29 de xul. de 2009

O BNG critica que Castrillón abandone a atención do Areal da Madalena

A coalición de goberno local PP-AEC volve fallar un ano máis na xestión do Areal da Madalena. As protestas das persoas usuarias unha vez máis (nova relacionada) evidencian a incapacidade dun goberno que só sabe atender os seus intereses particulares e abandona as tarefas básicas de mantemento ano tras ano en Cabanas. O BNG considera que esta situación, por reiterada, merece o exercicio de responsabilidades políticas por hixiene democrática.
Hai dous meses que o Grupo Municipal do BNG preguntou pola situación das tarefas para atender o Areal da Madalena e a roza dos camiños. No Pleno de maio concretamente preguntou o seguinte:
"3. Nestas datas o concello debe facer fronte a dous labores moi demandados pola cidadanía, a roza dos camiños e a limpeza do areal da Madalena. Despois de comprobar a desastrosa xestión destes dous servizos en pasados anos por parte da coalición PP-AEC, a preocupación da veciñanza e do Grupo Municipal do BNG, que xa presentou iniciativas en Pleno encamiñadas á mellora na súa planificación, diríxese novamente á actuación do goberno local. Así mesmo, debemos lembrar que a Deputación Provincial da Coruña achegou un tractor, unha rozadora e tamén agora subvencionará a compra dunha máquina limpapraias con 85.000 euros -agardamos que o trebello seña de 1ª man- á espera de que o concello aprobe definitivamente o seu orzamento. Poderíanos expoñer o plan de traballo municipal para os meses de maio a outubro no referente a limpeza de camiños e mais da area da Madanela? Resposta Sr. Alcalde: Na área da Madalena está previsto e coñecen todos que Costas está facendo aí un traballo e loxicamente o concello vai facer os traballos da mellor forma posible, estase á espera de ter xente para facer todos eses traballos".
Unha vez máis tamén o alcalde escorreu o vulto e eludiu concretar as súas previsións, porque como se está a demostrar non existe un programa de traballos, só improvisación. Germán Castrillón e o que foi alcalde tránsfuga, José Rey, estanlle a ocasionar un grave dano á imaxe de Cabanas e a situación fixérona chegar a un punto de difícil retorno. Xosé Manuel Pérez Sardiña, voceiro municipal do BNG, cre que hai que poñerlle solución ao descoido das praias de Cabanas e considera que o problema principal está na incapacidade política do equipo de goberno PP-AEC.

27 de xul. de 2009

Pleno Ordinario de xullo de 2009

Este mércores hai pleno da corporación a partir das 19.30 h. En total trataranse 16 puntos da orde do día. Á parte da recadación de tributos delegada polo Concello na Deputación (sancións de tráfico e IBI AP-9) vanse tratar 3 mocións do PP (unha delas repetida de plenos anteriores), 2 do Grupo Mixto e 6 do Grupo Municipal do BNG. Rogos e preguntas, informes da presidencia ou aprobación de actas anteriores son os outros puntos.
O BNG presentou iniciativas sobre a volta á construción naval civil en Fene, servizos no Areal da Madalena, centro de día prometido por Feijoo, gratuidade dos libros de texto, defensa do idioma e do sector lácteo.

26 de xul. de 2009

O alcalde da lus nos montes

Autor: Anónimo
Apagha o candil,
alcalde, chus, chus,
apagha o candil
que subeu a lus,
que subeu a lus,
moito a verdá,
apagha o candil
e chéghate alá

Apagha o candil,
alcalde, chus, chus,
apagha o candil
e cobra 3000,
e cobra 3000,
moito a verdá,
apagha o candil
e márchate xa.

Esta copla é a primeira colaboración de autor anónimo que nos achegan a través de COLABORA CONNOSCO. Insuperable composición!

21 de xul. de 2009

O PP está pensando nun recorte da iluminación pública a partir da 1 da mañá

No Pleno ordinario de maio, Xosé Manuel Pérez Sardiña interesouse polo Plan de Aforro Enerxético que a coalición PP-AEC lle quere aplicar ao servizo de iluminación pública. Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que o Concello ten concedida unha subvención para aforro e eficiencia enerxética da anterior Consellería de Innovación.
Xosé Manuel ironizou co que "parece ser un punto forte na xestión" da coalición, tras evidenciar que, co Fondo Estatal de Investimentos Locais, Castrillón colocou 50 puntos de luz en zonas forestais (o 80% de 120.000 euros). Neste sentido, o BNG acusou ao goberno local de incrementar o gasto innecesario, atrancar o aforro enerxético e ignorar a dotación prioritaria deste servizo básico nos rueiros.
Ás preguntas nacionalistas, verbalmente Germán Castrillón adiantoulle ao BNG que hai que aforrar e está pensando en relizar cortes na iluminación pública a partir da 1 da mañá co fin de reducir a factura eléctrica.
O voceiro nacionalista entende que "estamos ante un despropósito máis dun goberno sen ideas, que coloca un número considerable de luces no monte e agora quere reducir a luz pública onde hai casas". Xosé Manuel considera que "o PP nin está nin se agarda que goberne" porque "o obxectivo último consiste en privatizar e recortar servizos públicos". Lamentou o voceiro municipal que "a coalición PP-AEC ignorase a proposta do BNG para instalar un sistema regulador para o aforro enerxético" co que o concello aforraría no mantemento do servizo e na factura a un tempo.

17 de xul. de 2009

O BNG demándalle á Xunta que dote de servizo de traída de augas a todo o Concello de Cabanas

Santiago de Compostela, 16 xullo 09
As deputadas do BNG no Parlamento Galego, Ana Luisa Bouza e Teresa Táboas, veñen de presentar unha iniciativa na que lle demandan á Xunta de Galiza que dote de servizo de traída de augas a todas as parroquias do concello de Cabanas. As parlamentarias nacionalistas lembran que “actualmente este servizo público só abastece as parroquias de Cabanas e Porto, que están situadas por debaixo da cota de 127 metros”. Neste sentido, denuncian que “esta deficiencia leva a que no resto das parroquias do concello haxa problemas cíclicos de subministro, sobre todo en períodos de seca”. Ante esta situación, as deputadas do BNG pregúntanlle á Xunta se ten previsto realizar o investimento necesario no Concello de Cabanas para dotar a todas as súas parroquias de traída de augas e en qué prazo.
Ligazón

15 de xul. de 2009

O BNG pregunta pola execución dos accesos a Santa Cruz do Salto

Ana Luisa Bouza Santiago e Teresa Táboas Veleiro, deputadas do Grupo Parlamentar do BNG, interesáronse pola execución dos accesos á estrada de conexión entre a AC-564 coa N-651 e AP-9 á parroquia de Santa Cruz do Salto. En 2007 a Dirección xeral de obras públicas da Consellería de Política territorial e transportes, comprometeuse co Concello de Cabanas a acometer a conexión da AC-563 co camiño de acceso a Santa Cruz do Salto, e ao estudo da realización dun ramal que permita os movementos en sentido contrario. Este compromiso daba resposta á demanda veciñal de conexión, defendida polo grupo parlamentar do BNG.
Tras constatar que a obra leva dúas primaveras de atraso as parlamentares nacionalistas pregúntanlle á Xunta se mantén o compromiso de realizar esta conexión e, no caso de manterse, en que prazo se vai realizar.

O BNG proponlle ao Concello que apoie a Iniciativa Lexislativa Popular a prol do sector naval

O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción sobre a reactivación do sector naval en Ferrolterra. Neste sentido, o BNG explica que a plataforma cidadá Rumbo 21 está a impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular a prol do fomento do sector naval en Galiza. Esta cuestión cobra especial importancia na nosa comarca que conta en Fene cun dos meirandes estaleiros de Europa e coa superficie industrial pública máis infrautilizada do Estado.
Considera o grupo nacionalista que é o momento de apoiar unanimente esta iniciativa que entre outros ten por obxecto a reactivación da antiga Astano para a construción naval sen máis límites que os da súa capacidade produtiva.
Solicítalle deste xeito ao Concello de Cabanas que contribúa co seu apoio a esta ILP, tanto polo valor cuantitativo como polo valor simbólico de que o pobo de Cabanas non renuncia á revitalización dun dos motores económicos, sociais, de creación de emprego e de diversificación industrial na Comarca de Ferrolterra. E propón o BNG difundir polos medios municipais: bandos, web etc. a ILP, a recollida de sinaturas no termo municipal e mais darlle conta destes acordos á Mesa do Parlamento Galego, á Plataforma Rumbo 21 e a todo o movemento asociativo de Cabanas.

14 de xul. de 2009

O BNG demanda o incremento de cota leiteira e uns prezos axeitados para os produtores

O BNG presentou unha moción en apoio do sector agrario galego, un eixe de vital importancia na economía galega. As producións gandeiras achegan o 62 % do valor da produción da rama agraria. A actividade económica dunha parte importante do territorio galego pivota arredor da produción agraria e, o sector agrario e as actividades económicas vinculadas a el son a principal fonte de emprego.
O drástico recorte de prezos percibidos polos gandeiros e gandeiras cómpre unha resposta institucional de apoio ao sector, urxindo que as Administracións competentes adopten as medidas necesarias para garantir a estabilidade e o futuro do sector lácteo galego, e con iso asegurar un medio rural vivo na Galiza.

13 de xul. de 2009

Jorquera pregunta ao Goberno pola senda litoral de Irís

O deputado do BNG pón de manifesto os problemas que xeraba o proxecto inicial do Ministerio que reducía o vial en 2 metros “cando se trata dun vial que é de servizo público para a parroquia de Irís”
Madrid, 7 Xullo 09. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para preguntarlle ao Ministerio de Medio Ambiente se modificou o proxecto de senda litoral no camiño de Irís (Cabanas) denominado “senda litoral entre pontes”.
Ademais, o deputado do BNG quer saber se o Ministerio tivo en conta as alegacións presentadas polos veciños da parroquia de Irís para que sexa compatíbel o uso actual do vial coa senda para peóns.
Sinala Jorquera que xa nunha resposta do Goberno ao BNG do ano 2007, o Ministerio explicaba que se ía reducir a calzada viaria de 7 metros de ancho a 4 metros, e engadía que con esta solución “se dificultaba o paso de coches a favor de viandantes e bicicletas”.
O deputado do BNG lembra ao Ministerio que é preciso ter en conta que se trata dun vial que é de servizo público para a parroquia de Irís e para o camposanto de Cabanas. “De aí as dúbidas que xurdían en canto á reducción do vial en 2 metros xa que é utilizado por todo tipo de coches”.
Recentemente, puntualiza Jorquera, coñeceuse que o Ministerio variara o proxecto pero se descoñecen os detalles do novo.

12 de xul. de 2009

Eleccións europeas. Resultados en Cabanas

O BNG tivo que reclamar no reconto provincial de Cabanas por erros na transmisión dos votos ao PP e a UPyD. Os resultados definitivos das eleccións europeas en Cabanas despois de desfacerse o "pucheirazo" seguen a situar ao PP lonxe da maioría absoluta:

 




Os resultados provisionais que foran impugnados:




11 de xul. de 2009

O BNG aposta por taxas axeitadas para as persoas dependentes

Algo máis de seis meses tardou a delegada de Servizos Sociais en propoñer unha modificación da taxa de Axuda a Domicilio para adaptala á normativa estatal e autonómica. Van oito meses despois de que o BNG propuxese a modificación da tarifa en Pleno porque as persoas usuarias poderían pagar unha "cantidade excesiva".
O BNG xa alertara da necesidade de modificación da vella ordenanza en vigor por non aplicar a Lei de Dependencia e pola recadación excesiva que se prevía no 2008 ao estar desactualizada a normativa. O grupo municipal nacionalista quería coa súa proposta evitar que en 2009 se reproducise unha situación economicamente desfavorable para as persoas dependentes e usuarias da Axuda a Domicilio, pero o descoñecemento e desidia da concelleira popular provocou que neste 2009 as persoas que necesitan atención social paguen máis do debido por o equipo de Germán Castrillón carecer de iniciativa política a prol dos intereses da xente que require a axuda a domicilio.
Afondando neste asunto, o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña amosou a posición favorable do Bloque á modificación por necesidade inmediata, apuntou que o BNG non está conforme cunha ordenanza que grava entre un 4 e un 9% máis as rendas máis baixas e reduce a carga impositiva ata un 20% para as rendas máis altas e comprometeu a modificación deses baremos no caso de gobernar a partir de 2011.
Atopamos así un exemplo máis de como o Partido Popular anula o Pleno como foro de propostas e solucións aos problemas reais da xente se estas veñen dos grupos da oposición, aos que Castrillón lles impón as réplicas agresivas e insusbstanciais propias, de Chillón ou de Rey.

10 de xul. de 2009

Transfuguismo e atraso en Cabanas

Xosé Manuel Pérez Sardiña
Nunha intervención en Cabanas do actual presidente da Xunta, aló polo 2007, Núñez Feijoo dixo que el podía presentar ao candidato do partido, Germán Castrillón, e “A min gustaríame saber se Touriño se vai atrever a facer o mesmo aquí...”. Lembrou que en Cabanas a alcaldesa “non soubo gañar e é a única alcaldesa condenada e inhabilitada por un delito urbanístico”. Ademais, o líder popular explicou que os populares “non imos mirar o retrovisor en Cabanas, o tempo puxo a cada quen no seu sitio”. Por iso consideraban preciso aprobar un Plan de Urbanismo e acadar a “bandeira azul” na praia, e remachaba que “novos tempos en Cabanas é Germán Castrillón e é o PPdeG”. Pois ben, estas declaracións electorais duraron tanto como o tempo que tardou en pronuncialas e saír escopetado no seu Citroën emprestado de balde cara a Pontedeume.
O PXOM atascado
Empezando polo final, os vellos tempos retornaron a Cabanas con forza e mesmo empeoraron a situación do Plan Xeral, xa que Castrillón e Rey levan tres anos empantanando a renovación das Normas Subsidiarias de 1989, ao igual que aconteceu antes con maioría ou sen ela. As evidencias cantan e cunha situación favorable realmente perden máis tempo en poñerse de acordo con outros grupos para culpar a quen sempre apostou por sacar adiante un planeamento moderno, social e participativo para Cabanas ca en expoñer publicamente un Avance do PXOM en que saibamos que queren facer.
De bandeira azul a bandeira branca
A praia convertérona Don Germán e Don José en menos de tres anos nun piñeiral moribundo e nun areal sucio e mal atendido, desprovisto dos servizos que o convertían en social e de todos agora illan A Madalena con barreiras e festexadas a medida do goberno. Ademais, a incidencia do Klaus deixou ao descuberto a caída dun piñeiro sobre o chalé de Villanueva, a evidencia palpable de que a corta indiscriminada de árbores sas por motivos de seguridade, co silencio cómplice da administración estatal competente, non foi máis que outra cortina de fume para contribuír no asalto á alcaldía.
O transfuguismo que non os abandona
Pouco lle importou a Don Alberto que o seu grupo municipal do PP apoiase ao alcalde tránsfuga na aprobación dos orzamentos de 2007, entre outros asuntos. O documento contable de 2007 era oxíxeno necesario para presentarse ás eleccións locais con obras de última hora que anestesiasen o voto e reforzasen a imaxe dun José Rey, alcalde polo seu voto, embarcado na creación dunha formación política á súa medida. A débeda contraída de Don José Rey co PP, cos seus facedores e coa súa rede clientelar, a terceira evidencia, non lle permitirían máis marxe de manobra que agarrarse á única formación política que é quen de arrimarse a calquera con tal de gobernar a calquera prezo, o partido de Don Alberto Núñez.
Si señores, Don Germán e Don Alberto non usan o retrovisor só cando convén ocultar o pasado e presente de Don José Rey. Así a todo, non son os únicos posto que o PSOE tamén caeu na vergoña e na falta de decencia ao non comunicar a situación rocambolesca do Concello de Cabanas á Comisión do Pacto Antitransfuguismo en novembro de 2006.
Daquela poeira vén agora tanta lama e por resolver un asunto urbanístico crearon un perigoso precedente antidemocrático. Tanto ocultismo non pode ser bo para Cabanas, hai que empezar por poñer as cousas no seu sitio e dignificar un chisco a Casa do Pobo. En honra á verdade, Rey foi un home servicial para o PSOE como o está a ser agora para o PP, ou dito doutro xeito, os mesmos intereses económicos, empresariais e prevendas caciquís que había antes continúan agora, iso si a un ritmo máis acelerado.
Ao analizar as cousas que dixo Don Alberto hai dous anos coincido con el unicamente en que o tempo pon a cadaquén non seu sitio.

PD. Quen é tránsfuga?: Acordo dos partidos contra o transfuguismo
Unha foto en que aparece Feijoo e o tránsfuga.

8 de xul. de 2009

O BNG considera que a denuncia do Valedor censura o urbanismo do PP

O Valedor informou ao rexedor dos seus "deberes legais" debido á súa demora en abrir un expediente urbanístico, ao día de hoxe en suspenso como outros que se acumulan na Alcaldía e na Xunta de Goberno Local.
O informe do Valedor do Pobo presentado no Parlamento galego revela a falta de dilixencia do alcalde popular para atender as demandas de información da institución, tanto por parte do actual equipo de Gobierno como do anterior.
Ata en sete ocasións os veciños requiriron á Alcaldía, ao longo de 2005 e 2006, antes de recorrer ao Valedor do Pobo, que admitiu a queixa a trámite e tamén tivo que insistir catro veces para que o Concello fixese caso, xa coa coalición PP-AEC. Tres anos despois dun informe da arquitecta municipal, en 2008, o Valedor do Pobo advertiulle ao rexedor de Cabanas as súas obrigas legais e recomendoulle que "proceda a incoar un expediente de reposición da legalidade urbanística polas obras realizadas sen contar con licenza municipal". Germán Castrillón tampouco contestou este escrito, polo que a institución considérao como "non aceptado".
O BNG considera que Germán Castrillón empoleirouse en políticas caducas e totalitarias que desprezan dereitos básicos das persoas. Hai constancia de máis casos coma este que mesmo chegaron aos tribunais e estas queixas veciñais avaladas agora polo Valedor non veñen máis que a censurar as actuacións caciquís do PP na área de urbanismo.

7 de xul. de 2009

O BNG demanda a posta en marcha do Centro de Día prometido polo PP

No seu discurso de investidura, o actual presidente da Xunta de Galiza comprometeuse a construír un centro de día en todos os concellos con poboación superior aos 1.500 habitantes, é dicir, nun total de 261 concellos galegos, entre os que se atopa Cabanas. O BNG non vai deixar de amosar a súa satisfacción polo que significaría esta medida para os concellos de Galiza, tendo en conta ademais que en 16 anos de goberno do Partido Popular, entre 1989 e 2005, non se construíu nin existía un só centro de día público no noso país fronte aos 57 promovidos polo BNG desde a Vicepresidencia da Xunta de Galiza entre 2005 e 2009.
Tendo en conta os 57 centros xa existentes, o compromiso do presidente da Xunta permitiría a posta en marcha de 204 novos centros de día públicos para persoas maiores. Inxente traballo que merece o apoio e ofrecemento do BNG para colaborar en conseguir este obxectivo.
Posto que no noso concello non existe centro de día público e que ten máis de 1500 habitantes será beneficiario durante esta lexislatura da construción dun centro de día. É preciso, polo tanto, que esta actuación se planifique e realice no menor tempo posíbel, e que coñezamos os detalles da súa execución (licitación, prazo de execución, orzamento, …) así como a futura prestación do servizo (número de prazas, cadro de persoal, …).
Deste xeito, sería conveniente que a Xunta de Galiza licite a construción do centro de día prometido para Cabanas polo actual presidente da Xunta de Galiza no seu discurso de investidura, informe sobre o orzamento, o prazo de execución da obra e a posta en funcionamento do centro de día e mais concrete os servizos que prestará o centro de día, do número de prazas e do cadro de persoal.

5 de xul. de 2009

O BNG propón un cambio na atención ao areal da Madalena

O PP amosouse publicamente satisfeito coa xestión nefasta e mesmo de deterioro da praia e o piñeiral da Madalena, un dos principais activos turísticos de Cabanas. Ao considerar prexudicial e deficiente a política do goberno de comenencia de Germán Castrillón, o BNG acaba de presentar unha iniciativa que reclama atención ás necesidades naturais do contorno do piñeiral e mais á actividade económica que se desenvolve na zona apostando pola conservación e pola transparencia. A dirección contraria ao feito ata agora.
Deste xeito o BNG propón preservar, coa participación do sector afectado, os valores sociais, económicos e culturais das instalacións de praia denominadas "chiringuitos" favorecendo a súa adaptación aos requirimentos ambientais do noso litoral, así como ás necesidades dunha oferta turística e de natureza cada vez máis esixente, buscando acordos que garantan a súa estabilidade económica, laboral e xurídica. Así mesmo, segundo a consideración nacionalista o Concello debería facilitar, en coordinación coa Xunta de Galiza, a orientación e axuda necesarias para a adaptación das instalacións de praia ao obxecto de ofrecer un servizo público de calidade, acorde coa singularidade turística e ambiental do litoral de Cabanas. Critica así mesmo o BNG o proxecto do edificio de socorrismo e mais a cabana de servizos públicos e duchas, claramente inaplicables ao contorno natural do piñeiral e areal da Madalena e demanda que Concello e Costas actúen inmediata e prioritariamente sobre a praga que está secando os piñeiros de xeito alarmante e ostensible.
Un vídeo recente sobre os establecementos de praia que nos achegaron denunciando a situación:

3 de xul. de 2009

O BNG solicita o apoio do Pleno para garantir a gratuidade dos libros de texto

A loita para que os libros de texto escolares sexan gratuítos para as familias con fillos e fillas matriculados en colexios públicos e concertados conseguiuse na pasada lexislatura na Xunta de Galiza. Só lle fixeron falta uns mesiños ao PP para desfacer coma este outros avances nos dereitos sociais e cívicos que nunca se lle deberon roubar a cidadanía.
No vindeiro curso 2009-2010 darase un paso atrás coa obsesión da actual Consellaría de Educación de desmantelar os avances conseguidos no bipartito con presenza do BNG.
A día de hoxe hai en Galiza 82.000 familias agardando que a Consellaría de Educación defina a súa política en materia educativa, porque aínda non saben que vai pasar cos libros de texto no vindeiro curso académico e qué vai pasar co programa de gratuidade dos libros de texto.
Dende o BNG, consideramos inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto. A gratuidade dos libros de texto deberíase manter para favorecer a economía das familias.
A irresponsabilidade deste novo goberno non ten límites ao, por unha banda, realizar unha absurda enquisa ás nais e aos pais sobre a lingua na que queren os contidos dos libros de texto e, pola outra, tomar despoticamente a decisión de eliminar a gratuidade dos mesmos.
Neste senso, o Grupo Municipal do BNG solicitoulle ao Pleno que inste á Xunta de Galiza a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.

1 de xul. de 2009

Unha chapuza máis do alcalde complica a aprobación do orzamento de 2009

No Pleno Extraordinario da Corporación do 25 de xuño deuse unha situación rocambolesca pola actuación nerviosa e ofuscada do alcalde popular Germán Castrillón.
No segundo punto da orde do día que trataba sobre a xa tradicional reclamación de H.F. aos orzamentos municipais sobre a execución das sentenzas do Penso, produciuse unha confusión na votación ao non declarar o alcalde o acordo que votaba a corporación. De feito, quen seguiu a sesión só lle escoitou a D. Germán pronunciar que ían votar o punto 2 ("Reclamación orzamento 2009") e a seguir votou a favor a coalición de comenencia PP-AEC.
Previamente, no debate político, argumentou Xosé Manuel Pérez o absurdo que resulta coñecer a través dun informe de secretaría o prazo de 3 anos para executar o derrubo da 2ª fase do Penso. Nun afán escurantista, o alcalde non lle entregou á oposición nin a providencia xudicial nin a documentación que leva presentado no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza durante estes dous últimos anos. Xosé Manuel botou ao alcalde contra as cordas unha vez máis ao lerlle os seus deberes legais de informar á corporación, de defender e de representar os intereses do concello nos xuízos que o actual bipartido leva perdido un tras doutro desde que entrou a gobernar. Ademais, o portavoz municipal do BNG solicitou insistentemente que se votara a súa solicitude de que quedase o asunto sobre a mesa porque a corporación debía acceder a esas últimas ordes do tribunal, agachadas pola coalición PP-AEC no caixón, para poder adoptar unha decisión. D. Germán, para variar, pasou polo arco do triunfo unha vez máis a orde dos debates e votacións e perdérono os nervios.
O curso de falar en público e do capitalismo organizado no Hotel Sarga polo PP o 14 de xuño xogoulle unha mala pasada. Mágoa que a teoría do curso popular non se corresponda coa práctica.