31 de mar. de 2008

Nova Galescola e Centro de Día en Fene



O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Castrillo, e a alcaldesa en funcións Rita Couto xestionan unha segunda GALESCOLA en Barallobre, a primeira xa está en funcionamento en Perlío e conta con 59 prazas ocupadas por nenos e nenas de entre 0-3 anos.

Ademais, Couto xestionou a construción do primeiro Centro de Dia para maiores na comarca. Os Centros de Dia son centros xerontolóxicos socio-terapeúticos e de apoio ás familias que durante o día prestan atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual. Estes centros pretenden dar sevizo a persoas que teñan 65 anos cumpridos ou excepcionalmente maiores de 60 anos, que pola súa situación especial de dependencia física, psíquica ou social, ou en risco e padecela, precisen de este recurso.

Estes proxectos están promovidos dende a Concellaría de Benestar e Igualdade do Concello fenés e a Vicepresidencia da Xunta. Así mesmo, serán xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
NOVOS RECURSOS E SERVIZOS SOCIAIS PARA OS CONCELLOS
Vicepresidencia destina 63 millóns aos concellos para a prestación de servizos sociais
[31/03/2008] O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou hoxe o plan de financiamento previsto para este ano, co que se busca crear unha sólida rede pública de recursos, programas, equipamentos e servizos sociais. Ademais, favorece o desenvolvemento competencial da administración local e garante a prestación de servizos sociais con eficacia e calidade.

30 de mar. de 2008

Pleno de marzo de 2008

No pasado Pleno da Corporación aprobáronse por unanimidade tanto a delegación á Deputación Provincial da Coruña 10 anos máis de prórroga na xestión dos impostos municipais, ata 2022, como a moción de Galiza Nova, presentada polo Grupo Municipal do BNG, sobre a mellora do transporte de proximidade.
Polo que respecta aos informes da alcaldía achegouse a liquidación do orzamento de 2007 e mais dúas sentenzas, comunicadas no mes de febreiro, que desestimaron as impugnacións dos veciños do Penso contra os orzamentos municipais de 2005 e 2006 e son confirmados como actos firmes.
Parece curioso que só estes dous orzamentos da democracia negociados e votados a favor polo BNG fosen impugnados e levados ao contencioso, mentres agora se esfuman os recursos pese a seguir con consignacións semellantes a aqueles... Disque unha intervención protagonizada por un concelleiro de IVC e o alcalde aclararon bastante a situación e razoaron que a "proposta razoada" anterior era para tratar de evitar a execución das sentenzas, mentres que agora a coalición PP-AEC vai elaborar unha "proposta razoada" para proxecto de execución. Falaz enfoque político, posto que os orzamentos seguen sen variar substantivamente en capacidade económica...

ADSL
No que respecta ás respostas que recibe o Grupo Municipal do BNG pódese comprobar como vai evolucionando o alcalde en canto ás preguntas por escrito. Un caso concreto sobre a ADSL deixa coa boca aberta a calquera (logo iranse achegando máis):
Setembro de 2007
Pregunta BNG: Que xestións realizou o Concello de Cabanas para dar cumprimento ás previsións de que Telefónica SA instale o ADSL neste ano 2007? Resposta do Sr. alcalde: vostede debe coñecer que neste concello existe ADSL e o que se está a pedir dende o goberno municipal nas entrevistas con representantes de Telefónica é a mellora deste servizo para todo o concello.
Novembro de 2007
Pregunta BNG: Non todo o concello de Cabanas dispón de ADSL, e non se está a dar cumprimento ás previsións de que Telefónica SA instale o ADSL neste ano 2007 no 100% do Concello. Que está a facer o goberno municipal para solucionar as zonas que non dispoñen deste servizo? Resposta do Sr. alcalde: non dubide que este goberno poñerá toda a súa parte para que tódolos veciños de Cabanas poidan ter un acceso de calidade a internet.
Xaneiro de 2008
Pregunta BNG: Que xestións puxo da súa parte o grupo de goberno para dar cumprimento ás previsións de Telefónica SA instale o ADSL neste ano 2007 en todo o Concello? Resposta do Sr. alcalde: o 2007 xa rematou e no pleno anterior xa lle respondeu que se estaban realizando xestións para a implantación de Internet en todo o Concello, e refírese a se teñen fórmula máxica para que en dous meses se consiga esa plena instalación de ADSL en todo Cabanas.

Marzo de 2008
Pregunta BNG: Que novidades hai sobre a instalación da ADSL neste ano 2008 en Cabanas?Agardamos á acta...

De xestionar a mellora do ADSL para todo o concello o alcalde pasou en seis meses a solicitar a implantación de internet en todo o Concello.... Xa apuntamos o que pasaba coa segunda fase de Vilar do Colo... Que nin había ADSL nin había teléfono (e non é o único caso, porque hai máis) e neste asunto menos mal que o concello veciño estaba no asunto.
Os afectados a agardar tocan, porque o alcalde non amosa interese por resolver este problema posto que lle custa recoñecer de que se fala e as verdadeiras deficiencias do servizo. Evidentemente cando lle require ao BNG que faga o traballo que lle corresponde ao alcalde, está de broma xa que sabe que lle queda para levar esta proposta a termo: dimitir e deixar que goberne o equipo nacionalista.

24 de mar. de 2008

Galiza Nova pregunta sobre o peche da Aula de Informática da Escola Laica de Cabanas


A organización nacionalista faise eco do malestar da mocidade cabanesa ante o peche da aula de informática polo goberno do PP

Galiza Nova vén de trasladarlle ao BNG de Cabanas as queixas das mozas e mozos do Concello en relación co peche inxustificábel da Aula de Informática ao uso público coa que conta o Concello, xa que deixa sen os servizos básicos de Internet e de equipos informáticos á mocidade cabanesa. Estes recursos achegounos a Deputación Provincial da Coruña a través dunha subvención hai dúas lexislaturas, nun proxecto de "Alfabetización Dixital", iniciativa que ten como obxectivo a achega das novas tecnoloxías a tódolos cidadáns por igual.

Iago Varela, representante de Galiza Nova, pensa que “Situados de pleno no mundo dixital, o acceso a Internet ten que ser un dereito universal, e non só un privilexio ao alcance duns poucos”. Recorda ademais, que "nun Concello no que a implantación da banda ancha é moi limitada, o peche dun ponto de acceso á rede supón que a mocidade teña que pagar ou usar os servizos doutras localidades do contorno".
Malia que se anuncie na páxina web do local (http://escolalaica.concellodecabanas.com/) que “Todo o que se achegue as nosas instalacións pode ter acceso a internet a través dos equipos cos que contamos", a realidade afástase desa información, xa que o Concello non conta con persoal para permitir o acceso libre á aula de informática fóra dos cursos programados.
O Grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Pérez Sardiña, valora positivamente esta demanda social achegada por Galiza Nova xa que se trata dun servizo básico que na pasada lexislatura foi aproveitado pola veciñanza de Cabanas para ampliar os seus coñecementos informáticos, buscar emprego, realizar traballos académicos e consultar sobre información diversa. Sardiña di que "o goberno do Partido Popular practica a 'política do peche' e do recorte de servizos demandados pola poboación, estamos ante un novo despilfarro e estrago dos recursos achegados pola Deputación”. O portavoz municipal do BNG coida que o PP improvisou nos orzamentos de 2008, posto que non prevé persoal para a atención permanente da aula fóra das actividades docentes e non tivo en conta que "a difusión das novas tecnoloxías é fundamental nos tempos de hoxe". Recalcou ademais que "resulta prioritario para o BNG atender a xusta demanda da sociedade e propoñer a apertura da Escola Laica ao público”.

Cabanas, 24 de marzo de 2008

22 de mar. de 2008

Comunicado do Grupo Municipal do BNG

O Grupo municipal do BNG de Cabanas informa que o goberno bipartito PP-AEC aprobou con 20 días de atraso os orzamentos para 2008
O pleno tivo lugar o 12 de marzo pasado.
Teresa García, viceportavoz de economía, desexa informar á cidadanía que os orzamentos municipais de 2008 foron aprobados con 20 días de atraso, debido ás vacacións que se tomaron varios membros do goberno local no mes de febreiro. A documentación á que tivo acceso o BNG así o indica, posto que os informes municipais xa estaban listos o día 20 do mes pasado, xusto despois de rematada a exposición pública do orzamento. O alcalde, o popular Germán Castrillón, non convocou o Pleno porque carecía de maioría suficiente para sacar adiante as contas locais e mais unha nova suba, entre un 27% e un 5%, do imposto de transmisións. A aprobación dos orzamentos foi marcada pola axenda vacacional de varios concelleiros.

Teresa García cualifica estas contas como os presupostos da Ciudad del Motor SA, que serán xestionados por un pésimo empresario. A improvisación, o despilfarro e da suba dos impostos da contribución (IBI) e da rodaxe (IVTM), e agora o de transmisións, apuntan á incapacidade do goberno popular de establecer un orzamento igualitario na recadación e redistributivo no investimento. Ademais, como xa fixeran coas prioridades do superávit da pasada lexislatura, a suba dos impostos só serve para xustificar os salarios de primeira do grupo de goberno.

O portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, salienta as contradicións entre o portavoz popular, Luís Chillón, que anunciou a redución na recadación do imposto de transmisións, e o propio alcalde, Germán Castrillón, que confirmou que ía gravar máis a maior parte das transmisións. Critica a improvisación e a falta de rigor posto que non foron capaces de poñerse de acordo e informar á oposición sobre a contía aproximada de recadación neste imposto. Afirma o portavoz municipal que o goberno local “pode seguir de vacacións e a remolque e, cando menos, deixar que Fene siga tirando para adiante de infraestruturas como o punto limpo e a wifi do polígono” froito dunha xestión comprometida cos intereses de todos.

Considera o portavoz municipal que uns bos orzamentos deberían centrarse na atención das demandas dos veciños e veciñas e na dotación de servizos básicos como o saneamento, o abastecemento de auga, a reparación dos camiños municipais e mais dunha galescola.

Cabanas, 14 de marzo de 2008

Hoxe 23/03/2008 volveronse adiantar na esqueirada coa dotación de Telefónica para a segunda fase de Vilar do Colo. La Voz tamén na sección comarcas do Diario de Ferrol.

O BNG achegou información sobre o asunto despois de solicitar información en van do Alcalde
E non foi por non avisar, posto que, segundo nos apuntan, o Grupo Municipal do BNG preguntou en todos o Plenos desta lexislatura pola cobertura ADSL para o 100% do Concello Cabanas. Por exemplo:
BNG. Setembro 2007. Solicita información.
BNG. Novembro 2007. Pregunta 5. Non todo o Concello de Cabanas dispón de ADSL, e non se está a dar cumprimento ás previsións de que Telefónica SA instale o ADSL neste ano 2007 no 100% do Concello. Que está a facer o goberno municipal para solucionar as zonas que non dispoñen deste servizo?

19 de mar. de 2008

Pleno ordinario en La Ciudad del Motor

O vindeiro mércores 26, ás 19.30 h, haberá Pleno ordinario. Coma a sempre, o alcalde piloto segue a excluír mocións presentadas polo BNG da orde do día porque así lle apetece.

1. Sobre modificación de competencias de recaudación da Deputación.
2. Moción BNG sobre transporte.
3. Informes de presidencia.
- Sentenzas gañadas (!?) sobre as reclamacións aos orzamentos (2005-2006) dos veciños do Penso.
- Decretos da alcaldía
- Liquidación orzamento 2007
4. Rogos e preguntas

Por que non informa ao Pleno do que fixo sobre a orde xudicial do Sarga?
Mellor é deixalo en que non fixo nada tal e como recoñece nesta nota... só vender fume.

11 de mar. de 2008

Xerais 2008. Os resultados en Cabanas

209.042 GRAZAS!

En Cabanas, para o Senado houbo 383 votos ao candidato nº 1 do BNG (17,47%). E salientamos este dato porque a máxima votación a un senador do BNG foi de 356 votos en 2000.
Mentres que foron 313 votos para o Congreso (3,3 puntos máis ca en 2004) e houbo baixadas de PP e PSOE.
Agora Galiza decide! Os resultados en Cabanas para o Congreso:
Total votantes 2.127 74,50%
Abstención 728 25,50%
Votos nulos 10 0,47%
Votos en branco 24 1,13%

7 de mar. de 2008

Paz e Democracia

Logo do asasinato salvaxe dun exconcelleiro vasco, o comunicado consensuado no Congreso por partidos e sindicatos:

Na mañá de hoxe a banda terrorista ETA asasinou en Mondragón o cidadán e militante do Partido Socialista e da Unión Xeneral de Traballadores, Isaías Carrasco.

Manifestamos os nosos máis afectuoso sentimento de condolencia e cariño á familia de Isaías Carrasco, cuxo único delito foi representar como concelleiro os cidadáns de Mondragón que o votaron democraticamente. Manifestamos tamén a nosa condolencia e solidariedade ao Partido Socialista e á Unión Xeral de Traballadores de Euskadi.

Todas as organizacións políticas e sociais asinantes expresamos a máis rotunda condena e o rexeitamento máis enérxico a este novo atentado criminal da ETA. Todos asumimos esta nova vítima do terrorismo como propia. Todos estamos dispostos a responder a esta agresión de forma firme e unitaria, a defender a liberdade e a derrotar a ETA, a través da forza exclusiva do Estado de Dereito

Apoiamos as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que conseguirán, como tantas outras veces, que os asasinos sexan entregados á xustiza e paguen polo seu crime.

ETA asasinou un traballador e a quen foi un representante dos cidadáns. Fíxoo na véspera dunhas eleccións. É un dobre desafío á Democracia e ás liberdades que atopará a resposta democrática que merece este crime. Nunca conseguirán nada. Só lles espera a aplicación da lei, a acción política da policía e o exercicio da xustiza.

As organizacións asinantes chamamos os cidadáns a responderen a este crime desde a serenidade e desde a firmeza democrática. As eleccións democráticas do próximo domingo converteranse nunha nova vitoria da liberdade. ETA non conseguiu nin conseguirá nunca torcer a libre vontade dos cidadáns.

Ao terrorismo só se lles pode combater e derrotar coa unidade dos demócratas e coa forza do Estado de Dereito

As organizacións asinantes apoiamos todas as convocatorias e mobilizacións que acorden as forzas políticas e sociais de Euskadi para expresar a repulsa cidadá diante deste crime. Por iso, apoiamos a concentración convocada por estas forzas políticas e sociais en Mondragón o próximo luns día 10 de marzo, así como as concentracións convocadas nesa data pola Federación Estatatal de Municipios e Provincias".

Asinan: PSOE, PP, CiU, ERC, PNV, IU-ICV, BNG, CC, ChA, EA, Na-Bai, NC, CEOE, CEPYME, CCOO, UGT e USO.

O BNG suspendeu todos os actos programados para o último día de campaña, como testemuño da súa repulsa perante a barbarie terrorista e como tributo solidario en homenaxe a Isaías Carrasco.

6 de mar. de 2008

Na xornada de reflexión Comisión de Facenda

De pedra!

Segundo fontes municipais, o goberno da comenencia convocou o día de reflexión unha reunión da Comisión de Facenda e Contas para tratar as alegacións do presuposto de 2008 e, agarrádevos á banqueta, a modificación da ordenanza fiscal nº 4. Ao parecer, non deu tempo a facelo antes deste día de reflexión xa que o 1º tenente de alcalde e a concelleira de Cultura fuxiron de vacacións estes días pasados ás illas e a Roma.

Mentres os actos do 8 de marzo se adiantan para non interferir coa xornada de reflexión, o magnífico e insubstituíble alcalde piloto de Cabanas establece unha reunión de Comisión informativa o día que lle apeteceu.

Votar BNG é votar por máis emprego na nosa terra

Máis claro auga. Así o expuxo de xeito contundente Francisco Dasilva no mitin organizado polo BNG de Cabanas o pasado día 1 de marzo en Laraxe.



Coma a sempre, o alcalde piloto do PP fai o ridículo ao excluír do Pleno de xaneiro, porque lle apeteceu, unha moción do BNG aprobada en tódolos concellos da comarca por unanimidade de tódalas forzas políticas.
Co PP, xa se sabe, nun sitio dise unha cousa e noutro faise a contraria.

A votar o vindeiro domingo como galegos e galegas!