros pero que van facer cos 800.000 euros restantes?", pregúntase a concelleira nacionalista asistente á reunión, Teresa García Pita.

11 de mar. de 2011

Xosé Manuel presenta o seu proxecto estrela para o Areal

Reordenación da praza do Areal

Xosé Manuel cre que, co apoio da xente, "este pode ser o momento de facer un verdadeiro cambio"
O BNG aposta por que a peza, do século XIV, volva á localización orixinal, na praza do Areal e preto do Camiño Inglés
Un novo rumbo para Cabanas principiará co acondicionamento e humanización da Praza do Areal, que ha de estar ligada á recuperación para a zona do cruceiro do século XIV. A proposta defendida polos nacionalistas nos últimos meses e agora trasladada ó plano recolle a ampliación da praza, a mellora dos accesos a Lamelas e ao Oito (formulada nas normas subsidiarias de 1988) e a creación de novas prazas de aparcadoiro. “Unha proposta –destaca Xosé Manuel Sardiña- que conta co apoio dos veciños da zona”.
Mentres a recolocación actual no Día Oito adquire un carácter marxinal, coa proposta do BNG o cruceiro e a súa contorna serán protagonistas dunha auténtica transformación que beneficiará a seguridade vial, ao ben protexido e contribuirá á humanización decisiva da zona.
Xosé Manuel aposta por "ordenar un punto conflictivo, onde se mesturan tráfico intenso, cruces estreitos, pasos de peóns, largos de beirarrúas heteroxéneos, con chanzos non homoxéneos, fóra de normativa algún, un semáforo, unha parada de taxis, unha cabina de teléfono, contedores de recollida de lixo, locais de hostelería e terrazas. Unha zona multiuso e multiservizo, cunha variedade de materiais e elementos urbanos que no canto de acougar, agrandan a sensación de caos e descontrol, coa conseguinte desorientación para os peóns, especialmente os de máis idade e os cativos".
A nova xeometría permitiría gañar espazo na contorna do cruceiro e faría posible o seu retorno, con total seguridade e relevancia, á localización dos últimos cen anos e con visión directa á posición histórica.
A intervención ideada por xente de Cabanas, exposta no Concello polo BNG e adiantada neste blog trascende a simple recolocación do cruceiro a un lugar marxinal e aposta por humanizar o espazo que se pode converter nun importante centro para Cabanas, un verdadeiro “centro cívico”.

Referencia en GoogleMaps

Ver Cruceiro nun mapa máis grande

10 de mar. de 2011

O BNG denuncia intereses urbanísticos tralo traslado do cruceiro do Areal

Vista da recolocación do cruceiro
(A antiga localización ao fondo)
O novo emprazamento, xunto á parte traseira dun edificio de nova planta, supón para o BNG un ataque e a marxinación do patrimonio cultural de Cabanas.
O voceiro nacionalista, Xosé Manuel Sardiña, ve necesario un cambio de rumbo para que o Concello cumpra as súas promesas na mellora e humanización da praza do Areal.
Un exemplo máis de feísmo urbanístico, a maior gloria da especulación”, así define o voceiro nacionalista de Cabanas, Xosé Manuel Pérez Sardiña, o emprazamento escollido para o cruceiro polo goberno municipal: oculto por un edificio de nova planta, xunto á entrada a un garaxe e cunha parede enladrillada como fondo, sobre del o cableado eléctrico pende ameazante sobre a peza do século XIV. Para o BNG, o novo emprazamento é un ataque á riqueza patrimonial de Cabanas e aos intereses dos veciños. “Abandónase o proxecto de humanización e a recuperación para o dominio público da praza do Areal, que queda así máis a mercede de intereses especulativos”, denuncia Sardiña. O BNG faise eco, así mesmo, da queixas dos veciños do Día Oito, onde se situará o cruceiro, que están a ver limitado o acceso rodado ás súas vivendas e se están a quedar, ademais, sen prazas de aparcamento.
Esta parede de ladrillo que o cruceiro terá agora como fondo desvela tamén o fondo desta decisión: a especulación polo ladrillo”, denuncia Sardiña. Que o cruceiro non volva ao seu lugar orixinario –denuncia o BNG- deixará vía libre para a construcción na praza do Areal. “Só intereses urbanísticos poden explicar a situación de abandono da praza, que o concello renuncie ao seu acondicionamento inmediato e á reubicación nela do cruceiro”, sinala Sardiña. O goberno municipal rexeitou, no pleno celebrado en xullo de 2010, a debater o acondicionamento da praza, co gallo de pospoñer a actuación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, malia a que poucos meses antes propuxera incluíla no proxecto do Ministerio de Fomento para a humanización da N-651 ao seu paso polo municipio.
Os nacionalistas critican, así mesmo, o respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio ao novo emprazamento. A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio silencia que o traslado do cruceiro suporá a súa desvinculación do Camiño Inglés e non achegará máis seguridade cun groso cable de subministro eléctrico sobre do cruceiro e cun acceso a garaxes ao pé.
A xuízo do candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, o concello suspende no cumprimento das recomendacións expostas polo experto Juán J. Burgoa no artigo "A VOLTAS COAS CRUCES DE PEDRA". "A recolocación non achega nin seguridade, nin relevancia nin adecuación histórica, senón todo o contrario: inseguridade, marxinación e cosmopaletismo".

8 de mar. de 2011

Declaración institucional do BNG no 8 de marzo

 
O BNG celebra o Día Internacional da Muller cun acto ao que acudiron candidatas nacionalistas á alcaldía de diferentes concellos do país
8 Marzo 2011.- O BNG celebrou esta mañá o Día Internacional da Muller cun acto no que interviron o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a Secretaria de Acción Feminista, María Méndez, a candidata á alcaldía de Ourense, Isabel Pérez, e ao que asistiron a Coordenadora Executiva, Teresa Táboas e doce candidatas do BNG á alcaldía doutros tantos concellos.

6 de mar. de 2011

O PP privatiza a auga co apoio do goberno local

 
Cabanas.- O BNG segue a informar sobre as consecuencias da nova Lei de Augas. Gonzalo Castro, asesor xurídico do BNG,. explícanos o contido da Lei de Augas de Galiza, unha norma aprobada en solitario polo PP no Parlamento Galego, e que triplicará o que a xente ten que pagar pola auga.

A lei é especialmente inxusta para a xente do rural galego e mais incrementará os recibos da zona urbana con abastecemento público, precisamente nestes tempos de crise. En Cabanas máis de 200 persoas xa remitiron o seu escrito de queixa contra a imposición do canon da auga e o BNG conseguiu o rexeitamento da Lei no Pleno inda que o PP local rexeita frontalmente cuestionar esta nova suba de impostos.

5 de mar. de 2011

Día Mundial da Eficiencia Enerxética, o BNG aposta polo aforro enerxético e a divulgación social

O BNG propuxo no seu programa electoral de 2007 como prioridades a incorporación de enerxías renovables e mais a  mellora da eficiencia enerxética  na edificación e na iluminación pública. Así mesmo, na lexislatura anterior a Corporación aprobara por unanimidade un Plan de saneamento sen gasto en bombeos. Así mesmo, o BNG foi o único grupo que presentou unha moción encamiñada a aplicar un aforro en combustibles e electricidade que nunca se aplicou
Cabanas.- Hoxe, 5 de marzo, celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética para reflexionarmos sobre o uso da enerxía e os impactos que no ambiente ten a súa produción, transporte e consumo.
Con tal motivo, as administracións promoven campañas publicitarias para fomentar hábitos de aforro, aínda que só adoptan medidas illadas ou conxunturais obrigadas pola crise e manteñen políticas de tirar os cartos. As estratexias de aforro, eficiencia e suficiencia enerxética deberan ser transversais, mais son esquecidas na execución das infraestruras e proxectos faraónicos.

A administración local gobernada polo PP-AEC instalouse na cultura do dispendio e obviou o plan de aforro no saneamento ao crear nesta lexislatura dous bombeos de augas residuais en Pedreiras e  Porto, sumoulle a planificación do abastecemento a Vilar do Colo con varias estacións de bombeo de auga dende o Eume. Incrementou os custos enerxéticos e económicos do servizo de recollida de lixo. Así mesmo, instalou iluminación pública en zonas de caracter forestal ao tempo que recortaba iluminación nos rueiros co apagado alterno de puntos de luz, unha política ineficiente e perigosa para a circulación. Tampouco o actual goberno local aplicou medidas específicas de aforro nos edificios municipais. A coalición de goberno PP-AEC segue a insistir en políticas desbaldidoras de recursos e que causan graves impactos ambientais mentres emprende campañas que ninguén comparte despois de subir os impostos durante toda a lexislatura.
Propostas do BNG
Para o candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, Xosé Manuel P. Sardiña, "as nosas propostas comprobáronse por un período breve e aí están as placas solares nos edificios e un saneamento sen gastos extra". Considera que "a veciñanza debe acreditar en medidas e campañas de aforro. O BNG vai facer do Concello un exemplo no desenvolvemento de medidas para o aforro, a eficiencia e a suficiencia enerxética nas súas instalacións e servizos. E a seguir, impulsará un Plan de Aforro Local (PAL) orientado preferentemente a aqueles sectores económicos con maior consumo e que impulse a divulgación social e a educación ambiental na xestión responsable dos recursos".

2 de mar. de 2011

Cabanas chega xa ao 21,41% de persoas paradas

Cabanas.- O desemprego supera amplamente o 21% no Concello de Cabanas, hai que remontarse a 1995 para atopar cifras semellantes de persoas anotadas nas oficinas de emprego, segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia.
O paro incrementouse nun 2% nos últimos dous meses e  confirma a diagnose do BNG, que consideraba o goberno da coalición PP-AEC como unha factoría de persoas paradas.
A media do último trimestre incrementouse ata as 247 persoas apuntadas nas oficinas de emprego e a caída da actividade económica está a ser palpable.
Novo rumbo
A destrución de emprego estase a acelerar, a consecuencia directa de que a coalición de goberno local desatende a economía local, fai sudokus para maquillar os datos e desaproveita as oportunidades do Concello.De cara aos vindeiros meses, para o voceiro do BNG, Xosé Manuel Sardiña, será prioritario conseguir o apoio da xente para loitar con políticas innovadoras contra o desemprego.

 Feijoo, desemprego e falacias

O número de persoas en desemprego chegou en febreiro a 261
Porcentualmente, o incremento do paro en Cabanas, de febreiro de 2010 a febreiro de 2011, triplica o incremento de Galiza e cuadriplica o do Estado. Neste último ano o paro aumentou no Estado nun 4,08%, en Galiza un 6,02% mentres en Cabanas subeu o 19,72%.
Este mes de febreiro aos 261 desempregados/as (21,4%), desde que a coalición PP-AEC está no goberno local o paro incrementouse nun 80%. As promesas do PP de solucionar o paro en 45 días son coma a auga chirla.