A evasiva de PP e AEC de que se a Xunta axuda o Concello baixa o IBI non é máis que outra trampullada dunha coalición de goberno metida a fondo na frega política no canto de no traballo a prol dos veciños e veciñas. Xa é evidente a incapacidade de quen goberna para levar adiante a Casa do Concello. De feito, esgotouse o prazo para baixar a contribución de 2009 desde o Pleno, e só se solucionaría parcialmente a cuestión se se para a revisión catastral en curso. Daquela, non se esgotaron os recursos sociais para facerlle fronte a semellante atropelo colectivo.
Foi ben exemplar a semana pasada, para comprender como o PP e o seu socio son capaces de manipular ata o extremo de facer propostas irrealizables para saír do paso. Así, dedícanse a distraer con leadas propias dun colexio de pequerrechiños nun panfleto que exemplifica á perfección en que perden o tempo no canto de gobernar axeitadamente a prol dos intereses xerais. A coalición de goberno informa rematadamente ao revés, como fixo a semana pasada. Vexamos sinxelamente.
O BNG propuxo con suficiente antelación incluír no Pleno ordinario do mércores sendos puntos para o debate da proposta nacionalista e o debate da proposta dos veciños. Ao alcalde incomodouno esta iniciativa e acabou convocando o Pleno extraordinario 13 horas despois da celebración do ordinario que acabaría suspendido.
No Pleno do mércores, as protestas veciñais provocaron que a alcaldía suspendese o Pleno por 10 minutos e logo abandonase a sala por máis de media hora para chamar a Garda Civil, que se negou a actuar armada posto que alí non se producira ningún feito que requirise a identificación de ningunha persoa. Este feito, sumado á negativa do PP-AEC a debater nun punto da orde do día o escrito asinado por máis de 600 veciños e mais a moción da oposición, coa desculpa falsa de que se ía tratar no Pleno do día seguinte, provocou as protestas da oposición e do BNG. A seguir, o alcalde non fixo outra cousa que suspender o que xa estaba suspendido polo seu abandono da sala.
No Pleno do xoves desenmascarouse por fin a treta da coalición PP-AEC, ao sinalar acertadamente o secretario da Corporación que non se podía incluír ningún punto novo na orde do día do Pleno extraordinario solicitado polos concelleiros do BNG. Polo tanto, o prometido pola coalición o día anterior esvaecíase coma o fume: non podía haber puntos específicos para tratar o escrito dos veciños nin da moción da oposición.
Así, quedou en mans do Grupo Municipal do BNG aceptar ou non as propostas veciñais. Mentres a presidencia do Pleno trataba en van de excluír da votación a moción da oposición, o BNG, a través do seu portavoz, aceptou as propostas veciñais e mais da oposición, incorporounas á moción nacionalista e conseguiu a votación conxunta. Resultado: a favor BNG, PSOE e IVC, en contra PP e AEC.
A coalición de comenencia recoñeceu a súa implicación directa nas subas da contribución e votou en contra das propostas de todo un pobo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario