28 de nov. de 2008

Catastrazo cando non fai falta

Teresa García Pita

Este ano, a coalición de goberno PP-AEC tomou a peor medida que se podía ter aprobado cunha recesión económica mundial ás portas: a actualización xeral dos valores catastrais. Esta iniciativa representa, como ben comentou no Pleno o meu compañeiro, Xosé Manuel Pérez Sardiña, unha inxustiza contra as clases sociais máis desfavorecidas.

A min gustaríame desde estas liñas informar, o contrario do que fixo o PP ata onte. Coido que xustificarse en bulos ou en calumnias para realizar unha revisión xeral dos valores catastrais evidencia o tipo de persoas que gobernan hoxe os destinos do Concello.
As irregularidades urbanísticas corríxese con alegacións ou escritos particulares ao Catastro e non se fan revisións sobre este criterio. Realmente as revisións de caracter xeral iníciaas normalmente o principal beneficiario na recadación de impostos: o Concello. A Lei do Catastro é moi clara: "El procedimiento de valoración colectiva de bienes inmuebles de una misma clase podrá iniciarse de oficio o a instancia del ayuntamiento correspondiente cuando, respecto a una pluralidad de bienes inmuebles, se pongan de manifiesto diferencias sustanciales entre los valores de mercado y los que sirvieron de base para la determinación de los valores catastrales vigentes, ya sea como consecuencia de una modificación en el planeamiento urbanístico o de otras circunstancias". Polo tanto, a realidade é ben sinxela para quen a queira entender.
Agora ben, os motivos que presenta o estudo Catastral iniciado polo Concello de Cabanas son tres: 19 anos desde a última revisión xeral, cambios da normativa urbanística e diferenza substancial entre valores catastrais e de mercado. Se analizamos detidamente estas razóns atopámonos con bastantes incongruencias nas xustificacións que informou favorablemente o goberno local (art. 27.3 da Lei do Catastro). A lexislación vixente non obriga a facer unha actualización cada 10 anos posto que "se realizará, en todo caso, a partir de los 10 años desde dicha fecha" se reune as condicións arriba sinaladas e de xeito voluntario. Dáse a circunstancia especial de que no caso de Cabanas non houbo modificacións urbanísticas xerais que causasen un incremento dos valores catastrais (redacción dun Plan Xeral), posto que desde 1989 se veñen aplicando as mesmas Normas Subsidiarias. Basearse no desenvolvemento do polígono de Vilar do Colo non se achegaría á realidade, cando se converteu nunha zona industrial en aluguer con infinidade de naves ociosas.
As denominadas "outras circunstancias" teñen moito que ver precisamente coa situación conxuntural do mercado inmobiliario, pero non foron aducidas na xustificación da ponencia de valores. Esa circunstancia conxuntural, por certo, resulta especialmente moi inxusta porque prexudica o dereito á vivenda. E, que curioso, neste caso o PP demostra as súas políticas máis agresivas ao facerlle pagar os pratos rotos dos especuladores urbanísticos á xente do común que vive todo o ano en Cabanas. O credo neoliberal de privatizar as ganancias e socializar as perdas aplícano con toda a súa crueza sobre os de sempre.
Que agora PP e AEC recorran ao derrubo dun edificio polo Concello para xustificar a suba dos impostos non deixa de ter a súa graza, porque hai uns meses repartían os cartos da suba en propostas de obras como se fose unha regalía. E, xa daquela, o BNG propuxeralles aos grupos do goberno local como medida irrenunciable a baixa da cota da contribución do 0,55% ao 0,40% e un estudo en profundidade da ponencia. Nin nos contestaron, xa o tiñan decidido e todo fora un tócamerroque.
O alcalde equivocouse co circo que montou traendo a garda civil ao Pleno do mércores para identificar aos veciños opositores, como se equivocou amordazando aos veciños e ao BNG. O BNG se se puxo en pé o mércores foi para evidenciar o despotismo dun PP botado ao monte. Utilizamos xa o último recurso democrático despois de comprobar como a coalición PP-AEC nin debateu nin explicou debidamente as medidas que van subir a carga impositiva municipal máis dun 200%. O alcalde falou moito da crise en campaña, pero logo para o que realmente lle importa á veciñanza nin dela se acordou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario