13 de nov. de 2008

FERNANDO BLANCO PARGA: “FERROL ESTÁ A PADECER UNHA AUTÉNTICA SANGRÍA HUMANA E 25 ANOS DE PLANS INDUSTRIAIS NON CONSEGUIRON NADA"

O deputado nacionalista afirma no pleno do Parlamento que o veto a Navantia-Fene é “un delito político contra a nosa nación”

Santiago de Compostela, 12 Novembro 08.- O deputado do BNG Fernando Blanco Parga vén de revelar na súa intervención no pleno do Parlamento que a comarca e a cidade de Ferrol é a única do país que está a perder poboación nos últimos anos e padece “unha auténtica sangría humana gravísima”.

No debate dunha interpelación do PP ao Conselleiro de Economía sobre o Plan Ferrol e as súas consecuencias na reactivación económica da zona, Blanco Parga lembrou que esta comarca “leva 25 anos de diversos planos de reindustrialización” e apuntou que o actual Plano impulsado polo titular de Economía “non deixa de ser unha continuidade do anterior, presentado hai máis de dez anos polo PP”.

O parlamentar quixo lembrar que esta iniciativa nace de 6 ME que deixou de gastar o IGAPE no Miner Reindustrialización, tal e como o denunciou no seu día na Cámara galega o deputado nacionalista Pepe Díaz.

O parlamentar do BNG quixo lembrarlle ao PP a súa responsabilidade na situación actual despois de 16 anos de promesas incumpridas e reivindicacións que motivan aos cidadáns e cidadás da comarca a convocar unha manifestación o vindeiro 23 de novembro.

Única comarca urbana que perde poboación

O portavoz de Industria do grupo parlamentar quixo traer ao debate a “realidade da comarca desde marzo de 2007, data en que se presentou este plano, unha realidade na que temos máis parados en outubro de 2008 que en marzo de 2007 e os vinte concellos afectados polo plano perdéronse 918 habitantes entre finais de 2006 e finais de 2007”.

Fernando Blanco cualificou de “grave” este descenso, “se consideramos que ademais deste plano, nestas comarcas existen outros planos de choque complementarios” e concluíu dicindo que a propia cidade perdeu máis de 1.200 habitantes neste período de tempo, mentres que Galiza gañaba poboación en practicamente todas as súas áreas urbanas.

Neste contexto, o parlamentar nacionalista criticou duramente o veto imposto a Navantia (antiga Astano) para a construción naval civil e cualificou esta decisión de “delito político contra a nosa nación, máis aínda en época de crise”.

O deputado avogou por abrir este mercado en auxe ao estaleiro ferrolán e lembrou que o mercado do naval “non é un monocultivo”, polo que se poden compatibilizar as actividades existentes en Vigo coas que se poderían impulsar nesta comarca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario