O goberno local de Cabanas vai ter que corrixir de oficio un erro de feito que non permite coñecer a contía exacta de licitación do PXOM. Na suma do Boletín Oficial de hoxe: 123.028,80 + 19.684,61 non son 143.713,41 senón 142.713,41 euros! Cal é a contía final, 142.713,41 euros, 143.713,41 euros ou outra diferente a calquera destas?
Nota de prensa nacionalista
As présas atropeladas despois de o BNG solicitar unha Xunta de Portavoces o pasado 14 de xullo , co fin de tratar a elaboración do PXOM entre outros asuntos, provocaron unha suma equívoca nas publicacións do DOG e do BOP que ten como fonte a documentación remitida a publicación polo alcalde.
Teresa García, viceportavoz económica nacionalista, lamenta este erro porque vai representar "un novo atraso na licitación do Plan Xeral causado pola coalición gobernante de PP-AEC", á parte da publicación de sendas "emendas nos dous diarios oficiais, co conseguinte incremento de gasto". Á vista deste despropósito, considera que o goberno local "parece que está máis agusto servindo empanada, viño e churrasco do que atendendo os seus deberes de goberno para coa veciñanza de Cabanas".
Pola súa banda, Xosé Manuel Pérez Sardiña declarou que estamos ante o PXOM "máis retrógrado da década e da historia do Concello", posto que se lles nega "a participación aos partidos políticos da oposición no proceso de elaboración" pese ás reiteradas peticións de información e de impulso do Plan durante o último ano que o goberno conxelou o documento, "perdendo mesmo a subvención de 2007 da Xunta de Galiza" e provocando unha situación de "ocultismo e improvisación" que en nada vai favorecer "a consecución do Plan nesta lexislatura". De feito, constatou o atraso con respecto a outros concellos que "xa licitaron o documento seis meses despois das eleccións locais" ou mesmo a tramitacións do propio concello "9 meses despois das eleccións de 1999" con maioría absoluta do PSOE. Este atraso é consecuencia segundo o portavoz municipal nacionalista da "inestabilidade da coalición de goberno" que "deriva na desatención das demandas veciñais" e que "entorpece o avance en positivo cara a unha Cabanas nova".
Ningún comentario:
Publicar un comentario