29 de nov. de 2009

PP e AEC atrancan o pronunciamento do Pleno sobre unha Lei de Caixas proposta polo BNG

O BNG presentou xusto antes da convocatoria de Pleno Ordinario unha moción para que a Corporación Municipal se pronunciase no actual debate político a prol dunha nova lei que regule as caixas galegas, xa aprobada no Parlamento de Galiza por todos os grupos políticos.
En todo caso, no desenvolvemento da sesión foi presentada por vía de urxencia para o seu debate en Pleno. Pola contra, en Cabanas o PP e a AEC, seguindo a orde do traballador de Caixanova e portavoz municipal do PP, Luís Chillón, votaron en contra da urxencia da moción nacionalista. O xesto e o voto negativos de Luís Chillón evidencia unha vez máis a ética dun representante municipal que non se abstén nun asunto relacionado directamente coa súa patronal.
Dentro de dous meses pode ser tarde xa para que Cabanas se pronuncie sobre un asunto tan transcendente para Galiza. O texto da iniciativa expoñémolo a seguir:
Cando a crise financeira está a provocar un amplo debate sobre o modelo de caixas de aforro en Galiza, Cabanas non pode ser allea. Alén do seu carácter de entidades financeiras, as caixas -pola súa natureza fundacional- teñen unha vocación social e unha vinculación co territorio no que se asentan e constitúen o principal instrumento financiador da economía galega.

A situación actual de recesión económica e de dificuldades financeiras fai necesaria a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país. Cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego.
Por outra banda, a precipitación de acontecementos e novas sobre a reestruturación das entidades de crédito, logo da constitución do Fondo Ordenado de Reestruturación Bancaria (FROB), obriga a ter unha posición común en defensa da galeguidade das caixas de aforro de Galiza, a salvagardar as competencias exclusivas que sobre as caixas de aforro se recoñecen no Estatuto de Autonomía, e a adoptar decisións sen demora que garantan a solvencia das caixas galegas e a recuperación do seu papel de canalización do aforro galego cara os sectores vitais da nosa economía produtiva.
A consecución deses obxectivos obriga necesariamente a que as caixas de aforro galegas manteñan os seus centros de decisión en Galiza, mais tamén a abordar unha reforma legal pola que se reforce a función de protectorado e control público das caixas de aforro, dada a súa natureza e función social, para conectalas coa estratexia económica máis acaida aos intereses económicos xerais do país; así como se mellore a transparencia no seu funcionamento, afondando nunha maior democratización dos seus órganos directivos.
Deste xeito o BNG somete á consideración do Pleno a aprobación a que inste á Xunta de Galiza a asegurar que o centro de decisión das caixas de aforro galegas se manteña, en todo caso, en Galiza e mais ao Parlamento de Galiza a que aprobe unha lei reguladora das caixas de aforro galegas que asegure o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía produtiva e a criazón de emprego en Galiza, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do noso país.

28 de nov. de 2009

A Deputación Provincial destinará 787.000 euros á mellora da estrada Porto-Laraxe


A obra da Deputación da Coruña para 2010, aprobada onte polo pleno da institución provincial cos votos favorables de todos os grupos, atende a meirande parte das alegacións presentadas pola veciñanza ao proxecto inicial. O BNG xa se pronunciara a prol do consenso con todos os veciños que tamén promoveu o bipartito PSOE-BNG.
O BNG preguntou pola situación do expediente no Concello o pasado mércores, ao coñecer que o 30 de setembro lle fora solicitado por escrito dende a Deputación un informe. Nese escrito da Deputación, solicitábase o pronunciamento municipal sobre as modificacións propostas segundo as alegacións veciñais. O organismo provincial deulle participación á coalición de goberno local antes da aprobación definitiva de onte. Non obstante, PP e AEC restrinxiron a participación e a información excluíndo novamente aos veciños e ao BNG.
Á vista desta boa nova para Porto, "o BNG vai solicitar que o Pleno do Concello aprobe o proxecto á maior brevidade para que a administración provincial poida avanzar na licitación e contratación dunha actuación demandada pola veciñanza da zona", avanzou o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña.
Ligazón: La Opinión

27 de nov. de 2009

Castrillón perdeu o sentido da realidade coa caída do cruceiro do Areal

As últimas declaracións do alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, poñen en evidencia a responsabilidade del e do seu socio, José Rey, na recuperación do cruceiro do Areal, ao poñeren reiteradamente en perigo a recuperación do ben patrimonial inventariado pola Xunta de Galiza.

PP e AEC aplíquense o dito: cóllese antes a un mentireiro ca un coxo

Despois de o alcalde declarar o 24 de novembro de 2009 que «Os servizos municipais fixeron unha coidadosa recollida de todos os fragmentos nos que quedou o cruceiro e despois comenzaron os traballos para a súa restauración, nos que se comprobou que non faltaba peza algunha do mesmo» ou no Diario de Ferrol, «La Alcaldía puntualiza que, en ningún caso, el responsable nacionalista puede estar en posesión de los pies del Cristo por la “coidadosa recollida de todos os fragmentos” por parte de los servicios municipales», atopámonos cunhas declaracións cargadas de ira e xenreira no canto de aledarse pola recollida e entrega por parte do portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, de tres anacos pertencentes á talla. Dos que o terceiro anaco de 4,5 cm de longo era clave para completar a desfeita do cruceiro.
Non son extraños os trasacordos ao redor deste tema, posto que tal e como recollen as hemerotecas o responsable de Turismo, Luís Fachal, bótalle a culpa da caída do cruceiro do Areal a un camión mentres que pola contra o alcalde o contradicía días máis tarde responsabilizando ao vento.
O martes 24, sen recibir unha soa comunicación do Concello nin telefónica nin por escrito, Xosé Manuel Pérez Sardiña tomou a inciativa unha vez máis e recolleu os restos do cruceiro nun solar próximo en que permaneceron desde o xoves 19 abandonados. A seguir entregounos no Concello oficialmente para que os tratasen axeitadamente co fin de atopar os anacos de pedra que lle faltaban ao ben.
No pasado Pleno da Corporación de 25 de novembro, o nerviosismo do Partido Popular e da Agrupación de Electores non lles permitiu valorar a achega do portavoz do BNG na recuperación da totalidade do cruceiro. Mentres no Pleno o portavoz popular, Luís Chillón, lía no informe da técnica en restauración: «Por el contrario si que aparecieron dos pequeñas lascas de corte reciente de granito de tamaño despreciable e inútil para su restitución así como un pequeño fragmento con una arista por la parte externa al corte fresco por el interior con un tamaño de 4,5 cm de largo y uno de ancho», pola contra Germán Castrillón só declara no recente comunicado a existencia de dous fragmentos e oculta a existencia dun terceiro só con fins propagandísticos, facendo gala da política máis sucia e rastreira que profesa.
O portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, demándalle á coalición PP-AEC unha rectificación pública e unha lectura completa dos informes municipais, así como a valoración por técnicos de Patrimonio da Xunta de Galiza de todo o acontecido: a caída, o abandono durante unha noite ao pé da N-651 e a perda dos anacos pertencentes ao cruceiro que logo atopou Xosé Manuel Sardiña. "Fixen o que calquera veciño faría por respecto ao cruceiro. Pese á prepotencia e incompetencia dos gobernantes actuais de Cabanas, recollín os restos en presenza das cámaras da Localia Ferrol, a quen lles hai que agradecer publicamente o seu interese e dispoñibilidade, e entregueinos a seguir por rexistro con toda a boa vontade de contribuír á recuperación plena do ben patrimonial que debe estar de volta no Areal á maior brevidade", asegurou e sentenciou que "fixen o que debía a pesar do desprezo co que o PP e AEC están tratando este tema".


26 de nov. de 2009

PP e AEC rexeitan o mantemento das oficinas de I+B e dos programas de inclusión social, familia e menores

O BNG exixiu a través dunha moción no Pleno de Cabanas o mantemento da oficina de I+B e dos seus programas, pero o PP quéreos liquidar a toda custa só por revanchismo político. Os votos en contra do PP e da Agrupación de Electores rexeitaron manter a oficina de I+B das Pontes, tan necesaria e demandada por diversos colectivos comarcais. Unha vez máis, no sentido do voto dos grupos de Germán Castrillón e José Rey prevaleceu o recorte de servizos sociais destinados á cidadanía imposto por Feijoo. 
Na actualidade hai no noso país 18 oficinas de I+B, ás que hai que sumar a do módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro, e que atenden 294 concellos, é dicer, a práctica totalidade dos municipios galegos, agás os de carácter urbano.

Estas oficinas actúan, en plena coordinación cos servizos sociais municipais, desenvolvendo programas en materia de menores, como é o Plano Estratéxico Galego de Infancia e da Adolescencia, que ocupa a 28 traballadores e traballadoras; loita contra a pobreza e inclusión social, co Plano de Inclusión Social de Galiza 2007-2013, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e que ocupa a 46 traballadores e traballadoras; igualdade, co Plano de Igualdade de Oportunidades, desenvolvido por 18 traballadores e traballadoras; e, familia, a través do Plano Integral de Apoio ás Familias, atendido por 12 traballadores e traballadoras. En total, 104 traballadores e traballadoras, aos que hai que sumar as 9 persoas que integran a equipa coordinadora e 3 profesionais que exercen no módulo Nelson Mandela de Teixeiro. Cómpre lembrar que son todas e todos profisionais que accederon aos seus postos de traballo despois de superaren, de conformidade coa normativa reguladora do acceso ao emprego público, as correspondentes probas selectivas tal e como o pasado 3 de novembro recoñeceu a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, rectificando as manifestacións verquidas no curso dunha comparecencia parlamentaria o pasado 23 de outubro nas que cualificou as oficinas de I+B como “oficinas de emprego do BNG”.

Aínda tendo en conta todo isto, tanto a Conselleira de Traballo e Benestar como a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, seguen a deitar dúbidas sobre o futuro destas oficinas e das súas traballadores e traballadores, avogando para que sexan os concellos os que asuman os servizos que se prestan na actualidade e remitindo a súa continuidade á negociación coa FEGAMP. Ameázase deste xeito con pór fin a unhas oficinas que, desde un punto de vista integral e multidisciplinar, supuxeron unha clara melloría na prestación dos servizos sociais no canto de as afortalar dando continuidade a un proceso de consolidación de emprego para os seus traballadores e traballadoras paralisado pola Xunta do PP. Hai que ter en conta que estas oficinas de I+B traballan en permanente coordinación cos servizos muncipais, que ven desconxestionar o seu traballo ao permitir derivar cara elas un volume importante de asuntos.

O grupo municipal do BNG proponlle ao Pleno da Corporación municipal que inste á Xunta de Galiza a manter as oficinas de I+B coas funcións actuais en materia de familia, igualdade, menores e inclusión social e mais dar continuidade ao proceso de consolidación de emprego para as traballadoras e traballadores das oficinas de I+B.

O BNG demándalle á Xunta que restaure o cruceiro do Areal, estragado en Cabanas



Santiago de Compostela, 24 novembro 09.- A deputada do BNG pola comarca de Ferrolterra, Ana Luisa Bouza, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle demanda á Consellaría de Cultura e Turismo que realice os traballos necesarios para restaurar o cruceiro do Areal, no concello de Cabanas, un monumento, que está inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Ana Luisa Bouza lembra que o cruceiro, ubicado na marxe da N-651, apareceu o pasado 20 de novembro estragado no chan.
A deputada do BNG denuncia que “os danos non foron avaliados e botaron uns días os restos do cruceiro no chan sen máis atención que unha cinta plástica arredor para evitar calquera accidente”. Asemade critica a falta de actuación do Concello de Cabanas.
“Agora -lembra- os restos do monumento permanecen en dependencias municipais agardando que persoal da Xunta se persone para aviar os danos e definir o futuro”.
Ana Luisa Bouza advirte “da posibilidade de que se perda un ben cultural irrepetíbel, que algúns estudosos datan sobre comezos do século XVII”.
Ante isto, a deputada do BNG esíxelle ao Goberno galego se coñece a situación e se ten previsto realizar os traballos necesarios para restaurar o cruceiro.

25 de nov. de 2009

O BNG demanda o completo desenvolvemento da lei para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero

A violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara da desigualdade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.

Nos últimos anos téñense dado pasos relevantes a nivel legal, superando unha visión que reducía o problema ao ámbito privado e asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira orde e que na súa erradicación deben implicarse o conxunto de poderes públicos e a sociedade.

A nivel galego, na pasada lexislatura, deuse un paso importante coa aprobación dunha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Unha lei que, por primeira vez, considera a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, recoñece dereitos para as mulleres que vivan unha situación de violencia no ámbito económico e social e articula toda unha serie de obrigas para as administracións públicas tanto no ámbito preventivo, como no formativo e na asistencia ás vítimas. Mais hai outro cambio relevante que introduce esta norma, a apertura dos recursos sociais a todas as mulleres con independencia de que conten cunha orde de protección ou non. Unha medida necesaria que vai na dirección de incrementar os resortes institucionais de apoio as mulleres. A aprobación desta lei supuxo paralelamente o incremento dos recursos destinados na Galiza a loita contra a violencia de xénero.

A Secretaría Xeral de Igualdade, cumprindo cun mandato estabelecido na lei, informou ao Parlamento Galego do grao de desenvolvemento das previsións contidas neste texto legal, así como daqueles aspectos que restaban poñer en marcha para completar o desenvolvemento da mesma, non obstante, o novo goberno da Xunta, non parece ter interese en por en funcionamento eses instrumentos lexislativos, considerando prescindíbeis e superfluas as accións tendentes á erradicación da violencia de xénero.

A Lei prevé a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, un órgano institucional da Xunta de Galiza que ten por obxecto encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero. Unha medida importante a fin de contar con organismos e persoal especializado que permita facer unha análise sostida no tempo sobre a efectividade das medidas tomadas neste terreo e, consecuentemente, mellorar a eficacia das políticas e recursos que se dedican a esta finalidade. No informe elaborado a finais de 2008 pola Secretaría Xeral de Igualdade sobre o desenvolvemento da Lei 11/2007, consta a existencia dun borrador de decreto no que se estaba traballando a fin de poder cumprir con este mandato legal.

Estes e outros aspectos do texto legal quedan aínda por desenvolver, así como outras medidas que é necesario que se continúen impulsando para que teñan eficacia, como son as relacionadas coa sensibilización social ou a formación de todas e todos os profesionais en ámbitos relacionados, directa ou indirectamente, contra a violencia de xénero. Un silencio que nos preocupa, pois a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais vixentes nesta materia.

O BNG insta á Xunta de Galiza a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento; en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na lei.



24 de nov. de 2009

O BNG demanda o pagamento en prazo ás persoas beneficiarias da Lei de Dependencia

Numerosas persoas beneficiarias da Lei de Dependencia están denunciando o abandono que sufren por parte da Xunta de Galiza que non atende en prazo o pagamento das axudas.


O anterior goberno da Xunta viña abonando as cantidades relativas ás axudas para coidadores e coidadoras das persoas acollidas á Lei de Dependencia nos cinco primeiros días do mes. Nos últimos tempos, e coincidindo coa entrada do PP no goberno galego, o pagamento vense demorando cada vez máis; tal é o caso do mes de outubro pasado, onde a día 23 aínda estaban sen cobrar.

A propaganda da Xunta de Galiza pregoa que o gasto social para o ano 2010 non se vai reducir, pero a realidade é que o trato que se lle está a dar ás persoas usuarias da Lei de Dependencia contradí de plano este dato e bota por terra toda a propaganda que o PP está desenvolvendo, incluso a relativa a falta de financiación estatal que, aínda existindo, é só un dos varios problemas que a Xunta de Galiza non atende.

A maiores hai que indicar que dende a Xunta non se está a facilitar ningún tipo de información ao respecto, non hai literalmente a quen acudir, co cal a indefensión na que se atopa o colectivo de dependentes é patente. Coincide isto co marasmo e inacción da que fai gala a Consellaría de Traballo e Benestar, en xeral.

O certo é que a día de hoxe a Xunta de Galiza está aforrando o pagamento das persoas dependentes, engrosando as arcas públicas á conta daquelas persoas que máis o necesitan, as persoas máis indefensas da nosa sociedade.

Por isto, o Grupo Municipal do BNG proponlle ao Pleno de Cabanas instar á Xunta de Galiza a

1. Dotar nos Orzamentos para 2010 recursos suficientes para asegurar a cobertura de todas as persoas dependentes que, de conformidade co calendario de aplicación da lei, teñen dereito a receber a súa prestación.

2. Pagar en prazo as prestacións que teñen recoñecidas as persoas dependentes.

3. A instar ao Goberno do Estado a que dote Orzamentos de 2010 de recursos suficientes para asegurar as coberturas derivadas da Lei de Depedencia, de acordo co calendario de aplicación da lei.

4. Manter os planos de despregamento do Sistema Galego de Benestar, acelerando a apertura das residencias e centros de día xa construídos e a construción dos que xa están proxectados.

5. Colaborar cos concellos a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na prestación de servizos e prestacións sociais de calidade ao conxunto da poboación de Galiza.

23 de nov. de 2009

O BNG exponlle ao Pleno a súa proposta de criterios para unha reforma fiscal

A profunda crise do modelo económico neoliberal que veu impulsando o PP e o PSOE nos últimos anos, máis alá dos aspectos relativos á crise financeira, evidencia unha crise do modelo fiscal que se veu aplicando, e mostra os límites dunha forma regresiva e pouco igualitaria de entender a política fiscal.


Así, as políticas do PSOE e do PP foron na dirección de eliminar os aspectos progresivos da fiscalidade: aumentáronse fortemente os impostos regresivos como o IVE e os impostos especiais (carburantes, alcohol e tabaco) e, pola contra, reduciuse a importancia dos impostos directos, como o IRPF, Sociedades, Patrimonio, etc. O último exemplo témolo nos Orzamentos Xerais do Estado, onde o Goberno propón incrementar o IVE normal e reducido. O BNG opúxose de xeito rotundo á subida no IVE, por se tratar dun imposto de carácter indirecto, que non ten en conta as circunstancias económicas das persoas contribuíntes e que sobre todo repercutirá nas clases medias e traballadoras. Ademais, penaliza ás rendas baixas, pois son as que destinan unha maior porcentaxe da súa renda ao consumo. Exemplos anteriores nesta mesma liña son os seguintes:

1. Rebaixa continuada do tipo máximo do IRPF até situalo no actual 43%.

2. Rebaixa dos gravames sobre as rendas do capital (plusvalías, dividendos e intereses). Ademais, nos últimos anos eliminouse a distinción entre as plusvalías xeradas no mesmo ano (normalmente especulativas) e as rendas xeradas en períodos máis longos.

3. Creación de réximes de verdadeiro paraíso fiscal para os investimentos das grandes fortunas, como por exemplo as SICAV (Sociedades de Investimento en Capital Variábel), que teñen un tipo do 1%.

4. Supresión do Imposto de Patrimonio.

5. Desregulación financeira no plano internacional, que permitiu a aparición de canles cada vez máis amplas para a evasión e a fraude fiscal.

6. Relaxamento da inspección tributaria, que permitiu a extensión de grandes bolsas de fraude que afectan sobre todo ás rendas do capital e ao IVE.

Estas reformas foron presentadas como unha redución de impostos para todos e todas. Na práctica, estas reducións beneficiaron maioritariamente ás persoas máis ricas. As rendas medias e baixas non viron reducidos os seus impostos, senón que incluso os viron aumentados pola vía do aumento dos impostos indirectos e o salto de tramo no IRPF polo efecto da inflación.

Polo tanto, o problema non son os supostamente altos impostos, senón como estes están distribuídos na sociedade. Practicamente todos os países da UE con maior renda per cápita que a galega e a española teñen tamén unha maior presión fiscal. Débese aspirar a ter unha presión fiscal que permita ás administracións dispor de recursos suficientes que garantan a suficiencia financeira dos concellos e que permitan impulsar políticas que favorezan a cohesión social e polo tanto, garantan uns servizos públicos de calidade: educativos, sanitarios, pensións, servizos sociais, redes viarias, transportes colectivos, de promoción cultural, etc.

Existe tamén unha correlación positiva entre presión fiscal e cohesión social. Así, os tres países europeos con maior presión fiscal son os que teñen uns maiores niveis de igualdade social. Parece que os partidos que demandan unha redución xeneralizada de impostos teñen como referente a Eslovaquia, Lituania ou Romanía, os tres países con menor presión fiscal da UE, aínda que son máis coñecidos polas súas desigualdades e o baixo nivel de desenvolvemento.

Parellamente ás modificacións fiscais regresivas dos últimos anos, en Galiza e no Estado Español incrementáronse as desigualdades, e estas están na raíz da crise actual, posto que a baixa capacidade de compra das rendas modestas constitúe un freo á expansión da demanda e o consumo. Así, a fiscalidade debe ser entendida non só con finalidade recadatoria, senón como un instrumento clave para revisar o modelo de crecemento e fomentar a cohesión e a loita contra as desigualdades sociais. Polo tanto, é o momento de acometer unha reconsideración do conxunto do sistema fiscal para darlle coherencia, reequilibrar o peso dos impostos directos e indirectos e recuperar o seu caracter progresivo, de maneira que unha ampla maioría social, nomeadamente a clase traballadora e media, sexa beneficiada de tal reforma.

Deste xeito, instamos á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a retirada da proposta de incremento do IVE contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado, e presente unha nova proposta onde non se incrementen os impostos indirectos, e se dote ao sistema tributario de maior progresividade. Polo tanto, que se acometa unha reforma fiscal baixo os principios de progresividade, equidade e xustiza tributaria, que implique unha menor presión fiscal para as rendas medias e baixas, e maior presión fiscal ás rendas máis altas, e implique tamén gravar con maior progresividade as rendas procedentes do capital e de actividades especulativas, así como a adopción de medidas efectivas contra a fraude e a evasión fiscal.

22 de nov. de 2009

Sucesión de despropósitos da coalición PP-AEC co cruceiro do Areal

A coalición PP-AEC abandonou o cruceiro do Areal ata o seu absoluto deterioro. Deste xeito, non coidou a talla que acabou partindo pola metade, abandonouna toda a noite do mércores para o xoves na beira da N-651 e para rematala tirou á varredura restos do cruceiro, entre os que se atopan os pés do Cristo.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, iniciou unha ardua investigación e atopou os restos do cruceiro do Areal entre o serrín e o chapapote nun solar próximo. Xacían alí abandonados tres días despois da caída do cruceiro os pés de pedra e outros anacos da talla.

Para o nacionalista a actuación municipal raia "a máis absoluta incompetencia" nun proceso que pon, de forma reiterada desde o pasado mércores, en "serio perigo" a restauración do ben patrimonial catalogado. O representante do BNG explica que, así que atopou os restos, puxo os feitos en coñecemento da Policía Autonómica para que tomase as medidas oportunas.

"A veciñanza debe reflexionar sobre o que aconteceu estes días co cruceiro, un exemplo evidente do xeito de actuar da coalición PP-AEC: unha sucesión de despropósitos", conclúe Xosé Manuel Sardiña.

Nova relacionada: Cabanas perde os pés de Cristo

21 de nov. de 2009

Pleno ordinario de novembro de 2009

O vindeiro mércores 25 de novembro ás 19.30 horas na Sala de Plenos da Casa do Concello terá lugar o Pleno ordinario bimensual que tratará en total once asuntos.
Entre eles estarán as propostas do POS 2010, as mocións sobre violencia de xénero, tres mocións do BNG sobre reforma fiscal, mantemento de oficinas I+B e pagamento de axudas de Dependencia e outras tres do PP sobre Dependencia, contaminación mariña e intermodalidade urbana. Como xa é habitual a alcaldía dará conta das resolucións dos últimos dous meses e mais a oposición terá oportunidade de preguntarlle á coalición PP-AEC e presentarlle iniciativas á Corporación.

20 de nov. de 2009

A coalición PP-AEC responsabiliza a un camión e á Xunta da caída do cruceiro do Areal


Hai actuacións da coalición PP-AEC que non teñen desculpa posible, nin sequera utilizando informacións incertas.
Neste momento culpar á Xunta de Galiza ou a un camión da caída do cruceiro deixa máis en evidencia o auténtico responsable da desfeita que xa non sabe a que escusa vai recorrer para distraer a atención.
A nefasta xestión deste ben cultural durante 15 anos, apenas cunhas táboas que nin foron cambiadas e sen un sinal de tráfico advertindo da limitación no ancho para os vehículos que entran. Sinalar os responsables locais que enchen de sinais e pintados inútiles as pistas e a praia é volver sobre mollado.
Resulta que nin se lembran de que deixaron toda unha noite a obra cultural a carón, na N-651 , só protexida por unha núa cinta da policía local. Chamen a Patrimonio Cultural da Xunta para saber que o Concello ten un deber cos bens protexidos e se os abandona pódelle caer unha avultada multa.
Non fai falta explicar máis, foi o esquencemento, a falta de atención, a despreocupación e sobre todo unha incompetencia xa enfermiza que ameaza seriamente a imaxe exterior de Cabanas. Mirar para outro lado empeora as cousas, un alcalde entretido con coches históricos e desentendido dun dos maiores expoñentes da nosa cultura local evidencia a desidia e a falta de sensibilidade polos bens de Cabanas.

Xosé Manuel Pérez Sardiña
(Voceiro municipal do BNG)

18 de nov. de 2009

Cae o cruceiro do Areal pola desidia da coalición PP-AEC


Coas táboas xa podres, o inevitable desenlace víase chegar e acabou caendo o cruceiro centenario do Areal ao pé da N-651. Os danos non foron avaliados e só mereceu o adorno de cinta plástica de arredor para evitar calquera incidente. A situación deplorable en que queda evidencia o papanatismo máis absoluto á hora de afrontar a protección dun ben cultural irrepetible que algúns estudosos datan sobre comezos do século XVII.
Estamos diante dun novo episodio que evidencia a nula sensibilidade da administración local con respecto ao coidado do patrimonio cultural de Cabanas.
Non podemos rematar sen agradecer a inestimable colaboración cidadá que nos achegou a imaxe da esquerda. Unha foto para a historia que simboliza como ningunha outra unha verdadeira atrocidade institucional.

16 de nov. de 2009

PP e AEC atrancan as axudas da Deputación para promoción turística de Cabanas

O pasado 28 de outubro chegaba ao Concello de Cabanas un escrito da Deputación Provincial para que o grupo de goberno de PP-AEC completase a documentación para o Programa de Mellora da Calidade Turística da zona do Eume.
Para este Programa, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación, encabezada por Pablo Villamar, o Pleno aprobou en 2008 un proxecto para "Sinalización viaria municipal" e outro en setembro de 2009 para "Pistas de pádel na Veiga". As dúas obras corresponden á fase de 2009 posto que a Deputación non pode aprobar estas obras.
O goberno de PP-AEC logo dun ano aínda non corrixiu as deficiencias do proxecto de "Sinalización" para que cumpra a normativa de sinalización turística de Galiza e tampouco tramitou as autorizacións da COTOPT, Deputación e Consellería de Medio Ambiente. O sorprendente é que xa van tres modificados e un refundido do proxecto inicial para retirar os indicadores das estradas da Xunta e do Estado por falta de autorización. Non consta nada feito sobre a autorización de Medio Ambiente e sobre a adaptación da normativa de Turismo reclamadas pola Deputación.
En canto á solicitude máis recente, confírmanse as demandas do BNG en canto a  ausencia de autorizacións de Medio Ambiente e Territorio e Augas de Galiza e ausencia de certificación na que se conta cos terreos. A maiores faltan a acta de replanteo previo e o programa de desenvolvemento dos traballos, o plan de obra con previsión de tempos e custo.
A incompetencia na xestión da coalición de PP e AEC bloquea un  investimento de 120.000 euros durante o presente ano 2009. Estamos diante dunha parálise máis na xestión do PP que prexudica claramente a creación de emprego cando máis falta fai para superar o golpe máis duro da crise. As propostas da coalición popular-electoral semellan castelos no aire cando terían que estar centrados en captar maior investimento público para o Concello, máxime despois de perder unha axuda de 200.000 euros para instalar fibra óptica no polígono.

720.000 euros para a promoción turística do Eume penden dun fío
Esta iniciativa quere apoiar e colaborar con seis concellos da zona do Eume e, neste sentido, achega un máximo de 120.000 euros para cada entidade local.
Asemade, as axudas van destinadas á realización de investimentos en infraestruturas e á adquisición de equipamentos relacionados coa mellora e ampliación dos servizos turísticos, co obxecto de mellorar a competitividade turística do Eume e a súa sustentabilidade económica, social e ambiental. Os obxectivos concretos do Plan:
- Dotacións de infraestruturas, equipamentos e servizos turísticos axeitados ou no seu caso, mellora da calidade dos existentes.
- Potenciación da diversificación e mellora da oferta complementaria.
- Creación de novos produtos turísticos.
- Posta en valor do patrimonio cultural e natural.
- Mellora dos obradoiros de artesanía existentes na zona.
- Conservación e protección dos espazos naturais.
- Potenciar a mellora da calidade ambiental.
- Potenciar o turismo sustentable como eixe de desenvolvemento socioeconómico, cunha aposta decidida pola calidade e singularidade do produto.
- Potenciar actuacións de integración ambiental e de desenvolvemento rural, e que xire arredor de dous eixes vertebradores da zona como destino turístico: o Camiño Inglés e a Ruta dos Andrade.

11 de nov. de 2009

Segundo pleno extraordinario en sete días

Para o vindeiro venres 13 celebrarase unha nova sesión do Pleno da Corporación, convocada polo alcalde Germán Permuy. Comezará como é habitual na Sala de Plenos ás 19 h e tratarase os asuntos relacionados coa modificación do regulamento do rexistro de parellas de feito e mais a aplicación dunha nova taxa ás empresas de telefonía móbil.
Segundo nos apuntan, xa son tres as mocións do BNG pendentes de debater.

10 de nov. de 2009

A coalición PP-AEC duplica o orzamento para recollida de lixo

Ata no Google Street View aparece o lixo estrado.
Ampliar a imaxe mundial do Concello

No canto de prorrogar por mutuo acordo, a coalición PP-AEC licita o contrato do servizo de recollida ata os 158.710 euros ao ano. Un incremento dun 82% a respecto da anterior contrata, convocada en maio de 2001 cunha licitación anual de 87.146 euros. Naquela ocasión o Concello de Cabanas adxudicou a recollida de residuos sólidos urbanos por un período de oito anos, con dereito a unha prórroga de dous da que non vai facer uso.
O procedemento é aberto ademais de urxente e con "multiplicidade de criterios de valoración", deste xeito, as empresas interesadas en optar á prestación do servizo poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 16 de novembro.
Segundo sinala o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, os "continuos roces entre a empresa e o Goberno local" son un dos motivos para a finalización prematura do contrato. Un dos máis evidentes xurdiu cando PP-AEC lle retirara á concesionaria cesante a recollida de envases, empeorando visiblemente o servizo coa nova empresa adxudicataria.

Nova relacionada: La Opinión

3 de nov. de 2009

Pleno extraordinario para manter os altos impostos e tratar a perda de subvencións

O venres ás 18 h a alcaldía convocou un Pleno para tratar a modificación de dúas ordenanzas fiscais (rodaxe e contribución de rústica) e mais realizará a sétima modificación de créditos para pagar os intereses de mora por perder unha subvención do Ministerio de Industria.
Ademais a corporación tratará o proxecto modificado de sinalización viaria, o apoio ao sector lácteo, unha moción do PP sobre suba de impostos do Estado e mais outra do BNG sobre o novo Fondo Estatal para os concellos.
Non foi incluída outra moción do BNG a prol de servizos para as mulleres en conmemoración do 25 de novembro. As fontes consultadas apuntan a que o PP inda non tivo tempo de elaborar a súa e o Germán Permuy censurou a iniciativa nacionalista.