27 de xuño de 2009

Xosé Carbón considera que o PXOM está moi verde

No día de onte desenvolveuse dende as 20.30 ata as 22.00 unha charla informativa sobre os Plans Ordenación Urbanística no local social de Laraxe. Esta charla foi promovida pola coalición de goberno local. Hai que dicir que se lle trasladou á corporación municipal e mais aos medios un comunicado que nada ten que ver co acontecido. Participaron na charla pola banda do goberno local o alcalde e mais o que fora alcalde tránsfuga José Rey, acompañando a un técnico da empresa redactora.
A participación dos veciños foi moi limitada porque percibiron na exposición a ausencia de casos concretos de Laraxe, onde o alcalde, o 1º tenente de alcalde e o equipo redactor deberon crer que chega a afección e limitacións impostas polos 500 m de Costas, un dos exemplos teóricos máis repetidos. Tratouse dunha exposición de carácter xeralista, académica e de cariz claramente político que reproduciu o contido da lei e responsabilizou á Xunta e á Deputación da aprobación definitiva do documento, sen aclarar suficientemente os pasos que deben darse a nivel municipal.
Xosé Carbón apostou na súa intervención por establecer as bases dunha planificación de infraestruturas e de servizos para logo redactar un Plan Xeral realista. Botou en falta o responsable local do BNG imaxes e casos concretos de Cabanas xa que "puñeron unha foto alí que parecía de Ribadeo". "O PXOM está moi verde" concluíu.

26 de xuño de 2009

PP e AEC inician unha rolda informativa sobre o PXOM

Nas datas sinaladas abaixo, terán lugar unhas xornadas informativas sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal nos locais sociais promovidas pola coalición de goberno PP-AEC. Nelas, previsiblemente, intervirán o equipo redactor e, probablemente, un representante do PP.
O cartel que anuncia as charlas vai ilustrado cun solpor de inverno, moi acaído para a temática e para os primeiros días do verán.

26.06.2009 ás 20.30 no Local Social de Laraxe (HOXE)
29.06.2009 ás 20.30 no Local Social de Porto
01.07.2009 ás 20.30 no Local Social de Sta. Cruz
06.07.2009 ás 20.30 no Local Social de Lavandeira
08.07.2009 ás 20.30 no Salón de Plenos da Casa do Concello

24 de xuño de 2009

Pleno extraordinario o 25 de xuño de 2009

O vindeiro xoves 25 hai Pleno extraordinario ás 19.30 h. Empeza a cidade do motor a atender con atraso as iniciativas do BNG en canto a Servizos Sociais.
A orde do día:
1. Aprobación de acta anterior
2. Reclamacións orzamento 2009
3. Modificación da ordenanza de axuda a domicilio
4. Convenio Concello A Capela para contratación arquitecto

19 de xuño de 2009

O BNG expresa a súa máis enérxica condena perante o novo atentado mortal de ETA

Santiago de Compostela, 19 xuño 2009. O Bloque Nacionalista Galego quer expresar a súa máis enérxica condena perante o atentado perpetrado hoxe por ETA que lle custou a vida a un inspector da Policía Nacional en Arrigorriaga. O BNG transmite as súas condolencias e a súa solidariedade á familia e aos achegados desta nova vítima mortal da barbarie terrorista. A formación nacionalista galega chama á unidade de todas as forzas políticas democráticas para enfrentar a ameaza do terror e expresa a súa seguridade de que o único horizonte que agarda a ETA é o horizonte da derrota e a desaparición.

Cabanas, PP e AEC abandonan os camiños

No Pleno ordinario do 27 de maio, o Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz, preguntou pola roza dos camiños. Despois de comprobar a desastrosa xestión destes dous servizos en pasados anos por parte da coalición PP-AEC, a preocupación da veciñanza e do Grupo Municipal do BNG, que xa presentou iniciativas encamiñadas á mellora na súa planificación, diríxese novamente á actuación do goberno local. Así mesmo, lembroulle á coalición que a Deputación Provincial da Coruña achegou un tractor e unha rozadora, sempre infrautilizados. O BNG demandou un plan de traballo municipal para os meses de maio a outubro no referente a limpeza de camiños e Germán Castrillón nin lle deu importancia nin respondeu.
Os veciños non esperan e responden rápido a ese pasotismo crónico do alcalde popular. Neste blog xa comezaron a poñer as cousas clariñas, clariñas... Para que imos explicar as diferenzas entre Fene e Cabanas, unha imaxe vale máis que mil palabras.

14 de xuño de 2009

O BNG interésase polos informes técnicos das construcións de Costas

Nestes últimos meses, Costas do Estado está a promover distintas actuacións no areal da Madalena. A paisaxe natural da costa veuse inzada de paneis propagandísticos de grandes dimensións que anuncian investimentos mil millonarios que en moitos casos non se van realizar neste contorno natural único na costa galega, como é o Areal da Madalena.

As actuacións principais ata o momento centráronse en colocar paus (logo cortados á metade por quitar visibilidade) e bancos inservibles para a maioría da poboación. Recentemente, Tragsa botou unha placa de formigón no medio do piñeiral sobre a que se ergue unha caseta de duchas e, xa na area, unha contestada construción fixa para socorrismo e protección civil con paredes e bases infames de formigón. Todo un progreso con respecto á anterior construción (véxase foto inferior).
Diante deste ímpeto construtivo do órgano estatal, Teresa García interesouse polas construcións e polas características edificatorias que Costas impón neste paradisíaco contorno natural.
A alcaldía, para variar, respondeu coas previsibles evasivas de que era Costas a promotora das obras. Ou sexa, un alcalde que desvía a atención despois de anunciar aos catro ventos as súas reunións con Costas (ou só foi cobrar as dietas?).
Ante a insuficiente información proporcionada polo PP, Teresa García interesouse polos informes técnicos sobre estas construcións, que "consideramos desproporcionadas". O PP non contestou como xa é habitual.
Nas previsións iniciais de Costas presentadas á corporación en xuño de 2006 prevíase un posto de socorrismo que ofrecería ademais os servizos de almacén náutico e botiquín e aseos con acceso para persoas discapacitadas. Pero o goberno de Germán Castrillón con José Rey atrasou 2 anos a actuación ao modificar o proxecto e pedirlle a Costas un despacho para Protección Civil. Agora o BNG interésase pola legalidade da modificación negociada pola coalición PP-AEC.

8 de xuño de 2009

O PP atáscase en Cabanas

Os resultados das pasadas eleccións Europeas veñen a confirmar o atascamento do PP en Cabanas, xa constatado no curto incremento das anteriores autonómicas. Precisamente cando o PP leva unha carreira ascendente, a escudería popular municipal non é quen de achegarse á maioría absoluta no noso concello malia a usar a propaganda e o engano, ao estilo rancio dos tempos de Fraga.
Volvendo aos tempos de antes, o PP local apoiouse nun "superdelegado" da Xunta que o pasado venres visitou a Germán Castrillón e ao exalcalde tránsfuga, Pepe Rey, para tirar unha foto electoralista. A foto de brazos cruzados publicouse acompañada de novas baleiras na prensa que se fixo eco nos días de reflexión e de votación. E este non foi un caso informativo illado, posto que houbo outras pérolas na comarca procedentes das mesmas fontes turnistas (PP ou PSOE). Esta política de feira agardemos que non sexa para quedar e que a xente vaia recontando nas argalladas e inoperancia que se agachan tras cortinas de fume en volta da xornada de votacións.
Os resultados electorais apuntan en comparación coas anteriores europeas un escenario diferente. O PP, con só 4 2 puntos porcentuais máis, fica lonxe da ansiada maioría absoluta e o PSOE, con 7 puntos menos, marca unha liña descendente constante desde que perdeu a alcaldía. O BNG, pola contra, deu un síntoma de fortaleza ao manter a votación de hai cinco anos e, nun escenario adverso, mesmo repuntar unhas décimas. Ábrese un espazo ilusionante para encarar as vindeiras eleccións municipais, aí estaremos.
Datos de Cabanas (atención porque non coinciden cos oficiais do Ministerio):

7 de xuño de 2009

Resultados en Cabanas das Eleccións europeas

Podedes atopar o resumo de resultados e a comparación 2004-2009 AQUÍ.
Hai que observar que a votación ao PP foi de 585 sufraxios.
O BNG subiu lixeiramente en votos e en porcentaxe.

4 de xuño de 2009

A reportaxe sobre as vacas tolas censurada polo PP saíu xa en Youtube

Un sindicato sectorial dita o que debe difundir a televisión pública galega, a súa dirección, acabada de nomear, repite mañas vellas e a un presidente da Xunta quédalle o cargo grande grande.
Este é o vídeo censurado polos inquisidores do Prestige (ten varias partes):


O proxecto de derrubo da segunda fase do Penso en licitación

Onte publicouse no BOP a licitación por procedemento negociado do proxecto de demolición da segunda fase do edificio do Penso. Esta licitación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local do 27 de abril de 2009 con cargo ao proxecto á incorporación de remanente do exercicio prorrogado de 2008, onde había xa consignados 24.000 euros. Non obstante, Germán Castrillón tardou aínda un mes en asinar o anuncio.
O seguimento da execución de sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza levou segundo algúns rumores a que o alcalde declarase nun xuízo por desacato e a que pagase multa por incumprimento das ordes de execución.
O orzamento para a redacción do proxecto ascende a 20.685,00 euros (máis 3.309.60 de IVE) e o prazo de execución foi establecida pola Xunta de Goberno en 6 meses. Na mesa de contratación, ademais da alcaldía, estarán o secretario, a técnica municipal e mais o concelleiro de obras, José Rey.

3 de xuño de 2009

A coalición PP-AEC non xustificou en prazo unha subvención da Deputación

O BNG quere amosar a súa preocupación pola desidia e falta de dedicación da concelleira delegada de Cultura e da Presidencia do Pleno. Entende que o abandono de funcións confirma a incompetencia na xestión das actividades culturais e a nula importancia que lle dá a coalición PP-AEC ao desenvolvemento cultural e social de Cabanas. Despois de infrautilizar a Escola Laica durante máis dun ano e ao fracasar na tentativa de abrir un centro cultural na antiga escola das Viñas, agora o BNG descubriu a perda da subvención para 2007 da Rede Cultural da Deputación e varias deficiencias na xestión diaria dos cursos.
Así, no Pleno do 27 de maio, o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, solicitou explicacións pola perda da subvención e mais interpelou á alcaldía pola resolución da Deputación Provincial que desestima as alegacións do Concello. Non obstante, Germán Castrillón, por indicacións da concelleira delegada, pospuxo a contestación para o seguinte Pleno e ocultou que a Deputación tivo que anular unha subvención para a Rede Cultural porque presentaron fóra de prazo a documentación xustificativa.
Seguindo coa área de Cultura, o portavoz municipal trasladou as queixas dun grupo de usuarios das actividades municipais. Segundo este grupo de persoas usuarias, o concello cobroulles sesións que non se impartiron, ao renunciar o monitor do curso. Neste caso os responsables municipais tampouco achegaron explicacións nin apuntaron ningunha medida paliativa, evidenciando unha vez máis ao parecer do portavoz do BNG "a parálise do goberno local", posto que "á parte de carecer de programa de cultura, improvisa nas súas programacións".
Para culminar a sucesión de despropósitos, a actividade da Escola das Viñas foi cambiada varias veces de lugar polo goberno local, mesmo foi desenvolta ao aire libre. A causa aducida desde a concellería de cultura para andar dun lado para outro centrábase no inicio inminente das obras do Punto de Atención Infantil. En realidade xa remataron as actividades e as actuacións nin comezaron.