30 de dec. de 2009

O BNG propón a organización do arquivo municipal de Cabanas


O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa para que o Concello de Cabanas, gobernado pola coalición PP-AEC, lle solicite axuda á Dirección xeral de Patrimonio Cultural para a organización e conservación do arquivo municipal do Concello de Cabanas.
Os programas de organización dos arquivos municipais actualizaron practicamente case todos os conxuntos documentais dos concellos da provincia da Coruña e o actual goberno non amosou ningunha intención de preservalo.
A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, e o Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresa a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia das institucións públicas. É a Consellería de Cultura e Turismo o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural, e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos. Son as súas funcións a protección, inventario, restauración, acrecentamento e difusión do patrimonio cultural, así como velar pola conservación dos arquivos e do patrimonio documental de Galicia.
Para este fin desenvolve un programa de organización de arquivos municipais 2009-2010 no que traballan bolseiros de formación en arquivos dirixidos e titorados por persoal da Dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza.
O Concello de Cabanas dispón dun arquivo municipal que require necesaria e urxentemente unha especial dedicación e coñecementos técnicos co fin de organizalo e ordenalo. É notorio que non houbo ningunha iniciativa política municipal que impulsase a conservación e o inventario dun ben patrimonial de todos os galegos e galegas que recolle a historia local máis inmediata e próxima á veciñanza.
Teresa García valorou a situación actual como "negativa e indicativa da pouca sensibilidade e interese pola protección da cultura" e afirmou que "o bipartito de PP-AEC debería protexer e conservar os bens patrimoniais no canto de tirar euros e euros en carpas e festas". Pola súa banda, o portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña, entende que "Cabanas debe subirse ao tren da modernidade na xestión dos seus bens culturais, entre os que se atopa un valioso arquivo municipal, que ordenado e coidado axeitadamente ha ser fundamental tanto para o estudo da nosa historia máis recente e como para axilizar a administración municipal".
Deste xeito, o BNG insta ao alcalde para que solicite, tendo coñecemento do programa de organización de arquivos municipais que leva a cabo a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, o acollemento do Concello de Cabanas ao devandito programa no vindeiro ano de 2010.

28 de dec. de 2009

O BNG critica a descoordinación do PP no futuro Punto Limpo de Vilar do Colo

A Xunta de Galiza elaborou os orzamentos da Comunidade Autónoma para 2010 sen ter en conta o proxecto conxunto dos concellos de Fene e Cabanas. Así o evidenciou o portavoz en materia de Medio Ambiente na contestación ás propostas económicas presentadas polo BNG para a execución do Punto Limpo. Unha xarra de auga fría ás declaracións de intencións do alcalde do PP, Germán Castrillón, que non entra nas previsións económicas para o 2010 da Xunta. No PP do Hórreo mesmo ignoran que Cabanas teña alcalde popular e aseguran que non puxeran a disposición os terreos necesarios para acometer a execución da infraestrutura para a xestión de lixo.
O BNG considera a actuación do PP na Xunta e no Concello unha tomadura de pelo que os veciños sofren todos os días do ano e non só o día dos Santos Inocentes. A coordinación brilla pola súa ausencia e o alcalde debería buscar un traballo máis acaído e deixar de prexudicar o nome de Cabanas. En tempos de crise é máis necesaria a creación de postos de traballo por parte das administracións públicas e o PP dedícase a frear a creación de emprego con máis descoordinación e máis incompetencia.

24 de dec. de 2009

Boas festas e venturoso 2010


En nome do BNG de Cabanas e no meu propio, felicítolles o Nadal a todas as persoas que día a día nos agasallan coa súa presenza e coa súa participación neste blog, cada vez son máis e dende distintos puntos do Estado, de Europa, de América e doutros lugares do planeta.
Un saúdo moi especial para todos os galegos e galegas da diáspora.


Bon Nadal e venturoso ano 2010!

Unha grande aperta
Xosé Manuel Pérez Sardiña

21 de dec. de 2009

A Deputación destina preto de 420.000 euros para Cabanas


A Deputación da Coruña aprobou o venres pasado actuacións en servizos básicos e turismo
A Corporación provincial aprobou na V fase do Plan de Cooperación o saneamento en Porto (298.754,86 euros), logo de que o Concello tramitase un ano despois as autorizacións regulamentarias de Augas de Galiza. O Plan de Cooperación provincial 2008-2011, presentado en maio de 2008 polo deputado responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xoán Manuel Cabo Pérez, contempla investimentos por importe de 40 millóns de euros no cuadrienio 2008-2011 nun total de 83 municipios con menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña e o seu obxectivo, segundo Xoán Manuel Cabo, é “axudar aos municipios con menos recursos en obras custosas, que os concellos non poden afrontar sós”. Cabo definiu o proxecto como “o máis importante que vai realizar a Deputación neste mandato”. O orzamento do plan destinase a financiar obras relacionadas co ciclo da auga, coa preservación do medio natural e coa mellora da rede viaria intermunicipal. Cabanas solicitou a súa inclusión neste Plan provincial en setembro de 2008. Cabo afirmou que os fondos deste plan distribuíronse “con criterios de igualdade e transparencia” e que a contratación das obras realizarana os propios concellos.
No capítulo de Promoción Turística, a Deputación aprobou a segunda fase do programa de mellora da calidade turística para a zona do Eume. Os investimentos para Cabanas chegaron no furgón de cola e con deficiencias que a oposición municipal descoñece se efectivamente foron arranxadas. Deste xeito, a sinalización viaria municipal (45.068,35 euros) e as pistas de pádel, drenaxe de equipamento deportivo e espazo libre rotacional na Veiga (74.931,65 euros) sumarían 120.000 euros para impulso do turismo. Deberán estar contratadas polo Concello antes do vindeiro 30 de marzo de 2010 e certificadas a máis tardar o 1 de novembro. (Ligazón: Acordo Turismo para o Eume).

18 de dec. de 2009

O PP rexeita no Parlamento todas as propostas do BNG para Cabanas

O BNG solicitou a través das emendas aos orzamentos da Xunta para 2010 un total de 10 millóns de euros que se concentran sobre todo na mellora do abastecemento de auga e mais do saneamento (7 millóns). Tamén se inclúen propostas que benefician a concellos veciños como o Punto Limpo, un Plan de xestión para as Fragas do Eume que lles dea protagonismo aos propietarios e mais a extensión da Banda Ancha na Comarca do Eume.
Malia á variedade de propostas presentadas ningunha lle mereceu concrección ao Partido Popular que mesmo evidenciou o descoñecemento de que en Cabanas goberna o PP, con pouco peso político conta o PP local en Compostela. Para o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, "era de agardar que Feijoo despois de paralizar a economía galega agora non sexa capaz de asumir os compromisos adquiridos, a Cabanas tócalle agora agardar polas pedreas".

As propostas rexeitadas:
TOTAL: 10.420.000 €

Política Territorial. 800.000 €
Mellora dos accesos ao cemiterio de Cabanas e a Iris desde a AC-531. 300.000 €.
-Acordo Plenario no Concello.
Seguridade vial e humanización da AC-141 ao seu paso por Cabanas e da AC-122 Cabanas-Mugardos. 500.000 €.
-Petición veciñal e compromiso do delegado Territorial co alcalde.

Medio Ambiente: 432.000 €
Planta de tratamento de entullos (Ferrolterra). 300.000 €
Punto limpo de Vilar de Colo. 60.000 €.
-Beneficiaría a Cabanas, Fene e concellos próximos.

Recuperación e limpeza do cauce dos ríos Castro e Baa. 60.000 €
Plan de potenciación dos recursos naturais de Chamoso-Porto. 12.000 €
-Proposta do BNG

Plans de Xestión sostíbel para o Parque Natural das Fragas do Eume.

Portos de Galiza. 12.000 €
Acondicionamento do peirao de Oito. 12.000 €
-Pedimento veciñal.

Vivenda. 12.000 €
Estudo de eficiencia enerxética dos edificios municipais. 12.000 €
-Moción do BNG sobre Plan de aforro enerxético.

Augas de Galiza. 7.500.000 €

EDAR e saneamento integral en Porto. 1.000.000 €
-Acordo Plenario.

Dotación de auga a Laraxe e zona alta de Porto. 500.000 €
-Pedimento veciñal e moción do BNG o 23-03-05.

Mellora abastecemento de auga. 6.000.000 €
- Proposta BNG en Cabanas.

Educación. 135.000 €
Reparacións Escolas Infantís. 15.000 €
-Pedimento do Consello Escolar.

Reparación CEIP Porto. 60.000 €
-Pedimento do Consello Escolar.

Biblioteca CEIP Porto. 60.000 €
-Pedimento do Consello Escolar.

Industria 575.000 €
Proxecto de implantación de biocarburantes. 30.000 €
-Plan de aforro enerxético e moción do BNG.

Proxecto naves industriais tipo. 15.000 €
-Proposta do BNG.

Plan de aforro enerxético. 30.000 €
-Moción do BNG

Banda ancha para o Eume. 500.000 €
-Proposta BNG.

Medio Rural. 130.000 €
Apertura pista forestais Punxeiro-O Monte. 40.000 €
-Pedimento veciñal.

Convenio asfaltado pistas entre núcleos. 60.000 €
-Pedimento veciñal.

Proxecto de acumulaci�n de augas para contraincendios. 30.000 �
-Pedimento veciñal e Proxecto C. de MA

Cultura e Deportes. 264.000 €
Dotación biblioteca municipal. 12.000 €
-Pedimento do Consello Escolar.

Programa de promoción do turismo. 30.000 €
-Proposta do BNG

Delimitación e sinalización do Camiño Inglés. 30.000 €
-Demanda veciñal.

Circuíto de motocrós en Vilar de Colo. 30.000 €
-Pedimento veciñal.

Plan de posta en valor e protección do Castro (Irís). 12.000 €
-Programa BNG

Convenios infraestrutura cultural e deportiva en Laraxe e Sta. Cruz do Salto. 120.000 €
-Pedimento veciñal

Presidencia. 500.000 €

Urbanizaci�n contorno da nova Casa do Concello (1� fase). 500.000 �
-Acordo PSOE-BNG en Cabanas.

Benestar e Igualdade. 60.000 €
Posta en marcha Escola Infantil. 30.000 €
-Proposta BNG.

Posta en marcha Centro de Maiores. 30.000 €
-Proposta BNG.

16 de dec. de 2009

A coalición PP-AEC debe aclarar o destino da casa reitoral de Soaserra

As últimas declaracións da concelleira de Cultura, Esperanza Gayoso evidencian unha vez máis a evasión da realidade da coalición de goberno

No Boletín Oficial do Arcebispado (páxina 594) publicouse unha concesión ao Concello de Cabanas que data do 4 de xuño para a realización dun aparcadoiro de 946 m2 no lugar do Igrexario, na parroquia de Soaserra.
Xornal de Galicia está a investigar este asunto e publicou onte unha nova. Como non podía ser doutra maneira, agora a coalición PP-AEC, promotora do proxecto, desenténdense da concesión arcebispal e pasan a declarar que “Non hai en absoluto ningunha intención de derrubala, xa que os primeiros interesados en que ese inmoble permaneza en pé somos nós” pero a renglón seguido afirma a Sra. Gayoso que “está nun estado lamentable e ruinoso”.
Así mesmo, A folla parroquial divulgou o seguinte texto: “Nos, el doctor don Julián Barrio Barrio, por la gracia de Dios y de la sede apostólica arzobispo de Santiago de Compostela, autorizamos al reverendo señor cura para destinar a aparcamiento el terreno referenciado”, recolle a publicación. O Excelentísimo Señor tamén agradece no texto a “colaboración” prestada polo Concello de Cabanas, e aprémiao para que remita “el proyecto técnico para su estudio y aprobación definitivos”.
O BNG entende que o goberno local debe aclarar o destino da casa reitoral de Soaserra e facer público o proxecto que lle presentou ou lle vai presentar ao Arcebispado de Santiago de Compostela. Ademais da construción do aparcamento, o Concello debería restaurar a reitoral de 437 m2 e destinala a actividades para a veciñanza.

11 de dec. de 2009

O BNG demanda información sobre o proxecto de humanización da N-651


Visualizar o mapa ampliado


O portavoz municipal do BNG interesouse polo proxecto  "33-LC-5750. N-651, del p. k. 20,500 al 26,900. T. M. Cabanas. Provincia da Coruña", adxudicado polo Ministerio de Fomento, a través da Secretaría de Estado de Infraestruturas e Planificación do Estado, segundo publicación no BOE do 25 de xaneiro de 2008 por 156.063,84 €. Xa transcorreron sobradamente os 6 meses de prazo para realizar os traballos, de feito pasaron case dous anos de asinado o contrato.
Despois de realizar preguntas no Pleno de novembro sobre o pintado provisorio, que preocupa á cidadanía que debe acceder ós rueiros dende a N-651 (véxase Google StreetView, na zona de Cardeita), e mais sobre a chegada do proxecto ó Concello, o BNG demandoulle novamente ao alcalde, o pasado mércores, unha explicación por escrito da tramitación que ordenou para consultar o proxecto "33-LC-5750. N-651, del p. k. 20,500 al 26,900. T. M. Cabanas. Provincia da Coruña" do Ministerio de Fomento.
Neste momento, un proxecto secuestrado pola coalición PP-AEC, de tanta transcendencia para Cabanas, non é accesible nin para o BNG nin para os veciños. E, cando menos, Germán Castrillón debería especificar a tramitación que lle vai dar para disipar calquera dúbida en canto á participación de todos os que contribuíron na pasada lexislatura a materializar unhas demandas consensuadas dende o Pleno da Corporación que recollían a totalidade das propostas da cidadanía e dos grupos políticos.
O BNG agarda que o alcalde cambie o seu xeito escurantista e unilateral de actuar porque en nada está a beneficiar ao pobo.

6 de dec. de 2009

O BNG critica que o PP votase a favor de dotar de saneamento a súa propia sede


Visualizar o mapa ampliado

A Deputación Provincial achegaralle ao Concello de Cabanas en 2010 unha asignación de 138.418,90 euros destinados a obras ou gastos correntes, coa finalidade específica de cooperar cos concellos na situación de crise actual. No pasado Pleno Ordinario de 25 de novembro, a coalición PP-AEC fixo dúas propostas para o Plan de Obras e Servizos da Deputación sen consultar cos grupos políticos da oposición: rede saneamento en Laraxe e pavimentación de viais en Porto e Laraxe. Segundo o portavoz do Partido Popular, Luís Chillón, as recentes charlas polas parroquias priorizaran estas primeiras propostas do Partido Popular para o vindeiro ano. Evidentemente, as verbas do voceiro popular non acertan unha posto que inda non celebraran a reunión de Porto para poder incluír o arranxo dos deteriorados camiños do Batán e do Lodeiro. Na reunión de Laraxe esas obras tampouco foron nomeadas polos veciños, si houbo outras demandas máis necesarias ás que o alcalde e José Rey lles deron largas

Posición responsable do BNG
No Pleno, o BNG, a través do seu portavoz Xosé Manuel Pérez Sardiña, explicou o apoio do goberno BNG da Deputación aos concellos nun momento de crise, adiantou o voto positivo do Grupo Municipal do BNG á proposta global do goberno local e puntualizou que o apoio era bastante crítico con algunhas cuestións. Deste xeito, criticou a exclusión da maioría das parroquias deste Plan de Obras (Cabanas, Irís, Salto e Soaserra, mentres lamentaba que un camiño de Regoela quedase en reserva), parabenizou o arranxo de dous camiños practicamente instransitables e a conexión das Barreiras con Magalofes e finalmente cuestionou a custosa solución do bombeo de Pedreiras (cunha depuradora a menos de 300 m) e mais a dotación de saneamento á sede do Partido Popular, na Torre-Laraxe. O Concello sumaralle á achega da Deputación 8.967,25 €, practicamente a cantidade prevista para sanear dúas vivendas habitadas da Torre, onde se atopa a sede do PP de Cabanas cunha faixa do presidente da Xunta, Sr. Feijoo, tal e como se pode apreciar na foto superior do Google StreetView.
A sorpresa para o Grupo Municipal do BNG foi maiúscula cando, despois de evidenciar que unha das obras beneficiaba directamente a sede popular, o rexedor e os tres concelleiros do PP votaron a favor da obra cuestionada.

PP: Cacicada tras cacicada
O Partido Popular e o alcalde, Germán Castrillón, deben deixar de enganar á xente cuns mitins encubertos nas sociedades que só serven de propaganda oca para un goberno esgotado e sen ideas que anda unicamente a resolver os seus problemas. Hai que evidenciar, unha vez máis, que o PP decide tanto as obras como o goberno municipal na sede do PP de Cabanas sen ter en conta as opinións dos veciños e veciñas e aposta a ollos vista por materializar as cacicadas máis ruborizantes.

5 de dec. de 2009

O BNG urxe a execución do Punto Limpo e a dotación de wimax para todo o Eume

Os servizos básicos son prioritarios para o BNG

Centro Verde
O BNG presentou no Parlamento de Galiza varias emendas aos Orzamentos da Xunta para 2010 entre as que se atopan a apertura de cadansúa partida específica para un Centro Verde en Vilar do Colo e mais para a extensión da banda larga na Comarca do Eume.
Deste xeito, o BNG entende que con anuncios propagandísticos non se demanda desde os concellos unha dotación económica para poñer en marcha dúas reclamacións sociais que avancen na extensión de servizos básicos para a cidadanía, como son a extensión da rede Wimax á totalidade dos concellos de Pontedeume e Cabanas e mais a construción dun Centro Verde no Polígono Industrial de Vilar do Colo.
Polo que respecta á posta en marcha dun Centro Verde, o BNG propuxo dúas emendas aos Orzamentos que suman 360.000 euros encamiñadas a inciar xa en 2010 a primeira fase da construción do Punto Limpo e dunha Planta de Tratamento de Entullos en Vilar do Colo. Deste xeito, a infraestrutura de Vilar do Colo recollería, segundo a proposta do BNG, os residuos domésticos, os agrícolas, os da construción e os industriais non perigosos. A planta centralizaría a acumulación e a xestión de residuos nunha única instalación e ao mesmo tempo reduciría os custos do transporte.
Hai que lamentar que a estas alturas os Concellos non dispoñan do proxecto da Xunta para confirmar con máis seguridade o comezo dos traballos no vindeiro ano. Desta situación de parálise non se pode facer responsable á administración autonómica, posto que os alcaldes popular e socialista adormeceron en vez de adquirir os terreos e mais de dialogar con outros concellos que poderían compartir a infraestrutura. No tres de setembro, a Xunta aínda estaba agardando por documentación fundamental (páx. 11360) que foi entregada nestas semanas. Sen o orzamento concreto do proxecto, a Xunta non consignou partida específica no seu Orzamento, e o BNG trata coa súa iniciativa de que o Centro Verde sexa unha realidade o antes posible á vista da alta demanda deste servizo que se incrementou ao cesar a recollida de trastes por Sogama.

Wimax no Eume

No mesmo sentido de mellorar o acceso a servizos básicos, o BNG presentou, facéndose eco das queixas cidadás por accesos limitados á Internet en Cabanas e Pontedeume, outra proposta dirixida a dotar de banda larga a Comarca do Eume. Xa que a Xunta de Galiza non concretou nos seus orzamentos ningunha partida específica, o BNG prevé achegar 200.000 euros nunha primeira fase para que a poboación dos dous concellos poida acceder a través dunha rede wimax de cando menos 3 Mb ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Esta rede xa se podería desenvolver a partir da infraestrutura en funcionamento de Laraxe-Vilar do Colo, instalada pola Consellería de Industria cando a dirixía o nacionalista Fernando Blanco. Esta proposta presentada no Parlamento de Galiza complétase coa de reivindicar a transferencia do espazo radioeléctrico para garantir o acceso á banda larga no rural. A asignación dende o Estado do espazo radioeléctrico que vai quedar baleiro coa implantación da TDT, acompañada dunha actuación tendente ao establecemento das redes troncais precisas, en colaboración coa Xunta de Galiza, podería cubrir toda a xeografía galega e daría o servizo final desexado de acceso a Internet aos cidadáns do rural, cumprindo co obxectivo do Servizo Universal.
Neste mesmo sentido, o BNG de Cabanas leva desde decembro do ano pasado agardando a que a coalición PP-AEC escoite as demandas cidadás que agora a veciñanza reiterou nas charlas e poñan en marcha o acceso a internet a través de conexións nas escolas unitarias municipais tanto do rural como da zona urbana.
O portavoz municipal, Xosé Manuel Pérez Sardiña considerou o traballo que desenvolve o BNG nas institucións "coordinado, realista e preparado para afrontar os retos que Cabanas e a comarca demandan de xeito solvente".

Nova relacionada: La Opinión

4 de dec. de 2009

O BNG denuncia a desidia do PP na protección do Camiño Inglés

Santiago de Compostela, 4 decembro.- A deputada do BNG Ana Pontón denunciou o que considera "desidia" da Xunta nas súas obrigas de protección do Camiño de Santiago e as súas rutas históricas, ademais de criticar a falta de plan especial de protección.

A parlamentaria explica que no ano 2006 se puxo en funcionamento o comité asesor do camiño, que considera imprescindible para acometer a súa delimitación, mentres a Dirección Xeral de Patrimonio elaborou un plan de actuacións para a protección das rutas.

Pontón apunta que, ata hai unhas semanas, a información deste plan podía consultarse na web de Cultura e facía referencia a cinco fases no proceso.

Os traballos máis complexos deberían estar rematados, posto que o prazo se fixara entre xullo e novembro de 2009, mentres sinala que ascendía a tres millóns de euros o traballo de cartografía, fotografía aérea ou dixitalización de fondos documentais.

A deputada considera "sorprendente" que, unha vez concluídos os traballos de estudo, Cultura e Turismo non incoase aínda o procedemento de delimitación nin sometese ao informe do comité asesor ningunha das propostas de delimitación do Camiño Francés, o Primitivo e o Inglés, xa feitas en marzo de 2009.
 
O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, pronunciouse sobre o asunto e apuntou que "xa sabemos que en Cabanas o PP e a AEC tamén atrancan tanto a delimitación do Camiño Inglés como o desenvolvemento do Polígono Industrial de Vilar do Colo cunha xestión nefasta de ambos os asuntos que agora prolongan á Xunta de Galiza".

En Europa tamén queren galego


O EBLUL deulle un toque ao goberno do PP. O Comité do Estado español do EBLUL (European Bureau for Lesser-Ussed Lenguages – Axencia Europea para as Linguas Minorizadas) vaise dirixir á Xunta de Galiza para que “poña fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego”.
O EBLUL, promovido polo Parlamento europeo e que ten o rango de entidade consultiva desta institución, do Consello de Europa e da ONU, considera “de especial gravidade” que o Goberno galego ignore o último ditame do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a situación lingüística de Galiza, emitido a finais do ano pasado. A organización non gobernamental lembra que a Xunta non só non tomou as medidas recomendadas para mellorar a protección dos dereitos da comunidade lingüística galega, senón que o PP desmantelou proxectos que foran eloxiados polo Consello de Europa, como as Galescolas.
A resolución do Comité de Estado do EBLUL foi aprobada por unanimidade, a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística.

TEXTO DA RESOLUCIÓN DO EBLUL

O Comité do Estado español do EBLUL (European Bureau for Lesser Ussed Lenguages – Axencia Europea das Linguas Minorizadas), reunido en Barcelona o 26 de novembro de 2009, ACORDA dirixirse á Xunta de Galiza para lle trasladar as seguintes solicitudes:
Animamos o Goberno galego a que desenvolva unha política lingüística de promoción e extensión social da lingua propia de Galiza, pondo fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes ámbitos.
Informamos á Xunta de Galiza de que as medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o Pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias.
Neste sentido, resulta de especial gravidade que o Goberno galego non tivese en conta o último informe que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitiu hai apenas uns meses sobre a situación lingüística de Galiza. Non é só que non se puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas para dar cumprimento á Carta europea, senón que se desmantelaron algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa, como as Galescolas, que era a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego en cancións e xogos.
Se a Xunta continuar coa súa política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega e de incumprimento dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, desde o Comité de Estado do EBLUL trasladaremos esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente.

1 de dec. de 2009

PP e AEC renuncian a outra subvención de 30.000 euros para arranxar o contorno do Concello

No Pleno da Corporación de 25 de novembro, o Grupo Municipal do BNG interesouse pola recente perda de varias subvencións a causa da xestión nefasta da coalición PP-AEC no presente 2009.

Nun escrito dirixido á Dirección Xeral de Administración Local do pasado 8 de outubro, o alcalde, Germán Castrillón Permuy, renunciou a unha subvención relacionada co programa de Casas Consistoriais da Xunta de Galiza. Trátase dunha axuda que ascende a 30.000 euros á que optou o Concello co fin de acondicionar o contorno da Casa do Concello.

Non se trata do único caso con problemas no presente exercicio, xa que a comezos de novembro o BNG xa denunciara unha modificación de créditos por 11.850 euros para pagar os intereses da axuda, concedida polo Ministerio de Industria, co fin de instalar fibra óptica en Vilar do Colo. O Concello renunciou o pasado 5 de outubro a 200.000 euros que permaneceron ingresados e sen uso nunha das contas municipais durante un ano e tres meses (448 días). Neste sentido, o BNG demandoulle ao alcalde a xustificación por escrito do pagamento dos intereses que ascenden a un total de 14.836,16 euros.

Así mesmo, tanto o alcalde como a delegada de cultura seguen a política da avestruz  dende o mes de maio e néganse a dar explicacións pola deficiente xustificación que fixo o Concello doutra subvención solicitada á Deputación Provincial.

O BNG apunta a que a coalición PP-AEC non ten proxecto de concello, dispendia os fondos municipais e logo non dá feito fronte aos compromisos adquiridos. De feito, apunta Xosé Manuel Pérez Sardiña, "tememos que outras subvencións concedidas poidan seguir o mesmo camiño por falta de eficiencia e previsión".