18 de ago. de 2011

Transparencia real: Os gastos do goberno local do PP en 2011

Cabanas.- Seguimos a priorizar a transparencia real na nosa acción de oposición no Concello, e dado o interese suscitado pola veciñanza e os parabéns recibimos pola nosa iniciativa publicamos parte dos gastos dos primeiros meses de 2011. Presentamos os gastos aprobados polo rexedor do PP e inda falta por consultar os decretos asinados cando o goberno estaba en funcións (marzo, abril e maio).
O orzamento para 2011 foi aprobado polo PP e a AEC cun balance negativo para a Facenda local que se suma ó desequilibrio de 2010, ano en que a coalición de PP-AEC gastou máis do que ingresou. 
Dende o BNG, a medida que vaiamos accedendo á información seguiremos a impulsar a rendición de contas 2.0 para que o público coñeza a onde van parar os seus impostos co goberno local do PP.

11 de ago. de 2011

O BNG ve nos últimos procesos selectivos un escándalo político propio da dedocracia

As negativas de Germán Castrillón confirman irregularidades na contratación de persoal
CABANAS.- O BNG acusa ao PP e ao alcalde de facer evidente, aínda máis se cabe, as irregularidades que levaron a cabo nos últimos procesos de contratación de persoal temporal. De feito, non nega que no primeiro proceso de 27 de xuño se contrataron persoas próximas ao Partido Popular e mais, agora descuberto polo BNG, ao contorno dos rallys.

Nas últimas declaracións aos medios sobre o asunto, a formación que lidera Xosé Manuel Sardiña observa unha milonga máis do alcalde cando lle atribúe exclusivamente ao tribunal a selección de persoal. Así, o rexedor, como cargo político que é, interveu directamente no proceso e asinou para a convocatoria de 27 de xuño oito decretos. Neles Germán Castrillón decidiu persoalmente as bases de selección, as persoas admitidas e excluídas e o método de publicidade, así mesmo, reinventando as bases, realizou un segundo chamamento despois de colocar ós seus acólitos.
Para o BNG faise especialmente grave que persoas desempregadas de Cabanas, mesmo algunhas admitidas por decreto, descoñecen que estaban convocadas á selección sinxelamente porque non foron avisadas, mentres os acólitos apareceron ao chamamento e foron contratados grazas a avisos de móbil. É gravísimo constatar como o tráfico de información segue a funcionar igual que sempre grazas ó escurantismo e preferencias de Germán Castrillón, que sen ningún rubor adianta que hai xente que formou parte doutras formacións políticas ou están vinculadas "moi directamente" na seguinte convocatoria de 20 de xullo. O BNG quere aclarar que inda non tivo acceso aos expedientes dos procesos de selección celebrados en xullo inda que o silencio dos grupos municipais sobre este escándalo fala por si só.
Despois de constatar un empeoramento evidente da calidade democrática nos procesos de selección de persoal temporal, o BNG recórdalle ao alcalde do PP que hai que cumprir a lei e aplicar os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
O Grupo municipal non permitirá que o PP, con milongas e tinta de lura, se ría das persoas en situación de desemprego e mais dos veciños e veciñas de Cabanas. O BNG exíxelle responsabilidades ao alcalde que goberna co “mengano máis” e agarda que baixe á terra e dimita despois de facelo tan mal.
Co BNG no goberno cambiaríase a dedocracia actual pola transparencia real en favor das familias que realmente lles fai falta apoio.

7 de ago. de 2011

Transparencia real: Acta da sesión extraordinaria do pleno de Cabanas do día 22 de xuño de 2011

Cabanas.- Seguindo coa liña de transparencia trasladamos a acta aprobada no pasado pleno.

Asistentes:
GrM Popular Dª. Eva Mª. Pazos Bande Dª. Esperanza Gayoso Pereiro. D. Juan A. López Rodriguez. Dª. Ana Rosa Méndez Eiroa. D.Julian R.Seijas Criado. 
GrM BNG D. Xosé Manuel Pérez Sardiña. Dª. Mª.Teresa de J. García Pita.
GrM AEC D.José C. Rey García D. Luis A. Fachal López
GrM Mixto D. Delfín Feal Pereira.
No salón de sesións da Casa do Concello de Cabanas, sendo as dezanove horas e trinta minutos do día vinte e dous de xuño de dous mil once, en primeira convocatoria e baixo a presidencia do Sr. Alcalde D.German Castrillón Permuy, coa asistencia dos Sres. Concelleiros relacionados á marxe e do Secretario titular da Corporación Don Antonio López Vila, reúnese o Pleno deste Concello en sesión extraordinaria de acordo coa correspondente convocatoria.
Unha vez comprobada a existencia de quórum para a válida constitución do Pleno, a Presidencia declara aberta e pública a sesión, procedéndose a trata-los asuntos incluídos na Orde do Día.
1.- ACTA DA SESIÓN ANTERIOR. Dada conta da acta da sesión anterior de constitución da Corporación realizada o día 11 de xuño de 2011, da cal entregouse copia coa convocatoria a tódolos concelleiros, a Presidenta pregunta se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación, e non presentándose alegacións, o Pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor de tódolos membros, acorda aproba-la referida acta.

2.- REXIME DE SESIÓNS ORDINARIAS DO PLENO. Vista a proposta da Alcaldía na que sinala: “Segundo o establecido no artigo 46.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das bases do Réxime Local, en relación co 210.1 da Lei 5/1987,do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e artigo 78.1 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, son sesións ordinarias aquelas que teñen unha periodicidade preestablecida. Dita periodicidade será fixada por acordo do Pleno da Corporación, adoptado en sesión extraordinaria que convocará o Alcalde dentro dos trinta días seguintes ó da sesión de constitución da Corporación.
De acordo co disposto no artigo 46.2.a) da Lei 7/1985, o Pleno nos concellos de menos de 5.000 habitantes realizará sesión ordinaria como mínimo cada tres meses; por outra banda o artigo 210.2.a) da Lei de Administración Local de Galicia, fixa con carácter xeral este período en dous meses.
Tendo en conta as necesidades de realizar sesións en lexislaturas anteriores e os asuntos a tratar, así como, a posibilidade de convocar sesións extraordinarias que se consideren necesarias, esta Alcaldía propón o Peno da Corporación adopte o seguinte acordo:
O pleno da Corporación do concello de Cabanas realizará sesión ordinaria o último mércores dos meses impares, as dezanove horas e trinta minutos. No caso de cadrar en día non laborable, a sesión realizarase o día hábil anterior a mesma hora”.

O Sr. Presidente recorda que como acordaron na reunión de portavoces o tempo de duración da intervención por grupo será de cinco minutos para a primeira quenda e dous minutos para a segunda.

Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira propón realizar as sesións ordinarias con periodicidade mensual tendo en conta que de facerse con carácter bimensual pode haber temas importantes que habería que tratar de maneira extemporánea, existe a posibilidade de plenos extraordinarios pero están limitados polo que dispón o artigo 46.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, é dicir, solo podería ser solicitado pola cuarta parte dos concelleiros e solo tres plenos por ano limitando a opción de control do goberno.
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña abonda no exposto hai catro anos que vai na liña desta proposta que se fixo aquí, o único que se fixo foi derrubar o Regulamento Orgánico que establecía sesións mensual para garantir o control dos órganos de goberno, xa que é nas sesións ordinarias onde se poden incluír rogos, preguntas e iniciativas, demostrouse que eran necesarias pola cantidade de preguntas e iniciativas que se fixeron e que o final foron limitadas pola Alcaldía como o tempo de intervención porque lle molestaban, o único obxectivo era entorpecer o control dos órganos de goberno, ese modelo non o poden aprobar e insiste en que deben ser sesións mensuais como está suficientemente xustificado.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande reitera que nos últimos catro anos os plenos bimensuais foron suficientes, e débese seguir na mesma liña, ademais hai opción de que si quedan asuntos por tratar se poden organizar plenos extraordinarios e si xorden asuntos importantes que tratar serán convocados plenos extraordinarios, polo que non cre necesario facer plenos mensualmente.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con oito votos a favor, dos membros dos grupos popular e AEC, e tres en contra, dos membros dos grupos BNG e Mixto, acorda aproba-la devandita proposta da Alcaldía.

3.- EXISTENCIA DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL. A seguir polo Secretario dáse lectura a proposta da Alcaldía: “O artigo 20.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, en concordancia co artigo 59.2.b) da Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia, establecen que a Xunta de Goberno Local existe en tódolos municipios con poboación superior a 5.000 habitantes e nos de menos, cando o dispoña o seu regulamento orgánico ou o acorde o Pleno do Concello.
Tendo en conta que a existencia de este órgano resulta de utilidade para os intereses municipais, esta Alcaldía propón ó pleno a adopción do seguinte acordo:
A existencia da Xunta de Goberno Local como órgano da organización municipal durante a presente lexislatura, coas funcións e competencias establecidas no artigo 23.2 da Lei 7/1985 en relación co artigo 65 da Lei 5/1997, a cal estará integrada polo Sr.Alcalde e un número de concelleiros non superior a terceira parte do número legal deles, nomeados e separados libremente polo Alcalde, dando conta ao Pleno”.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña manifesta que hai catro anos xa explicaron o voto en contra porque a a existencia da Xunta de Goberno Local estaba recollida no regulamento orgánico que foi derrogado porque lles estorbaba, insiste na redacción dese regulamento para recoller a súa existencia, aquí trátase de que traballen todos, apostan por traballo en colaboración cos veciños e regulamento de participación veciñal pero nin unha cousa nin outra nestes catro anos, non é cuestión dunha votación a existencia deste órgano municipal senón de poñerse de acordo en para ter normas comúns que transcendan o que é a simple lexislatura.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande considera necesario a existencia da Xunta de Goberno Local como órgano de organización municipal polo que continuarán co disposto na pasada lexislatura, e tendo que se non hai asuntos importantes non se convocará; por outra banda seguen cuestionando a derrogación do regulamento orgánico no ano 2007 e non ten sentido a estas alturas.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con oito votos a favor, dos membros dos grupos popular e AEC, dous en contra, dos membros do grupo BNG e unha abstención do membro do grupo Mixto, acorda aproba-la devandita proposta da Alcaldía.

4.- CREACIÓN E COMPOSICIÓN DE ORGANOS COMPLEMENTARIOS. A continuación polo Secretario dáse lectura á proposta da Alcaldía na cal se di: “O artigo 20 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das bases do Réxime Local, en relación co artigo 59 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e artigos 123 e seguintes do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, establecen a posibilidade de comisións de estudio, informe ou consulta de asuntos que han de ser sometidos a decisión do Pleno, así como, o seguimento de xestión dos órganos de goberno.
As comisións informativas poden ser permanentes ou especiais. As primeiras constitúense con carácter xeral e o seu número e denominación así como calquera modificación, decidirase por acordo do Pleno. As comisións informativas especiais son as que acorde constituí-lo Pleno para un asunto concreto considerando as súas características especiais.
A comisión especial de contas existirá en tódolos concellos, segundo establecen os artigos 20.1.c) da Lei 7/1985, artigo 59.2.c) da Lei de Administración Local de Galicia e artigo 127 do referido Regulamento.
A creación de órganos complementarios terá en conta as regras establecidas no artigo 59.3 da mencionada Lei 5/1997 e artigo 125 do ROF. A adscrición concreta a cada Comisión dos membros da Corporación que deban formar parte da mesma en representación de cada grupo político, realizarase polo seu portavoz en escrito dirixido á Alcaldía.
Tendo en conta todo elo, esta Alcaldía propón ó Pleno adopte o seguinte acordo:
1º. Crea-los seguintes órganos complementarios da organización municipal:
a) Xunta de voceiros, que estará integrada polos voceiros dos grupos políticos municipais e presidida polo Alcalde, reunirase cando sexa convocada pola Alcaldía.
b) Xunta de delegados, que estará integrada polos concelleiros que ostenten delegacións da Alcaldía, reunirase coa periodicidade e hora que estableza a Alcaldía.
c) Comisión de Facenda, para estudo, informe ou consulta de asuntos relativos á bens e facenda local. Esta comisión actuará tamén como comisión especial de Contas que tratará os asuntos referentes as contas municipais segundo o establecido no Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, Lei 7/1985 e Lei de Administración Local de Galicia.
Composición: Esta Comisión estará constituída por sete membros: tres membros do grupo popular, un membro do grupo AEC, un membro do grupo BNG un membro do grupo mixto, e o Sr.Alcalde ou concelleiro que legalmente o substitúa que a presidirá.
Periodicidade das sesións: A periodicidade das sesións será bimensual, de acordo coas sesións ordinarias do pleno, no día e hora que estableza o Alcalde-Presidente da Corporación”.


Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira propón a creación de dúas comisións informativas especiais para estudar e dar a máxima transparencia, por un lado a comisión informativa do PXOM que se está tramitando, e por outro o cumprimento da sentenza de reposición da legalidade do edificio do Penso, comisión informativa para execución sentenza edificio do Penso.
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña opina que non ten sentido que haxa nunha comisión sete membros de once, o normal sería que fose menos do 50% da Corporación, practicamente é un pleno, volve a insistir no regulamento orgánico cuxa redacción é competencia desta Corporación, alude as comisións de asuntos do pleno e facenda e contas que había no regulamento derrogado as cales tiñan cinco membros e onde había posibilidade tamén de rogos e preguntas, polo tanto a proposta do PP non pode ser apoiada porque entorpece o traballo da oposición e porque crea órganos destinados a cobrar, critica os 150 euros de asistencia a xunta de delegados por facer unha reunión que non se sabe de que tratan, iso indica cal é a súa actitude cara a facilitar o traballo da oposición e máis o relativo a mellorar a situación económica.
Polo grupo popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande considera que no relativo a creación de órganos complementarios seguirán a mesma liña dos últimos catro anos, non consideran que se teña que variar, así mesmo informaráselle de tódolos asuntos que teñan importancia.
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López entende é suficiente en canto a comisións, de feito a xunta de portavoces pode valer como comisión de asuntos do pleno, pero valoran moi positivamente a proposta do concelleiro socialista, hai dous temas moi importantes como é o PXOM e a execución de sentenza de Elpidio, e sinala que hai que ter en conta que son representantes do pobo, vostedes foron elixidos con maioría absoluta pero nosoutros tamén temos algo que dicir dos nosos representados, co cal valoran favorablemente a inclusión destas dúas comisións.
O Sr. Feal Pereira reitera a importancia da súa proposta.
A Sra. Pazos Bande indica que os temas importantes como son eses dous dos que están a falar non teñan dúbida que será tratados e informados nas xuntas de portavoces.
O Sr.Alcalde aclara en relación con que ían ser un pleno as comisións, é o que regula a lei, hai catro grupos e teñen que estar representados.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con seis votos a favor dos membros do grupo popular, AEC, tres en contra dos membros dos grupos BNG e Mixto, e dúas abstencións dos membros do grupo AEC, acorda aproba-la devandita proposta da Alcaldía
5.- RETRIBUCIÓNS, ASISTENCIAS, E INDEMNIZACIÓNS MEMBROS CORPORACIÓN E GRUPOS POLÍTICOS. A continuación trátanse as propostas da Alcaldía referentes a retribucións, asistencias e indemnizacións de membros da corporación e grupos políticos, as cales se da lectura polo Secretario.
A) RETRIBUCIONS MEMBROS CORPORACION.
“No artigo 75.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, establecese que os membros das Corporacións locais que desempeñen os seus cargos con dedicación parcial por realizar funcións de presidencia ou ostentar delegacións –entre outros- percibiran retribucións polo tempo de dedicación efectiva ó mesmo, en cuxo caso serán dados de alta no Réxime Xeral da Seguridade Social, asumindo a Corporación as cotas empresarias que correspondan.
A percepción de tales retribucións estará suxeita ó réxime de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servizo das Administracións Públicas.
Tendo en conta que o cargo de Alcalde deste Concello require unha dedicación parcial para atende-las súas funcións, esta Alcaldía propón ó pleno da Corporación adopte o seguinte acordo:
1º.-A partir desta data e ata o final do mandato e constitución da nova Corporación, o cargo de Alcalde desempeñarase en réxime de dedicación parcial de trinta e cinco horas semanais, cunha retribución anual de 32.900,00 euros a percibir na contía mensual de 2.350.00 euros mais dúas pagas extraordinarias polo mesmo importe nos meses de xuño e decembro, con dereito a un mes de vacacións, asumindo a Corporación o pagamento das cotas empresariais que correspondan.
Todo elo sen prexuízo das modificacións que poidan acordarse polo Pleno da Corporación no devandito período.
2º.- A base 31ª. do orzamento municipal para 2011 modificarase nos termos dos apartados anteriores”.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:

Polo grupo mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira manifesta que non se vai opoñer a que o desempeño das funcións de Alcalde sexan retribuídas con soldo, pódese discuti-la contía, mais como non están regulados os máximos e mínimos considera que sería unha discusión que non levaría a ningún sitio, si o traballo e xestións se fan a tempo, con transparencia e beneficio para o concello poderíase dicir que están ben dadas e senón poderíase dicir o contrario.
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña entende o relativo a retribucións, asistencias e axudas de custo como un bloque que votarán en contra como xa explicaron hai catro anos, xa o explicaron suficientemente, os órganos de goberno levan un 95% e a oposición un 5%, non poden apoiar esa visión que entenden como insolidaria e desproporcionada, aparte da situación económica municipal non é adecuada para asumir os novos retos deste Concello nos próximos meses, espera que traballen ben e gañen o que van cobrar.
Polo grupo popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande indica que dando continuidade a política de austeridade iniciada na última lexislatura, o grupo de goberno elimina dúas das tres dedicacións parciais, estimando que o cargo Alcalde require unha dedicación parcial para atende-las súas funcións, aumentando o número de horas de 30 a 35 semanais sen aumento de salario.
A continuación o Sr.Presidente somete a votación dita proposta engadindo dotar coa correspondente consignación orzamentaria este punto; o Pleno da Corporación en votación ordinaria con seis votos a favor dos membros do grupo popular, dous en contra dos membros do grupo BNG e tres abstencións dos membros dos grupos AEC e Mixto, acorda aproba-la devandita proposta da Alcaldía.

B) ASISTENCIAS.
“O artigo 75.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, establece que solo os membros da Corporación que non teñan dedicación exclusiva nin dedicación parcial percibirán asistencias pola concorrencia efectiva as sesións de órganos colexiados da Corporación de que formen parte, na contía sinalada polo pleno da mesma.
Tendo en conta a necesidade de actualizar estas asistencias e a situación da organización municipal, esta Alcaldía propón ó pleno adopte o seguinte acordo:
1º.A partir desta data a contía a percibir polos membros da Corporación que teñan dereito a elas, por asistencia a órganos colexiados dos que formen parte serán as seguintes:
a) Asistencia a sesións de pleno, xunta de voceiros, mesas de contratación, comisións e outros órganos colexiados dos que formen parte 100,00 euros por reunión.
b) Asistencia sesións da Xunta de Goberno Local e Xunta de delegados, 150,00 por reunión.
Estas asistencias con as recollidas na base 33ª do orzamento municipal para 2011”.

Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López está de acordo en que estes tres apartados A,B e C forman un bloque, alude ao comentario da portavoz de grupo popular sobre política de austeridade indicando que iso verase, hai factores como a Xunta de delegados que poden variar, farán unha valoración no tempo e comparando de xuño a decembro poderase valorar o que se fixo.
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña sinala que hai catro anos xa se opuxeron a este punto porque é un saco sen fondo, foi unha forma de ter retribucións sen acordo, pediran que publicaran as retribucións que percibiran no taboleiro de anuncios pero non o fixeron nin o van a facer, e non van poder controlar isto ata a presentación da conta xeral, está claro que coas xuntas de delegados e outras pódese sacar unha cantidade que supere as retribucións, aquí non hai limitación de número de reunións retribuídas, do cal hai antecedentes nesta Corporación para evitalo desfase económico, e tampouco contestaron a pregunta que fixo na reunión de portavoces sobre o importe da modificación a facer para estas propostas.
Polo grupo popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande reitera que desde o grupo municipal popular seguirán unha política continuista co establecido na última lexislatura.
A continuación o Sr.Presidente somete a votación dita proposta engadindo dotar da correspondente consignación orzamentaria este punto; o Pleno da Corporación en votación ordinaria con seis votos a favor dos membros do grupo popular, dous en contra dos membros do grupo BNG e tres abstencións dos membros dos grupos AEC e Mixto, acorda aproba-la devandita proposta da Alcaldía.

C) INDEMNIZACIÓNS.
“O artigo 75.4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local establece que os membros das Corporacións locais percibirán indemnización polos gastos efectivos ocasionados no exercicio do cargo, segundo as normas de aplicación xeral nas Administracións públicas e as que no seu desenvolvemento aprobe o pleno da Corporación.
Tendo en conta que os gastos que se ocasionan con motivo de xestións municipais son variados e os valores reais que se poden producir, esta Alcaldía propón ó pleno da Corporación o seguinte acordo:
1º. A partir desta data a contía a percibir como axudas de custo polos membros da Corporación que teñan que desprazarse fora do Concello para xestións municipais, cursos ou xornadas, serán as seguintes:
Axuda de custo completa, (inclúe gastos de manutención e aloxamento por día) dentro da Comunidade Autónoma 150,00 euros, fora da Comunidade Autónoma 200,00 euros.
Axuda de custo manutención ( inclúe gastos comida e cea por día) dentro da Comunidade Autónoma 90,00 euros, fora da Comunidade Autónoma 110,00 euros.
Axuda de custo reducida (inclúe gastos comida ou cea por día) dentro da Comunidade Autónoma 60,00 euros, fora da Comunidade Autónoma 65,00 euros.
2º. Os gastos de desprazamento aboaranse de acordo co disposto no Real Decreto 462/2002, do 24 de maio.
3º. A xustificación das axudas de custo e gastos de viaxe por uso de vehículo particular xustificaranse mediante declaración xurada na que se detalle o día, xornada, lugar e concepto do desprazamento, e no suposto de axuda de custo enteira achegarase factura acreditativa do aloxamento.
Estas indemnizacións son as recollidas na base 33ª do orzamento municipal para 2011”.


A continuación o Sr.Presidente somete a votación dita proposta; o Pleno da Corporación en votación ordinaria con seis votos a favor dos membros do grupo popular, dous en contra dos membros do grupo BNG e tres abstencións dos membros dos grupos AEC e Mixto, acorda aproba-la referida proposta da Alcaldía.

D) ASIGNACIÓNS A GRUPOS POLITICOS.
“O artigo 73.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local establece que o pleno da Corporación con cargo aos Orzamentos anuais poderá asignar ós grupos políticos municipais unha dotación económica que deberá contar cun compoñente fixo idéntico para tódolos grupos e outro variable en función do número de membros de cada un deles, dentro dos límites que se establezan na Lei de Orzamentos do Estado.
Constituídos os grupos municipais e visto o establecido no orzamento de 2011, esta Alcaldía propón ó pleno o seguinte acordo:
Establecer a partir da constitución desta Corporación como asignación para os grupos políticos a contía de 200,00 euros por grupo e 200,00 euros por cada concelleiro que forme parte do grupo”.

Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López antes de que a portavoz popular diga que vai ser unha media austera, evidentemente é un aforro de diñeiro, pero van absterse neste punto porque inda que están de acordo co aforro tamén hai que darse conta que as agrupacións pequenas mantéñense con esta contía, limítaselle a forma de subsistir, nese sentido os máis prexudicados son as agrupacións pequenas.
Polo grupo BNG: o portavoz D. Xosé Manuel Pérez Sardiña considera que van ser igual con 200 ou 300 euros, realmente esta redución é o último exemplo que poden poñer como austeridade, pódeselle chamar “o chocolate do loro” que era o mínimo que se lle daba para que non morrera de fame, non van dicir si nin non, pero piden que sexan solidarios e fagan o mesmo coas retribucións que acaban de aprobar anteriormente, porque a oposición que percibe o 5% pouco lle significa.
Polo grupo popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande manifesta que desde o grupo popular consideran necesario seguir aplicando criterios de austeridade polo que estiman xustificada a redución de asignacións aos grupos políticos, sinal tamén que por maior número de concelleiros que ten o grupo popular é o que se ve máis afectado.
O Sr.Presidente aclara que o aforro son 1500 euros anuais que é unha cifra importante.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con seis votos a favor dos membros do grupos popular, e cinco abstencións dos membros dos grupos BNG, AEC e Mixto, acorda aproba-la proposta da Alcaldía.
6.- NOMEAMENTO DE REPRESENTANTES DA CORPORACIÓN EN ÓRGANOS COLEXIADOS. A seguir polo Secretario dáse lectura a seguinte proposta da Alcaldía: “O artigo 38 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, sinala que entre os asuntos a tratar na sesión extraordinaria a convocar pola Alcaldía dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva, se resolva o nomeamento de representante da Corporación en órganos colexiados.
Por elo esta Alcaldía propón ó pleno adopte o seguinte acordo:
Nomear representantes da Corporación nos órganos colexiados que se indican ós seguintes concelleiros:
Consello escolar do CEIP Eladia Mariño á concelleira Dona Esperanza Gayoso Pereiro.
Comisión xestora do camiño inglés á concelleira Dª. Eva María Pazos Bande.
Parque das Fragas do Eume, Dª. Eva María Pazos Bande.
Grupo de Acción Costeira “Golfo Ártabro”, D. Juan Antonio López Rodriguez.
Pacto territorial de emprego de Ferrol, D. Juan Antonio López Rodriguez.
Nos demais casos a representación será ostentada pola Alcaldía”.

Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira non se vai opoñer a estes nomeamentos, solo pedirlles que asistan a estes órganos colexiados e que en aras de transparencia faciliten información aos grupos da oposición, xa que nestes órganos colexiados se tratan temas importantes para este concello como educación, traballo ou turismo.
O Sr.Alcalde indica que asisten sempre, se non pode asistir a persoa delegada, delégase noutra que asista, desde que teñen responsabilidade de goberno sempre asistiron a estas convocatorias.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con seis votos a favor dos membros do grupos popular, e cinco abstencións dos membros dos grupos BNG, AEC e Mixto, acorda aproba-la proposta da Alcaldía.

7.- COÑECEMENTO RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA. A continuación dáse conta das seguintes resolución da Alcaldía:
a) Nomeamento de tenentes de Alcalde. Decreto 151/2011 polo que se nomean tenentes de Alcalde.
b) Delegacións da Alcaldía. Decreto 152/2011 polo que se outorgan delegacións da Alcaldía nos tenentes de Alcalde e concelleiros.
c) Constitución grupos políticos.
Dáse conta ó Pleno da Corporación da constitución dos seguintes grupos políticos:
Grupo municipal do B.N.G. composto polos concelleiros D. Xosé Manuel Pérez Sardiña e Dª. Mª. Teresa de Jesus García Pita, designando como portavoz a D. Xosé Manuel Pérez Sardiña e portavoz suplente Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita.
Grupo político Agrupación Electores de Cabanas (AEC) formado polos concelleiros D.José C. Rey García e D. Luis A. Fachal López, designando como portavoz a D. Luis A. Fachal López e suplente a D. José C. Rey García.
Grupo político municipal Popular integrado polos concelleiros D. German Castrillón Permuy, Dª. Eva Mª. Pazos Bande, Dª. Esperanza Gayoso Pereiro, D. Juan A. López Rodriguez, Dª. Ana Rosa Méndez Eiroa e D. Julian Ramón Seijas Criado, designando como portavoz a Dª. Eva Mª. Pazos Bande e suplente D. Juan A. López Rodriguez.
Grupo político municipal Mixto, integrado polo concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira, quen actuará así mesmo como portavoz.

Non habendo mais asuntos que tratar a Presidencia levanta a sesión sendo ás vinte horas e quince minutos, da cal levanto a presente acta e como Secretario dou fe.
Vº e Prace, O Alcalde, O Secretario,

3 de ago. de 2011

O paro en Cabanas leva 10 meses por riba das 215 persoas desempregadas

O paro baixa só 25 persoas mentres o Concello contrata 32 postos
Cabanas.- O paro baixa un 11,5% en Cabanas pero medra un 27,5% no último ano, un total de 218 persoas apuntadas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) neste mes de xullo. Deste xeito, baixou o dobre ca en Galicia,  pero quintuplica o incremento interanual galego con 47 persoas máis con respecto ó mes de xullo de 2010, cando se situaba en 171 persoas inscritas.
En concordancia co que apuntan os axentes sociais, o factor estacional inflúe fortemente nestes datos que soen ser favorables nos meses de verán, grazas ao tirón da hostalería e o sector servizos enfocado ao turismo. Especialmente afectado cunha forte caída nos visitantes durante o mes pasado. Ao contrario ca nos últimos anos, Cabanas segue en xullo por riba das 200 persoas inscritas no SPEG.
O descenso en só 25 persoas con respecto ó mes anterior preséntase como un dato controvertido cando estamos no mes de máis contratos por servizos e cando o Concello promoveu en xullo 32 postos temporais co apoio da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e mais da Deputación da Coruña.
Así, o BNG considera “inasubmibles” os datos de paro rexistrados no mes de xullo: “Cabanas vai tocando fondo cun goberno local nepotista e sen rumbo, que se conforma con xoldas e fotos de paparazzi”. O BNG atopa a actitude dos gobernos do PP  “pasiva” e “con medidas que inflúen pouco na situación como os últimos procesos de selección de persoal”.

Germán Castrillón contrata acólitos do PP nunha oferta de 32 empregos que non publicitou

O Goberno do PP realizou en xuño e xullo a selección para trinta e dúas prazas, con contratos temporais de tres e seis meses cun ocultismo inadmisible. O Goberno local de Cabanas (PP) non lle deu publicidade á convocatoria de 32 prazas municipais, dentro dun programa de cooperación coa Xunta, que foron a parar a acólitos do partido, entre eles a filla dunha concelleira e mais o marido dunha candidata popular. O BNG sinala o alcalde como o autor dunhas convocatorias a dedo ás que só chamou ós amigos para que se presentaran ás probas e conseguiran o contrato sen competencia real.
A convocatoria de prazas decidiuse polo alcalde sen que se lle dese publicidade. O BNG confirmou que "Castrillón agochou as datas das probas para enchufar os acólitos do PP".
O Goberno local do PP cinguiuse a solicitar no INEM unha oferta de emprego cun total de 51 persoas admitidas e, sen máis publicidade ca un papel accesible só o día antes das probas no taboleiro municipal, seleccionou o 29 de xuño as persoas convocadas directamente dende os teléfonos do PP. Sen acceso de ningún tipo ás bases de selección, o día das probas só se presentou unha única persoa para coidador de instalacións deportivas, outra persoa para peón e un número insuficiente para completar as prazas de socorristas. Ninguén se achegou para cubrir o único posto de operario conductor (tractorista).
Esta situación motivou un segundo chamamento o mesmo 29 de xuño a través de dous decretos polos que o alcalde convocaba as persoas admitidas para socorristas e para condutor para as 9.30 e 10.30 h do día seguinte. Coa segunda quenda cubríronse os postos vacantes e a seguir publicáronse as correspondentes ordes de contratación o 30 de xuño. O proceso selectivo foi desenvolto a unha velocidade de vertixe.
O BNG considera incrible que habendo en Cabanas 218 persoas no paro as prazas non se cubrisen no primeiro chamamento. Así mesmo, resulta sintomático que o alcalde escorrese o vulto ao ser preguntado polo BNG sobre o asunto no pasado Pleno da Corporación. Con estas formas de enchufismo do PP, os veciños e veciñas de Cabanas non puideron presentarse a un posto de traballo en igualdade de condicións inda que teñan preparación e capacidade para desempeñar os postos.
Dende o BNG convidamos ao PP a que anule o proceso e a que o reinicie de xeito transparente e público, cunhas bases harmonizadas ás necesidades xerais do concello e non dos seus intereses partidarios.
DOCUMENTACIÓN
Algúns dos postos convocados para contrato de emprego de interese social:
Decretos 160-162/2011 de 27 de xuño, aprobación das bases para seis socorristas, 1 operario condutor (tractorista), 1 peón e 1 Coidador de instalacións deportivas.
Decretos 164/2011 e 166-167/2011 de 27 de xuño, aprobación dos admitidos proporcionados pola Servizo Público de Emprego de Galiza. 28 persoas para socorrismo, 3 para capataces, 10 para peóns e 10 para coidador de instalacións deportivas.
Decretos 171 e 172/2011 de 29 de xuño sobre segundo chamamento:
Decreto 171/2011
Recibida a proposta da oficina pública de emprego para contratación de persoal para servizo de salvamento e socorrismo realizáronse as probas de selección en data 29 de xuño de 2011 segundo anuncio publicado no taboleiro de anuncios da Casa do Concello en data 27 de xuño de 2011; visto que non se acadou o número de persoas a contratar e tendo en conta o número de persoas non presentadas, de acordo coas atribucións que me outorga o artigo 21.1 da Lei 7/1985 do 2 de abril,e artigo 61.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e disposicións concordantes, RESOLVO:
Convocar ó Tribunal e aspirantes admitidos non presentados da data de hoxe para realizar unha segunda quenda de valoración de méritos e realiza-la entrevista persoal, para o día 30 de xuño ás nove horas e trinta minutos. na Casa do Concello de Cabanas.
O acorda e asina o Alcalde, D. Germán Castrillón Permuy en Cabanas a vinte e nove de xuño de dous mil once, ante min Secretario do que dou fe.

Decreto 172/2011
Recibida a proposta da oficina pública de emprego para contratación de persoal para servizo de operario conductor (tractorista) realizáronse as probas de selección en data 29 de xuño de 2011 segundo anuncio publicado no taboleiro de anuncios da Casa do Concello en data 27 de xuño de 2011; visto que non se acadou o número de persoas a contratar como operario conductor (tractorista) e tendo en conta o número de persoas non presentadas, de acordo coas atribucións que me outorga o artigo 21.1 da Lei 7/1985 do 2 de abril,e artigo 61.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e disposicións concordantes, RESOLVO:
Convocar ó Tribunal e aspirantes admitidos non presentados da data de hoxe para realizar unha segunda quenda de valoración de méritos e realiza-la entrevista persoal, para o día 30 de xuño ás dez horas e trinta minutos. na Casa do Concello de Cabanas.
O acorda e asina o Alcalde, D. Germán Castrillón Permuy en Cabanas a vinte e nove de xuño de dous mil once, ante min Secretario, Antonio López Vila,do que dou fe.


RESOLUCIÓNS 173-175/2011. Asinadas o 30 de xuño de 2011. Contratación persoal promoción emprego.