28 de abr. de 2011

O BNG promoverá a transparencia

Xosé Manuel Sardiña, candidato á alcaldía do BNG, priorizará a transparencia na xestión económica municipal
Cabanas.- Onte, 27 de abril de 2011, rematou a exposición pública da Conta Xeral do 2010 cuns resultados negativos para a Facenda local xa expostos en anteriores publicacións deste blog. A coalición de PP-AEC gastou máis do que ingresou.
Agora imos facer un exercicio de transparencia e, por pedimento de moitos veciños interesados, colgamos a relación de gastos aprobados por decreto e que se puideron revisar durante os últimos 15 días co fin de que a veciñanza comprobe de primeira man onde van parar parte dos seus impostos.
Dende o BNG impulsaremos a rendición de contas 2.0 para que a xente coñeza os gastos e os investimentos que se realizan na administración local cabanesa.

26 de abr. de 2011

O BNG potenciará a participación directa a través da moción veciñal

O candidato á alcaldía de Cabanas, Xosé Manuel Sardiña considera necesario impulsar a participación dos veciños e veciñas e encamiñar o concello cara á democracia directa
Unha das propostas estrela para o Regulamento de Participación Veciñal será a moción veciñal
Cabanas.- O BNG entende que os gobernos locais, pola súa proximidade aos cidadáns, resultan os máis adecuados para dar respostas específicas a unhas demandas sociais que cada vez son máis segmentadas e máis diversificadas. Só desde a proximidade poderemos atender demandas que son moi específicas de cada situación persoal-familiar e de cada territorio. Ademais, tamén é desde a proximidade do goberno local desde onde é posible detectar as necesidades daqueles veciños e veciñas que están a quedar excluídos da nosa sociedade e son incapaces de facer chegar as súas demandas á Administración.
Con esta iniciativa tratarase de implicar á sociedade civil e aos actores do mercado na acción de goberno e no proceso de elaboración das políticas públicas; incorporar mecanismos de participación e de innovación democrática a través dos cales pretenden involucrar aos cidadáns e aos distintos actores nos procesos de toma de decisión.
Segundo o Libro Branco da Gobernanza Europea, estes procesos deberían aplicar a transparencia, a coherencia, a eficacia, a apertura á participación, a rendición de contas e a asunción de responsabilidades.
O BNG non quere que se repita, como aconteceu onte no Pleno extraordinario, que as 300 sinaturas (case o 10% da poboación local) presentadas polos veciños de Porto para reclamar indicadores da parroquia fiquen nun caixón pola decisión parcial do alcalde de Cabanas. Dende o BNG imos impulsar que o futuro regulamento de participación veciñal recolla as iniciativas veciñais avaladas cun mínimo do 5% de veciños e veciñas empadroados como asunto na orde do día do Pleno da Corporación: Moción Veciñal.

O texto da proposta excluída do pasado Pleno extraordinario da Corporación:

INDICADORES DE PORTO CONCELLO DE CABANAS

Recentemente o Concello colocou indicadores para os principais núcleos de poboación do Concello de Cabanas. Non obstante estes indicadores só conteñen o nome do rueiro ou núcleo de poboación sen sinalar en ningún lugar que pertencen á parroquia de Porto.

A consecuencia directa é que non se coñece o comezo nin o remate da entidade parroquial que é necesario identificar por exemplo para diferenciar A Torre de Porto do lugar co mesmo nome en Laraxe.

Ante esta situación é polo que reclamamos do Concello de Cabanas QUE INDIQUE AXEITADAMENTE O COMEZO E O REMATE DE PORTO

20 de abr. de 2011

Cinco candidaturas optan a obter representación en Cabanas

CANDIDATURAS AO CONCELLO DE CABANAS










1.- Candidatura presentada por: Iniciativa Vecinal Cabanesa (IVC)

Candidatos:

1.- JUAN MARIA CAMPOS VILAR
2.- LUIS ANGEL SALGADO CORTIZAS
3.- TERESA VILARIÑO LOPEZ
4.- MARIA GOLPE VAZQUEZ
5.- NATALIA PEREZ ANCA
6.- EDMUNDO JOSE FREIRE BALADO
7.- LUIS MIGUEL REGUEIRO CASAL
8.- OLGA MARIA CABALAR FERNANDEZ
9.- MARIA CARMEN DIAZ BARCIA
10.- MARIA JOSE VILA LOPEZ
11.- JOSE MANUEL FERNANDEZ VILLAR

2.- Candidatura presentada por: Agrupación de Electores de Cabanas (AEC)
Candidatos:
1.- JOSE CASIMIRO REY GARCIA
2.- MARIA FERNANDA LOPEZ VILA
3.- LUIS ANTONIO FACHAL LOPEZ
4.- SABELA REGUEIRO GESTAL
5.- ANGEL DAVID LOPEZ GARCIA
6.- MARIA JESUS FERNANDEZ LOPEZ
7.- SECUNDINO JOSE CARBALLO GAYO
8.- MONICA MARIA PAINCEIRAS PEREZ
9.- JOSE GORGULLO ARDAO
10.- MARIA OLIVA SEIJO RODRIGUEZ
11.- JUAN MANUEL FREIRE REY
Suplentes:
1.- LUCIA BOUZA CHAO
2.- JOSE MANUEL FERNANDEZ REGUEIRO
3.- SUSANA TRIGO ROSSIER
4.- LUIS BECEIRO PAZ
5.- MARIA EVA GARCIA AMOR
6.- CESAR VARELA RIVERA
7.- OLALLA RODRIGUEZ FILGUEIRAS
8.- JOSE MANUEL PAZO LOHIA

3.- Candidatura presentada por: Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Candidatos:
1.- XOSE MANUEL PEREZ SARDIÑA
2.- MARIA TERESA DE JESUS GARCIA PITA
3.- MARIA ISABEL VILLAR LENCE
4.- ANGEL PENA FONTENLA
5.- IAGO VARELA MARTINEZ
6.- MARIA GLORIA MARTINEZ QUINTIAN
7.- JOSE MANUEL GOLPE ACUÑA
8.- PAULA GONZALEZ GRUEIRO
9.- HECTOR FRAGA ARES
10.- MARIA DOLORES MASCARO CANCELA
11.- JUAN MANUEL CERNADAS PAZ
Suplentes:
1.- JOSE ANTONIO DOCE LUACES
2.- MARIA NIEVES BLANCO CIBREIRO
3.- ANTONIO JUAN AMENEIRO PENA

4.- Candidatura presentada por: Partido Popular (P.P.)
Candidatos:
1.-GERMAN CASTRILLON PERMUY
2.-EVA MARIA PAZOS BANDE
3.-ESPERANZA GAYOSO PEREIRO
4.-JUAN ANTONIO LOPEZ RODRIGUEZ
5.-ANA ROSA MENDEZ EIROA
6.-JULIAN RAMON SEIJAS CRIADO
7.-MARIA DE LA CRUZ VARELA VARELA
8.-JOSE RAUL ROMEO MOREIRA
9.-MARIA LUZ RODRIGUEZ RODRIGUEZ
10.-OSCAR MANUEL PEREZ DIAZ
11.- ELENA MARIA ARIAS MARTINEZ
Suplentes:
1.-ANTONIO PEREIRA PREGO
2.-MARIA ISABEL FERNANDEZ FEAL
3.-MARIA TERESA VARELA VEIGA
4.-ADRIAN TORRENTE RODRIGUEZ
5.-FABIAN PENIN SALINAS
6.-EVA GARCIA LORENZO
7.-JOSE IVAN FERNANDEZ SANMARTIN

5.- Candidatura presentada por: Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE
Candidatos:
1. MARIA JOSE CABANAS RODRIGUEZ
2. DELFIN FEAL PEREIRA
3. MARIA MAR GRAÑA LOHIA
4. ALBERTO PENA DIAZ
5. MELCHOR LOPEZ LOPEZ
6. BEATRIZ REY BARBAZAN
7. CARLOS LADRA BRAGE
8. ANTONIO SAMPAYO MIÑO
9. ANA SAAVEDRA LOPEZ
10. BEATRIZ FEAL PUENTE
11. DOMINGO MARTINEZ GARABANA
Suplentes:
1. CARMEN BARBAZAN PINTOR
2. ROLANDO BERMUDEZ CAO

18 de abr. de 2011

"Cun alcalde que goberne para todos e todas"

Candidatura do BNG na presentación
do pasado venres no Hotel Sarga
Cabanas.- O Bloque Nacionalista Galego cabanés presentou a candidatura encabezada por Xosé Manuel Sardiña o venres polo serán no hotel Sarga. O acto contou coa presenza da deputada nacionalista no Parlamento de Galiza Ana Luisa Bouza.
Comezou o acto coas palabras de presentación do acto de Ángel Pena, número catro na candidatura, e que amais expresou a súa honra de ser parte do proxecto do BNG de Cabanas. Deu paso á número tres, Isabel Villar, que fixo unha emotiva defensa do medio rural e do desenvolvemento sustentábel para o Concello de Cabanas, tirando fóra o tópico de que o rural é "atraso".
En terceiro lugar, falou a actual concelleira e segunda na lista Teresa García, que criticou a falta de políticas económicas do actual goberno municipal, o despilfarro exemplificado na débeda acumulada de máis de un millón de euros, e prometou que o futuro grupo municipal nacionalista faría todo o posible para non subir os impostos cun verdadeiro recorte no gasto.
A continuación, interviu a deputada Ana Luisa Bouza. Non deixou de loubar o labor do actual grupo municipal e contrastouna coa falsa austeridade e caciquismo do goberno do PP e AEC. Mostrouse convencida de que a lista do BNG será capaz de acadar o goberno municipal, xa que peor xestión dos recursos o señor Germán Castrillón non podía facer. Denunciou tamén o pasotismo do executivo de Alberto Núñez Feijoo pola súa inacción ante os graves problemas que sofren os galegos e galegas nestes últimos tempos. "Unha cuarta parte das partidas orzamentarias non foron executadas para os asuntos que estaban asignadas. Esta actual Xunta non ten interese en dar uns servizos básicos e necesarios aos galegos e galegas, non gasta o que debe, onde e cando debe", expresou a deputada. Non aforrou críticas tampouco para o goberno central "entregado os recurtes sociais e os mercados financiarios".
Pechou o acto o candidato á alcaldía polo BNG Xosé Manuel Sardiña cun discurso convincente, que arrancou en moitas ocasións os aplausos da veciñanza que tivo a ben achegarse. Non prometeu máis do que pode dar, un discurso realista e próximo a xente. "Nós presentámonos diante dos veciños co obxectivo de traballar polos dereitos de todos, de traballar pola extensión dos servizos básicos para todas as parroquias, de traballar a favor do emprego, do benestar, da educación, do urbanismo adaptado ás necesidades reais das xentes que aquí vivimos", explicou.
O actual portavoz municipal do BNG fixo tamén un chamamento aos veciños e veciñas que noutras eleccións votaron a outras forzas políticas e que agora se sinten decepcionados porque o cambio non chegou a Cabanas. "Máis alá da ideoloxía de cadaquén, que lle dean a confianza non só ao BNG, senón tamén a esta candidatura, que lle dean a confianza a 14 homes e mulleres para converter Cabanas no concello que todos soñamos: un concello vivo, dinámico, moderno, aberto, con emprego e benestar, un concello do que póidamos sentirnos orgullosos.", expresou.
Tivo tamén palabras para a mocidade e a xente maior, dous segmentos do pobo galego que están sufrir máis a crise que azouta a nosa economía. "Imos ser a garantía de que a mocidade recupere a esperanza na comarca de Ferrolterra e imos levar adiante políticas de atención á xente maior porque son un valor para a sociedade, un capital humano extraordinario e a memoria viva do noso pobo".
Xa para rematar mostrouse convencido que o cambio de políticas está a piques de chegar a Cabanas, pois o equipo do BNG sente que é hora de gobernar doutro xeito "cun alcalde que goberne para todos e todas, que estea á altura, que colabore coa xente, con peso político, con ideas e proxectos claros, con anos de experiencia no Concello, en definitiva, que exerza a súa responsabilidade con diálogo e consenso, pero tamén con personalidade, firmeza, decisión e capacidade."
Non finalizou o acto sen recordar que sen un bo equipo de goberno conformado por Teresa, Isa, Anxo, Iago, Gloria, Xosé, Paula, Héctor, Loli, Manel, Doce, Nieves e Tonucho non será posíbel o cambio.

11 de abr. de 2011

O BNG tende pontes de comunicación coa cidadanía coa páxina FACEMOS CABANAS

Cabanas.- Os nacionalistas de Cabanas crearon recentemente un novo espazo na rede con vistas ás eleccións locais do próximo 22 de maio. Este é FACEMOS CABANAS, co que Xosé Manuel Pérez Sardiña e o seu equipo queren que todos e todas os cabaneses e cabanesas teñan unha canle de comunicación para participaren coas súas ideas, dúbidas e propostas de cara a elaboración do programa do BNG para o concello.

O deseño da web é atractivo e funcional, cunha división entre propostas por temas e outra por rueiros. O primeiro que deben facer os novos usuarios é rexistrarse cun correo electrónico, un nome e un contrasinal no botón "Entrar na web". Xa rexistrados, poderán realizar as propostas que desexen e os usuarios poderán interactuar votando aquelas máis interesantes na propia web ou compartindo a información nas redes sociais como Twitter ou Facebook.

Tanto o BNG local como o seu candidato Xosé Manuel Sardiña están presentes nas redes sociais con máis de 1.800 amigos e amigas en Twitter e Facebook e a súa preocupación polas novas formas de comunicación veñen de lonxe, con mantemento dun blog da formación dende 2006, que promoveu Cabanas con máis de 35.000 visitas procedentes de todas partes do mundo.

6 de abr. de 2011

O cruceiro do Areal rodeado de vehículos ante o abandono do goberno local

Recolocación do cruceiro, cos vehículos ao fondo
Cabanas.- O cruceiro do Areal está a ser rodeado por vehículos particulares. O atraso na urbanización do espazo fai abrollar a vontade dos veciños de aproveitar de novo o aparcadoiro habitual. Segundo se pode comprobar na fotografía da esquerda, as valas protectoras que delimitaban a futura praza son recolocadas ao redor do ben cultural. Así, segundo Xosé Manuel Pérez Sardiña, evidénciase que a coalición PP-AEC non contou coa opinión da veciñanza que agora recupera civicamente un espazo útil para o servizo a vivendas e a locais comerciais do Areal.



Pregunta en Pleno
Diante desta situación o BNG, a través do seu portavoz municipal, realizou unha pregunta escrita no Pleno ordinario de marzo. Xosé Manuel Pérez Sardiña expuxo os contratempos da recolocación e futura urbanización: "co proxecto de nova praza aprobado, o goberno local obstaculizaría a entrada a unha vivenda e obviou un cable eléctrico de grosor considerable que colga sobre o cruceiro". O rexedor local unha vez máis non dou resposta concreta e repetiu a actitude habitual nesta lexislatura: acusar á oposición. 

Reordenación da praza do Areal
Proposta polo BNG
Proxecto do BNG
O candidato do BNG á alcaldía de Cabanas lembrou na súa intervención que o estudoso que documentou a localización orixinal do cruceiro non foi consultado, como tampouco se tiveron en conta os criterios de recolocación doutro investigador das cruces de pedra da comarca.
Deste xeito, Xosé Manuel lembrou o compromiso do BNG cunha humanización útil, participativa e eficaz co fin de poñer en marcha en Cabanas un urbanismo cívico que pense nas necesidades da xente e no respecto ao importante patrimonio cultural cabanés.







Localización en GoogleMaps

Ver Cruceiro nun mapa máis grande

4 de abr. de 2011

A ampliación do polígono obstaculizaría o progreso da zona urbana do Peón

Proposta de ampliación en Laraxe (zona raiada)
Documento de Inicio (Concello de Cabanas, set. 2010)
Cabanas.- O Concello de Cabanas iniciou os trámites para transformar chan agro-forestal en industrial coa presentación do documento de inicio do Plan Xeral en setembro de 2010. O proxecto está impulsado en solitario polo goberno local, mentres que o BNG, principal partido da oposición, só tivo acceso á documentación oficial a través da páxina web da Xunta e mais asistiu a unha presentación dunha hora escasa no Concello de Cabanas.
Nese documento de inicio, a disposición neste blog e mais na páxina web da Xunta adicada á Avaliación Ambiental Estratéxica, puidemos comprobar as intencións, mesmo cuestionadas dende a administración autonómica, dun goberno local enfangado na especulación.

Recualificación e cambio do Camiño Inglés
Documento de Referencia
Xunta de Galicia
O cambio do Camiño Inglés convértese no síntoma máis evidente das estratexias dun goberno local lanzado novamente a repetir erros do pasado. Deste xeito, mentres a Xunta cuestiona no documento de referencia a idoneidade da ampliación do polígono industrial pola súa proximidade ao núcleo do Peón e mais pola afección ó Camiño de Santiago, o concello aproveitou os trámites en Patrimonio Cultural para modificar a traza do Camiño Inglés que pasou a discorrer polos núcleos do Pereiro e o Peón.
Co recente cambio do Camiño xacobeo, o goberno local conseguiu  vía libre para que chegue a ampliación do polígono ás vivendas e polo tanto que se entorpeza a expansión da zona urbana de Laraxe cara ó oeste dos núcleos do Pereiro e do Peón. 
Esta zona urbana de Laraxe así mesmo pasaría de ter unha configuración compacta (nas normas en vigor) a fragmentada na proposta do Documento de Inicio.

Ampliación do viario
No que respecta ó viario, aínda por definir, pode haber substanciais cambios, posto que a nova zona de expansión do polígono industrial chega ó camiño de Limodre en cuña, o que fai sospeitar sobre as intencións de crear un viario de servizo ó polígono pola zona sur que afecte ao Peón e ao Camiño Inglés novamente.

Sobreposición de ortofoto e Camiño Inglés
Punteado negro: traza antiga / punteado branco: nova
Recualificación do depósito de chapapote holandés contaminante
Ademais, a zona coñecida como San Lourenzo, ao pé da peaxe da AP-9, é incluída na recualificación de terreos agro-forestais a industriais. Nesa zona precisamente localízase o depósito de chapapote holandés sen tratar ambientalmente e con elementos contaminantes, ao pé do río Baa. Recentemente a Axencia da Protección da Legalidade Urbanística requeriulle ao Concello de Cabanas que aclarase as actuacións levadas a cabo con este depósito de chapapote situado en terreos cualificados como rústicos.

3 de abr. de 2011

Cabanas, intervida economicamente, rematou 2010 cun déficit de 139.956 euros

O Goberno local xa aprobou un orzamento para 2011 cun desfasamento dun millón de euros, ao ter que solicitar un crédito para derribar o Penso sen indemnizar os propietarios
Conclusións do informe de estabilidade

O goberno de PP-AEC pechou o exercicio orzamentario do ano 2010 cun remanente de tesouraría negativo de 139.956 euros, segundo o informe realizado por Intervención, onde se advirte novamente do incumprimento do principio de estabilidade orzamentaria.



O interventor indica, nun documento de 18 de febreiro, que é necesario desenvolver un plan económico-financeiro cunha duración máxima de tres anos para que a Administración local se recupere deste desfasamento entre os gastos e os ingresos obtidos no Consistorio cabanés o ano pasado.


Liquidación antes de axustes

Pero o Concello xa tiña obriga de realizar un plan de saneamento económico antes da liquidación posto que, tras a aprobación o pasado 15 de marzo dun orzamento cun déficit dun millón de euros, Intervención advertiulle da obriga de remitir o documento nun prazo máximo de tres meses á Consellería de Facenda, órgano que exerce a tutela financeira de Cabanas.

En novembro de 2007 o Goberno local aprobou un incremento dun 37,5% a contribución urbano, logo deu luz verde á actualización de valores catastrais levada a cabo polo Estado e entre un 20% e un 30% o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), ademais de subir o Imposto de Actividades Económicas ás empresas instaladas no polígono industrial de Vilar do Colo que facturasen máis dun millón de euros, o que suscitou un forte rexeitamento social. O alcalde motivou esta subida na necesidade do Concello de facer fronte á sentenza de derriba e ao fallo xudicial que condenou ao Concello a pagar a Aquagest 142.999 euros.
Decreto de liquidación para 2010
O Bloque pregunta agora onde está o diñeiro recadado en impostos para estes fins e acusa o equipo de goberno de dilapidar os impostos dos veciños. "Estamos ante a peor previsión económica que se poida ter; o equipo de goberno non aforrou e agora hai que facer fronte a un crédito dun millón de euros", lamenta o seu portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, que advirte da existencia de "moitos gastos superfluos" ao longo desta lexislatura.

"Gastáronse máis de 1.300 euros soamente en alcol para a festa de Santa Marta, o que se traduce en que se compraron máis de 200 botellas de viño e 25 de augardente para 200 comensais, algo inadmisible", puntualiza.

O BNG fai públicos os gastos municipais dende o 01/01/2011 (picar para ampliar):

2 de abr. de 2011

Cabanas quedará sen wifi ante o abandono do goberno local

"Impulsamos o acceso a internet en todo o municipio con
rede inalámbrica" (Informe Munpal, marzo 2011)
O candidato do BNG comprométese a declarar como dereito universal o acceso a internet e impulsalo como servizo prioritario para todo o concello
O BNG asegura que cando Pontedeume retire o repetidor de Breamo os edificios municipais de Cabanas perderán a conexión á rede sen fíos municipal
A Xunta de Galiza gobernada polo PP non fixo nada para achegar o sinal de internet ao baixo Eume malia as promesas de universalización do servizo
O repetidor base da zona de Vista Alegre-Breamo, no veciño concello de Pontedeume, dálle servizo de Internet sen fíos á zona de Cabanas, Porto e Laraxe. A súa retirada, anunciada hoxe polo Concello de Pontedeume, apagará o servizo na zona costeira cabanesa. O investimento de preto de 80.000 euros, realizado polo goberno local de Cabanas para ampliar o acceso público a Internet, vaise perder porque o Concello cabanés non tramitou os permisos pertinentes tal e como corroborou hoxe o concelleiro de Obras de Pontedeume, tamén do PP. Xosé Manuel Sardiña explica que “a coalición PP-AEC debería ter solicitado ao Concello de Pontedeume por escrito licenza para a instalación dun poste que ía dar servizo só a Cabanas, e pola contra optou pola vía do silencio e o ocultismo ante as reiteradas preguntas do BNG”.

O candidato do BNG á alcaldía de Cabanas asegura que “a fenda dixital entre a zona urbana e a zona rural segue igual malia ao investimento de 77.995,52 euros acometido polo Concello o ano pasado e financiado con diñeiro estatal do Fondo para o Emprego e a Sostibilidade Local”.

Receptor do posto de socorrismo (Cabanas)
co repetidor de Vista Alegre-Breamo ó fondo
O Pleno da Corporación deulle luz verde á extensión de rede sen fíos ao conxunto do Concello en xaneiro de 2010, mais entón a Corporación descoñecía os detalles técnicos e as exixencias legais necesarias que quedaban pendentes da redacción do proxecto. Non foi ata outubro cando a Xunta de Goberno Local concretou en solitario un proxecto que definía a proposta e prevía a colocación de repetidores de internet noutros concellos. Para Xosé Manuel Sardiña “as declaracións de Germán Castrillón cando afirma que o Pleno aprobou o repetidor de Pontedeume son falsas. A Xunta de Goberno aprobou, adxudicou e certificou o proxecto e polo tanto é responsable directa do que está a acontecer”.
O BNG interesouse xa en tres ocasións por este proxecto. Na primeira delas, en xullo de 2010, o voceiro municipal preguntou pola tramitación de permisos necesarios noutros concellos e noutras administracións, en clara alusión á instalación, prevista no proxecto aprobado na Xunta de Goberno Local, de repetidores nos concellos da Capela e Pontedeume, e recibiu unha resposta evasiva do rexedor popular. Na segunda pregunta, en xaneiro do presente ano, preguntou directamente pola existencia do poste da polémica en Vista Alegre-Breamo e na terceira, o pasado mércores en sesión plenaria, o voceiro do BNG constatou que a orientación dos receptores é cara a Breamo. “Malia a insistencia e tenacidade do BNG, Germán Castrillón respondeu sempre con escurantismo e inconcreción. Tal e como se pode comprobar, ao repetidor de Vista Alegre-Breamo apuntan os receptores de dous edificios do Concello de Cabanas: o posto de socorrismo do areal da Madalena e da Escola Unitaria de Laraxe”, declarou Pérez Sardiña.
Repetidor en Vista Alegre-Breamo
(Pontedeume)

Cando o Concello de Pontedeume retire o repetidor de Vista Alegre, Cabanas quedará sen un servizo custoso e imprescindible na era da Sociedade da Información e o BNG destaca que o goberno local cabanés está de brazos cruzados ante a perda de case 80.000 euros. Xosé Manuel pondera a situación como “un proxecto convertido en fume e promesas incumpridas que agora está en cuestión, por mala xestión”. Cae así, asegura Pérez Sardiña, un novo logro de Germán Castrillón que o rexedor anunciou a bombo e pratiño no informe municipal difundido a comezos de marzo, que di literalmente "Impulsamos [o Concello] o acceso a internet en todo o municipio con rede inalámbrica".

Neste momento, legalmente só hai operativa en todo o concello unha rede wimax que opera para Laraxe e o polígono de Vilar do Colo, acadada co impulso do BNG na Xunta e truncada a súa extensión polo desleixo da Administración autonómica de Núñez Feijoo na xestión do Plan de extensión de banda larga.