28 de set. de 2010

O Grupo Municipal do BNG estará na rúa e non asistirá ao Pleno

CABANAS, 28 Setembro.- O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Sardiña, comunicou por escrito este martes que os edís do BNG irán á folga xeral o 29 de setembro. "Non participaremos no Pleno ordinario convocado para as 19 h" posto que toca exercer a función dos concelleiros do BNG "na rúa" para escoitar "á maioría social" e non no Concello de Cabanas.
Deste xeito, o BNG "solicita que o Pleno da Corporación se pospoña para o venres, xa que coidamos que o noso lugar está na rúa para enviar unha mensaxe clara a Zapatero e a Feijoo de que os dereitos dos traballadores non deben pagar esta crise. A reforma incrementa a temporalidade, abarata e liberaliza o despido e vai atacar agora ás pensións".

26 de set. de 2010

A historia xa non se borra: A corporación da Fronte Popular de Cabanas

Nun día coma hoxe, víspora do 70 aniversario do asasinato de Álvaro Puentes Antón, alcalde democrático de Cabanas despois de febreiro de 1936, debemos deixar constancia das atrocidades da ditadura dereitista, dun golpe de Estado contra a legalidade democrática que levou por diante moitas vidas inocentes e acabou coa democracia votada polo pobo.
A práctica totalidade dos concelleiros da última corporación republicana de Cabanas sufriu nas súas carnes a violencia e o terrorismo do réxime totalitario de dereitas que reprimía a democracia a través do fusilamento sumarísimo, do paseo, do asasinato, das torturas, da privación de liberdade e das presentacións.
Álvaro Puentes Antón, escribente do Concello da Capela e alcalde republicano de Cabanas coa Fronte Popular, avalou con outras dúas sinaturas a creación da agrupación local de Unión Republicana en 1935. Fora electo alcalde de Cabanas en febreiro de 1936 no medio do bulicio e da ledicia de que o cambio chegaba ao noso concello. Pero despois duns meses cheos de actividade para afrontar as melloras que requiría o concello,  houbo que enfrontarse á realidade do golpe de Estado promovido desde as mesmas dereitas que o día da súa proclamación dispararan con armas de fogo desafiantes dende a banda da Tafona.
Na provincia da Coruña, tralos primeiros momentos do levantamento, iníciase unha forte represión. A comarca de Ferrol, cunha numerosa poboación industrial e unha forte militancia leal á República vai estar especialmente castigada. En concellos como o de Cabanas moitos homes tiveron que botarse ó monte. E así  ben se agacharon nas casas ben fuxiron ó monte bastantes veciños e concelleiros despois de comprobar que non podían frear o avance dos sublevados cun armamento insuficiente. Álvaro Puentes colleu rumbo ás Fragas do Eume e coma el Evaristo Eive e mais Ramiro Martínez, O Zapateiro.
Xa a comezos de agosto comezan en Cabanas as múltiples detencións e os primeiros "paseos" que acaban coa vida de dous compañeiros da Corporación do 36, o edil Juan Pereiro, asinante da acta fundacional da agrupación local de Unión Republicana (matan con el o terceiro asinante Antonio Brage Porta) e mais Manuel Buhigas Novo, primeiro tenente de alcalde que quedara como alcalde accidental, no Mesón do Vento, descoñecéndose onde repousan os restos deste último. Os concelleiros da Fronte Popular tiveron que agacharse nas casas ou nas súas proximidades nos primeiros momentos, cando se entregaban ou os ían buscar sufrían ben prisión ben a obriga de presentarse diante das autoridades por períodos variables de tempo: Hermeneguildo Salgado Díaz, A Rúa-Soaserra; José Rico Varela, Porto; Juan Mª Arnoso Arnoso, Xabarís; Gabriel Barro Rodríguez, Valedoso;  Nicolás Sánchez Marín,Porto; Juan Eiroa Sánchez, Porto.
Mentres, nas Fragas do Eume, o fuxido Alvaro Puentes permaneceu illado durante catro anos, agachado nunha "cabana" en San Pedro de Eume, no lugar de Couce, ata que o 27 de setembro de 1940 é eliminado por un infiltrado da Garda Civil que viñera recomendado polo médico da Mercede. A acción  dos sublevados precipitouse pola posible marcha para Portugal do grupo de Álvaro. O rexedor republicano de Cabanas foi enterrado no adro da igrexa de San Pedro de Eume aos poucos días. Os concelleiros frontepopulistas que acompañaron no monte ao alcalde tiveron diversas vicisitudes, así  Evaristo Eive conseguiu fuxir para Francia en 1946 mentres que Ramiro Martínez, O Zapateiro, entregouse nesas datas e viviu unha situación complicada polo acoso da ditadura.
A Corporación mártir, que sufriu o exterminio e a persecución dun réxime ilexítimo, mereceu todas as honras das dúas primeiras corporacións elixidas polos votos dos veciños en 1983. Así, a primeira corporación aprobou unha moción de recoñecemento á figura do rexedor cabanés e, a seguir, a segunda corporación tomou o relevo e, en presenza da súa irmá chegada da Arxentina, colocou a placa en honra ao representante daqueles concelleiros que procuraron o mellor para Cabanas.
Dende o BNG vaia por diante a nosa humilde lembranza e homenaxe a aquela corporación mártir que quixo avanzar cun proxecto democrático. Debemos lamentar que o concello retirase sen xustificación nin explicación a placa ao alcalde Álvaro Puentes, máxime cando mañá se fan setenta anos  do seu asasinato e comprobamos como se repite a historia, inda que xa non se poida borrar.
Saúde e república! Viva Galiza Ceibe!

25 de set. de 2010

Milleiros de camións protestan contra o decreto do carbón

Cabanas, 25 de setembro.- Foron milleiros os camioneiros que ás 12.00 percorreron as estradas de Cabanas encabezados pola CIG. Protestaron cunha caravana de camións contra o decreto do carbón que condena economicamente tanto o porto de Ferrol coma a central térmica das Pontes.
Enviamos dende aquí a nosa solidariedade e apoio á continuidade dos postos de traballo que inxustamente están a ser postos en perigo dende Madrid.
O BNG descubriu a dobre vara de medir dun PP e un PSOE que avalan un decreto claramente discriminatorio e non defenden os intereses de Galiza no Congreso.
Dende o Grupo Municipal do BNG, sobre o pronunciamento da corporación, lamentan a posición partidista e en solitario do PP local, xa que se negou a recoñecer as súas contradicións a nivel estatal. Estas contradicións impedíronlle ao Partido Popular consensuar unha moción co BNG para que votase a favor dela unha maioría ampla da Corporación.

23 de set. de 2010

Remata o plazo para presentar alegacións ao POL

O BNG lembralle á veciñanza que o prazo para presentar alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral (POL) remata o 30 de setembro
O Plan de Ordenación do Litoral (POL) é un documento que modifica substancialmente algúns aspectos das Normas Subsidiarias e está a ser promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

Todos aqueles veciños que o desexen, poderán presentar as súas alegacións ao proxecto da Xunta de Galicia no Rexistro da Xunta de Galicia, ou ben en calquera organismo oficial que conte con portelo único (Concello de Cabanas).

A coalición PP-AEC de Cabanas, ao rexeitar a moción do BNG sobre o POL, abeira e xustifica un Plan que afecta serveramente amplas zonas da localidade e négase a debater e a informar para mellorar  a ordenación proposta e garantir o desenvolvemento sostible do noso territorio.

29 de setembro, folga xeral

O 29 DE SETEMBRO TEMOS A OPORTUNIDADE DE FORZAR UN CAMBIO DE RUMBO NAS POLÍTICAS ANTISOCIAIS DE PSOE E PP E DE AVANZAR CARA UNHA NOVA POLÍTICA MÁIS FAVORÁBEL ÁS MAIORÍAS SOCIAIS E AOS INTERESES DE GALIZA COMO NACIÓN.
O 29 de setembro ás 12.30 h sae a manifestación da sede comarcal da CIG en Esteiro. Hai que moverse!!

22 de set. de 2010

Sardiña propón que se repoña a placa ao alcalde republicano asasinado

O portavoz do BNG entende que o alcalde do PP está sen norte mentres o cabeza da AEC, José Rey, malia a participar na corporación que colocou da placa, "apuntouse á procesión dos caladiños"

Cabanas, 22 de setembro de 2010.- A sorpresa ante as declaraciones do alcalde de Cabanas do voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, quedou recollida en La Opinión de hoxe: "o alcalde non coñece a historia contemporánea de Cabanas e por riba nin a valora nin a respeta".
O voceiro do BNG desvelou, despois de ir consultar coa orientación de varios ex-edís municipais, que a distinción foi posta alí en cumprimento dunha moción aprobada en abril de 1983 polo pleno da primeira Corporación democrática. Así consta no texto:
Punto 6º "Moción relativa a denominación de la Escuela de las Viñas como Colegio Alcalde Álvaro Puentes" di o seguinte "Dáse lectura á moción presentada polo Sr. Freire Pena na cal despois de facer unha exposición dos méritos do Sr. Álvaro Puentes, alcalde que foi desta Corporación despois de 1936 propón que como póstuma homenaxe a quen soubo levar con tanta dignidade ata o seu último momento tan nobres e humanas condicións esta corporación municipal toma o acordo de denominar a Escola das Viñas co nome de "Colexio Alcalde Álvaro Puentes" e que no prazo dun mes, sexa colocada na fachada desa escola a placa que conmemore e honre o seu nome".
Lamentou Xosé Manuel Sardiña profundamente que "outra vez, como hai moito tempo, non se sabe, coma en épocas escuras, cando os golpes abrían as portas e levaban xente, desaparece a placa coas obras de rehabilitación do Colexio Alcalde Álvaro Puentes. Coma daquela non se coñecen os ideólogos, non se sabe o destino, non se sabe que mans o fixeron". "Con Castrillón sempre é igual, nunca sabe, nunca informa, nunca asume a súa responsabilidade. Perde máis tempo en criticar a oposición que no que ten que facer: gobernar dunha vez", concluíu o edil do BNG.
Así mesmo, o voceiro nacionalista considera que en boa lóxica o alcalde debería restituír de novo unha placa conmemorativa para cumprir deste xeito o acordo plenario de 1983 e por respecto restaurar a denominación oficial do centro.

20 de set. de 2010

A coalición PP-AEC quítalle a placa a un alcalde republicano asasinado

As reformas que promoveu a coalición local de goberno levaron por diante a placa conmemorativa en honra ao último alcalde democrático da república fusilado no cemiterio da Capela
O portavoz municipal do BNG vai preguntar polo destino da placa, as razóns da súa retirada e rogar a súa restitución
Longo periplo para a apertura
O Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello de Cabanas leva xa varios tropezos que impiden a súa apertura no presente curso 2010/2011, malia ás promesas do PP. O comezo das obras atrasárase cun conflito polos honorarios profesionais da dirección facultativa de obra que acabou en denuncia  do técnico posto que, segundo argumentaba, a aceptación da adxudicación "puede ser considerado una oferta con valores anormales o desproporcionados" en relación ás cantidades establecidas polo Colexios Oficiais de Arquitectos e Aparelladores. Esta protesta levouno a conseguir que o concello lle duplicase os honorarios profesionais de 4.130,1 € ata 9.427,90 €. O pagamento produciuse malia a que o goberno local dispoñía dun informe previo da Consellería de Traballo e Benestar que cuestionaba  a viabilidade do proxecto presentado para o Plan E do Estado, dotado cun presuposto de 103.252,67 €. Os informes da Consellería en canto a deficiencias construtivas véñense reiterando tamén ao longo do 2010 sen que dende o Concello de Cabanas se dese unha explicación ás múltiples preguntas realizadas dende o Grupo Municipal do BNG neste sentido.
O resultado ata o momento é un centro pechado que non chegou para cubrir a alta demanda comarcal de prazas para o presente curso.

Visita de Xosé Manuel Beiras, abril de 2007
Retirada da placa ao alcalde Álvaro Puentes Antón
Pero a lentitude e falta de dedicación para abrir o Punto de Atención á Infancia converteuse en dilixencia á hora de eliminar  o recordatorio da eliminación dos representantes democráticos de Cabanas en 1936. Así, sen ningunha explicación e no medio do sixilo máis absoluto, a coalición do PP de Germán Castrillón e da AEC de José Rey quitoulle ao colexio das Viñas unha placa na que se lle adicaba o centro ao último alcalde republicano Álvaro Puentes, da Unión Republicana asasinado en 1940 polas forzas rebeladas contra a II República.
Ademais, o pleno da Corporación, o 8 de xuño con seis votos do PP-AEC, dúas abstencións de IVC e PSOE e os votos en contra do BNG, derrogou un acordo dos anos oitenta e a "Escola Alcalde Álvaro Puentes" pasou agora a denominarse "Punto de Atención á Infancia das Viñas".
O BNG non comparte esta reacción de revanchismo e considera contrario aos principios democráticos ocultar a homenaxe corporativa a un representante de Cabanas elixido polo pobo legalmente que foi fusilado para facer desaparecer fisicamente a democracia republicana.
Neste sentido o portavoz municipal, Xosé Manuel Sardiña, vai reclamar explicacións ao goberno local sobre  o atraso na apertura do centro de atención á infancia e mais sobre o destino da placa conmemorativa co fin de restituíla ao seu lugar.