22 de dec. de 2007

Concentración veciñal contra a suba dos impostos


Realmente, o éxito da concentración veciñal foi absoluto se temos en conta o que está a pasar. Podemos confirmar que se moveron os cementos da sociedade de Cabanas e un cambio máis fondo estase a mover a prol dos veciños e veciñas.
Polo que fan os distintos actores sabemos por onde andan os tiros:
1. As reaccións desairadas e as fortísimas manipulacións informativas do goberno de coalición PP-AEC.
2. O partido morno quentouse (PSOE), aínda que tarde.
3. O partido condescendente (IVC) deu un momentáneo golpe de temón, aínda que segue a pedichear: 'que hai de lo mío?'.

Cal é a próxima sorpresa que nos depara a cultura?
Pois unha "viaxe-rally aéreo" a Roma a media pensión por 600 eurazos... Podemos pensar que é unha consecuencia directa da suspensión do rally París-Dakar por culpa do PP de Ansar e da guerra de Iraq ou unha visita concertada con Pacu Lacu en plena campaña das eleccións estatais.

Ata a próxima esqueirada!
__________________________
Puidemos participar hoxe no Pleno en primeira liña! Cheo absoluto de veciños e veciñas: civismo, educación... Cousas que lles faltan aos representantes do PP (fracasou o alcalde piloto na súa estratexia do raposo!). Cando aprenderán?
A nosa opinión:
1. O voceiro do BNG claro e incisivo nas súas intervencións.
2. O alcalde coma sempre co seu discurso trasnoitado botando miradas intimidatorias á dereita e á esquerda.
3. O Sr. Chillón na Lúa.
4. O Sr. Pepe e o Sr. Fachal en Marte.
5. O Sr. Campos, por esta vez, abandona as reunións coa dereita e navegaba coa marea.
6. A Sra. Cabanas no seu papel.

Vaia saída de ton do alcalde na prensa (aquí ou aquí) e boa contestación do BNG aquí.

Hoxe a concentración veciñal deu moito de si, aí van dúas mostras con felicitación de nadal incluída.


Hoxe na Voz

20 de dec. de 2007

BON NADAL!


Como ben dicían os vellos de Cabanas: saúde, sorte e pesetas para estas datas e para o vindeiro ano.

O auto da xuíz atribúe a Barcia xestións urbanísticas “para beneficiar o concello”

O Alcalde de Mugardos descoñece de que o acusa a fiscalía e no sumario non figura ningunha acusación contra el

Diante da comparecencia do Alcalde de Mugardos, Xosé F. Barcia, perante a xuíz do xulgado de primeira instancia e instrución nº4 de Ferrol, prevista para o vindeiro día 19, o BNG de Mugardos manifestou hoxe que “Barcia comparecerá coa máxima disposición a declarar e colaborar coa xustiza, pero descoñecendo de que o acusa exactamente a fiscalía”. O BNG considera relevante e positivo que “o propio fiscal xa adiantou na prensa que o alcalde de Mugardos non ten ningunha participación na suposta trama investigada, aínda que parece ser que existe a intención de o acusar de prevaricación, acusación que aínda descoñece, pero que se demostrará que é falsa”.

A decisión da xuíz de citar a declarar a Xosé F. Barcia o vindeiro día 19 baséase nun auto de sete páxinas ditado o día 16 de agosto pasado en que a única referencia ao alcalde en todo o auto consiste na acusación de “realizar xestións relacionadas con construcións dentro do concello, onde paraliza as mesmas a cambio de obter determinados beneficios para o concello”. Neste sentido, a única referencia no sumario a esta cuestión é a declaración do promotor Manuel Patiño quen asegura que “o concello o obrigou a modificar o proxecto e que a consecuencia desas modificacións houbo un aumento de cesións legais ao Concello”. En base a esa acusación, a xuíz, a instancias da fiscalía, autorizou en agosto as escoitas telefónicas ao alcalde de Mugardos, escoitas que, de acordo coa documentación obrante no sumario, non deron ningún resultado até o punto de que ningunha conversa do alcalde aparece no expediente.

Para o BNG estes datos son moi relevantes e ilustrativos e aínda que os nacionalistas non queren “de momento” valorar a posíbel intencionalidade política da actuación da fiscalía, consideran que o feito de que “se acuse o alcalde de beneficiar o concello e de que se espíe telefonicamente a un alcalde nacionalista sen ningún resultado é dabondo para que cadaquén saque as súas conclusións” e auguran que “o tempo porá a cadaquén no seu lugar”. En opinión do BNG “estase acusando ao alcalde e ao goberno local de facer o que debe facer un bon alcalde e un bon goberno en calquera concello, poñer o urbanismo ao servizo do interese público, logrando beneficios e cesións para o concello e ademais de forma legal e transparente”. O BNG subliñou que “en Mugardos non se acusa o alcalde de favorecerse a si mesmo ou de favorecer a amigos ou terceiros, nin se está investigando a un alcalde promotor e construtor, como acontece con cargos do PSOE ou do PP. En Mugardos acúsase a un alcalde do BNG de lograr beneficios para o concello. É realmente esperpéntico”, conclúen os nacionalistas ao tempo que lembran ademais que “no sumario e na investigación non se pon en cuestión nin en dúbida a legalidade de ningunha decisión do goberno nin do pleno en materia urbanística, decisións moitas delas avaladas ademais por informes e acordos da Xunta de Galiza. O que se investiga é se determinados técnicos incorrían en causa da abstención á hora de emitir os seus informes”.

Asemblea local do BNG de Mugardos

O alcalde compareceu perante a xuíz durante tres horas nas que o fiscal so formulou dúas preguntas sen concretar ningunha acusación

Barcia amosa a súa confianza na Xustiza e augura que as acusacións serán arquivadas

O Alcalde de Mugardos, Xosé F. Barcia, compareceu hoxe perante a xuíz do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº4 de Ferrol, para prestar declaración en relación coa investigación impulsada pola fiscalía nesta localidade. Na súa declaración no Xulgado, o Alcalde, segundo informa o BNG mugardés, “reiterou a súa disposición a colaborar ao máximo coa Xustiza para que esta resolva e esclareza todo coa maior axilidade, evitando xuizos paralelos e a vulneración da presunción de inocencia”. Ademais, Barcia amosou a súa “plena confianza na acción da Xustiza” e o seu convencemento de que “as acusacións contra min serán arquivadas en breve, unha vez declaren o resto das persoas, e se comprobe definitivamente que o Alcalde e o goberno municipal non teñen ningunha responsabilidade nos feitos que se investigan”.

Tres horas de declaración e só dúas preguntas do fiscal

A declaración do alcalde de Mugardos prolongouse por espazo de, aproximadamente, tres horas. Por parte da fiscalía só se formularon dúas preguntas, unha sobre a contratación por parte do concello dos servizos de Xscale polo período de seis meses e outra sobre contratacións posteriores a outras asistencias técnicas alleas á investigación. A outra acusación, neste caso a particular representada por Esquerda Unida, tamén formulou unicamente dúas preguntas, unha relativa novamente a Xscale, mentres a segunda foi retirada pola propia Xuíz ao considerala incomprensíbel. Para o BNG de Mugardos “é moi ilustrativo que en tres horas de declaración o fiscal só formule dúas preguntas e a acusación particular unha, todas elas de escasa relevancia e intrascendentes en relación cos feitos investigados, preguntas que foron debidamente respostadas por parte do Alcalde”. Os nacionalistas consideran “moi elocuente que unha forza política que está lanzando graves acusacións contra Mugardos, o alcalde e o goberno nos medios de comunicación, sexa incapaz de unha pregunta cando ten a oportunidade perante a xuíz de reclamar do Alcalde todas as explicacións”, o que en opinión do BNG “revela que algúns prefiren os xuizos paralelos e mediáticos para sacar tallada política en lugar de que todo se esclareza no xulgado”.

Segundo o BNG, logo de comparecer perante a xuíz, Xosé Barcia sigue descoñecendo “de que feitos concretos se lle acusa, pois nin a fiscalía nin a acusación particular foron capaces de concretar en actuacións ou decisións concretas do alcalde os delictos que lle atribuen”.

Ao marxe das preguntas da acusación pública e particular, o resto do tempo da comparecencia “foi empregado por Xosé Barcia en dar todas as explicacións, informacións e mesmo documentación que axude a esclarecer con rapidez a investigación”, indicaron os nacionalistas, “nun exemplo claro de cooperación e colaboración coa xustiza”. O Alcade explicou con todo luxo de detalles as decisións urbanísticas do concello, “poñendo de manifesto de maneira contundente e irrebatíbel a transparencia e legalidade das actuacións municipais”, conclúe o BNG.

NOTA ACLARATORIA: O BNG de Mugardos quere desmentir categoricamente que o concelleiro de urbanismo, Xose Antón Bouza, estea imputado na causa, tal e como nos últimos dous días aseguraron varios medios de comunicación. Solicitamos unha rectificación de ditas afirmacións por parte daqueles medios que sen rigor e sen respecto á verdade difundiron tal información e pregamos a máxima prudencia e o máximo rigor á hora de informar sobre as actuacións xudiciais relacionadas con este asunto.


18 de dec. de 2007

Campaña informativa do BNG sobre a suba dos impostos

O BNG achegou un comunicado no que lembra de que o prazo de exposición pública remata esta semana.
A viceportavoz do BNG en Cabanas, Teresa García, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento da Campaña Informativa 2007 sobre a suba dos impostos da contribución urbana (IBI) e de rodaxe (IVTM) e valorou positivamente a asistencia, participación, interese e preguntas dos veciños e veciñas realizadas en cada punto informativo. Teresa García explicou que os resultados da campaña son moi satisfactorios. Deste xeito, os veciños amosaron a súa disposición a presentar alegacións e a concentrarse o vindeiro sábado ás 10.30 h diante da Casa do Concello. A viceportavoz nacionalista criticou que o goberno local formado por PP e por AEC “non teñen en conta a situación de familias e persoas desfavorecidas economicamente e pola contra bonifiquen cun 50% do IBI bens de empresas construtoras e promotoras”. O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento cívico da campaña informativa e o extraordinario interese dos veciños. Afirmou así mesmo que o BNG repartiu preto de 200 folletos informativos. Xosé Manuel Pérez Sardiña estará o vindeiro sábado “como un veciño máis para amosar o desacordo coa suba e para presentar alegacións”.

13 de dec. de 2007

Galiza conta no Estado grazas ao BNG

Quintana: 'Onte en Madrid demos o primeiro paso para iniciar unha etapa na que Galiza conte no Estado e teña unha posición forte e decisiva en Madrid'
Santiago de Compostela, 13 Decembro 07.- O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, explicou hoxe que o ocorrido onte en Madrid, máis alá da importancia dos acordos acadados, está en que “demos o primeiro paso para pór fin a unha etapa de submisión e de dependencia de Galiza e para dar paso a outra etapa na que Galiza conte no Estado, na que teña unha posición forte no Estado e que Galiza sexa respectada”. Quintana fixo estas declaracións hoxe a preguntas dos xornalistas.

Tamén

Na cimeira con Zapatero, Quintana logra a desblocaxe das transferencias e que o Estado liquide o segundo prazo da débeda social

Quintana fai valer o modelo da 'cooperación exixente e intelixente' e logra 'un bon acordo político' entre Galiza e o Estado
Santiago de Compostela, 12 Decembro 07. A cooperación "exixente" e "intelixente" segue a render os seus froitos. O portavoz nacional e vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana, conseguiu na cimeira de hoxe co presidente do Executivo central, José Luis Rodríguez Zapatero, a desblocaxe de nove transferencias e un compromiso concreto, o de fixar o 8 de Xaneiro como data para liquidar a débeda histórica contraída polo Estado con Galiza en materia de servizos sociais.

Presupostos 2008 en "La ciudad del motor"

Non hai novas dos orzamentos de Cabanas para o 2008. Ao parecer coméntase que xa houbo reunións con varios persoeiros destacados para a súa elaboración, sempre excluíndo ao grupo do BNG polas razóns que todo o mundo sabe. O PP aínda non se queixou de que non chegan en prazo como outros anos... (será polo empacho dos soldos?)
Repasando a prensa, ao PSOE parece que só lle interesa que o goberno da Agrupación-Cabanas-Popular siga pagando o taxi do Eladia Mariño mentres o resto de agrupacións andan de procesión dos caladiños repartindo o pastel da suba de impostos.
O BNG está preocupado pola "parada no tempo" derivada do esgotamento dos recursos económicos que se transmite camuflada á veciñanza en dúas consignas do goberno da A-P: "a terra ten que repisar" para as rúas de Laraxe e "estamos trabajando para asfaltar el camino completo" na Torre de Porto.
Obra de saneamento sen rematar na Torre-Porto

Continuación sen rematar na Torre-Porto

Outros sitios ao pé do novo "Circuíto de As Salinas" teñen un aspecto deplorable.
Aspecto do camiño de Irís no Portiño

Cando o goberno da A-P se canse de traballar levamos un susto!

Zona VIP en "La ciudad del motor"

O concelleiro do BNG, Xosé Manoel Golpe Acuña, preguntou no pasado Pleno da Corporación polas medidas que adoptou o alcalde en relación a uns "bidóns con aceite queimado abandonados na zona de aparcamento dos coches de competición". O alcalde piloto fíxose de Covas novamente (será que é novo no cargo e non sabe?).
Acreditación para a zona vip
Con todo, chegaron ao noso haber unhas instantáneas, cedidas por un particular indignado, do momento en que a zona vip do rally era abandonada pola caravana do motor. Segundo nos informan, botaron todo o domingo día 12 o lixo esparexido sen recoller nos colectores e tres bidóns que contiñan aceite queimado dos coches de competición.

1 bidón de aceite queimado e lixo ao pé dos piñeiros

2 bidóns de aceite queimado e máis lixo
Máis lixo á beira do colector

Segundo nos informan fontes municipais, no Pleno anterior o alcalde piloto asegurou que se acabaran os "amiguismos". Isto faise cada vez máis difícil de crer despois de comprobar o que aconteceu coa empresa de rallys (27.000 euros/ano, pregúntanse algúns veciños se serán tamén por carretar trofeos do rally) e como o alcalde elude a pregunta dos bidóns de aceite queimado presentada polo grupo municipal do BNG.

5 de dec. de 2007

A Policía Autonómica implantada no 2010

Quintana consegue a reclamación parlamentaria conxunta da competencia
Os tres grupos do Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, redactarán unha proposición de lei conxunta para que o Estado español transfira as competencias de Tráfico.

Deste xeito, a Policía Autonómica substituirá ao corpo da Garda Civil no control do Tráfico cando se despregue en todo o país no ano 2010.

Non obstante, a expedición e revisión das licenzas de circulación e os permisos de condución de vehículos e de ciclomotores continuará en mans da Dirección Xeneral de Tráfico estatal.

O vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana, promotor da reunión, salientou que con este novo sistema, Galiza disporá do "mesmo nivel de competencias" en materia de tráfico que Cataluña e Euskadi.

O vicepresidente declarou que "o sentimento maioritario" da cidadanía galega, segundo o seu xuízo, "quere estar ao mesmo nivel que as outras nacións do Estado, Euskadi e Cataluña".

4 de dec. de 2007

O BNG obtén 8 millóns máis para Ferrolterra nos orzamentos do Estado


O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, ofreceu a semana pasada unha rolda de prensa na que analizou os incrementos acadados polo BNG na negociación dos orzamentos estatais de 2008, que destinarán a Galiza unha cantidade superior aos 2.000 millóns de euros, unha cifra histórica consecuencia da influencia do nacionalismo galego nun contexto de ausencia de maiorías absolutas en Madrid.

En concreto, para Ferrolterra Rodríguez salienta que contará cos seguintes incrementos de partidas respecto ao borrador inicial: 6 millóns de euros para a alta velocidade ferroviaria entre Ferrol e A Coruña, co fin de empezar as obras entre a estación de Ferrol e a Ponte das Cabras; 500.000 euros destinados á dixitalización do fondo arquivístico do Tribunal Militar de Ferrol e 1.500.000 para o bypass en Betanzos (liña convencional Ferrol-A Coruña). O deputado ferrolán definiu o investimento no tren que se acometerá en 2008 como un “acontecemento histórico”, xa que “significará o inicio dun proceso irreversíbel que garantirá que o ferrocarril na bisbarra de Ferrol en relación con Galiza e con Portugal vai estar totalmente integrado”.

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, xa incidira en que a atención que os orzamentos do Estado prestan a Galiza é “directamente proporcional á forza que ten o BNG nas Cortes do Estado”, e chamou a incrementar a representación do nacionalismo galego nas vindeiras Eleccións Xerais.

Resumo do bipartito PP-AEC: "Dirección de carrera"

Porta de entrada á alcaldía de Cabanas
O día do rally a Casa do Concello estaba ocupada por unha empresa organizadora, chamada Octagon, pola Escudería Ferrol e pola empresa Pressboxes, e tiña dous novos porteiros de luxo.
Unha imaxe vale máis que mil palabras e aquí está a evidencia de que a alcaldía de Cabanas foi degradada e reconvertida nunha "Dirección de carrera".
Imos ao dicionario para aclarar as dúbidas:

alcaldía

  1. f. Oficio ou cargo de alcalde. Desempeñou catro anos a alcaldía de Cabanas.
  2. Oficina ou lugar de traballo dun/ha alcalde/sa, sede do Concello. Tes que ir á alcaldía para solicitar este certificado.
  3. Territorio ou distrito da xurisdición dun/ha alcalde/sa. Esta zona pertence á nosa alcaldía.

alcalde, esa

  1. m. y f. Persoa que preside un Concello. O alcalde é a primeira autoridade gobernativa nun municipio.
Confundir o negocio privado duns poucos co ben común xa sabe todo o mundo que é.