30 de maio de 2009

O PP rexeita crear o Fondo Municipal contra a Crise proposto polo BNG

A iniciativa do BNG para a creación dun Fondo Municipal contra a Crise atopouse coa oposición frontal de PP e José Rey
No Pleno ordinario do 27 de maio, os gobernantes locais rexeitaron crear co remanente de tesourería de 2008 un Fondo Municipal de Axuda ás Familias, a través do que se impulsarían dun xeito obxectivo e non caciquil canles de axudas a aquelas familias con todos os seus membros sen traballo ou en condicións de precariedade económica e laboral.
A aposta do BNG por impulsar os servizos sociais básicos atopouse co rodillo da coalición de comenencia que agora se nega a dotar de fondos a asistencia social urxente. Contrasta esta pechazón coa apropiación do remanente de tesourería que realizaron hai un ano e medio para cobrar do erario público os concelleiros do goberno, posto que a coalición PP-AEC non tivo ningún rubor en desviar máis do 50% do superávit de 2007 para retribucións excesivas e non axustadas á realidade presupostaria local. Neste momento as remuneracións do goberno local roldan os 150.000 euros no seu conxunto.
Por outra banda, a moción popular sobre bilingüismo saíu adiante grazas ao voto de Pepe Rey e a abstención do Grupo Mixto (PSOE e IVC). Malia que o portavoz popular e o alcalde negaron a importancia do asunto da lingua, presentaron a moción sen rexistrar unicamente para criticar ao BNG.

Xosé Manuel Sardiña opina sobre o "bilingüismo cordial"

Polo seu interese achegamos a opinión do portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, sobre o "bilingüismo cordial" do Partido Popular (preme no play para escoitar).

O alcalde do PP actúa ao ditado do seu grupo político nos Plenos

As interrupcións, os insultos e as faltas á orde dos membros do Grupo Popular evidencian un manexo ao seu antollo e para o seu beneficio partidista da presidencia do Pleno.
O alcalde piloto non chama á orde cando reiteradamente o portavoz popular, Luis Chillón, interrompe as intervencións nacionalistas para insultar con lindezas como "batasunos" e "violentos son ustedes" ou para ditarlle ao alcalde o que debe facer co portavoz nacionalista.
As ordes do grupo popular, tamén retransmitidas pola concelleira de Cultura, son executadas con obediencia por Germán Castrillón, que acaba obstaculizando a intervención con chamadas ao remate do tempo, sen ter en conta os cortes provocados polos seus, ou establecendo o tempo arbitrariamente sen ton nin son (10 minutos, 1 minuto...).
As discusións, descualificacións persoais e queixas do Grupo Popular provocan a crispación e son utilizadas deliberadamente como atrancos para dificultar a exposición en liberdade dos argumentos do Grupo do BNG. Deste xeito, o alcalde popular non dirixe o Pleno, senón que alenta os seus acólitos a impoñer unha posición de superioridade intolerante e sectaria.

29 de maio de 2009

Acto o 1 de xuño en Laraxe ás 20 h

Acto do BNG
Data: 1 de xuño
Hora: 20.00 h
Lugar: Escola de Laraxe.

Falarán
Xosé Manuel Pérez Sardiña (Portavoz municipal)
Pablo Villamar (Vicepresidente da Deputación da Coruña)
Ana Luísa Bouza (Parlamentaria en Compostela)

24 de maio de 2009

Faroladas para o medio ambiente

PP e AEC aproveitan, como non ía ser doutra maneira, as bondades do Fondo Estatal de Investimento Local. Este Fondo Estatal non limita as accións concretas para loitar contra a crise económica e acábase convertendo nun todo-revolto. Fomos comprobar o resultado de propostas sen sentido de gobernantes esgotados centrados en colocar cartaces case tan custosos e inverosímiles coma a propia obra.
Deste xeito, unha das principais actividades contra a crise emprendida pola coalición PP-AEC, amparados neste Fondo do dispendio, consiste en colocar farolas para incrementar a fotosíntese das plantas propias de lugares inhóspitos. Mentres en Cabanas hai zonas habitadas con deficiencias na iluminación pública, o goberno local entendeu que colocar farolas por zonas boscosas pode solucionar a crise na que o mundo está inmerso.

As propostas da coalición gobernante para a iluminación de viais que discorren por zonas forestais:
- Iluminación pública Xabariz-Os Durás 54.759,89 € (máis propiamente Xabarís-Encrucelada da Uchiña-Os Sardiñas)
- Iluminación pública parroquia de Santa Cruz 42.119,86 €
- Iluminación pública Cádivas-Depósito 26.174,22 €

Total 123.053,97 e 63 novos puntos de luz (1.953,238 €/poste-lámpada)


Pois ben, o 80% dos postes (50) localízanse en zonas cualificadas como forestal nas Normas Subsidiarias de Planeamento ou propias do couto de caza, mentres o 20% restante resulta que coincide con postes xa en servizo (como se pode comprobar na foto da esquerda).
Xa na pasada lexislatura as faroladas favoreceran a aprobación do orzamento que presentou o tránsfuga, José Rey.
Que quererán solucionar desta vez? A crise non, ben seguro.

23 de maio de 2009

O alcalde decreta contra os dereitos de participación e liberdade de expresión

O Partido Popular e a Agrupación de Electores acurtan ao seu antollo dereitos básicos da veciñanza, dos grupos municipais e dos concelleiros

O alcalde decretou unha limitación e vulneración dos dereitos de participación política dos concelleiros, dereitos recoñecidos nos últimos 30 anos de democracia local.
En tan só dous anos, o Partido Popular minguou os dereitos de participación que tanto tempo e sacrificio custou alcanzar, uns dereitos plenamente establecidos na nosa localidade nos últimos 30 anos e que en apenas 24 meses o alcalde se encargou de dilapidar.
Xa deu os primeiros pasos nada máis ser escollido, pasando a celebrar os Plenos cada dous meses e derrogando o Regulamento Orgánico Municipal co fin de dificultar seriamente o control e fiscalización da oposición. Así mesmo, a alcaldía foi minguando as quendas de intervención pasando de gozar de tempo ilimitado para defender unha moción a cinco ou dez minutos na actualidade segundo decida arbitrariamente no mesmo momento. Asemade, negou sen xustificación o debate de iniciativas do BNG e tampouco responde ás nosas preguntas escritas e orais, non permitiu a intervención das asociacións ou dos veciños en plenos de especial relevancia inda que o solicitaron previamente por escrito, entorpeceu a convocatoria de Plenos extraordinarios solicitados pola Corporación e ocultou aplicando o rodillo información relevante para adoptar decisións, como pode ser a relativa á suba inxustificada de impostos, ós grandes proxectos sobre infraestruturas e ás sentenzas xudiciais desfavorables ao concello.
Non contentos co retroceso democrático, hoxe, día sen actividade no Concello, comunicou un novo recorte que achega o noso municipio a unhas regras máis propias doutros tempos, nas que procuran atrancar a participación e as posibilidades de crítica a un mandato caracterizado polo dispendio e o caciquismo.
As modificacións aprobadas hoxe son:
- Limitación do punto "Rogos e Preguntas": 3 rogos e 5 preguntas por grupo político cada dous meses.
- Limitación dos rogos e preguntas dos concelleiros: máximo 1 rogo e 1 pregunta por concelleiro cada dous meses.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG condena rotundamente este grave atentado contra os dereitos dos representantes dos cidadáns, que deixa en evidencia a Cabanas, pola actitude antidemocrática da coalición PP-AEC e o gran descoñecemento da cultura social, política e participativa da localidade. Trátase dunha actitude ditatorial e impropia dunha sociedade moderna e evolucionada.

22 de maio de 2009

Pleno ordinario de maio de 2009

O vindeiro mércores 27 hai Pleno ordinario ás 19.30 h.
Chegou o momento, a cidade do motor debe aturar as iniciativas taxadas en tempo e número no Pleno de control establecido cada dous meses.
A orde do día establecida polo alcalde vai sen contido:

1. Aprobación de actas anteriores
2. Convenio RAEE
3. Moción PP sobre Bilingüismo cordial
4. Informes de presidencia
5. Rogos e preguntas

Coa convocatoria achégase unha novidade que non podía tardar moito aparecer, o alcalde piloto comunica un recorte drástico de rogos e preguntas para os grupos municipais (5 preguntas e 3 rogos) e mais para os concelleiros (1 pregunta e 1 rogo). Faríao co seu tenente alcalde, pensando que a democracia é un "desenfreo" ao que lle hai que poñer orde para esquencer as cousas.

21 de maio de 2009

Eleccións europeas, as votacións serán o 7 de xuño

O vídeo electoral do BNG:



A sondaxe do Centro de Investigacións Sociolóxicas apunta un incremento de apoios considerable para Europa dos Pobos-Verdes, fronte onde está integrado o BNG xunto con ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna e a Chunta Aragonesista.

'Europa dos Pobos-Verdes' roza os dous escanos
O CIS prognostica que esta plataforma terá un representante no Parlamento Europeo e o 3,6% por cento das papeletas, a unha décima de acadar o segundo posto no Europarlamento. No 2004 esta candidatura xa tiña un escano, grazas ao 2,4 por dos votos que logrou entón, unha porcentaxe que agora podería aumentar máis dun punto pola incorporación do BNG e Aralar.
Máis información

20 de maio de 2009

O PP impón o director da CRTVG

O nomeamento do director da CRTVG xerou unha forte polémica no Parlamento Galego sobre o consenso dos nomes elixidos. Nun momento en que os medios públicos galegos teñen unha audiencia récord, o PP optou por apostar por recuperar persoas da "era Fraga".


Alfonso Sánchez Izquierdo, ex director de La Región, será nomeado mañá, no Consello da Xunta como novo director xeral da CRTVG. Unha decisión tomada unilateralmente polo PP sen consensuala co resto de forzas parlamentarias.
Tamén se especula con que Lois Pérez Fernández e Francisco López Iglesias serán os novos directores da Televisión de Galiza e da Radio Galega, respectivamente.

Conversas entre PP e PSOE
Populares e socialistas confirmaron as reunións mantidas entre uns e outros. Difiren se foron formais ou non e da existencia de acordo respecto de este nomeamento.
Pedro Puy, viceportavoz do grupo parlamentar, trasladoulle ao portavoz do grupo socialista catro nomes, o PSdeG dixo que un deles era un nomeamento "aceptable" e afirmou que o presidente do grupo socialista "reuniuse con esta persoa".
Exclusión do BNG
O BNG confirmou que "non o tiveron en conta" no nomeamento de Sánchez Izquierdo e Carlos Aymerich sinalou que "é unha persoa nomeada unilateralmente polo PP baixo a capa dun consenso parlamentar que non existe". Asegurou que o BNG foi informado onte preto das 20,00 horas co asunto pechado e incluído no Consello da Xunta.
Ademais, o BNG propón "cambiar a lei" e "garantir" que o ente público funcione con "pluralidade informativa", entre outras cuestións.

17 de maio de 2009

Ao redor de 50.000 galegos participan na manifestación en defensa do idioma

O "dereito a vivir en galego" superou os impedimentos dun día de mal tempo e a participación na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística foi masiva.
Foron hoxe miles as persoas que se xuntaron para esixir que se respecte o "dereito a vivir en galego" e pedirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non derrogue o decreto que regula o uso do galego no ensino.
A grande manifestación partiu ás 12 da mañá da Alameda compostelá e ía encabezada por un grupo de nenos que levaban unha pancarta co lema 'Señor Feijóo, queremos xogar e aprender en galego'.
Tras eles ían os membros da Mesa e Carlos Callón que pediu a Feijóo "que se apropie do galego e tome exemplo das persoas que se reuniron aquí".
Na cita houbo así mesmo representantes do mundo da cultura, como Manuel Rivas ou Antón Reixa. Yolanda Castaño, Nemésio Barxa, Teresa Moure e o galeguista Avelino Pousa Antelo leron o manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego na ateigada praza da Quintana.
Acudiron ao chamamento da Mesa membros destacados do BNG, como Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Francisco Jorquera, Teresa Táboas, Ana Pontón, Alfredo Suárez Canal ou Carme Adán, entre outros.

12 de maio de 2009

Imos a Europa, vés? Con Galiza outra idea de Europa!: Ana Miranda

O BNG percorrerá 'todo o país' co fin de lograr o 'máximo' apoio á Coalición Europa dos Pobos-Verdes, na que a candidata do Bloque, Ana Miranda, ocupará o segundo posto, segundo destacou hoxe o voceiro nacional da organización frontista, Guillerme Vázquez. O novo portavoz avanzou unha 'intensa' campaña e erixiu ao BNG 'na única alternativa' para que Galiza teña 'voz propia' en Europa.
“Nación europea”
Miranda prometeu unha campaña que se impulsará desde "a humildade e a transparencia" para convencer os galegos de que apoien unha formación que defenderá a Galiza como "unha nación europea". Vázquez e Miranda erixiron o BNG en "única alternativa" para que Galiza participe en Europa.
"Queremos defender os intereses de Galiza e facelo en galego", proclamou a candidata nacionalista e criticou o "escaso" interese prestado polos partidos estatais á problemática do país en sectores como a agricultura ou a pesca.
Fronte a iso, garantiu que o BNG traballará por e para defender Galiza "sen intermediarios e sen pasar por Madrid" precisamente cando a UE abordará en breve asuntos importantes como a reforma da política pesqueira común, a directiva de servizos europeos ou a negociación dos fondos estruturais. "Non somos euroescépticos nin eurooptimistas, somos Europa", concluíu.

Candidatura
Na candidatura do BNG, acompañarán a Ana Miranda Alberte Souto, ex secretario xeral da Consellaría de Medio Rural, Encarna Otero –ex directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda– ou Helena Veiguela, ex directora xeral de Promoción industrial. Na lista nacionalista intégranse tamén Iolanda Veloso, Cosme Eladio Pombo, Iván Area, Xavier Vence e Edelmiro López. Margarida Vázquez, concelleira de Igualdade no Concello da Coruña, pecha a lista como suplente.

Eleccións europeas: o candidato do PP entre os máis vagos

Mayor Oreja foi xefe de filas do PP en Europa, pero no pleno do Parlamento Europeo tivo unha actividade política máis ben cativa que o sitúa na parte baixa da táboa que mide o número de preguntas presentadas, opinións escritas ou intervencións en debates.
A web Parlorama.eu colócao no posto 696 entre os 920 parlamentarios que pasaron pola institución, no furgón de cola. Falou no plenario 19 veces en cinco años, presentou sete resolucións con outros parlamentarios e rexistrou cinco preguntas.
O terrorismo, monotema nos mitins do PP en Cabanas, foi tamén obsesión nesta lexislatura para o eurodeputado e mesmo acabou votando en contra dun informe seu porque nas modificacións se fixo referencia á Alianza de Civilizacións. Ademais, Mayor Oreja negouse a condenar o golpe de Estado de Francisco Franco, votando cos eurodiputados de extrema dereita da cámara.

Faltou a 49 plenos
A web Votewatch.eu, elaborada por académicos da Universidade Libre de Bruxelas e a London School of Economics, indicou que a presenza de Mayor Oreja ocupa o posto 35 en asistencia ao pleno, xa que faltou en 49 días de sesión plenaria.

10 de maio de 2009

Pleno extraordinario o vindeiro mércores 13 ás 19.30

Despois das viaxes de lecer a Centroeuropa e illas Baleares (sería con yate incluído... ;) chegou o momento de facer que se atende o concello.
O vindeiro mércores 13 hai Pleno extraordinario para sobre todo consumar a suba dos impostos municipais a través das contas de 2009.
A orde do día:
1. Sorteo mesas electorais para as europeas
2. Adhesión ao consorcio de turismo de Eume-Ferrol-Ortegal
3. Solicitude subvención servizos sociais
4. Modificación proxecto Acondicionamento áreas infantís
5. Aprobación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Cabanas
6. Orzamento Municipal para 2009

A importancia do Orzamento municipal queda polo final da lista nun ano de crise fonda.
Teresa García apuntou que se trata de "un orzamento orientado aos gastos superfluos no canto de aos investimentos reais, os necesarios en tempos de crise".

8 de maio de 2009

Que fixo o PP en apenas un mes na Xunta:
















- Nomear cargos sospeitosos de corrupción
- Nomear unha metade do goberno incapaz de falar en galego
- Nomear un ex candidato de Falange
- Nomear aos fillos de Baltar e José Castro en postos relevantes
- Nomear moitísimos cargos da Xunta de Fraga en postos relevantes
- Nomear 60 cargos de libre designación nas delegacións provinciais cando antes había 52
- Promover o analfabetismo en galego entre a poboación infantil
- Eliminar a obriga de os funcionarios coñecer o galego
- Baixar os impostos dos ricos e deixar como están os dos pobres
- Arrasar coa costa para beneficio das construtoras
- Privatizar a CRTVG
- Suprimir as Galescolas
- Anunciar a supresión das seleccións deportivas nacionais
- Declarar que os galegos somos "españoles"
- Pedirlle ao monarca que nos visite o ano que vén
- Menosprezar a cultura galega
- Anunciar novas políticas de abandono do rural
- Apañar o Citroën coa neveira de 20 € da Vicepresidencia de Quintana
(...) to be continued
- Suprimir Galiza por Galicia e consellaría por consellería -grazas polo apunte!;)