29 de nov. de 2008

Sobre O Penso e outros

Xosé Carbón Anca
O alcalde confunde a incapacidade económica municipal para afrontar os custos do derrubo do Penso coa incapacidade de dúas formacións políticas coaligadas sobre un goberno sen programa e só sustentadas sobre comenencias persoais. Debe saber o pobo de Cabanas que a coalición de goberno abandonou a defensa xurídica no asunto de O Penso e entregouse a derrubar o edificio cargándolle o carro dos impostos ós veciños, imcumprindo as súas promesas electorais.

Pódese chamar a esta xestión fraudulenta porque enganou ao pobo cando subiu en 2008 un 40% a contribución sen solicitarlle axuda a ninguén, pódese dicir fraudulenta porque lles oculta aos grupos da oposición, que logo critica, as medidas que está a adoptar en relación a este asunto e pódese dicir fraudulenta porque engana tamén á xustiza e á Xunta. Non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo e esta maneira de actuar vaille pasar como nunca factura ao Concello, que somos todos.

A deficiente xestión do Partido Popular e do tránsfuga ex-socialista converteu a contratación do Plan Xeral nun culebrón. Dous anos de parálise imposta pola política de PP e de AEC quitáronlle efectividade ao Plan que perde calidade ao reducirlle o presuposto para xogar na terceira división.

A falta de responsabilidade do Partido Popular e da Agrupación de Electores terá graves consecuencias sobre todos e todas. Non lle boten a culpa a herdanzas ben coñecidas e solucionables cunha xestión eficiente arredada do despilfarro en iluminación pública, en churrascadas, en comelladas e en Casas do Concello VIP. O pobo quéreno manter anestesiado uns cirurxiáns que non valen para operar e que van deixar eivada a Casa do Concello.
Nova relacionada: La Opinión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario