10 de nov. de 2008

O BNG ADVIRTE DE QUE ESTÁ A FAVOR DA “DESBUROCRATIZACIÓN” DA SANIDADE PÚBLICA, MAIS NON DA SÚA “PRIVATIZACIÓN”

A deputada Cristina Ferreiro levou á Comisión de Sanidade os problemas do sistema de centralización da solicitude teléfonica de citas

Santiago de Compostela, 6 Novembro 08.- A portavoz de Sanidade do grupo parlamentar do BNG, Cristina Ferreiro, vén de afirmar na Comisión Quinta do Parlamento que os nacionalistas apoian o proceso de “desburocratización da sanidade pública, que non é o mesmo que a privatización”.

A parlamentar do BNG levou a esta sesión unha pergunta oral sobre a posta en marcha do novo sistema centralizado de atención telefónica de petición de citas e lembrou que “a axilización na resposta ás peticións de cita era unha das principais queixas dos pacientes, que se vían obrigados en moitos casos a desprazarse ao centro ante a imposibilidade de seren atendidos telefonicamente”.

Este problema foi abordado no Plano de Mellora da Atención Primaria nunha mesa que trataba a desburocratización e que buscou unha solución a esta situación que “ permitise, ademais, que o persoal administrativo realizara tamén outros labores”.

As conclusións desta mesa conduciron á creación de “un sistema de atención de chamadas por rebosamento que se iría estendendo de xeito progresivo”, mais, malia isto, a Administración decidíu, finalmente convocar un concruso público para cubrir este servizo o que, en opinión de Ferreiro, “supón unha privatización dun servizo público, cando se ten demostrado que esta vía non mellora a xestión nin abarata custes, senón que as actuacións privadas empobrecen estes parámetros”.

Aposta polo servizo público

A privatización vai no camiño contrario ao que debe percorrer a sanidade”, continuou Ferreiro, “e créase incertidume no persoal que realizaba estas funcións sobre o seu futuro”.

Na súa resposta, o secretario xeral do Sergas, Cayetano Rodríguez, asegurou que o sistema inicialmente previsto, de atención telefónica por rebosamento, foi finalmente rexeitado porque, tras a súa pilotaxe no centro de saúde do Ventorrillo “observouse que non era a mellor solución”. Os argumentos esgrimidos polo secretario xeral foron que “só o 59% das chamadas eran para citacións e as restantes para outras cuestións relativas ao centro, polo que se producía un elevado número de perda de chamadas e o custe real por chamada era do 1,34 euros por cita”.

Afirmou que non era “eficaz” e explicou que se decidíu encaragar a Galaría (antigo Medtec) a posta en marcha dunha plataforma multiservizo, para o que se recurríu a un contrato aberto mediante concurso público. Estimou que o custe anual deste servuzo será de 4,4 ME.

Segundo o responsábel do Sergas, o servizo garante a confidencialidade dos dados dos pacientes e “non vai influír na xestión de axendas nin na actividade asistencial que vai ser establecida en función dos procedementos da xerencia sanitaria” e indicou que o custe por cita para a sanidade pública será agora de 0,723 euros.

Merma da humanización

Na súa réplica, a deputada nacionalista reiterou a súa preocupación pola posibilidade de que se produza unha “minoración de postos de traballo” no eido administrativo “ao verse diminuída a súa carga de traballo”.

Ferreiro explicou que “xa existen queixas e malestar entre os usuarios/as ante os problemas que están a xurdir porque os centros de saúde teñen vida propia que non é contemplada nunha central de chamadas”.

Asi, os pacientes acuden ao centr, tal e como relata a deputada, e “atópanse con que o profesional que tiña que atendelos non está porque acudíu a unha sesión clínica, atención domiciliaria ou, simplesmente ten un permiso. Ou tamén sucede que desde a central de chamadas se lles di que o profesional non está no centro e, cando os pacientes acuden alí comproban que si está”.

Estas alteracións deberían terse en conta”, afirmou Cristina Ferreiro, ao tempo que opinou que o novo sistema “racha coa humanización e a familiaridade que xa se tiña establecido entre os pacientes e as persoas que os atendían no centro”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario