28 de set. de 2008

O BNG de Cabanas critica o esgotamento e falta de rumbo do goberno local

O goberno de comenencia local desatende as necesidades e as demandas da cidadanía, presenta proxectos incompletos e mesmo retira o acondicionamento da Veiga por falta de permisos e autorizacións
O Grupo Municipal do BNG tivo que reclamar, no Pleno Ordinario do día 24, previsión ao goberno local de cara ás propostas do Plan Turístico do Eume promovido pola Deputación Provincial, correspondéndolle a Cabanas 120.000 euros. PP e AEC retiraron do Pleno a proposta de acondicionamento da Veiga por non presentar autorizacións, non acreditar a titularidade de terreos e incumprir os requisitos urbanísticos (modificación puntual das Normas Subsidiarias na zona). Esta situación evidencia “o fracaso na xestión” da coalición gobernante segundo declarou Xosé Manuel Pérez Sardiña. Ademais, PP e AEC mantiveron unha proposta de sinalización dos rueiros “deficiente” que o BNG instou a corrixir e adaptar ao decreto de sinalización turística da Xunta de Galicia e ao nomenclátor oficial do Concello publicado en 1996 pola Consellería de Presidencia.
No que se refire ao Plan de Cooperación Provincial dotado con case 300.000 euros, o BNG demandou que as obras de saneamento de Porto inclúan os núcleos do Rego, As Modias e o río Dana (incluíndo o CEIP “Eladia Mariño”, ver mapa). Criticou duramente a improvisación e dispendio que representa a previsión dunha estación de bombeo en Fraián que deixa fóra de cota núcleos previstos na pasada lexislatura para sanear e exclúe o 50% dos fogares que carecen de saneamento na zona. O portavoz do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, considera que “se están a tirar os cartos dunha maneira escandalosa en obras deficientemente planificadas”.
Neste sentido, o voceiro nacionalista criticou ao goberno de coalición por unha proposta de saneamento para o PEIM 2008 da Consellería de Medio Rural –realizada a comezos de ano- que só vai beneficiar á concelleira popular de Servizos Sociais despois de atravesar case medio quilómetro por montes. Todo isto “é unha infamia cando o saneamento do núcleo de Pedreiras, con case 100 habitantes, está bloqueado pola incompetencia de PP e AEC” que consignan 119.000 euros para expropiacións de beirarrúas pero “nin un só euro para garantir a dotación deste servizo básico”.
Considera esta situación unha nova evidencia de que “estes gobernantes colocáronse aí para servirse a eles mesmos e non á xente de Cabanas, por iso están esgotados e sen programa”. Así mesmo, lembrou que o BNG xa demandara a través de moción de urxencia hai dous meses propostas consensuadas para o saneamento ás que se opuxo o alcalde e o seu equipo con evasivas.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, advertiu ademais do baixo caudal do río Dana e de dous casos de picaduras graves a rapaces que xogaban pola zona do Batán debido a un insecto indeterminado, preto do CEIP “Eladia Mariño”.
Cabanas, 26 de setembro de 2008

Ningún comentario:

Publicar un comentario