17 de out. de 2008

O Grupo Municipal do BNG reclama unha nova convocatoria da Comisión especial de Contas

Os representantes nacionalistas acusan ao goberno local do PP-AEC de actuar fóra da lei e solicitan que a Conta Xeral se poña a disposición dos concelleiros

O Grupo Municipal do BNG de Cabanas presentou hoxe un recurso contra a convocatoria da Comisión especial de Contas que vai tratar a Conta Xeral de 2007, xa que non se cumpren os 15 días preceptivos entre a convocatoria e a celebración da mesma. E tal e como denunciou o BNG o mércores pasado, tampouco se cumprían os prazos de presentación antes do 1 de xuño, nin moito menos se cumpriu co prazo do 15 de outubro de presentación diante do Consello de Contas de Galiza.

As claras intencións da coalición PP-AEC con esta maniobra son limitar a revisión da documentación para ocultar a xestión de 2007, ano en que entrou o PP no goberno e estivo en posesión da alcaldía o tránsfuga José Rey García, actual 1º tenente de alcalde por AEC.

O Grupo municipal do BNG entre as moitas irregularidades e anécdotas das contas do ano pasado pregúntase “se quere ocultar a factura de 6000 € en ‘subministro de carne’ para o churrasco de Santa Marta”, un churrasco elitista só para amigos e coñecidos que rompeu o espírito da tradicional romaría na que participaba a xente de Cabanas, e que o ano pasado tiveran que pagar moitos veciños e veciñas.

Considera Pérez Sardiña que “estamos ante unha actuación do goberno local que vulnera o dereito dos concelleiros a analizar as contas municipais, ademais de intentar ocultar as falcatruadas do goberno do PP na súa xestión diaria".

Cabanas, 17 de outubro de 2008
Relacionada: La Opinión 16 de outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario