26 de xan. de 2012

Actas: Pleno extraordinario de 28 de decembro e intento de censura

Cabanas.- Como xa é habitual poñemos en práctica o noso compromiso de transparencia real e publicamos a acta do Pleno de 28 de decembro.
Así mesmo, trasladamos o noso apoio e solidariedade aos compañeiros concelleiros Xosé Manuel Sardiña e Tareixa García e rexeitamos o intento de censura do Partido Popular a este blog dende o Pleno da Corporación con actitudes e accións do grupo municipal do PP dignas do mesmísimo Torquemada.
O PP trata agora de turbar a normalidade que hai ao longo da nosa traxectoria informativa e na que se cumpren os máximos de respecto informativo dende o noso punto de vista, respectable coma calquera outro que expoña as súas ideas dende principios democráticos. Se se busca pechar esta ventá de aire fresco por contar a verdade, o PP escolle o camiño do totalitarismo.
"Quen non coñece a verdade é simplemente un ignorante. Pero o que a coñece e a chama mentira, ¡ese é un criminal!..." Bertrold Bretch
"Primeiro viñeron buscar os comunistas, e eu non falei porque non era comunista. Despois viñeron polos socialistas e os sindicalistas, e eu non falei porque non era nin o un nin o outro. Despois viñeron polos xudeus, e eu non falei porque non era xudeu. Despois viñeron por min, e para ese momento xa non quedaba ninguén que puidese falar por min" Martin Niemoeller, 1945 (pastor protestante, 1892-1984)


ACTA DA SESIÓN EXTRAORDINARIA DO PLENO DA CORPORACIÓN REALIZADA O 28 DE DECEMBRO DE 2011
Concelleiros asistentes: (PP) Dª. Esperanza Gayoso Pereiro. D. JuanA. López Rodriguez. Dª. Ana Rosa Méndez Eiroa. D. Julián Ramón Seijas Criado. (BNG) D. Xosé Manuel Pérez Sardiña. Dª. Mª. Teresa de J. García Pita. (AEC) D. José C. ReyGarcía. D. Luis A.Fachal López. (PSOE) D. Delfín Feal Pereira.
     No salón de sesións da Casa do Concello de Cabanas, sendo as dezanove horas e trinta minutos do día vinte e oito de decembro de dous mil once, en primeira convocatoria e baixo a presidencia do Sr. Alcalde D. German Castrillón Permuy, coa asistencia dos Sres. Concelleiros relacionados á marxe e do Secretario titular D. Antonio López Vila, reúnese o Pleno da Corporación en sesión extraordinaria de acordo coa correspondente convocatoria.
Unha vez comprobada a existencia de quórum para a válida constitución do Pleno, a Presidencia declara aberta e pública a sesión, procedéndose a trata-los asuntos incluídos na Orde do Día.
Non asiste a concelleira Dª. Eva Mª. Pazos Bande por maternidade.
1.- ACTA DE SESIÓN ANTERIOR. Dada conta da acta de sesión anterior realizada o día 14 de novembro de 2011, da cale entregouse copia coa convocatoria a tódolos concelleiros, e despois de preguntar o Sr. Presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación; non presentándose alegacións, o Pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor de tódolos membros presentes, acorda aproba-la referida acta.
2.- MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO, POSTO DE ARQUITECTO TÉCNICO. Vista a proposta que presenta a Alcaldía para modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), posto de arquitecto técnico deste Concello, pasando de xornada completa a media xornada, coa conseguinte adecuación da súa remuneración salarial á nova condición, así como, ditame da comisión de Facenda e informe de Secretaría.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña manifesta que na proposta alúdese á situación económica e non se concretan cantidades, pide que os representantes do partido popular digan os cambios con respecto a exercicios anteriores, a referencia xenérica non xustifica ese recorte e están atacando unha das principais funcións dun concello; indica que para área de urbanismo hai un informe do Consello de Contas cunhas recomendacións determinantes, onde se sinala que o concello deberá realizar as súas funcións urbanísticas con persoal suxeito ao estatuto funcionarial, recomenda reforzar con persoal cualificado as labores de disciplina urbanística, inspección, reposición legalidade, réxime de infraccións e sancións, etc. e agora resulta que vostedes veñen a recortar un área onde xa o Consello de Contas recoñecía a necesidade de consolidación, tamén ese informe fala dunha unidade específica urbanística, inspección periódica de construcións que é obrigatoria en función de antigüidade, por todo elo piden máis explicacións que as que achegan na folla da proposta.
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López considera que non está xustificada de ningunha das formas a redución da xornada do posto de arquitecta técnica municipal segundo os datos aportados polo grupo de goberno do partido popular, na comisión de facenda foron solicitados datos concretos polos tres grupos da oposición, pediuse cal era a redución do gasto e as supostas novas atribucións que tería ese posto e non deron ningún dato, incluso dixeron que era debido en parte a sentenzas anteriores coma o caso de Elpidio que resulta incoherente cando o Concello ten que nomear un técnico responsable, tamén falaron dunha redución do 50% nas licenzas, dato tamén incoherente como logo se verá; o concello é unha institución pública baseada nunhas leis que se intentan obviar, non se fai unha nova valoración do posto de traballo e das novas atribucións, simplemente se modifica a media xornada por elo piden máis explicacións.
Polo grupo mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira está de acordo co dito polos portavoces anteriores, na comisión de facenda non se lles deu explicacións e as consideracións que fan na proposta para xustificar a redución da xornada lle parecen peregrinas, a arquitecto técnico ten moitas funcións e hai moitos traballos que podería facer, con esta redución de xornada o aforro de habelo vai ser insignificante, alude ao punto cinco do informe do Secretario sobre criterios de racionalidade, interese público que non pode dar lugar a desvío de poder ou sanción, tamén esixe unha valoración segundo o convenio laboral como xa explicaron os anteriores portavoces, parécelle unha sanción encuberta e unha descapitalización tanto técnica como humana que nalgún momento vai ter que ser suplido por un servizo externo moito máis caro.
Polo grupo popular: o concelleiro D. Juan A. López Rodriguez manifesta que tal como se verá no orzamento están estudando liña a liña a redución de gastos do Concello, no capitulo de persoal a redución é do 21,54 % e un dos postos que se veu en función da carga de traballo é o de arquitecto técnico, a crise afectou especialmente ao urbanismo,  da conta das cifras de recadación en 2011 do ICIO onde se reduce nun 72 %, licenzas urbanísticas cunha redución do 50%, e cédulas de habitabilidade e 1ª ocupación onde a redución é do 84 %; sinala que hai unha redución importante da carga de traballo que viña realizando a arquitecto técnico á que se suma a adhesión deste Concello a APLU co cal tódalas licenzas urbanísticas en solo rústico, solos urbanizables e núcleos rurais delimitados no planeamento urbano vanse levar a cabo por esta Axencia; o grupo de goberno xa está a reducir gastos en tódolos departamentos, alude a que non se cubriron baixas de traballadoras por maternidade, defuncións ou doutros traballadores de longa duración como en servizos sociais; en relación co alusión que fixeron ao informe de Intervención sinala que é así, trátase dunha actuación con verdadeiros criterios de racionalidade e obxectividade, o fácil sería non facer nada.
O Sr.Pérez Sardiña despois de que a Presidencia lle indicase que dispoñía de dous minutos en segunda intervención, critica que ese sexa o tempo que lle merece unha familia, un recorte contra unha persoa que non está xustificado, os datos que deron das licenzas non coinciden cos acordos da XGL, queren xustificar o inxustificable, as recomendacións do Consello de Contas merecen máis credibilidade, é unha decisión persoal, non política, que toma unha persoa, por iso o BNG vai votar en contra, queren enganar con argumentos falsos e facendo unha represalia contra unha persoa que desenvolve o seu traballo dignamente e de xeito solvente, cousa que polo visto non é do seu agrado.
O concelleiro de AEC, D. José C. Rey García di que leva moitos anos no concello e nunca se tomou unha decisión tan desproporcionada; no desempeño do seu cargo antes de ser alcalde, cando foio alcalde e na lexislatura anterior con motivo do mal entendemento da Alcaldía coa aparelladora, tocoulle de levar asuntos deste posto de traballo e coñece moi ben as súas funcións, os informes das licenzas son solo unha parte do traballo, dálle a impresión que coñecen pouco o traballo que realiza senón non farían esta proposta que retiraría da orde do día, é unha cousa moi grave e estase xogando co posto dunha persoa que non sabemos as consecuencias que pode producir.
O Sr. Feal Pereira insiste nas competencias da arquitecto técnico, as que ten e as que lle queira encomendar a Alcaldía ou o grupo de goberno, é unha descapitalización humana é técnica que este concello non se debe permitir, as consideracións económicas son baldías e non se sosteñen, vaise perder un servizo técnico dispoñible a calquera hora que non vai custar máis do seu soldo mensual, logo habería que pedirllo a asesoría externa por máis diñeiro, como se expuxo aquí están intentando xustificar o inxustificable e o partido socialista vai votar en contra.
O Sr. López Rodriguez en canto a que non lle parezan razoables, xustificables os datos postos encima da mesa, indica que son absolutamente reais, as alegacións de faltos de fundamento do grupo BNG poden contarllo aos traballadores que cobren as baixas doutros do seu departamento e o traballo ten que saír, en ningún caso poñen en dúbida o traballo nin a profesionalidade de ningún traballador, tampouco o desta traballadora, tamén aclara ao concelleiro do PSdG-PSOE que antes de tomar esta decisión, antes de vir ao Pleno, se fixeron ofrecementos doutras funcións para este posto sen que se puidera chegar a un acordo por iso se ven obrigados a ter que traelo aquí ao Pleno.
O Sr.Alcalde aclara que non se cancela a praza, queda a media xornada, temos un técnico superior que é un arquitecto tamén a media xornada co concello da Capela, non se cancela a praza, por problemas de traballo se reduce esa praza a media xornada e a modificación desta praza suponlle ao concello uns vente mil euros anuais de aforro que era un dato que dicían que non se lle daba e agora llo concreta.
Sometido o asunto a votación ordinaria resultan cinco votos a favor dos membros do grupo popular e cinco en contra dos membros dos grupos BNG, AEC e concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, producíndose empate realízase unha nova votación obtendo o mesmo resultado, a vista do cal o Sr.Presidente co voto de calidade decide a favor da aprobación da proposta, co seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación do posto de arquitecto técnico, na Relación de Postos de Traballo pasando de xornada completa a media xornada, coa conseguinte adecuación da súa remuneración salarial á nova condición.
Segundo. Expoñer ao público a mencionada relación, durante o prazo de quince días hábiles a contar desde o seguinte o da publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia, durante os cales os interesados poderán examinala e presenta-las reclamacións ante o Pleno. Dita modificación da RPT considerarase definitivamente aprobada se no devandito prazo non se presentaran reclamacións; no caso contrario, o Pleno disporá do prazo dun mes para resolvelas.
Terceiro. Unha vez aprobada definitivamente a mencionada modificación, a Relación de Postos de Traballo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e remitirase copia á Administración do Estado e ao órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia.
3.- ORZAMENTO MUNICIPAL PARA 2012. Dada conta polo Secretario do expediente tramitado para aprobación, no seu caso, do orzamento municipal formado para o exercicio de 2012 polo Sr. Alcalde deste Concello de acordo cos requisitos que sinala a lexislación vixente no que constan os documentos que establecen os artigos 165, 166, y 168 e concordantes do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e Real Decreto 500/1990, do 20 de abril, cadro de persoal coa relación de postos de traballo, informe de intervención e ditame  da Comisión de Facenda.
O Sr.Presidente informa que pola importancia do asunto os grupos dispoñen de dez minutos para a primeira intervención e cinco minutos para a segunda.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo BNG: a concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita opina que os orzamentos son o documento de acción de goberno do ano, en principio deberan contar coa oposición porque todos son votados polo pobo, tampouco fan caso das suxestións de aforro, critica as manifestacións de aforro por non cubrir prazas, pois o concello ten uns servizos que cumprir e sen persoal non pode realizalos,  estamos en crise e co desemprego que hai en Cabanas debían cubrirse esas prazas, non observan intención de aforro e logo veñen as modificacións, non hai baixas nos gastos dos órganos de goberno nin falan de abaratar os servizos e deixarse de nepotismos.
O portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña alude aos recortes do partido popular nestes orzamentos que non axudan a superación da crise, cando o persoal, principal activo do concello, é o primeiro prexudicado; as decisións do grupo de goberno van en contra de calquera recuperación, e o BNG está en contra de que os veciños sufran as deficiencias da mala situación económica que podían asumir as arcas municipais, o persoal é insuficiente para desenvolver as obrigas básicas do municipio establecidas por lei, este goberno nútrese de asesorías para funcións non básicas e prescinde de persoal en  funcións necesarias e obrigatorias, este orzamento debía estar precedido por un plan de reequilibrio económico financeiro e pregúntase por que lle teñen medo, por qué non aplican ese recorte no seu peto, dende o 2007 soben os impostos para cumprir unhas cuestións que non foron capaces de resolver en cinco anos, os concelleiros do partido popular valen para votar culpas pero non para asumir a súa responsabilidade e resolver as cuestións, recorda que hai cinco anos falaron da igualdade ante a lei, frase bonita pero que non aplican, senón farían cumprir a lei urbanísticas e unha xestión que non cree maiores problemas ao deixar os servizos sen persoal.
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López considera que o grupo de goberno ten a potestade e responsabilidade de elaboración dos orzamentos, neste caso o fan solos, e a labor da oposición é auditalos; en canto a ingresos alude ao mantemento da consignación no capítulo un, nos capítulos dous e tres está o tema de urbanismo mantéñense en contías aproximadas do exercicio anterior polo tanto ou este orzamento está inflado ou a redución da que falaba o portavoz do grupo popular na modificación do posto da aparelladora é unha mentira, nos capítulos catro e cinco a consignación e semellante ao ano anterior, a vista delo Cabanas non está en crise, nos capítulos sete e nove acabouse o plan E e volven coas operacións de crédito que non se puideron ou non souberon xestionar no 2011; en canto a gastos destaca que o capítulo dous de gastos correntes en bens e servizos auméntase nuns 60.000 euros, sen embargo debíase reducir, sobre todo en festas, redúcense os programas de muller, considera insuficiente a contía de xuros, e no tema de Aquagest gustaríalle que foran máis responsables e falaran antes todos deste tema, hai unha caída de investi-mentos e redución da contía para execución da sentenza do Penso polo supón será solo para obra e debía haber algo para indemnizacións, opina que non existe redución nos órganos de goberno e si existe é menor do 5%, debía de reducirse este gasto, insistindo na redución do gasto ordinario.
Polo grupo mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira manifesta que orzamento ao final ven a ser unha determinación da orientación política que se lle queira dar ao Concello, observa unha redución en servizos sociais, emprego, comercio e turismo, infraestruturas e sen embargo nos órganos de goberno hai un incremento nas partidas de gasto, para asistencia a pleno e órganos colexiados a contía é a mesma reducíndose a dos grupos políticos; na política de gasto vese claramente por onde vai e parece que non estamos en crise, polo que se ve non importa a caída nas partidas de comercio e pymes, infraestruturas e emprego, recorda que o portavoz popular xa dixo que o incremento do paro en Cabanas non era significativo; no tema de ingresos chócalle que os ingresos por operacións correntes sexan practicamente igual que no 2011 o que ven dicir que hai un abandono de funcións, si hai unhas obrigas que cumprir non se deben aumentar os ingresos solo por vía impositiva hai moitas políticas que se poden levar a cabo sen aumentar a carga impositiva, xa sabe que sairán co tema do Penso pero recorda que pediu unha comisión informativa especial para entre todos achegar unha solución que non foi aceptada; facer os orzamentos é potestade do grupo de goberno pero tamén é unha cortesía contar cos grupos da oposición pois toda achega é positiva.
Polo grupo popular: o concelleiro D. Juan A. López Rodriguez indica que tal como consta no informe de Intervención se presenta un orzamento sen déficit inicial, as bases de execución conteñen as disposicións para unha adecuada e correcta xestión e logo fala do equilibro orzamentario, hai que ter en conta que o gasto vai no capitulo 6 e o ingreso do crédito no 9; logo refírese aos gastos destacando o aforro, en gastos de persoal un 21,53%,  dentro do cal o relativo a órganos de goberno redúcese nun 18,12%, en bens correntes e servizos redúcese nun 7,98%, princi-palmente en mantemento e conservación, subministracións  e gastos diversos, no capítulo 3 gastos financeiros queda igual que no 2011, o capítulo 4 é o único que se incrementa debido a débeda acumulada de Aquagest que seguirá moitos anos, no capítulo de investimentos reais redúcese nun 40,14 %, no capítulo 7 transferencias de capital a redución é do 64,59% e no capítulo 9 redúcese nun 64,59% porque agora mesmo non hai débedas, polo tanto o BNG non leu  os orzamentos, hai pouco persoal pero non poña en dúbida a súa capacidade, profesionalidade e capaz de acometer tódalas funcións inda con baixas sen cubrir; non ocultan nada aos veciños e estanse a resolver cuestións do pasado; en canto a ingresos non sabe que orzamentos mirou a AEC pois hai unha redución do 18,28%, en canto a emprego aclara que nunca dixo que o paro en Cabanas non fora significativo senón que fora moito menos que o comparado con outros concellos, coa Comunidade Autónoma ou con España, non é de recibo que teñan que seguir arranxando danos do pasado
A Sra. García Pita critica a opinión do portavoz popular sobre o persoal, considera que non hai un aforro, e non se poñerán de acordo, que non intente disfrazar os conceptos, saben que non van aforrar e vai haber modificacións, falan dunhas cousas e van facer outras.
O Sr.Pérez Sardiña manifesta que o ano pasado dixeron unha cousa e este ano din o que lles parece, están aí para resolver os problemas e si non son capaces poñan outra cousa no programa electoral, presentáronse diante da cidadanía dicindo que ían resolver o problema do Pidio e para iso soben os impostos, ou Aquagest onde vostedes son os que máis débeda crearon e que agora lles acaba de reclamar, non son capaces de resolvelo, o ano pasado a Sra. Gayoso dixo que eran orzamentos nivelados, austeros e executables e resulta que non resolveron os problemas, volven co mesmo porque non teñen capacidade de facelo, solo votándolle a culpa aos demais coma no patio do colexio, protesta por facer comentario o Sr.Alcalde, fala de que non aplican recorte nos gastos do equipo de goberno, levan o 90% da consignación máis as asesorías,  empecen a aplicar recortes por vostedes, a austeridade remata onde empeza o peto do grupo de goberno do partido popular.


O Sr. Fachal López di que ao final non entendeu nada da explicación do portavoz popular con tanto porcentaxe, pero dáse conta dunha cousa, en órganos de goberno son 103.000 euros, reducindo un 20% xa non habería que poñer a media xornada a aparelladora e cre que tódolos grupos da oposición estarían de acordo, xa dixo aquí nun pleno de reducir o 50% - hai intervención da Sra.Gayoso Pereiro e o Sr.Presidente ordénalle silencio – insiste na contradición dos datos que deron sobre o urbanismo, o problema da concesión de crédito para execución da sentenza e no que se vai facer, informe de estabilidade e que non ve o aforro que din, vostedes teñan a maioría para aprobar o orzamento pero gustaríalle saber que van a facer para conseguir o crédito.
O Sr. Feal Pereira insiste nos datos da clasificación do estado de gastos por programas, resumo por políticas de gasto, os ingresos están a nivel do ano pasado e pódese facer mellor política para conseguir máis ingresos sen subir as taxas, necesítase o PXOM posto a andar, hai a execución dunha sentenza e pódense obter mellores condicións de crédito, reitera que co desenvolvemento de Cabanas se poden obter máis ingresos por vehículos, poboación, licenzas, etc, sen incrementar a carga impositiva, solo hai que reorganizarse dentro do concello, agora posiblemente se vote en falta e se pida outro plan E tan criticado nos últimos anos.
O Sr. López Rodriguez opina que é unha pena que non entendan as porcentaxes porque dificilmente poden entender o orzamento, fala das cifras de gastos e ingresos e redución con respecto a 2011 nunha porcentaxe do 26,1 %, é un esforzo de austeridade e de rigor necesario pola conxuntura económica, a redución máis importante recae sobre infraestruturas e a menor en servizos sociais, sanidade, educación e cultura con apenas 1%, si se restan os gastos do Penso e Aquagest estaríase en gastos inferiores a 2010, en canto ao crédito estase en mellor situación porque se presenta un orzamento equilibrado en gastos e ingresos, con redución de gastos con respecto a 2010 o que supón un esforzo importante que vai ser valorado polas entidades financeiras que teñen que dar o crédito.
Debatido o asunto sométese a votación ordinaria resultando cinco votos a favor dos membros do grupo popular e cinco en contra dos membros dos grupos BNG, AEC e concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, producíndose empate realízase unha nova votación obtendo o mesmo resultado, a vista do cal o Sr.Presidente co voto de calidade decide a favor da aprobación adoptándose o seguinte acordo:
1º.-Aprobar inicialmente o orzamento municipal para o exercicio 2012, con un importe total tanto en gastos coma en ingresos de tres millóns catrocentos sesenta e  nove mil seiscentos corenta euros (3.469.640,00 euros)  co seguinte resumo por capítulos:
ESTADO DE GASTOS:
Capítulo    Denominación,     Consignación
    A) Operacións correntes    
1    Gastos de persoal    857.680,00
2    Gastos en bens correntes e servicios    1.325.465,00
3    Gastos financeiros    1.100,00
4    Transferencias correntes    72.600,00
    B) Operacións de capital    
6    Investimentos reais    958.220,00
7    Transferencias de capital    238.575,00
8    Activos financeiros    00,00
9    Pasivos financeiros    16.000,00
    Total gastos    3.469.640,00
ESTADO DE INGRESOS:
Capítulo    Denominación    Consignación
    A) Operacións correntes    
1    Impostos directos    803.200,00
2    Impostos indirectos    80.000,00
3    Taxas e outros ingresos    401.400,00
4    Transferencias correntes    1.108.945,00
5    Ingresos patrimoniais    4.100,00
    b) Operacións de capital    
6    Alleamento de investimentos reais    00,00
7    Transferencias de capital    143.301,00
8    Activos financeiros    00,00
9    Pasivos financeiros    928.694,00
    Total ingresos    3.469.640,00
2º.-Aproba-las bases de execución do mencionado orzamento.
3º.-Aproba-lo cadro de persoal para 2012 e relación de postos de traballo de persoal funcionario e laboral incluídos no mesmo, coa valoración correspondente de niveis, retribucións complementarias e características.
4º.-Someter a información pública o orzamento aprobado polo prazo de quince días hábiles, a efectos de reclamacións, segundo dispón o artigo 169.1 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
5º.-No suposto de non presentarse reclamacións contra o devandito orzamento e cadro de persoal, consideraranse definitivamente aprobados debendo cumprirse o trámite da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, do resumo por capítulos xunto co cadro de persoal, de acordo co disposto nos artigos 127 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, do 18 de abril e 169.3 do citado Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
6º.-Remitir copia do orzamento mencionado á Administración do Estado e á Comunidade Autónoma de Galicia.
4.- RATIFICACIÓN ACORDO TERREOS PARA EXECUCIÓN DA OBRA MELLORA DE SEGURIDADE VIAL EN C.P. 1502, PORTO A LARAXE, PK. 0,0 A 1,1 CABANAS. Visto que con data 20 de xaneiro de 2010 o Pleno da Corporación aprobou o proxecto modificado nº 1 de “Mejora de seguridad vial en C.P. 1502 Porto a Laraxe, P.K. 0,0 al 1,1 Cabanas” de acordo coas Bases de Colaboración entre a Deputación Provincial de A Coruña e os Concellos para a execución dos proxectos que se incluirán nas distintas fases do Plan de Travesías 2008-2011 (BOP 57 , 8-3-2008), achegándose a correspondente  documentación a Deputación Provincial.
Visto o compromiso do concello de aboar as contías para trámites de adquisición de terreos que non se obtivese a cesión amigable e visto a relación de firmas de conformidade coa ocupación de terreos de forma amigable recollidas aos afectados, é necesario poñer os terreos a disposición da Deputación Provincial para que proceda a execución das obras, a tal efecto con data 29 de setembro de 2010 o Pleno da Corporación acordou facer constar a dispoñibilidade da totalidade dos terreos afectados pola execución da citada obra, así como, poñelos a disposición da Deputación Provincial para que proceda a súa contratación.
Visto o escrito que achega a Deputación Provincial dando traslado doutro presentado por D.Eugenio Cabana Piñeiro e outros no que manifestan a desconformidade co proxecto e ocupación das súas propiedades, e visto que con posterioridade asinouse un convenio polo concello de Cabanas con ditos propietarios para permiti-lo inicio das obras.
Despois de estudado o asunto, o Pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto favorable de tódolos membros presentes, acorda ratificar o acordo adoptado en data 29 de setembro de 2010 quedando nos seguintes termos:
1º. Facer constar a dispoñibilidade da totalidade dos terreos afectados pola execución do proxecto modificado nº 1 de “Mejora de seguridad vial en C.P. 1502 Porto a Laraxe, P.K. 0,0 al 1,1 Cabanas”.
2º. Poñer a disposición da Deputación Provincial os referidos terreos co obxecto de que a Deputación Provincial proceda a contratación da execución das referidas obras.
 Non habendo mais asuntos que tratar a Presidencia levanta a sesión sendo as vinte e unha horas e dez minutos da cal levanto a presente acta , e do que eu Secretario, dou fe.
     Vº e Prace
        O Alcalde,                                                                                       O Secretario

25 de xan. de 2012

Caso Area: O BNG urxirá no Pleno o traslado dos refugallos do caso Area

O rexedor popular ordenou o pasado 23 de decembro paralizar un pequeno movemento de terras e unha suposta vertedura no vertedoiro de San Lourenzo e responsabiliza a Manmer SL e a Fermín Duarte
Despois de feitas as comprobacións oportunas, no lugar non existen evidencias de medidas de paralización, que se limitan así ao papel, nin de novas verteduras de bituminososAlí seguen os refugallos asfálticos, que deron orixe ao caso 'Arena' que vencella o exdiputado popular, Javier Escribano con Fermín DuartePara o BNG, o alcalde de Cabanas céntrase agora en lavar a súa imaxe cando os refugallos seguen vertendo lixiviados aos mananciais, ao Baa e á ría de Ferrol

A paralización das "obras" no monte de 27.900 m2 propiedade de Manmer SL o pasado 23 de decembro deixa ao descuberto a rocambolesca actuación das institucións gobernadas polo PP nos últimos dous anos. O alcalde Germán Castrillón non fai agora outra cousa que chamarse á culpa e recoñecer que non obrou en cumprimento da lei tal e como lle exixiu en reiteradas ocasións o BNG.
Para o BNG non paralizar en 2009 o trasego de máis de dous mil camións que se afanaron no transporte de 60.000 toneladas  e facelo agora cando permanencen alí amoreadas decenas de miles de toneladas potencialmente contaminantes sen control de ningún tipo é rirse da cidadanía.
Agora, o rexedor popular orquestra unha pantomima máis para distanciarse de Manmer, despois de coñecer pola prensa o caso xudicial aberto por almacenamento irregular destes materiais. O BNG critica que durante dous anos e medio, o alcalde mirou para outro lado perante o trafego de camións ao vertedoiro de Laraxe e perante as exixencias en pleno para que actuase. Os nacionalistas acusan a Castrillón de “preocupante connivencia” co industrial imputado xa que grazas á súa basta pasividade hai un vertedoiro ilegal sobre as fontes do río Baa.
Moción do BNG
Neste sentido, Xosé Manuel Sardiña acaba de anunciar que o Grupo Municipal presentará unha moción por vía de urxencia para que o Concello reclame colaboración efectiva da Xunta para trasladar os refugallos a un lugar idóneo para a súa reciclaxe e así evitar o agravamento de potenciais afeccións para o medio e mais para a saúde das persoas, así mesmo, exixirá a apertura dunha investigación para determinar o destino da comercialización dos refugallos no termo municipal. Dende o punto de vista do portavoz municipal "os refugallos non deben permanecer nin un minuto máis na localización infame de San Lourenzo xa que afecta directamente a cursos de auga e mananciais".


Decreto de paralización das "obras" e actividade
RESOLUCIÓN 365/2011. Suspensión de obras e actividade.

            Visto que pola empresa Manmer S.L. e D. Fermín Duarte Rodriguez se están a realizar obras de movemento de terras e depósito de materias bituminosos en parcelas situadas nas inmediacións do polígono de Vilar do Colo, Laraxe, parcela 291 do polígono 10 do termo municipal de Cabanas.

            Visto que as referidas actuacións se realizan en solo rústico ordinario, de protección de augas e de protección de infraestruturas, e non dispoñen da preceptiva licenza municipal.

            Visto o convenio de adhesión deste concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, publicado no D.O.G. nº 222 do 21 de novembro de 2011.

            De conformidade co depósito na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e o artigo 21.1. da Lei 7/1985 do 2 de abril en relación co artigo 61.1. da Lei 5/1997 do 22 de xullo de Administración Local de Galicia, RESOLVO:

            1º. Dispoñer a suspensión cautelar das obras de movemento de terras e depósito de materiais bituminosos promovidas pola empresa Manmer S.L. e D. Fermín Duarte Rodriguez en parcelas situadas nas inmediacións do polígono de Vilar do Colo, Laraxe, parcela 291 do polígono 10 do termo municipal de Cabanas.

            2º. Dar traslado dos feitos e antecedentes a Axencia de Protección da Legalidade Urbanísticas para tramitación das accións que procedan.

            3º. Notifíquese esta resolución aos promotores aos efectos acordados e recursos procedentes.

O acorda e asina o Alcalde en funcións Don Germán Castrillón Permuy, en Cabanas a vinte e tres de decembro de dous mil once,  do que eu Secretario, Antonio López Vila, dou fe.

            O Alcalde,                                                                                          Perante min,

                                                                                                                      Secretario.

20 de xan. de 2012

Pleno ordinario ás 19.30 h do 25 de xaneiro

Cabanas.- A Corporación de Cabanas reunirase o vindeiro mércores á tarde para tratar dúas mocións do BNG sobre a suba do IBI e mais sobre a supresión de gardas nocturnas da farmacia do Areal. Seguen pendentes de debate a moción de Navantia e mais a do 25 de novembro, vivo exemplo dos "despistes democráticos" do rexedor.


Detalle da convocatoria:



Moción sobre a subo do IBI
 O Goberno Central vén de aprobar o Real Decreto-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, que inclúe o incremento do Imposto de Bens Inmóbeis de Natureza Urbana (IBI).
Neste RDL, o Goberno Central do PP impón unha suba dos tipos de gravame do IBI, que non poderá ser inferior a 0,50 no 2012 e a 0,60 no 2013. E varía entre o 10%, 6% e 4%, en función da antigüidade da revisión catastral -antes de 2002 (10%), entre 2002 e 2004 (6%), e entre 2008 e 2011 (4%). Este incremento vai afectar gravemente aos concellos galegos, xa que son máis do 70% os concellos de Galiza que fixeron a súa última valoración catastral antes de 2002. En todos estes concellos, o incremento será do 10% do imposto e afectará á totalidade dos inmóbeis de uso residencial. Ademais haberá máis de 100 concellos nos que a suba suporá nos recibos do IBI un incremento do 50% en dous anos, xa que están aplicando o tipo mínimo fixado pola lei, e agora obrígaselles desde o Goberno Central a que o tipo non sexa inferior a 0,50 en 2012 e 0,60 en 2013.
A medida do goberno do PP no Estado vén botar por terra as previsións que adoptaron os concellos antes do 1 de xaneiro, en canto á actualización de taxas e impostos, que se fixeron tendo en conta a situación económica municipal e dos seus habitantes, que agora veñen a sufrir este ano e o próximo unha nova e forte suba de impostos, acumulándose o incremento aprobado polo Goberno Central aos incrementos aprobados por moitos concellos para 2012.
Isto supón indubidabelmente un ataque frontal á autonomía local, por ser os concellos os que teñen a posibilidade de fixar os tipos impositivos do IBI, véndose abocados a un incremento que vai repercutir gravemente na economía das familias e constituíndo unha medida do PP desde o goberno do Estado que despreza a competencia municipal de poder utilizar os seus mecanismos tributarios para xerar os ingresos necesarios para o correcto equilibrio das súas finanzas.
A medida adoptada polo goberno do Estado resulta, ademais de invasora das competencias locais, inoportuna e escapista das súas responsabilidades, porque escapa á necesidade dunha reforma urxente do financiamento local para incrementar a contía de participación nos ingresos do Estado (PIE) por parte dos concellos galegos, integrándoa plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza e aplicando criterios de reparto que teña en conta o maior custe dos servizos en Galiza, derivado da dispersión poboacional e do envellecemento dos habitantes do noso país.
Pero, tamén, fronte a esta medida tan inxusta do Goberno Central, xunto co incremento da PIE e o recoñecemento de criterios específicos para Galiza, existe a alternativa de aumentar a capacidade financeira dos concellos coa cesión de novos tributos, dotar de maior eficacia á loita contra a fraude fiscal e por preservar que os concellos poidan decidir sobre os seus propios instrumentos tributarios para equilibrar os seus orzamentos, coa debida corresponsabilidade fiscal.
Diante desta grave medida que obriga a un incremento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas e que invade as competencias municipais, correspóndelle ao Goberno galego actuar para preservar a autonomía dos concellos galegos, e non optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central.
Por todo o exposto é polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento ao incremento do tipo de gravame do IBI que figura no  RDL 20/2011 por se tratar dunha medida absolutamente inxusta que invade as competencias dos concellos e obriga a unha política impositiva onerosa para as economías da cidadanía.
2. Instar ao Goberno Central á retirada do incremento do IBI fixado polo RDL 20/2011.
3. Solicitar do Presidente da Xunta de Galiza a:
a. Instar do Goberno do Estado á retirada do incremento do IBI fixado no RDL 20/2011.
b. Instar do Goberno do Estado a proceder a unha reforma urxente do financiamento local, de tal xeito que se incremente a contía de participación nos ingresos do Estado por parte dos concellos e dita participación se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza. Tendo en conta nos criterios de reparto o maior custe dos servizos no noso país, derivado da dispersión poboacional e do envellecemento da mesma.
c. Impulsar un Plan de Financiamento Local coa cesión de novos tributos e capacidade normativa sobre os mesmos, así como medidas para a mellora efectiva da loita contra a fraude fiscal.
4. Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e portavocías dos grupos parlamentares do Parlamento galego.



Moción sobre gardas nocturnas de farmacia
Cos únicos votos do Partido Popular, o Parlamento galego aprobou a Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2012 cunha modificación da Lei de Ordenación Farmacéutica que permite eliminar as gardas nocturnas das oficinas de farmacia en determinadas circunstancias; entre outras, cando non existe un Punto de Atención Continuada (PAC) no concello ao que dá servizo a Farmacia.
O BNG votou en contra desta medida de recorte sanitario ao considerar que as Farmacias dan un servizo complementario das prestacións dos centros sanitarios. Non se limitan a dispensar unha prescrición médica porque ademais informan e aconsellan á persoa que adquire a medicación. Unha función especialmente importante cando non se pode acceder a un servizo médico. A garda nocturna de farmacia nun concello onde non hai PAC pode solucionar unha urxencia menor ou aconsellar unha derivación adecuada, evitando a demanda de recursos especializados cando non son necesarios ou a automedicación.
Os únicos argumentos do Goberno galego para este recorte sanitario son económicos e teñen que ver con garantir un nivel de beneficios que baixou coa posta en marcha de medidas de redución do gasto farmacéutico. De xeito que, con este medida para paliar o recorte do gasto farmacéutico no que atinxe ás farmacias, aféctase ao servizo que se lle presta á poboación.
As circunstancias que limitan este servizo como é o caso de concellos onde non existe un PAC, afecta directamente á poboación rural. Poboación que ten máis dificultades para acceder aos servizos, tanto pola súa composición demográfica como pola dispersión e a falta de boas comunicacións.
A realidade da posta en marcha desta medida constata que unha vez máis o Goberno galego do PP non asume a obriga de garantir á poboación galega uns dereitos, neste caso sanitarios, iguais e independentemente do lugar de residencia.
Así estase a producir a eliminación de gardas nocturnas de farmacia en numerosos concellos galegos nada máis entrar en vigor a modificación o 1 de xaneiro de 2012.
Este peche, alén de supoñer un trato inxusto e desigual para as persoas que residen nos concellos afectados, provocará un maior acceso a servizos de urxencias para atender problemas que se resolvían nas farmacias que agora pechan. Non supón por tanto nin mellor atención ás persoas afectadas nin tampouco un aforro para as arcas públicas, só unha cesión aos empresarios das oficinas de farmacia a cambio de nada.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza a que utilice as súas competencias para que na reorganización que se realice das gardas nocturnas das Oficinas de Farmacia se garanta o servizo en todos os concellos galegos.
2. Comunicar este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza e ás portavocías dos grupos parlamentares do Parlamento galego.

Cabanas, 12 de xaneiro de 2012
Xosé Manuel Pérez Sardiña                    Teresa García Pita
Portavoz                                                    Viceportavoz